DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 26 de agosto de 2025 Páx. 46692

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría 100 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.

Mediante o Decreto 143/2023, do 9 de novembro, aprobouse a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 (DOG núm. 214, do 10 de novembro).

En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

Esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría 100 do grupo III do persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo é a cobertura de prazas da categoría 100 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada, correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2023, aprobada polo Decreto 143/2023, do 9 de novembro.

O número de prazas convocadas será de setenta e unha (71), das cales tres (3) están reservadas a persoas que acrediten discapacidade.

Resérvanse trinta e seis (36) prazas para seren cubertas pola quenda de promoción interna. As prazas non cubertas por esta quenda acumularanse ás de acceso libre.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. De conformidade co Decreto 143/2023, do 9 de novembro, do total de prazas convocadas reservaranse tres (3) prazas para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á acadada por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar cada exercicio e o proceso elaborarase unha relación única na cal se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola cal participasen.

I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non facelo entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das opcións referidas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; a Lei 2/2015 do 29 de abril, do emprego público de Galicia; o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro; o V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia; o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e as demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas no proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización de presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia os seguintes requisitos:

I.2.1. Promoción interna.

I.2.1.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter, con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes, o título de técnico de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural ou técnico superior en Xestión Forestal e Medio Natural ou titulación equivalente.

Para os efectos desta convocatoria, o termo equivalente entenderase referido exclusivamente ás titulacións que, como consecuencia da implantación de novos estudos adaptados ás sucesivas reformas educativas, viñeron substituír as titulacións extinguidas.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.1.3. Posuír, polo menos, dous anos de antigüidade como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia na categoría desde a cal se accede. No caso de persoal fixo descontinuo, os períodos de suspensión do contrato contarán como antigüidade para estes efectos.

Queda expresamente excluído o persoal laboral indefinido non fixo.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de excedencia forzosa (artigo 24.4 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia); na situación de excedencia para coidado de fillos/as menores de tres anos e para o coidado de familiares (artigo 24.1 e 2 do V Convenio); na situación de excedencia por razón de violencia sobre a muller (artigo 24.3 do V Convenio) e na situación de excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da Lei 2/2015, do 29 de abril).

I.2.1.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para desempeñar as correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.1.5. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional da cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.1.6. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir da clase B.

I.2.1.7. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal laboral fixo que xa pertence á categoría profesional obxecto desta convocatoria.

I.2.2. Acceso libre.

I.2.2.1. Idade: de conformidade co disposto no artigo 6 do Estatuto dos traballadores e na demais normativa laboral que regula a idade dos traballadores en traballos perigosos e penosos, resulta imprescindible ter feitos os dezaoito anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea, así como os demais estranxeiros con residencia legal en España.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu/da súa cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter, con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes, o título de técnico de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural ou técnico superior en Xestión Forestal e Medio Natural ou titulación equivalente.

Para os efectos desta convocatoria, o termo equivalente entenderase referido exclusivamente ás titulacións que, como consecuencia da implantación de novos estudos adaptados ás sucesivas reformas educativas, viñeron substituír as titulacións extinguidas.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación dos títulos académico e profesional. Este requisito non será de aplicación as persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional da cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.2.6. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir da clase B.

I.2.2.7. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade, cun grao igual ou superior ao 33 %, con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

I.2.2.8. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal laboral fixo que xa pertence á categoría profesional obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365), e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos parágrafos seguintes.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto, que se empregarán para as súas solicitudes.

Unha vez completados os datos das persoas solicitantes, poderase iniciar o proceso de inscrición.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe de «Idioma do exame», se o texto do cuestionario do exercicio deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar esta opción elixida.

As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se encontren relativas ao pagamento de taxas.

As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para realizar os exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Se a solicitude derivase dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se produza o feito causante e en calquera caso nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio en que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar antes do remate do prazo fixado o orixinal ou a copia auténtica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

I.3.3. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de participación e a través da aplicación informática a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, no que se regula o acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.

c) Xustificante da condición de familia numerosa no caso de estar expedida por outra comunidade autónoma.

d) Os datos relativos á exección da taxa consultaranse automaticamente, a non ser que as persoas interesadas se opoñan á consulta da documentación; para iso deberán indicalo no cadro correspondente e achegar a documentación seguinte:

– Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas para os efectos. Se non dispón de copias auténticas, deberá xerar o anexo de documentación e achegar coa súa solicitude orixinal ou copia debidamente autenticada dos documentos xustificativos, segundo os supostos en que se atopen.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste punto, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acreditasen mediante sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición, o seu/a súa cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade ou cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

I.3.4. Para o pagamento da taxa deberá actuar do seguinte xeito:

Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta, de crédito ou débito, ou bizum, na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Pagamento electrónico con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos, validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

A Administración devolveralles o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que se anuncia a publicación das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Para iso será necesario que a persoa interesada presente un escrito dirixido ao Servizo de Selección da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal en que solicite a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame, que introduza completo o seu número de conta bancaria na aplicación Fides, na epígrafe expediente > datos persoais e que achegue o certificado expedido pola entidade financeira en que figuren os datos asociados a esa conta. A presentación fóra do prazo indicado deste escrito ou do certificado, ou a non introdución en prazo dos datos bancarios en Fides, suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

Non poderá presentarse máis dunha solicitude de participación para unha mesma categoría. No caso de presentar varias solicitudes para a mesma categoría, soamente se terá en conta a última presentada.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en «Inscricións en procesos selectivos» onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes presentadas pola persoa aspirante.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal aprobará a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que procedan, publicarase no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas, ou aquelas que non figuren nin como admitidas nin como excluídas, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

As alegacións contra as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

As persoas aspirantes afectadas poderán acceder á solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.

A estimación ou a desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal pola que se aprobará a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que será publicada no DOG. As listaxes definitivas coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que proceda publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

A valoración da fase de oposición terá unha puntuación máxima de 60 puntos.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta resolución. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de finalización de presentación de solicitudes, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior. Tratamento semellante recibirá aquela documentación oficial (Pladiga) suxeita a aprobación oficial, xa que prevalecerá a versión vixente na data arriba referida.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios:

II.1.1.1. Primeiro exercicio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento corenta (140) preguntas tipo test, que se dividirá en dúas partes: unha de contido teórico e outra de contido práctico.

a) A primeira parte do exercicio consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de noventa (90) preguntas tipo test, das cales vinte e cinco (25) corresponderán coa parte xeral do programa e sesenta e cinco (65) coa parte específica que figura no anexo I.

A devandita parte disporá de cinco (5) preguntas de reserva, das cales unha (1) corresponderá á parte común do programa e catro (4) á parte específica, e que substituirán as preguntas anuladas de cada parte pola súa orde.

As persoas aspirantes da quenda de promoción interna estarán exentas de contestar as preguntas da parte xeral do programa, polo que contestarán unicamente as sesenta e cinco (65) preguntas da parte específica e as correspondentes preguntas de reserva.

b) Na segunda parte, as persoas aspirantes deberán resolver un cuestionario de carácter práctico relacionado coas materias que figuran na parte específica do programa, cun total de cincuenta (50) preguntas tipo test máis tres (3) preguntas de reserva.

Nos supostos a) e b) as preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e contido dos temas que integran o programa. Na elaboración das preguntas do presente exercicio respectarase a orde establecida nos parágrafos anteriores.

As persoas aspirantes non poderán facer uso de manuais ou textos legais ou de consulta para realizar esta proba.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de cento oitenta (180) minutos.

Na quenda de promoción interna, superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan un mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

No acceso libre, superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda, sempre que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, cabe aterse ao previsto na base I.1 desta convocatoria, con independencia de que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna se acumulen ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.

En calquera caso, lémbrase que soamente superarán o proceso selectivo aquelas persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas, sempre que cumpran as condicións previstas nos parágrafos anteriores.

Ao rematar a proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O exercicio cualificarase de 0 a 54 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e sete (27) puntos.

A data de realización deste exercicio non terá lugar antes dos seis (6) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio.

As persoas aspirantes deberán superar a proba física «Field Test», na cal terán que camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas.

O tempo máximo para realizar o exercicio será de trinta (30) minutos.

O tribunal, en consideración ao número de persoas aspirantes convocadas, poderá decidir a realización das probas en diferentes chamamentos.

As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas coa roupa e co calzado que consideren adecuados e cun certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, no cal se faga constar que a persoa aspirante non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico.

O referido certificado ou informe deberá estar expedido dentro dos tres (3) meses inmediatamente anteriores á data de realización desta proba. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo.

O exercicio cualificarase en función do tempo empregado polas persoas aspirantes na execución da proba, aplicando as seguintes valoracións:

a) Homes:

– Entre 0 minutos e 24.00 minutos: 6 puntos.

– Entre 24.01 minutos e 25.30 minutos: 4,5 puntos.

– Entre 25.31 minutos e 27.00 minutos: 3 puntos.

– Entre 27.01 minutos e 28.30 minutos: 1,5 puntos.

– Entre 28.31 minutos e 30.00 minutos: 0 puntos.

Serán considerados como non aptos os aspirantes que non completen a proba ou que o finalicen nun tempo superior a 30 minutos.

b) Mulleres:

– Entre 0 minutos e 26.00 minutos: 6 puntos.

– Entre 26.01 minutos e 27.00 minutos: 4,5 puntos.

– Entre 27.01 minutos e 28.00 minutos: 3 puntos.

– Entre 28.01 minutos e 29.00 minutos: 1,5 puntos.

– Entre 29.01 minutos e 30.00 minutos: 0 puntos.

Serán consideradas como non aptas as persoas aspirantes que non completen a proba ou que o finalicen nun tempo superior a 30 minutos.

As persoas aspirantes non poderán correr durante o desenvolvemento da proba. Logo dunha advertencia, o tribunal descualificará aquelas persoas aspirantes que incumpran esta condición, o cal implicará unha avaliación de non aptitude.

A súa execución será pública, pero non se permitirá a súa gravación por medio audiovisual ningún porque podería afectar á súa seguridade e o dereito á intimidade persoal e á propia imaxe das persoas intervenientes nela.

Este exercicio iniciarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio.

Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para realizar o exercicio será de sesenta (60) minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo co nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten a posesión no día da finalización do prazo de presentación de instancias neste proceso, do Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

O prazo de acreditación referido no parágrafo anterior será de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións do segundo exercicio, e deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e: Idiomas-galego». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes que deben realizar a proba por falta de acreditación do coñecemento do idioma galego.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde a publicación da resolución anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabétics e iniciarase por aquelss cuxo primeiro apelido comence pola letra F, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 21 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), pola que se fai público o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 16 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal como colaboradoras.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, e xuntarán coa comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas ou modificase o modelo de corrección de respostas, publicará a correspondente resolución no DOG. As alegacións contra as preguntas deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

II.1.2.8. A resolución pola que se acorda a publicación dos resultados dos exercicios publicarase no DOG. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións do exercicio no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal referida no parágrafo anterior.

A tramitación destas alegacións deberá presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal proporalle a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a resolución que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.

II.2. Fase de concurso.

A valoración dos méritos terá unha puntuación máxima de corenta (40) puntos.

A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos:

II.2.1. Promoción interna:

II.2.1.1. Antigüidade.

Os servizos serán valorados por meses de 30 días, a razón de 0,15 puntos/mes. Para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarase o cociente, desprezando os decimais, por 0,15.

Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente, de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos previos na Administración pública.

A puntuación máxima por esta epígrafe será de trinta (30) puntos.

II.2.1.2. Formación.

Valoraranse os cursos de formación recibidos, convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); polas escolas oficiais de formación similares das restantes comunidades autónomas; pola Academia Galega de Seguridade Pública; pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis); cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais que estivesen homologados pola EGAP; cursos acreditados polo SEPE; cursos acreditados polas consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas contidos nas alíneas 1 e 2 da letraa) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; cursos impartidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e cursos impartidos polas universidades.

Para cada curso de duración igual ou superior a 8 horas lectivas valorarase con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos por curso.

Non se valorarán:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios, obradoiros e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– As certificacións de profesionalidade e os programas formativos dos obradoiros de emprego.

– Aquelas actividades formativas habilitantes para o exercicio dunha profesión.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte de módulos ou créditos que dean acceso a titulacións académicas oficiais ou convalidables por créditos universitarios.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe, consideraranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

A puntuación máxima desta epígrafe é de seis (6) puntos.

II.2.1.3. Grao de coñecemento do idioma galego:

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

No caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do idioma galego, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

II.2.1.4. Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores, ata o máximo de 1 punto:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento (artigos 121 e 122 da Lei 2/2015, do 29 de abril): 0,2 puntos/permiso.

– Permiso do proxenitor diferente da nai biolóxica por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo ou filla (artigo 124 da Lei 2/2015, do 29 de abril): 0,2 puntos.

– Redución de xornada regulada no artigo 106.2 a) e b) da Lei 2/2015, do 29 de abril: 0,04 puntos.

– Excedencia para o coidado de familiares: 0,04 puntos/mes completo.

Os meses serán computados por días naturais (30 días).

II.2.2. Acceso libre.

II.2.2.1. Experiencia profesional, un máximo de trinta (30) puntos.

a) Experiencia profesional entendida como os servizos efectivamente prestados en calquera Administración pública como empregado/a público/a ben na categoría profesional de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada ou no grupo, escala ou categoría profesional equivalente, sempre que se inclúa dentro do mesmo grupo de titulación, ou ben no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro/a forestal xefe de brigada ou equivalente.

Calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables e dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,15 puntos.

Computarase a prestación de servizos en réxime de interino (artigo 25.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril), en réxime de persoal laboral temporal (artigo 27.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril) e de persoal laboral indefinido non fixo.

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

Os períodos de suspensión de contrato en postos de traballo de carácter fixo-descontinuo non se computarán para os efectos do baremo.

b) Experiencia profesional entendida como os servizos prestados no ámbito da defensa e extinción contra incendios forestais como empregado público en distinto corpo, grupo, escala ou categoría a que opta a persoa aspirante en calquera Administración pública. Non se computarán os mesmos períodos xa valorados na epígrafe II.2.2.1.a).

Calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables e dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,07 puntos.

Computarase a prestación de servizos en réxime de interino (artigo 25.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril), en réxime de persoal laboral temporal (artigo 27.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril) e de persoal laboral indefinido non fixo.

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

Os períodos de suspensión do contrato en postos de traballo de carácter fixo-descontinuo non se computarán para os efectos do baremo.

A puntuación máxima das epígrafes a) e b) de experiencia profesional é dun total de trinta (30) puntos.

Para os efectos do cómputo da experiencia profesional, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de excedencia forzosa (artigo 24.4 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia), na situación de excedencia para o coidado de fillos/as menores de tres anos e para o coidado de familiares (artigo 24.1 e 2 do V Convenio), por razón de violencia sobre a muller (artigo 24.3 do V Convenio), así como as súas equivalentes previstas nos artigos 167, 176, 177 da Lei 2/2015, do 29 de abril), e na situación de excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177 bis da Lei 2/2015, do 29 de abril).

II.2.2.2. Formación.

Valoraranse os cursos de formación recibidos, convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); polas escolas oficiais de formación similares das restantes comunidades autónomas; pola Academia Galega de Seguridade Pública; pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis); cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais que estivesen homologados pola EGAP; cursos acreditados polo SEPE; cursos acreditados polas consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polos organismos autónomos e axencias públicas autonómicas contidos nas alíneas 1 e 2 da letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; cursos impartidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e cursos impartidos polas universidades.

Para cada curso de duración igual ou superior a oito (8) horas lectivas valorarase con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos por curso.

Non se valorarán:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios, obradoiros e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– As certificacións de profesionalidade e os programas formativos dos obradoiros de emprego.

– Aquelas actividades formativas habilitantes para o exercicio dunha profesión.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe, consideraranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP, ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

A puntuación máxima desta epígrafe é de sete (7) puntos.

II.2.2.3. Grao de coñecemento do idioma galego:

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

No caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do idioma galego, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

II.3. Os méritos enumerados na base II.2 deberán referirse á data de finalización da presentación das solicitudes de participación neste proceso e figurarán incorporados ao expediente electrónico persoal na data que se estableza mediante a Resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, que será publicada no DOG. Non se terán en conta os méritos que se acrediten fóra do prazo establecido na dita resolución.

II.4. Rematada a fase de oposición, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará no DOG a resolución a que se refire a epígrafe anterior, para que as persoas que superaron esta fase e lles falte por incorporar ou acreditar documentalmente algún mérito relativo á fase de concurso no seu expediente electrónico persoal o acheguen a través da Canle do emprego público de Galicia (Fides).

As persoas aspirantes que, de acordo co establecido na alínea anterior, teñan que actualizar o modificar o seu expediente electrónico persoal, actuarán do xeito establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

II.5. O tribunal realizará a baremación da fase de concurso, coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

A resolución pola que se acorda a publicación da baremación provisional da fase de concurso publicarase no DOG. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade e puntuación obtida, publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas ao baremo provisional no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal referida no parágrafo anterior. Estas alegacións deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

Á vista das alegacións presentadas polas persoas aspirantes e, de ser o caso, realizadas as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal publicará no DOG a resolución pola que se aproba a baremación definitiva da fase de concurso. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade e puntuación obtida, publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

II.6. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuación obtidas na fase de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número de persoas aspirantes superior ao de prazas convocadas. Non obstante, para os efectos do previsto no parágrafo terceiro da base I.1, terase en conta que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna serán acumuladas ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.

Para asegurar a cobertura das vacantes, de se produciren renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por orde de puntuación a aquelas propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal laboral fixo.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado mediante resolución da consellería competente en materia de emprego público e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril; no artigo 60 do TRLEBEP; no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia; no artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e no Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro; no artigo 59.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberalle ser comunicada á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

A Presidencia deberalles solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non estar incurso/a en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar as persoas integrantes do tribunal cando concorra nelas algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen as novas persoas integrantes do tribunal cualificador que substituirán as que perdesen a súa condición por calquera das causas previstas na normativa aplicable.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a presidencia e a secretaría, ou de quen as substitúa.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases; na Lei 40/2015, do 1 de outubro; nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia, ou quen as substitúa.

III.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás cales corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización do proceso selectivo o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propor o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.6.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse electronicamente á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal laboral fixo.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– De conformidade co disposto no artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, relativo á infrarrepresentación do xénero feminino nesta categoría profesional, o desempate dirimirase a prol da muller.

– Puntuacións obtidas nos exercicios da fase de oposición pola súa orde de realización.

– Puntuación outorgada polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes da base II.2.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a resolución pola cal se declaran as persoas aspirantes que superaron o dito proceso. As listaxes coas persoas aspirantes que superaron o proceso, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade ou equivalente, ordenadas polas puntuacións acadadas, publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Na mesma resolución proporase o seu nomeamento como persoal laboral fixo.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da referida resolución, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Título académico exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

Deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e: Formación-Formación académica/profesional». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do cal foi separada/o ou inhabilitada/o, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III desta convocatoria.

c) Un certificado ou un informe médico sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións. Os certificados ou informes non poderán ter unha data de emisión anterior aos tres (3) meses da súa presentación.

d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Igualdade e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de emprego público solicitaralle ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

As persoas aspirantes poderán autorizarlle á Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.

e) Permiso de conducir da clase B en vigor.

Deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e: Outros méritos/requisitos». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública.

IV.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal laboral fixo da Xunta de Galicia e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorran por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal laboral fixo mediante resolución da consellería competente en materia de emprego público, que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

IV.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril.

IV.7. De conformidade co disposto no artigo 14.b) do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, a contratación contará cun período de proba de dous meses.

V. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO I

Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso na categoría 100 do grupo III do persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal
xefe/a de brigada

a) Parte xeral.

Tema 1. A Constitución española de 1978: título preliminar, título I, artigos 10, 14 e 23, capítulo IV e capítulo V, e título VIII.

Tema 2. O Estatuto de autonomía de Galicia: título I, título II e título III da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

Tema 3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título III, título IV, capítulo I e capítulo IV, e título V.

Tema 4. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título III, título VI, capítulos III e IV, e título VIII.

Tema 5. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: título I, título II, título III e título VIII.

Tema 6. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar, título I, título II (capítulos I e II).

Tema 7. Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: título I.

b) Parte específica.

Tema 1. A defensa contra incendios forestais de Galicia. A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Tema 2. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).

Tema 3. O Sistema estrutural de mando operativo (Semop).

Tema 4. Conceptos básicos de topografía. A orientación sobre o terreo.

Tema 5. O lume forestal e as súas características. O comportamento do lume. Determinación de situacións de risco.

Tema 6. Extinción de incendios forestais. Sistema de predición de Campbell. Técnicas de extinción, primeiro ataque e ataque ampliado, o contralume. Retardantes.

Tema 7. Os incendios en interface urbana forestal. Situacións operativas.

Tema 8. Sistemas de detección. Modelos de combustible. Índices de risco. A meteoroloxía nos incendios forestais.

Tema 9. Prevención de incendios: accións sobre o territorio e sobre a poboación. As redes de faixas de xestión da biomasa. As queimas prescritas. Protocolo. A ventá de actuación.

Tema 10. A maquinaria pesada na extinción de incendios forestais. Tipos de máquinas empregadas en Galicia. Tipos de traballos.

Tema 11. O traballo coas motobombas. Características principais. Partes principais do vehículo de extinción. Cisterna, bomba, mangueiras e accesorios. Seguridade nas operacións coas motobombas.

Tema 12. A condución dun vehículo todoterreo. A estiba das ferramentas. A condución cara ao lume, aproximación e estacionamento do vehículo.

Tema 13. A seguridade na extinción de incendios forestais (I). Normas e protocolos de seguridade. Equipos de protección. Equipos de protección individual.

Tema 14. A seguridade na extinción de incendios forestais (II). Factores de risco na extinción. Protocolo Ocela. Situacións en atrapamento. Manobras de autoprotección.

Tema 15. As comunicacións na extinción de incendios forestais de Galicia. A rede Tetra. A función repeater e o modo Gateway.

ANEXO II

(Nome e apelidos da persoa aspirante) ..., con domicilio en ..., con NIF/NIE/pasaporte ..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, grupo III, categoría 100, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se encontra en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao dito grupo e categoría.

...., ... de ... de 202...

ANEXO III

(Nome e apelidos da persoa aspirante) ..., con domicilio en ..., con NIF/NIE/pasaporte ..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, grupo III, categoría 100, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada, que non está inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(País e localidade) ..., ... de ... de 202...