Expediente: IN407A 2025/046-4.
Promotora: Iberdrola Clientes, S.A.
Denominación: LMTS, CS terminal Ro-Ro da área portuaria de Bouzas.
Concello: Vigo.
Feitos:
1. O 25.2.2025, a empresa Iberdrola Clientes, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CS terminal Ro-Ro da área portuaria de Bouzas.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro industrial Damián Alonso Salas, colexiado 1489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cantabria, no cal figura un orzamento total de 56.749,97 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación dunha liña de media tensión subterránea e un centro de seccionamento para dar servizo ao sistema OPS (Onshore Power Supply) na terminal Ro-Ro da área portuaria de Bouzas, no porto de Vigo, no concello de Vigo (Pontevedra). O sistema OPS consiste nunha conexión á rede xeral eléctrica para os buques atracados no porto.
As obras serán executadas completamente por Iberdrola Clientes, S.A. e unha vez executadas serán cedidas a UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. O proxecto ten como organismo afectado unicamente a Autoridade Portuaria de Vigo. No expediente figura unha concesión administrativa da Autoridade Portuaria de Vigo a favor de Iberdrola Clientes, S.A. para ocupar 160 m2 en superficie e 205 m2 en subsolo, aproximadamente, na área portuaria de Bouzas para a construción e explotación dunha instalación OPS. O documento de concesión está asinado por Carlos Botana Lagarón, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, e María del Carmen Paseiro Pardal, xefa de división.
3. O 9.4.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe en que conclúen que non hai impedimento para continuar coa tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3x(1x240), de 2x3 metros de lonxitude, con orixe e final nos empalmes que se realizarán coa LMTS BAL726, entre os centros de transformación 36CBMB e 36CLG1, facendo entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.
– Centro de seccionamento compacto con celas de illamento e corte en SF6, composto por unha cela compacta 3L-3TC e unha de protección e seccionamento ao transformador.
– A instalación está situada na terminal Ro-Ro da área portuaria de Bouzas, no porto de Vigo, no concello de Vigo (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa Iberdrola Clientes, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CS terminal Ro-Ro da área portuaria de Bouzas (expediente IN407A 2025/046-4).
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 12 de maio de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
