DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 26 de agosto de 2025 Páx. 46544

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Paradela en dous ámbitos do núcleo urbano de Pacios.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Paradela en dous ámbitos do núcleo urbano de Pacios, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 5 de agosto de 2025, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2164&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2164

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2025

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Paradela en dous ámbitos do núcleo urbano de Pacios (expediente PTU-LU-19/008)

O Concello de Paradela remite a modificación puntual (MP) de referencia para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Unha vez analizada a modificación puntual aprobada provisionalmente mediante acordo do Pleno do Concello na sesión do 27.3.2025 e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Paradela dispón dun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 10.4.2007, que establece a ordenación vixente nos terreos afectados pola presente modificación.

I.2. Tramitación da MP:

a) Sometemento da MP datada en xaneiro de 2019 á avaliación ambiental estratéxica: no proceso de consultas previas emitiron informe a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (27.2.2019), o Instituto de Estudos do Territorio (1.3.2019), a Axencia Galega de Infraestruturas (7.3.2019), a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica (25.2.2019) e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (28.2.2019). O órgano ambiental emitiu informe ambiental estratéxico o 10.4.2019.

b) Elaboración do proxecto da MP datado en maio de 2019, con base no cal constan:

– Informes municipais, técnico (13.5.2019) e xurídico (14.5.2019).

– Aprobación inicial da modificación puntual (acordo plenario do 22.5.2019).

– Información pública mediante anuncios no DOG e no diario La Voz de Galicia do 14.6.2019. Consonte certificación do 16.8.2019, neste trámite non se presentaron alegacións.

– Solicitudes de informes sectoriais por parte do Concello (29.5.2019, 30.5.2019 e 3.6.2019); consta a emisión por: CHMS (26.6.2019, favorable); Secretaría de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda (2.7.2019, indica inafeccións); D. X. de Telecomunicacións do Ministerio de Economía (10.7.2019, favorable); Subdelegación do Goberno na Coruña (2.8.2019); e D. X. de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica (28.8.2019). Na audiencia á Delegación do Ministerio de Facenda en Lugo manifestouse inafección a bens patrimoniais da Administración estatal (13.6.2019).

– Actuacións previstas no artigo 60.7 da LSG, realizadas polo Servizo Provincial de Urbanismo:

• Audiencia aos concellos limítrofes de Sarria, O Páramo, O Incio, Bóveda, O Saviñao, Taboada e Portomarín (3.9.2020); contestaron os dous primeiros (17.9.2019 e 3.10.2019) sen formular reparos á MP.

• Solicitudes de informes sectoriais autonómicos (3.9.2019). Emitíronos a D. X. de Emerxencias e Interior (10.9.2019); a D. X. do Patrimonio Cultural (3.10.2019, favorable); a Axencia Galega de Infraestruturas (30.10.2019, favorable) e o Instituto de Estudos do Territorio (2.11.2019, favorable).

c) Elaboración do proxecto da MP datado en febreiro de 2020, con base no cal constan:

– Informes municipais, técnico (2.3.2020) e xurídico (3.3.2020).

– Aprobación provisional da modificación puntual (acordo plenario do 9.3.2020).

d) O Concello solicitou a aprobación definitiva mediante oficio do 13.3.2020. Tras ser requirida emenda de deficiencias documentais polo Servizo de Urbanismo de Lugo o 1.6.2020, recibiuse nova documentación o 23.4.2022. Consta novo requirimento do 23.5.2022.

e) A raíz do requirimento anterior, elaborouse unha nova versión da modificación datada en maio de 2023 e constan:

– Informes municipais, xurídico (21.3.2025) e técnico (23.3.2025).

– Nova aprobación provisional da modificación (acordo plenario do 27.3.2025).

f) O Concello solicitou de novo a aprobación definitiva mediante oficio do 19.2.2025; tras ser requirida documentación o 11.3.2025 e o 9.5.2025, achegouse o 10.4.2025, o 5.6.2025 e o 8.7.2025.

g) O Concello achega a Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 12.5.2025 pola que se concede prórroga da vixencia do informe ambiental estratéxico emitido o 10.4.2019.

II. Aspectos xerais. Contido.

A presente modificación afecta dous quinteiros do núcleo urbano de Pacios, clasificados como solo urbano consolidado no PXOM, nos cales propón as seguintes alteracións da cualificación:

a) Recualificación da parcela 7460010PH1376S, actualmente integrada na zona de equipamento Q-57 (xe-ad) como «residencial de intensidade media».

b) Recualificación da parcela catastral M00400500PH13F, incluída na zona de equipamento Q-54 (le-do) como «residencial aberta» (RA-13).

c) Recualificación duns 205 m2 da parcela 27042A01000224 cualificada como «residencial aberta» no PXOM, como equipamento público docente, incorporándose á zona Q-54 (le-do).

d) Recualificación da parcela catastral 7361001PH1376S, con cualificación «residencial pechada» (zona RC-1 (2), como equipamento público docente, que se incorpora na zona Q-54 (le-do).

As alteracións propostas implican a desaparición da zona dotacional Q-57 (xe-ad) e a redelimitación da zona dotacional Q-54 (le-do), incluíndo a totalidade das edificacións de titularidade pública e excluíndo edificacións de titularidade privada. De resultas, prodúcese un incremento da superficie de equipamentos cuantificable en aproximadamente 99 m2, reducíndose a superficie edificable lucrativa.

III. Análise e observacións.

Unha vez analizado o documento aprobado provisionalmente o 27.3.2025, en relación coas observacións formuladas no informe da DXOTU do 27.2.2019 emitido no trámite de consultas do procedemento de avaliación ambiental estratéxica e nos requirimentos documentais do 1.6.2020, 23.5.2022 e 9.5.2025, comprobouse que, en xeral, se lles deu cumprimento.

Porén, o documento presenta as seguintes erratas:

a) Na planimetría da MP apréciase unha alteración da cualificación urbanística da parcela 7359027PH1375N0001JP, a cal non se describe nin se xustifica na presente modificación, ao non constituír, xa que logo, parte do seu obxecto. Polo tanto, cómpre revisar os planos con números 2 e 3 da MP e manter na dita parcela a clasificación establecida no vixente PXOM (residencial exenta RE-3 (3).

b) Advírtense erros na designación dos planos 2 e 3 da MP, xa que aluden ao plano NU-7-2 do PXOM en lugar de facelo ao plano NU-7-1, como correspondería.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e das súas modificacións puntuais correspóndelle á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 2 do PXOM de Paradela en dous ámbitos do núcleo urbano de Pacios, condicionada á emenda das deficiencias sinaladas no punto III anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.