BDNS (Identif.): 852648.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/852648
Primeiro. Obxecto e ámbito da convocatoria
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexen os premios do Comercio galego, que se aproban no anexo I, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 co obxectivo de recoñecer o labor dos/das profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades (código de procedemento IN214C).
Os premios do Comercio galego constan das seguintes categorías:
a) Premio Comercio galego 2025, cunha contía de 5.000 euros.
b) Premio Comercio Traxectoria 2025, cunha contía de 3.000 euros.
c) Premio Comercio Emprende 2025, cunha contía de 3.000 euros.
d) Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros.
e) Premio Comercio Sostible 2025, cunha contía de 3.000 euros.
Segundo. Financiamento e concorrencia
A dotación global dos premios é de 19.000 euros con cargo á partida orzamentaria 14.06.751A.481.0.
O procedemento para a concesión dos premios tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Terceiro. Características dos premios
1. Os premios do Comercio galego constan das seguintes categorías:
a) Premio Comercio galego 2025.
Recoñecemento ao establecemento comercial que exemplifique os valores do sector comercial de proximidade mediante a implantación dun modelo de negocio moderno, competitivo e adaptado aos novos retos.
b) Premio Comercio Traxectoria 2025.
Recoñecemento ao comercio cunha longa e consolidada traxectoria comercial que, pola súa permanencia e continuidade, crease un vínculo de especial arraigamento coa súa vila.
c) Premio Comercio Emprende 2025.
Recoñecemento ao establecemento comercial novo que lle ofreza á clientela unha experiencia de compra diferenciada.
d) Premio Comercio Dinamización 2025.
Recoñecemento á implantación do mellor proxecto ou iniciativa de dinamización comercial nos últimos tres anos (2023-2025) co obxectivo de incrementar as vendas e potenciais clientes/as.
e) Premio Comercio Sostible 2025.
Recoñecemento ao mellor proxecto ou iniciativa de promoción do consumo sustentable e responsable.
2. Cada candidato/a non poderá percibir máis dun premio.
3. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria vixente.
Cuarto. Requisitos de participación
1. Poderán optar ás distintas categorías:
a) Premio Comercio galego 2025.
Os/as comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.
b) Premio Comercio Traxectoria 2025.
Os/as comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. O comercio onde desenvolvan a mesma actividade comercial debe ter unha antigüidade mínima de trinta anos, con independencia de que houbese ou non remuda xeracional.
c) Premio Comercio Emprende 2025.
Os/as comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. O comercio onde desenvolvan a actividade comercial debe ter unha antigüidade de entre dous e catro anos.
d) Premio Comercio Dinamización 2025.
As asociacións e federacións de comerciantes retallistas e as asociacións de vendedores/as das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Premio Comercio Sostible 2025.
Os/as comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade, e as asociacións e federacións de comerciantes retallistas e asociacións de vendedores/as das prazas de abastos, sen ánimo e lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cada persoa ou entidade interesada poderá optar a unha ou varias categorías dos premios do Comercio galego, marcando na solicitude (anexo II) o recadro correspondente á/ás modalidades a que opta.
3. A participación das persoas interesadas supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde e a Dirección Xeral de Comercio e Consumo queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da súa interpretación.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Quinto. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
