A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á nosa comunidade autónoma segundo o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da Consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio, e a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins.
O Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 aposta por un sector comercial forte, moderno e competitivo, capaz de adaptarse ás novas tendencias e ás demandas das persoas consumidoras, dada a súa importancia como elemento clave para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.
A través dos premios do Comercio galego búscase visibilizar o comercio galego como referente de calidade e excelencia, recoñecendo e poñendo en valor os profesionais do sector comercial que destaquen polo seu bo facer e por exemplificar os valores do comercio local.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria
Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen os premios do Comercio galego, que se aproban no anexo I, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 co obxectivo de recoñecer o labor dos/das profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades (código de procedemento IN214C).
Os premios do Comercio galego constan das seguintes categorías:
a) Premio Comercio galego 2025, cunha contía de 5.000 euros.
b) Premio Comercio Traxectoria 2025, cunha contía de 3.000 euros.
c) Premio Comercio Emprende 2025, cunha contía de 3.000 euros.
d) Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros.
e) Premio Comercio Sostible 2025, cunha contía de 3.000 euros.
Artigo 2. Financiamento e concorrencia
1. A dotación global dos premios é de 19.000 euros, con cargo á partida orzamentaria 14.06.751A.481.0, e estarán suxeitos ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.
2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Os premios regulados ao abeiro desta orde son compatibles con outras subvencións e axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
Artigo 3. Solicitudes, lugar e prazo de presentación
1. As solicitudes (anexo II) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión
Unha vez recibidas as solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a catro meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 6. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 7. Información ás persoas interesadas
1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN214C, poderase obter información a través dos seguintes medios:
a) Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.gal
b) Na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
c) Nos teléfonos 981 54 54 19 ou 981 54 55 54 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
d) No enderezo electrónico dxc.axudas.comercio@xunta.gal
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).
2. De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Recursos
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
1. Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2. Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
ANEXO I
Bases reguladoras dos premios do Comercio galego 2025
Artigo 1. Obxecto
Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios do Comercio galego 2025 co obxectivo de recoñecer o labor dos/das profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades.
Artigo 2. Financiamento e concorrencia
1. A dotación global dos premios é de 19.000 euros con cargo á partida orzamentaria 14.06.751A.481.0.
2. O procedemento para a concesión dos premios tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 3. Características dos premios
1. Os premios do Comercio galego constan das seguintes categorías:
a) Premio Comercio galego 2025.
Recoñecemento ao establecemento comercial que exemplifique os valores do sector comercial de proximidade mediante a implantación dun modelo de negocio moderno, competitivo e adaptado aos novos retos.
b) Premio Comercio Traxectoria 2025.
Recoñecemento ao comercio cunha longa e consolidada traxectoria comercial que, pola súa permanencia e continuidade, crease un vínculo de especial arraigamento coa súa vila.
c) Premio Comercio Emprende 2025.
Recoñecemento ao establecemento comercial novo que lle ofreza á clientela unha experiencia de compra diferenciada.
d) Premio Comercio Dinamización 2025.
Recoñecemento á implantación do mellor proxecto ou iniciativa de dinamización comercial nos últimos tres anos (2023-2025) co obxectivo de incrementar as vendas e potenciais clientes/as.
e) Premio Comercio Sostible 2025.
Recoñecemento ao mellor proxecto ou iniciativa de promoción do consumo sustentable e responsable.
2. Cada candidato/a non poderá percibir máis dun premio.
3. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria vixente.
Artigo 4. Requisitos de participación
1. Poderán optar ás distintas categorías:
a) Premio Comercio galego 2025.
Os/as persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.
b) Premio Comercio Traxectoria 2025.
Os/as persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. O comercio onde desenvolvan a mesma actividade comercial debe ter unha antigüidade mínima de trinta anos, con independencia de que houbese ou non remuda xeracional.
c) Premio Comercio Emprende 2025.
Os/as persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. O comercio onde desenvolvan a actividade comercial debe ter unha antigüidade de entre dous e catro anos.
d) Premio Comercio Dinamización 2025.
As asociacións e federacións de comerciantes retallistas e as asociacións de vendedores/as das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Premio Comercio Sostible 2025.
Os/as comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade, e as asociacións e federacións de comerciantes retallistas e asociacións de vendedores/as das prazas de abastos, sen ánimo e lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cada persoa ou entidade interesada poderá optar a unha ou varias categorías dos premios do Comercio galego, marcando na solicitude (anexo II) o recadro correspondente ás modalidades a que opta.
3. A participación das persoas interesadas supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde e a Dirección Xeral de Comercio e Consumo queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da súa interpretación.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:
a) Unha memoria explicativa de todos os aspectos que fundamentan cada candidatura.
b) A documentación acreditativa dos méritos alegados que se consideren relevantes para a valoración da/das candidatura/s.
c) No caso dos/das comerciantes, fotografías do comercio onde desenvolven a actividade comercial.
d) No caso das asociacións e federacións, a acta e os estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e a acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á entidade interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Imposto de actividades económicas.
f) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
g) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Atriga.
i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 7. Órganos competentes
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión dos premios referidos nesta orde, así como para realizar a proposta de resolución, e correspóndelle á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditar a resolución que proceda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.
Artigo 8. Xurado
1. Co obxecto de supervisar e valorar as candidaturas presentadas, constituirase un xurado que terá a consideración de comisión de valoración e estará integrado por:
a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo ou a persoa en quen delegue.
b) Vogais: ata un máximo de catro vogais designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo entre persoal técnico da Xunta de Galicia e/ou persoal de recoñecido prestixio no sector comercial.
c) Secretario/a: unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, con voz pero sen voto.
Os/as suplentes, se é o caso, serán designados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
2. A composición do xurado farase pública antes da resolución dos premios na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
3. No seu funcionamento, o xurado aterase ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e ao seguinte:
a) A deliberación do xurado será secreta.
b) O xurado proporá nas súas deliberacións unha única persoa gañadora para cada unha das categorías. No caso de empate, decidirá o voto de calidade do/da presidente/a. No momento das votacións, só se terán en conta os votos emitidos polos membros presentes, xa que non se admitirá a delegación do voto.
c) O xurado poderá facer mencións, sen dotación económica, de ata un máximo de dous finalistas por categoría entre as persoas candidatas.
d) O xurado poderá propor que se declaren desertos os premios se considera que os proxectos presentados non reúnen os méritos e a calidade necesarios para acadar o galardón.
e) O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non recollidos nestas bases, así como todas as cuestións que se poidan suscitar con motivo dos premios.
Artigo 9. Criterios de valoración
Os criterios que se terán en conta para a valoración das candidaturas serán os seguintes:
1. Premio Comercio galego 2025, ata un máximo de 60 puntos de acordo coa seguinte desagregación:
A identidade de marca comercial, ata 20 puntos:
– A imaxe do establecemento comercial: deseño e estética do local, iluminación e ambientación.
– O deseño do escaparate e a súa rotación.
– A presentación e calidade, selección ou innovación dos produtos.
– O deseño e a funcionalidade do packaging comercial.
– A imaxe dixital: páxina web e redes sociais.
– A innovación do proxecto comercial.
– Calquera outra experiencia de compra diferenciada.
O modelo de xestión comercial, ata 20 puntos:
– O emprego de ferramentas de xestión comercial.
– O grao de integración da canle da vendas en líña e fóra de liña.
– O emprego de ferramentas de márketing dixitais.
– O grao de xeración de emprego e formación do persoal.
– A implantación dun proxecto de expansión, remuda xeracional ou transformación comercial.
– Os servizos á clientela.
– As actividades complementarias que supoñan un valor engadido á propia actividade comercial.
– A posta en marcha de actuacións de fidelización, campañas de dinamización e participación en feiras ou eventos comerciais.
– As campañas de comunicación.
– A relación intersectorial e patrocinios (turismo, hostalaría, deporte, cultura, etc.).
– Calquera outra iniciativa que contribúa a un maior posicionamento no seu sector.
A transición sustentable, ata 20 puntos:
– A incorporación de medidas de eficiencia enerxética.
– A utilización de materiais sustentables no interiorismo e decoración do local comercial.
– A venda de produtos locais, galegos ou nacionais.
– A utilización de packaging de materiais orgánicos ou reciclados.
– A participación ou promoción de campañas de sustentabilidade, responsabilidade social ou consumo responsable.
2. Premio Comercio Traxectoria 2025, ata un máximo de 80 puntos de acordo coa seguinte desagregación:
A traxectoria comercial, ata 20 puntos:
– A antigüidade á fronte do establecemento comercial por riba do mínimo exixido.
– A antigüidade do local comercial.
– A conservación da esencia e identidade do comercio.
– O recoñecemento doutros premios, distincións e mencións.
Ademais, teranse en conta os criterios de valoración previstos no número 1.
3. Premio Comercio Emprende 2025, ata un máximo de 60 puntos de acordo coa seguinte desagregación:
Teranse en conta os criterios de valoración establecidos no número 1.
4. Premio Comercio Dinamización 2025, ata un máximo de 20 puntos de acordo coa seguinte desagregación:
As campañas de dinamización e fidelización, ata 20 puntos:
– A orixinalidade, innovación, funcionalidade e imaxe da campaña.
– O emprego de novas tecnoloxías para o seu desenvolvemento.
– O grao de participación dos comercios asociados e non asociados.
– A participación no desenvolvemento da campaña doutros sectores distintos do comercio.
– O impacto nos comercios e nas persoas consumidoras da área comercial e fóra dela, preferentemente a través de parámetros medibles e cuantificables.
– A imaxe publicitaria (medios de comunicación, web e redes sociais).
– A repercusión en medios de comunicación.
5. Premio Comercio Sostible 2025, ata un máximo de 40 puntos de acordo coa seguinte desagregación:
O fomento dun consumo sustentable e responsable, ata 20 puntos:
– A mensaxe a prol dun consumo sustentable e responsable promovendo a compra no comercio local, a compra de produto fresco, local, ecolóxico, de segunda man, etc., a redución ou reutilización de excedentes, así como calquera outra que promova os valores vencellados ao consumo sustentable e responsable.
– A participación no desenvolvemento da campaña de colectivos vulnerables.
Ademais, teranse en conta os criterios de valoración previstos no número 4.
Artigo 10. Resolución, notificación e entrega de premios
1. Á vista da deliberación do xurado, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo elevará proposta de resolución á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración quen, á vista da proposta motivada, ditará resolución.
2. A concesión dos premios publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e notificarase individualmente ás persoas premiadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas candidaturas por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Todas as resolucións se notificarán de acordo co establecido no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. A entrega dos premios realizarase nun acto público, polo que se requirirá a presenza das persoas gañadoras e finalistas. Da convocatoria do acto darase a publicidade e transcendencia axeitadas con suficiente antelación.
Artigo 11. Modificación da resolución e renuncia
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
O órgano competente para a concesión poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria; cumpriranse, en todo caso, os seguintes requisitos:
1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.
2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.
3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación do premio.
O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente logo da instrución do correspondente expediente.
2. A renuncia á concesión do premio, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.
Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias
1. Son obrigas das persoas gañadoras a participación e colaboración para a difusión do premio no establecemento comercial en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e para pór en valor e visibilizar o comercio galego.
2. Así mesmo, son obrigas das persoas beneficiarias as previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular, as seguintes:
a) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
b) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte desta das obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, en virtude do disposto no seu artigo 4.
c) Reintegrar, total ou parcialmente, o premio recibido no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 13. Pagamento
O importe dos premios aboaráselles ás persoas premiadas mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado por estas na súa solicitude (anexo II).
Artigo 14. Incumprimento e reintegros
O incumprimento dos deberes contidos nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver, total ou parcialmente, a cantidade recibida, así como os xuros de demora correspondentes.
Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nas súas normas de desenvolvemento. O seu alcance determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida.
Artigo 15. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.
Artigo 16. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases reguladoras aplicarase o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade e no resto de normativa que resulte de aplicación.
