O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.
De conformidade co Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, esta asume as competencias de promoción e difusión da cultura, para potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura de toda a cidadanía a través da lectura.
Segundo o establecido no artigo 7.2 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Cultura, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, xestionar o Rexistro de Bibliotecas e tramitar e resolver os procedementos de integración de bibliotecas públicas ou privadas na rede, segundo o establecido nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.
Do mesmo xeito, o artigo 25 do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas, establece que lle corresponde ao centro directivo competente segundo a estrutura orgánica da consellería competente en materia de cultura (Dirección Xeral de Cultura), a xestión do Rexistro de Bibliotecas de Galicia e a tramitación dos expedientes que deriven de todas as actuacións. Segundo o artigo 28 da mesma norma, recibida a solicitude de inscrición no rexistro e unha vez comprobada polos servizos competentes, o titular do centro directivo competente elevará a proposta ao conselleiro competente en materia de cultura, quen resolverá a inscrición no libro de rexistro correspondente.
Pola súa parte, o artigo 38 do citado Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, dispón que o conselleiro competente en materia de cultura, por proposta do titular do centro directivo competente, resolverá a inclusión ou non do centro bibliotecario na Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta resolución, de ser favorable, estará condicionada ao asinamento dun convenio, que será efectivo a partir da súa sinatura.
O Concello de Tomiño solicitou a inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia e a integración na Rede de Bibliotecas de Galicia da Biblioteca Pública Municipal Isaura Gómez. Os servizos técnicos desta consellería comprobaron que o dito equipamento cumpre cos requisitos exixidos no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.
Por proposta do director xeral de Cultura e no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar a inscrición da Biblioteca Pública Municipal Isaura Gómez de Tomiño no Rexistro de Bibliotecas de Galicia.
Segundo. Aprobar a integración da Biblioteca Pública Municipal Isaura Gómez de Tomiño na Rede de Bibliotecas de Galicia.
Terceiro. A resolución favorable de integración estará condicionada á sinatura dun convenio onde se recolla a obriga do titular do centro bibliotecario de prestar un servizo público axustado ao estipulado no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, e que poderá responder nos restantes termos ás especiais características de cada tipo de centros.
Cuarto. O prazo para a sinatura deste convenio non deberá ser superior aos tres meses. De non se cumprir este prazo, deixarase sen efecto a posible resolución favorable e suporá o arquivamento definitivo da solicitude.
Quinto. O posterior incumprimento do devandito convenio poderá ser motivo de exclusión temporal ou definitiva do centro bibliotecario de que se trate da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Esta resolución é definitiva e ponlle fin á vía administrativa. Contra ela o interesado pode interpoñer, con carácter previo e potestativo, un recurso de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o prefire, pode interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses con igual día de inicio do cómputo. Os ditos recursos regúlanse no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, respectivamente.
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2025
José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
