DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 26 de agosto de 2025 Páx. 46665

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción.

Mediante o Decreto 198/2024, do 27 de decembro, apróbase a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

Esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo é a cobertura de prazas do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción, correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2024, aprobada polo Decreto 198/2024, do 27 de decembro.

O número de prazas convocadas na escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción, será dúas (2). Resérvase unha (1) praza para ser cuberta pola quenda de promoción interna. As prazas non cubertas por esta quenda acumularanse ás de acceso libre.

O sistema selectivo será o de oposición.

A este proceso selectivo seranlle aplicables o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Promoción interna.

I.2.1.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter, con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes, o título de diplomatura ou grao nunha titulación de calquera rama e máster que habilite para o exercicio da profesión de profesor/a.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.1.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira a algún dos seguintes corpos ou escalas:

– Aos integrados no subgrupo A2 da Administración xeral (corpo de xestión) ou de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo facultativo de grao medio).

– Aos integrados no subgrupo C1 da Administración xeral e de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo administrativo, corpo de axudantes de carácter facultativo ou corpo de técnicos de carácter facultativo).

Queda expresamente excluído o persoal laboral indefinido non fixo.

I.2.1.4. Ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como persoal funcionario nalgún dos corpos ou das escalas integrados no subgrupo A2 (corpo de xestión ou corpo facultativo de grao medio) ou no subgrupo C1 da Administración xeral (corpo administrativo) ou de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo de técnicos de carácter facultativo).

Quedarán exentas do cumprimento deste requisito as persoas aspirantes que adquirisen a condición de persoal funcionario de carreira do corpo de xestión ou do corpo facultativo de grao medio (subgrupo A2) ou do corpo administrativo (subgrupo C1) como consecuencia da superación dalgúns dos procesos de funcionarización convocados ao abeiro do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sempre que teña unha antigüidade mínima de dous anos na categoría profesional tida en conta no proceso de funcionarización.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais (artigo 168 da Lei 2/2015, do 29 de abril), na situación de excedencia por coidado de familiares (artigo 176 da Lei 2/2015, do 29 de abril), na situación de excedencia por razón de violencia de xénero (artigo 177 da Lei 2/2015, do 29 de abril) e na situación de excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da Lei 2/2015, do 29 de abril).

I.2.1.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

Ademais, por implicar as funcións propias desta escala o contacto habitual con menores no exercicio das funcións que resultan propias, de conformidade co establecido no artigo 51 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, será requisito que a persoa aspirante non teña condena por sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.1.7. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á escala obxecto desta convocatoria.

I.2.2.1. Acceso libre.

I.2.2.1. Idade: ter dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter, con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes, o título de diplomatura ou grao nunha titulación de calquera rama e máster que habilite para o exercicio da profesión de profesor/a.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

Ademais, por implicar as funcións propias desta escala o contacto habitual con menores no exercicio das funcións que resultan propias, de conformidade co establecido no artigo 51 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, será requisito que a persoa aspirante non teña condena por sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.1.6. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á escala obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que se empregarán para as súas solicitudes.

Unha vez completados os datos das persoas solicitantes, poderase iniciar o proceso de inscrición.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame», se o texto do cuestionario do exercicio se deberá entregar en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar esta opción elixida.

As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se encontran, relativas ao pagamento de taxas.

As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se produciu o feito causante e, en calquera caso, nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio en que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza, durante a realización do exercicio, de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia autenticada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

I.3.3. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de participación e a través da aplicación informática a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, en que se regula o acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade, no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.

c) Xustificante da condición de familia numerosa, no caso de estar expedida por outra comunidade autónoma.

d) Os datos relativos á exección de taxa consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan á consulta da documentación e, para iso deberán indicalo no recadro correspondente e achegar a seguinte documentación:

– Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial, ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego, na cal conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal, na cal conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas para os efectos. Se non dispoñen de copias auténticas, deberán xerar o anexo de documentación e achegar coa súa solicitude orixinal ou copia debidamente autenticada dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se encontren.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste punto, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

I.3.4. Para o pagamento da taxa deberá actuar do seguinte xeito:

Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta, de crédito ou débito, ou bizum, na opción de pagamento electrónico, e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Se ademais se emprega o certificado dixital, poderá realizarse o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado das entidades que ofrece esa posibilidade.

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos, validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

A Administración devolveralles o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal se anuncia a publicación das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Para iso será necesario que a persoa interesada presente un escrito, dirixido ao Servizo de Selección da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, en que solicite a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame, que introduza completo o seu número de conta bancaria na aplicación Fides, na epígrafe expediente datos persoais, e que achegue o certificado expedido pola entidade financeira no cal figuren os datos asociados a esa conta. A presentación fóra do prazo indicado deste escrito ou do certificado, ou a non introdución en prazo dos datos bancarios en Fides, supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

Non se poderá presentar máis dunha solicitude de participación para a mesma escala. No caso de presentar varias solicitudes, soamente se terá en conta a última presentada.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos, onde dispoñerá dunha listaxe de todas as solicitudes presentadas pola persoa aspirante.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes dispoñerán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal aprobará a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG. As listaxes coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que procedan, publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas, ou aquelas que non figuren nin como admitidas nin como excluídas, dispoñerán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

As alegacións contra as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

As persoas aspirantes afectadas poderán acceder á solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita nunha nova resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal pola que se aprobará a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que será publicada no DOG. As listaxes definitivas coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas de exclusión que procedan, publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando, da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta resolución. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento cincuenta (150) preguntas tipo test, propostas polo tribunal, das cales trinta (30) corresponderán á parte xeral do programa e cento vinte (120) á parte específica que figura no anexo I.

Este cuestionario dispoñerá de seis (6) preguntas de reserva, das cales dúas (2) corresponderan á parte xeral do programa e catro (4) á parte específica, e que substituirán as preguntas anuladas de cada parte pola súa orde.

As persoas aspirantes da quenda de promoción interna estarán exentas de contestar as preguntas da parte común do programa, polo que contestarán unicamente as cento vinte (120) preguntas da parte específica e as correspondentes preguntas de reserva.

As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e contido dos temas que integran o programa. Na elaboración das preguntas deste exercicio respectarase a orde establecida nos parágrafos anteriores.

As persoas aspirantes non poderán facer uso de manuais ou textos legais ou de consulta para a realización desta proba.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de douscentos (200) minutos.

Na quenda de promoción interna, superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan un mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Na quenda libre, superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes, determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda sempre que acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, cabe aterse ao previsto na base I.1 desta convocatoria, con independencia de que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna se acumulen ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.

En calquera caso, lémbrase que soamente superarán o proceso selectivo aquelas persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas, sempre que cumpran as condicións previstas nos parágrafos anteriores.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes, publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O exercicio cualificarase de cero (0) a cincuenta (50) puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.

A data de realización deste exercicio non terá lugar antes dos seis (6) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio.

O segundo exercicio deste proceso selectivo dividirase en dúas partes:

Na primeira parte, as persoas aspirantes deberán desenvolver por escrito a presentación e defensa dunha programación didáctica.

A programación didáctica fará referencia ao currículo dunha materia ou módulo relacionado coa especialidade de máquinas e produción e axustarase ao modelo establecido no anexo XIII da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, e deberá conter un mínimo de catro (4) unidades didácticas.

Resultará excluído do procedemento selectivo o persoal aspirante cuxa programación non se axuste ao establecido no parágrafo anterior. Non se poderán excluír, en ningún caso, as persoas aspirantes por deficiencias no contido da programación.

As programacións versarán sobre os currículos publicados no Diario Oficial de Galicia no momento da publicación desta convocatoria ou, de ser o caso, os aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia.

A programación deberá ser entregada ao tribunal polo persoal aspirante que supere o primeiro exercicio, no prazo que estableza o tribunal ao publicar as cualificacións do primeiro exercicio, e defenderase ante este no momento en que se convoque o persoal aspirante para tal efecto. O persoal aspirante empregará para a defensa unha copia da programación entregada ao tribunal.

A segunda parte consistirá na preparación e exposición oral, ante o tribunal, dunha unidade didáctica relacionada coa programación presentada pola persoa aspirante. A persoa aspirante elixirá o contido da unidade didáctica de entre tres extraídas ao chou por ela mesma da súa programación. Na elaboración da citada unidade didáctica deberán concretarse os obxectivos de aprendizaxe que se perseguen con ela, os seus contidos, as actividades de ensino e aprendizaxe que se van formular na aula e os seus procedementos de avaliación.

O persoal aspirante dispoñerá dunha hora para a preparación da unidade didáctica e poderá utilizar o material que considere oportuno, sen posibilidade de conexión co exterior, polo que o material que vaia utilizar non poderá ser susceptible da dita conexión (ordenadores portátiles, teléfonos móbiles, etc.).

Para a exposición, o persoal aspirante poderá utilizar o material auxiliar que considere oportuno e que deberá achegar el mesmo, sempre que sexa aprobado polo tribunal, así como un guión que non excederá unha páxina e que se lle entregará ao tribunal ao final da exposición.

A persoa aspirante dispoñerá dun tempo máximo dunha hora para a defensa oral da programación, a exposición da unidade didáctica e posterior debate ante o tribunal. O persoal aspirante iniciará a súa exposición coa defensa da programación didáctica presentada, que non poderá exceder os vinte (20) minutos e, a continuación, realizará a exposición da unidade didáctica, que non excederá os trinta (30) minutos. A duración do debate, se é o caso, non poderá exceder os dez (10) minutos.

O exercicio cualificarase de cero (0) a cincuenta (50) puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.

Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima. O tribunal cualificará este exercicio valorando, entre outros, os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita.

As puntuacións publicaranse unha vez finalizada a corrección da totalidade dos exercicios das persoas aspirantes.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio.

Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo co nivel do Celga 4 requirido no proceso selectivo.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten a posesión, no día da finalización do prazo de presentación de instancias neste proceso, do Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

O prazo de acreditación referido no parágrafo anterior será de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións do segundo exercicio, e deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e»:«IDIOMAS-GALEGO». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes que deben realizar a proba por falta de acreditación do coñecemento do idioma galego.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde a publicación da resolución anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aquelas cuxo primeiro apelido comence pola letra F, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 21 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), pola que se fai público o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 16 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, ao xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal como colaboradoras.

II.1.2.4. En calquera momento, as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal e, xuntaranlle á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes ao da realización do exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas ou modifica o modelo de corrección de respostas, publicará a correspondente resolución no DOG. As alegacións presentadas polas persoas aspirantes deberán presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

II.1.2.8. A resolución pola cal se acorda a publicación dos resultados dos exercicios publicarase no DOG. A listaxe coas persoas aspirantes, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que xulguen oportunas ás puntuacións do exercicio no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal referida no parágrafo anterior.

A tramitación destas alegacións deberá presentarse a través da aplicación Fides (http://fides.xunta.gal).

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal propoñeralle a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a resolución que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.

II.1.2.11. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, de se produciren renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación as propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poden ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da consellería competente en materia de emprego público e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, artigo 60 do TRLEBEP, artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e o Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, no artigo 59.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá serlle comunicada á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

A Presidencia deberá solicitarlles ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de que non están incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar as integrantes do tribunal cando concorran nelas algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a resolución correspondente pola cal se nomeen as novas persoas integrantes do tribunal cualificador que substituirán as que perderon a súa condición por calquera das causas previstas na normativa aplicable.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a Presidencia e a Secretaría, ou de quen as substitúa.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e no resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia, ou quen as substitúa.

III.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes, e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás cales lles corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, que se deberá limitar a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3, as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se, durante a realización do proceso selectivo, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador, realizada segundo o disposto na base III.1, implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.1.2.11.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada, ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse electronicamente á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida no segundo exercicio do proceso selectivo.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a resolución pola que se declaran das persoas aspirantes que superaron o dito proceso; as listaxes coas persoas aspirantes que superaron o proceso, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade ou equivalente, ordenadas polas puntuacións acadadas, publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Na mesma resolución propoñerá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da referida resolución, estas dispoñerán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Títulos académicos exixidos na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán presentar credencial da súa validación ou homologación, ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

Deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe «Expediente-e»:«FORMACIÓN-FORMACIÓN ACADÉMICA/PROFESIONAL». Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública.

b) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do cal foi separada/o ou inhabilitada/o, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non encontrarse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

c) Un certificado ou un informe médico sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións. Os certificados ou informes non poderán ter unha data de emisión anterior aos tres (3) meses da súa presentación.

d) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

IV.3. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante resolución da consellería competente en materia de emprego público, que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

IV.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril.

V. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO I

Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción.

a) Parte xeral.

Tema 1. A Constitución española de 1978: título preliminar, título I (artigos 10, 14, 23, 27, capítulo IV e capítulo V) e título VIII.

Tema 2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia: capítulos I e II do título I, título II e título III.

Tema 3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título III, capítulos I e IV do título IV e título V.

Tema 4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia: título preliminar, capítulo I do título I.

Tema 5. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar, capítulos II e III.

Tema 6. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico: título preliminar, capítulo I do título I.

Tema 7. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título III, título VI (capítulos III e IV) e título VIII.

Tema 8. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: títulos I, II e III.

Tema 9. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar, título I, título II: capítulos I, II, IV e XI.

Tema 10. Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: título I.

Tema 11. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar, título I (capítulo IV e sección 1ª do capítulo V) e título II (capítulo I).

Tema 12. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: título preliminar e título I (capítulos I, IV e V).

Tema 13. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: capítulos I ao V.

b) Parte específica.

Tema 1. Descrición do taller mecánico e posto de traballo do axustador.

Tema 2. Metroloxía: xeneralidades. Práctica de medición. Erros na medición, erros nos aparellos de medida, erros debidos ao operador, erros debidos ao ambiente. Instrumentos de medida. Características.

Tema 3. Metroloxía: instrumentos de medida para magnitudes lineais: metros, regras, calibre ou pé de rei. Instrumentos de medida para magnitudes angulares: goniómetros e transportadores. Metroloxía: o micrómetro, principais e distintos tipos. Comparador, calas, galgas. Proxector de perfís.

Tema 4. Tolerancias. Normalización das tolerancias. Tolerancias ISO. Posicións das tolerancias. Eixes e buratos. Escritura de cotas normalizadas. Substitución de cotas con tolerancia.

Tema 5. Axustes: tipos. Tolerancia dos axustes. Axustes normalizados. Regras xerais para a elección dos axustes.

Tema 6. Instrumentos de verificación do axustador: escuadra, gardaplanos, regra, calibre fixo, calibre femia, calibre de rosca interior e exterior, mármore, cilindro de verificación, calzo, calibre de conos, pé de rei, calibre de engrenaxes, comparador, micrómetro, goniómetro e peites de roscas.

Tema 7. Didáctica do axuste. Secuenciación da aprendizaxe e formación para o axuste. Fases. Normas de seguridade para ter en conta nos traballos de axuste.

Tema 8. Descrición de torno paralelo: partes principais, bancada, cabezal, contracabezal e punto, carros e cadea cinemática. Ferramentas do torno: xeometría e materiais, distintos tipos, montaxe e designación.

Tema 9. Traballos no torno paralelo: cilindrado refrontado, torneadura cónica, tronzadura, rascadura, torneadura de interiores, tradeadura e outras operacións. Didáctica da torneadura. Secuenciación na aprendizaxe e formación para as técnicas do torno. Fases roscado no torno: roscas máis usuais, métrica whitworth e rosca cadrada.

Tema 10. Arco eléctrico. Acendido do arco. Comportamento do arco. Material a través do arco. Atmosfera de arco. Forma do cráter. O revestimento dos eléctrodos. Función do revestimento. Función eléctrica. Función física. Función metalúrxica. Reacción gas-metal. Reacción metal-escoura.

Tema 11. Fabricación dos eléctrodos. Manipulación e tratamento dos eléctrodos. Almacenamento e secado dos eléctrodos. Clasificación e coñecemento dos eléctrodos, segundo as normas establecidas: UNE, DIN, AWS.

Tema 12. Manexo do eléctrodo. Posición horizontal. Posición cornixa. Posición ángulo. Posición vertical. Posición teito. Eléctrodo básico. Manexo. Tratamento. Normas. Modo de emprego. Elección da máquina adecuada en función da súa voltaxe en baleiro.

Tema 13. Deseño e descrición do posto de traballo para aprendiz de soldador. Aplicacións e limitacións de soldadura manual. Técnicas especiais.

Tema 14. Equipos de soldadura eléctrica por arco. Transformadores e rectificadores.

Tema 15. Soldabilidade de ferro fundido. Prequecemento. Fundición gris e nodular. Distribución das tensións. Soldabilidade dos aceiros: influencia dos compoñentes do aceiro. Aceiros de baixa aliaxe. Aceiros inoxidables. Aceiros ao carbono.

Tema 16. Seguridade e precaucións no manexo das botellas de osíxeno e acetileno. Posta en funcionamento. Seguridade e precaucións que cómpre ter en conta nunha instalación oxiacetilénica. Quecementos. Manómetros. Retrocesos. Elemento e funcionamento destes nunha instalación oxiacetilénica. Distancia de soldadura. Batería de gases para soldadura oxiacetilénica. Elementos da batería. Precaucións. Posta en marcha.

Tema 17. O soprete de soldar. Normas. Precaucións, acendido. Chama de soldar. Manexo do soprete nas distintas posicións de soldadura oxiacetilénica. Horizontal. Cornixa. Ángulo. Vertical. Secuenciación e formación do alumno nas técnicas de soldadura oxiacetilénica. Didáctica da soldadura oxiacetilénica. Descrición do posto de traballo.

Tema 18. O soprete oxicorte. Precaucións. Normas. Utilización. Material e equipo persoal para soldar con autóxena e eléctrica. Procedemento da soldadura oxiacetilénica con metal de achega.

Tema 19. Materiais férricos. Aceiros comúns. Aceiros de baixa aliaxe. Aceiros inoxidables. Aceiros para ferramentas. Aceiros especiais. Fundicións. Fundición gris e fundición nodular.

Tema 20. Ensaios mecánicos. Ensaio de tracción: limite elástico, carga de rotura e alongamento. Ensaio de dobradura. Ensaio de resistencia. Ensaio de dureza: con lima, Brinell, Vickers, Rookwell, Shore.

Tema 21. Tratamentos térmicos dos aceiros e a súa relación con utensilios e ferramentas. Teoría dos tratamentos térmicos, compoñentes e constitución dos aceiros. Tratamentos térmicos máis usuais: temperado, revenimento, recocemento.

Tema 22. Limas. Partes dunha lima. Elementos característicos dunha lima. Limas especiais. Mangos comúns para limas. Normas para as eleccións das limas. Secuenciación e didáctica da limadura á man. Superficies planas. Superficies paralelas. Ángulos convexos e cóncavos. Superficies cilíndricas e outras.

Tema 23. Utensilios de traballo do axustador: limas, serra, buril, cicel, martelo, carda, granete, coitelo de trazar, gramil, compás, brocas, portabrocas, escareador, machos de roscar, tarraxas, desparafusador, chaves e rasquetas. Secuenciación e didáctica do escareado e rasquetado.

Tema 24. Secuenciación de didáctica da serradura á man e con máquina alternativa, radial e de cinta. Secuenciación e didáctica do burilado e cicelado. Brocas helicoidais. Tipos. Afiado de brocas. Brocas especiais.

Tema 25. Roscas: parafusos e porcas. Clasificación das roscas. Elementos das roscas. Perfil. Dimensións principais. Representación das roscas. Designación das roscas. Sistemas de roscas.

Tema 26. Ferramentas de roscar: machos e ehumaceiras de roscar, tarraxas de peites. Secuenciación didáctica do roscado á man. Práctica do roscado: roscado de porcas e de parafusos.

Tema 27. Didáctica e secuenciación na formación do alumno en caldeiraría. Descrición e definición do traballo que se vai realizar. Finalidade e aplicación dos traballos en caldeiraría con relación á súa tarefa prevista no barco. Intersección de tubaxes. Redución de tubaxes. Troncos de cono.

Tema 28. Soldadura tig: definición e principios fundamentais. Corrente continua e alterna. Compoñentes do facho: portaeléctrodos, embocaduras. Eléctrodos de tungsteno. Gases de protección. Materiais de achega. Métodos de ensaio non destrutivos.

Tema 29. Soldadura mig/mag: definición e principios fundamentais. Fíos de soldadura. Gases de protección, parámetros de axuste de soldadura. Posicións de soldadura.

Tema 30. Aliñamento de eixes. Tipos de desaliñamento. Desaliñamento paralelo. Desaliñamento angular: máquina fixa e móbil. Acoplamentos: tipos (ríxidos, flexibles, de engrenaxes, de cadea, elástico). Preparación previa ao aliñamento: limpeza de bases e superficies.

Tema 31. Axentes agresivos: auga salgada, humidade, radiación UV, variacións de temperatura, organismos mariños. Terminoloxía básica de pinturas e recubrimentos: imprimación, capa intermedia, acabado. Pinturas de un e de dous compoñentes. Imprimantes. Capas intermedias. Acabados (topcoats). Pinturas antiadherentes (antifouling). Pinturas especiais.

ANEXO II

(nome e apelidos aspirante)..., con domicilio en..., con NIF/NIE/pasaporte..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se encontra en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao dito corpo ou escala.

..., ...de ... de 202...

ANEXO III

(nome e apelidos aspirante)..., con domicilio en..., con NIF/NIE/pasaporte..., declara, para os efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción, que non se encontra inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(país e localidade) ..., ... de ... de 202...