DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 26 de agosto de 2025 Páx. 46540

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Porriño, na regulación de alturas das ordenanzas de uso industrial.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Porriño, na regulación de alturas das ordenanzas de uso industrial, mediante a Orde da Conselleria de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 11 de setembro de 2024, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2155&_aaeTipology_WAR_aae_id=2155

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

TEXTO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Porriño, na regulación de alturas das ordenanza de uso industrial.

O Concello do Porriño remite a documentación relativa á modificación puntual referida (MP) de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).

Analizada a documentación achegada, redactada polo arquitecto Juan Ángel Visier Gil, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento urbanístico vixente.

O Concello do Porriño conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente polo Pleno do 26.6.2003 (BOP do 21.10.2003 e DOG do 21.10.2003). Actualmente, o Concello do Porriño está a tramitar outras modificacións puntuais en ámbitos de solo industrial.

I.2. Tramitación do expediente.

1. Mediante a Resolución do 21.2.2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico da MP e resolveu non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 26.3.2019).

2. A modificación puntual aprobouse inicialmente o 27.5.2020 e someteuse a información pública polo prazo de dous meses (publicación no DOG do 6.7.2020 e no xornal Faro de Vigo do 15.6.2020).

3. O Concello solicitou o informe estatal ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, que remitiu o informe emitido en materia de estradas o 5.2.2024.

4. Segundo o previsto no artigo 60.7 da LSG, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo solicitou os informes sectoriais autonómicos preceptivos e foron recibidos os de: Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, do 23.12.2020; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 23.3.2021; Instituto de Estudos do Territorio, do 23.2.2021; Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 19.2.2021; Deputación Provincial de Pontevedra, do 20.1.2021; Axencia Galega de Infraestruturas, do 21.1.2021; Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, en materia de minas, do 12.1.2021.

5. Consta que recibiron a solicitude de informe: Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (30.11.2020); Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal (4.12.2020) e Augas de Galicia (17.12.2020). Transcorridos máis de 3 meses desde a recepción da solicitude de informe, non consta a resposta destes organismos.

6. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Gondomar, Mos, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui e Vigo. Foron emitidos: Acordo da Xunta do Goberno local de Ponteareas do 14.12.2020 e Acordo do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo, do 18.12.2020. Gondomar, Mos, Salceda de Caselas e Tui non responderon á solicitude.

7. Constan informes municipais: técnico do 27.5.2021 e da secretaría do 27.5.2021.

8. O Concello Pleno aprobou provisionalmente a modificación puntual o 26.5.2021, e remitiuna á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG.

II. Obxecto e descrición da modificación.

O obxecto da modificación puntual é reaxustar a altura máxima das edificacións industriais nas distintas ordenanzas para harmonizalas e darlles unha mellor regulación.

III. Análise e consideracións.

A razón de interese público da modificación xustifícase na necesidade de ordenar, homoxeneizar e dar unha maior seguridade xurídica á hora de regular as alturas máximas das edificacións industriais.

Logo de revisar a documentación achegada con data de xuño de 2024, compróbase que o documento correspondente coa aprobación provisional responde aos requirimentos realizados anteriormente.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual para o cambio da regulación de alturas nas ordenanzas de uso industrial do PXOM do Concello do Porriño.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.