A disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autoriza a creación da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de economía e industria, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.
Nos termos recollidos no artigo 2 do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, desde a XERA preténdese incentivar o avance da formación e cualificación do persoal empregado no sector forestal, favorecendo a capacitación profesional e contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade das empresas do sector, así como a información/formación sobre a xestión sustentable dos recursos.
Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 está consignado crédito por importe de 200.000,00 € para a anualidade 2025 e 300.000,00 € para a anualidade 2026, con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.A4.741A.481.0 e 09.A4.741A.444.0, código de proxecto 2018 00005, para atender as axudas desta resolución.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia Galega da Industria Forestal, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal-madeira, a competitividade, o deseño e o desenvolvemento sustentable, e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2025 (código de procedemento IN501A).
2. A finalidade desta resolución é mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, así como colaborar coa finalidade das asociacións do sector. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e os seus produtos derivados.
3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
CAPÍTULO I
Bases reguladoras das axudas para a organización de actividades formativas
non regradas e actividades de divulgación que impulsen o coñecemento
e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia
(código de procedemento IN501A)
Artigo 2. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela:
a) Asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira.
b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira.
c) Colexios profesionais vinculados ás titulacións de Enxeñaría de Montes e/ou Enxeñaría Técnica Forestal e outros colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias en materia de construción en madeira e teñan cabida nas competencias profesionais dos colexiados do devandito colexio.
d) Centros universitarios, cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias profesionais en materia de construción en madeira.
2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día nos deberes referidos ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser o caso.
b) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación desta resolución.
e) Acreditar o cumprimento dos prazos de pagamento que se establecen na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para axudas de importe superior a 30.000 euros e cando as entidades solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Artigo 3. Proxectos e actividades subvencionables
1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos realizados polas entidades beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución que integren actividades de carácter formativo non regrado, así como actividades de carácter divulgativo que promovan a industria forestal-madeira de Galicia como unha industria estratéxica e de futuro.
2. As persoas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta resolución. Os proxectos poderán incluír actividades independentes, tanto para a organización de accións formativas non regradas como accións de divulgación.
No caso de que se presentasen dous o máis proxectos tería prioridade o último presentado dentro do prazo.
3. Para os efectos desta resolución, serán subvencionables as seguintes actividades:
a) Organización de actividades formativas non regradas de carácter específico, tales como másters ou cursos relacionados coa industria forestal-madeira. En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:
1º. Habilidades e coñecementos na execución de aproveitamentos madeireiros, na execución de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina e a castaña, en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.
2º. Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como do coñecemento dos procesos industriais de serra, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.
3º. Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, procesos de acabamento, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.
4º. Incorporación do ecodeseño como ferramenta de diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintaría e o moble.
5º. Coñecemento sobre materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións, a circularidade dos produtos madeireiros e forestais non madeireiros, así como un uso en serie.
6º. Competencias profesionais en materia de construción en madeira, incluído o uso de bases de datos de construción sustentable.
7º. Competencias profesionais para a elaboración de declaracións ambientais de produto (DAP) ou análises de ciclo de vida (ACV).
8º. Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais.
b) Organización de actividades formativas non regradas de carácter transversal, tales como másters ou cursos relacionados coa industria forestal-madeira. Subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:
1º. Seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor da industria forestal-madeira que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a aprendizaxe permanente (lifelong learning) neste ámbito. Queda excluída a formación centrada especificamente nos postos de traballo ou funcións de cada traballador, así como a adaptación desta á aparición de novos riscos.
2º. Competencias para o manexo de software e TIC no ámbito da industria forestal-madeira.
3º. Habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing, incluída formación en clave de xénero, así como de detección e aplicación de protocolos en materia de acoso na contorna laboral.
4º. Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira (entre outros, mediante tecnoloxía blockchain).
c) Organización de actividades de divulgación: xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas instrutivas en colexios, universidades ou outros centros, ou en xeral calquera formato de divulgación sobre a industria forestal-madeira. A protagonista indubidable das actividades de divulgación será a industria forestal-madeira e a súa cadea de valor, quedando excluídos outros usos ou labores vencellados ao monte.
Subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:
1º. Difusión das vantaxes ambientais do uso da madeira e da súa contribución á sustentabilidade e á economía circular, así como das ferramentas que facilitan a súa cuantificación e comunicación: análise de ciclo de vida, ecodeseño, etiquetaxes ambientais etc.
2º. Novos usos da madeira na construción.
3º. Materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións.
4º. Necesidade de certificación (PEFC e FSC) da xestión forestal, implantación da cadea de custodia e dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira.
5º. Nova demanda de produtos madeireiros ou baseados en madeira.
6º. O papel da muller na industria forestal-madeira: perfís profesionais, impacto e impulso de novas vocacións.
7º. Calquera das temáticas recollidas nos números 3.a) e 3.b) deste artigo.
4. As actividades deberán cumprir cos seguintes requisitos:
a) Realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Deben executarse dentro do prazo de xustificación recollido na convocatoria.
c) As actividades de carácter formativo non regradas deben estar orientadas a profesionais da industria forestal-madeira (incluídas persoas prescritoras e instaladoras en madeira), así como a estudantes de formación profesional e estudantes universitarios vencellados ao ámbito forestal-madeira ou recentemente titulados nos ditos estudos. O cumprimento do alumnado mínimo establecido no número 4.g) deste artigo debe ter ese perfil sen prexuízo de que a maiores asistan persoas que non sexan profesionais en activo. En ningún caso se poderá restrinxir a inscrición nas actividades solicitadas a persoal, alumnado ou persoas asociadas da entidade beneficiaria.
d) As actividades terán unha duración mínima de 8 horas lectivas.
e) As actividades formativas poderán realizarse exclusivamente en formato presencial, en liña ou mixto.
f) Só no caso de actividades de divulgación, en que o público obxectivo non se convoca nun momento determinado, como pode ser o caso das campañas de divulgación, os folletos, contos..., permitirase a modalidade sen participación directa.
g) A asistencia mínima requirida ás actividades formativas será:
– No caso de actividades formativas non regradas, serán subvencionables os gastos correspondentes ás actividades en que se acredite a asistencia mínima de 10 persoas, sempre e cando esas 10 persoas acrediten unha asistencia de polo menos o 80 % da duración da actividade.
– No caso de actividades divulgativas, excepto aquelas que teñan un carácter exclusivamente de difusión por medios audiovisuais, serán subvencionables os gastos correspondentes coa condición de que se acredite a asistencia mínima de 20 persoas.
O control da asistencia realizarase da seguinte forma:
a.1) Actividades formativas non regradas organizadas en formato presencial: a entidade solicitante deberá levar un control diario da asistencia, que será asinado polo alumnado á hora de entrada e saída, así como pola persoa representante da entidade conforme o anexo VI, sen prexuízo do disposto no artigo 21.1.f) para o caso de actividades xa realizadas na data de presentación da solicitude.
a.2) Actividades formativas non regradas organizadas en formato en liña ou mixto, que utilicen outras plataformas de videoconferencia: o alumnado non terá que asinar o control de asistencia, aínda que o devandito documento será redactado e asinado igualmente pola persoa representante da entidade solicitante conforme o anexo VI. Ademais, será obrigatorio achegar capturas de pantalla en que se identifiquen claramente as persoas participantes.
b) Para as actividades divulgativas, tales como xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas a colexios, universidades ou outros centros, ou en xeral calquera acción de divulgación sobre a industria forestal-madeira, será suficiente unha certificación da persoa representante da entidade solicitante, acompañada, de ser o caso, dos datos de inscrición na actividade, conforme o anexo VI.
c) En todos os casos, o anexo VI entregarase en formato pdf e en formato folla de cálculo e acompañarase dos informes fotográficos acreditativos do cumprimento das medidas de publicidade e difusión, establecidos no artigo 21.1.g).
Artigo 4. Gastos subvencionables
1. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.
2. A axuda de cada actividade formativa incrementarase nun 15 % para a realización de actividades de divulgación.
3. Ao orzamento da primeira actividade formativa concedida engadiráselle o orzamento da totalidade das actividades de divulgación, coas seguintes consideracións: a) que a entidade teña solicitado actividades de divulgación, b) que as actividades divulgativas solicitadas sexan subvencionables e c) que o importe da axuda das actividades de divulgación non sexa superior ao 15 % do importe total subvencionable de todas as actividades formativas solicitadas.
4. Un proxecto presentado por un solicitante poderá conter actividades de formación que superen a puntuación necesaria para obter financiamento e outras que non reciban financiamento. Un proxecto que non conte polo menos cunha actividade formativa que supere a puntuación necesaria para obter financiamento non poderá recibir financiamento para actividades divulgativas.
5. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro do ano da convocatoria e a data de xustificación recollida nesta. Para os efectos desta resolución, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior á data de xustificación por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables.
6. Para aqueles gastos non asumidos con medios propios do beneficiario e cuxo importe do gasto subvencionable supere os 15.000 euros, IVE excluído, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores asinadas dixitalmente, con carácter previo á contratación da prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado número suficiente de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Os orzamentos e facturas presentados deben desagregar cada un dos conceptos obxecto de subvención e indicar indubidablemente a actividade á cal corresponden.
7. O custo máximo subvencionable de cada actividade formativa non regrada será de 300 euros por cada hora lectiva. Establécense as seguintes excepcións, en que o custo máximo subvencionable de cada actividade será de 500 euros por cada hora lectiva:
– Actividades encadradas no número 3.a).1º do artigo anterior, en que a duración da formación práctica empregando maquinaria forestal pesada sexa superior ao 50 % da duración da actividade.
– Actividades encadradas no número 3.a).5º do artigo anterior, en que a duración da formación práctica con emprego de medios auxiliares, maquinaria, ferramenta ou materiais construtivos sexa superior ao 50 % da duración da actividade.
En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
8. Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente e estean directamente relacionados coa actividade subvencionada. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
9. Serán subvencionables os custos directos asociados á realización da actividade. Só se considerarán custos directos os seguintes:
1º. Recursos humanos:
i) Custos de persoal propio dedicado á preparación ou á execución da actividade: o gasto subvencionable calcularase atendendo á duración efectiva da actividade formativa ou de divulgación.
ii) Custos de contratación de relatores, excluídos os gastos por desprazamento, aloxamento e mantemento.
2º. Gastos por aloxamento, mantemento e desprazamento. As contías por estes conceptos non superarán os límites exceptuados de gravame segundo o artigo 9 do Real decreto 439/2007, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a renda das persoas físicas, e a Orde HFP/792/2023, do 12 de xullo, pola que se revisa a contía das axudas de custo e asignacións para gastos de locomoción no imposto sobre a renda das persoas físicas.
3º. Gastos correspondentes á elaboración de documentación e materiais didácticos, así como á edición de presentacións ou publicacións.
4º. Os gastos de alugueiro de edificios, locais, medios audiovisuais e demais materiais que se precisen para realizar as actividades.
5º. Gastos de publicidade para a organización e difusión das actividades subvencionables.
6º. Gastos correspondentes a seguros de responsabilidade civil ou accidentes, cando as especiais características da actividade así o requiran.
7º. Gastos de materiais naqueles casos en que resulte imprescindible para a realización da actividade. Ao final da formación, a entidade beneficiaria poñerá os devanditos materiais resultantes ao dispor da Axencia Galega da Industria Forestal, que decidirá o seu destino.
10. Os seguintes conceptos non serán subvencionables:
a) Os custos indirectos, tales como auga, luz, electricidade etc.
b) O desenvolvemento ou o mantemento de páxinas web nin de redes sociais.
c) A adquisición de maquinaria.
d) Os gastos realizados en concepto de arrendamento financeiro (leasing), renting ou sistemas similares.
e) Os gastos correspondentes ao mantemento das persoas asistentes ás actividades, tales como servizos de comida, excepto os custos correspondente á pausa-café.
f) A publicidade corporativa ou aquelas accións dirixidas a captar persoas afiliadas ou asociadas.
11. No caso de que se obteñan ingresos pola realización das actividades, o gasto subvencionable calcularase minorando o custo real da actividade polos ingresos netos efectivamente percibidos por esta. Entenderase por ingresos netos aqueles ingresos unha vez detraídos os custos indirectos de aplicación.
12. Así mesmo, deberá respectarse o disposto no artigo 5 sobre compatibilidade e concorrencia con outras axudas.
Artigo 5. Importe das axudas
1. A intensidade máxima da axuda será do 100 % do investimento total subvencionable tanto para as actividades formativas non regradas como para as actividades divulgativas, ata unha axuda máxima de 70.000 euros por entidade beneficiaria.
2. O apoio a unha actividade formativa implicará o apoio a toda a proposta de actividades de carácter divulgativo, coas seguintes consideracións: a) que a entidade teña solicitado actividades de divulgación, b) que as actividades divulgativas solicitadas sexan subvencionables e c) que o importe da axuda das actividades de divulgación non sexa superior ao 15 % do importe total subvencionable de todas as actividades formativas solicitadas.
3. O importe máximo das axudas deberá respectar os límites que se establecen nesta resolución.
4. As axudas reguladas por esta resolución serán compatibles con calquera outra clase de subvencións, axudas ou ingresos obtidos para a mesma finalidade.
5. O importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta resolución non poderá ser tal que, illadamente ou en concorrencia con outros ingresos obtidos para a mesma finalidade, coas axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria, no cal se incluirán todos os custos directamente derivados dela.
Artigo 6. Baremación das solicitudes
1. Para a concesión das axudas realizarase unha avaliación de cada unha das actividades de formación incluídas nas solicitudes presentadas, asignándolles a puntuación que corresponda segundo os seguintes criterios de baremación:
a) 20 puntos a actividades en que a entidade solicitante se comprometa a utilizar o lema «O futuro é de madeira» e o cancelo «#Galiciaémadeira» para promover a actividade.
b) 20 puntos a actividades de formación dirixidas ao impulso da construción en madeira.
c) 20 puntos a actividades formativas cunha duración superior a 20 horas.
d) 20 puntos a actividades formativas organizadas en formato presencial.
e) 20 puntos a actividades formativas en que a entidade solicitante se comprometa a acadar unha asistencia mínima de 15 persoas, sempre que estas acrediten unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.
f) 10 puntos a actividades formativas en que se garanta o principio de presenza equilibrada de docentes mulleres e homes, de forma que cada un dos sexos supoña como mínimo o corenta por cento daqueles. No caso de que o número de docentes sexa un ou tres, puntuará a presenza maioritaria de mulleres.
g) 5 puntos a actividades formativas que conten con varias edicións.
h) 10 puntos a actividades que empreguen a lingua galega no desenvolvemento da actividade e nos materiais utilizados, tales como trípticos, material didáctico etc.
i) 5 puntos a actividades en que os materiais divulgativos desenvolvidos, como vídeos, folletos ou publicacións, se traduzan para outro idioma (diferente do galego ou do castelán).
2. A puntuación total para cada actividade será a suma das puntuacións obtidas en cada epígrafe desde artigo. A puntuación máxima por actividade será de 130 puntos.
Artigo 7. Selección de actividades subvencionables
1. As actividades formativas ordenaranse por orde de maior a menor puntuación de acordo co baremo indicado no artigo 6.
2. O órgano competente para resolver asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a orde decrecente da listaxe a que se refire o número 1 deste artigo, ata o esgotamento do crédito dispoñible. Un proxecto presentado por un solicitante poderá conter actividades de formación que superen a puntuación necesaria para obter financiamento e outras que non reciban financiamento.
En caso de empate, resolverase segundo os seguintes criterios:
Primeiro: actividades de formación cun maior número de horas lectivas.
Segundo: actividades de formación cun maior número de asistentes.
Terceiro: ordenación por data e hora de presentación da solicitude.
Artigo 8. Solicitude
1. Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha única solicitude que será dirixida á Axencia Galega da Industria Forestal axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I (Solicitude), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9 desta resolución. No caso de que se presentasen dúas ou máis solicitudes terá preferencia a última presentada dentro de prazo.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración responsable da entidade solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
b) Declaración responsable de que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
f) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.
g) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no proxecto para o cal se solicita a axuda.
h) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.
i) Declaración responsable de que a entidade solicitante está legalmente constituída e rexistrada nos rexistros competentes e está ao día nos deberes referidos ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser de aplicación.
j) Declaración responsable de que a entidade solicitante ten domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación desta resolución e realizará as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
k) Declaración responsable de que, no caso de solicitar unha axuda por importe superior a 30.000 euros e cando as entidades solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004, se cumpre cos prazos de pagamento que se establecen na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán presentar obrigatoriamente coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa de acreditación da representación da empresa, no caso de que a solicitude non estea asinada por representante legal.
b) Anexo II-Actividades que se van realizar: descrición das actividades formativas non regradas e de divulgación que se van realizar. So serán considerados aqueles criterios de baremación debidamente consignados no anexo mediante as seguintes declaracións responsables (se aplican):
– Declaración responsable de que a entidade solicitante utilizará o lema «O futuro é de madeira» e o cancelo «#Galiciaémadeira» para promover a actividade.
– Declaración responsable de que a actividade formativa está dirixida ao impulso da construción en madeira.
– Declaración responsable de que a actividade formativa terá unha duración superior a 20 horas.
– Declaración responsable de que a actividade formativa será organizada en formato presencial.
– Declaración responsable de que a actividade formativa acadará unha asistencia mínima de 15 persoas, e sempre que estas acrediten unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.
– Declaración responsable de que a actividade formativa garantirá o principio de presenza equilibrada de docentes mulleres e homes de forma que cada un dos sexos supoña como mínimo o corenta por cento daqueles. No caso de que o número de docentes sexa un ou tres, puntuará a presenza maioritaria de mulleres.
– Declaración responsable de que a actividade formativa conta con varias edicións.
– Declaración responsable de que a entidade solicitante empregará a lingua galega no desenvolvemento da actividade e nos materiais utilizados, tales como trípticos, material didáctico etc.
– Declaración responsable de que a entidade solicitante traducirá os materiais divulgativos desenvolvidos para a actividade (vídeos, folletos ou publicacións) para outro idioma diferente do galego ou o castelán.
A Axencia Galega da Industria Forestal poderá requirir ás entidades solicitantes documentación xustificativa que avale o declarado.
c) Memoria libre do proxecto en que se recolla para cada unha das actividades, tanto formativas como divulgativas, un resumo explicativo de cada actividade e o orzamento previsto para a súa execución. Esta memoria estará asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario presentar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos establecidos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. A documentación deberá achegarse en formato pdf.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
c) Certificación de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) NIF da entidade solicitante.
g) Imposto de actividades económicas (IAE).
h) Certificación de estar ao día nas obrigacións tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario (anexo I), e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, despois de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.
Artigo 11. Tramitación
1. A tramitación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustarase aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.
2. A Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal convocará e resolverá as axudas ditadas ao abeiro destas bases reguladoras, e será o órgano encargado da aplicación do réxime sancionador.
3. A Dirección da Área de Innovación Forestal, como órgano instrutor, será a encargada da instrución e do seguimento das axudas, así como da xestión económico-orzamentaria deste programa e do seguimento da súa execución.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Instrución do procedemento
1. Na fase de instrución realizaranse de oficio cantas actuacións sexan necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Requiriráselles aos solicitantes que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, os corrixan, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Ademais, neste requirimento indicarase que, de non facer o que nel se indica, se terá por desistido da súa petición, logo da notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.
4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de avaliación regulada no artigo 14 para a súa avaliación en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de baremación previstos nestas bases.
5. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2017.
Artigo 14. Comisión de Avaliación
1. A Comisión de Avaliación será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, conforme o procedemento e os criterios establecidos nestas bases reguladoras.
2. A composición da Comisión de Avaliación será a seguinte:
a) Presidencia: persoa titular da Xefatura do Departamento de Xestión Administrativa da Axencia ou persoa que a substitúa.
b) Unha vogalía nomeada entre os membros da Axencia.
c) Unha vogalía nomeada entre o persoal funcionario da Axencia que desempeñará, ademais, as tarefas de secretaría da Comisión.
3. Os membros da Comisión serán nomeados polo director da Axencia.
4. A Comisión de Avaliación, cando o considere necesario, poderá solicitar asesoramento técnico de persoal especializado da Axencia Galega da Industria Forestal.
5. A Comisión de Avaliación elaborará unha relación ordenada de todas as actividades contidas nos proxectos solicitados que cumpran coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.
De ser o caso, a Comisión elaborará unha lista de agarda coa relación de actividades aprobadas para as cales non se propón a concesión da axuda por esgotamento do orzamento dispoñible. O órgano instrutor poderá activar a lista de agarda no caso de que algunha entidade beneficiaria renuncie total ou parcialmente á axuda concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación ás actividades admitidas que non obtivesen axuda por esgotamento do crédito previsto.
6. A Comisión de Avaliación emitirá un informe final no cal figurarán de forma individualizada e motivada as actividades para as cales se propón a concesión das axudas, con identificación da entidade beneficiaria e a puntuación obtida no proceso de baremación.
Artigo 15. Resolución e recursos
1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Avaliación ao director da Axencia Galega da Industria Forestal.
2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o director da Axencia ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación dos proxectos, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.
3. O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de tres meses, contado desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo da obriga legal de resolver por parte da Administración, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.
4. Todas as resolucións se notificaran aos interesados nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos.
5. A resolución de concesión expresará o importe total da axuda que lle corresponde a cada persoa beneficiaria, así como a súa distribución por anualidades que, de forma xeral, se corresponderá coa distribución anual do orzamento da convocatoria.
6. Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, se transcorridos dez días hábiles desde a notificación, a persoa interesada non comunica expresamente a súa renuncia á axuda, achegando o anexo III, entenderase que a acepta tacitamente e, desde ese momento, adquirirá a condición de beneficiaria. A renuncia poderá ser total ou parcial para unha ou máis actividades.
No caso de renuncia á axuda por algunha das persoas beneficiarias, o órgano concedente, por proposta do órgano instrutor, poderá acordar, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da axuda á actividade ou actividades seguintes en orde da súa puntuación coa condición de que, coa renuncia por parte dalgunha das beneficiarias, se libere crédito suficiente para atender a actividade ou actividades aprobadas e denegadas por insuficiencia de crédito.
Salvo causa de forza maior percibida polo órgano concedente, presentar a renuncia total ás axudas fóra do devandito prazo ou non presentar a renuncia nos casos de incumprimento total do proxecto subvencionado, tal como queda definido o incumprimento total no artigo 23, suporá que a empresa non poderá solicitar axudas para os proxectos recollidos nestas bases reguladoras nun período de dous anos desde a resolución de perda de dereito a cobramento e/ou reintegro.
7. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo ante o presidente da Axencia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 16. Modificación da resolución
1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas o solicitante precisa introducir modificacións ao proxecto, solicitará autorización da Axencia Galega da Industria Forestal, xustificando as razóns do cambio e presentando a oportuna actualización do expediente que recolla as variacións das actividades previstas no proxecto orixinal. O prazo para solicitar a modificación da resolución será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para a xustificación dos investimentos. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supoñer discriminación a terceiros nin a modificación da puntuación obtida pola aplicación dos criterios de selección.
2. A solicitude de modificación debe formulala a persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria, na forma sinalada no artigo 9, expresando os motivos e os cambios que se propoñen.
3. A modificación realizarase mediante resolución da Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal, coa instrución previa do correspondente expediente de modificación e proposta motivada do órgano instrutor, logo da instrución do correspondente expediente de modificación. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle á persoa interesada.
4. A modificación do proxecto estará suxeita ás seguintes condicións:
a) As modificacións que incrementen o importe do proxecto subvencionable non suporán un incremento do importe da subvención concedida. Porén, as persoas beneficiarias quedarán obrigadas a xustificar o importe do proxecto modificado.
b) As autorizacións de modificacións que supoñan unha redistribución entre as anualidades de axuda concedidas estarán supeditadas á existencia crédito orzamentario suficiente.
c) Será admisible a redución do importe total do proxecto considerado como subvencionable na resolución de concesión se non supera o 40 % do seu valor.
d) Non se admitirán modificacións que supoñan un cambio de entidade beneficiaria.
e) As modificacións que afecten os gastos incluídos na solicitude de axuda deberán cumprir, se é o caso, cos requisitos do artigo 4 destas bases.
5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 17. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 18. Pagamentos anticipados e pagamentos á conta
A entidade solicitante da axuda poderá solicitar pagamentos anticipados para cada anualidade no momento de presentación da solicitude, e de acordo coas seguintes condicións:
1. Cando o importe da axuda concedida non supere os 18.000 euros para cada anualidade, poderase solicitar un pagamento anticipado do 80 % da axuda concedida para cada anualidade.
2. Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros para cada anualidade, poderase solicitar un pagamento anticipado de 14.400 euros ao cal se poderá engadir un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros para cada anualidade.
Os pagamentos anticipados estarán exentos da constitución de garantías conforme dispoñen o artigo 65, letra f), do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 54 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
3. O pagamento anticipado non pode superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
4. Os pagamentos á conta concedidos xunto cos pagamentos anticipados, de ser o caso, non poderán ser superiores ao 80 % dos pagamentos xustificados nin excederán a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
Os pagamentos á conta estarán exentos da constitución de garantías conforme dispoñen o artigo 65, letra f), do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 54 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Artigo 19. Execución das actividades
1. As actuacións subvencionadas deben executarse nas condicións descritas no proxecto a que se refire o artigo 3, sen prexuízo do sinalado no artigo 16.
2. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva das entidades solicitantes, non obstante, a Axencia debe estar informada puntualmente e con suficiente antelación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como a comprobación de calquera aspecto relacionado con elas.
3. Con carácter previo á realización de actividades divulgativas ou formativas para as cales se concedeu a axuda (excluíndo aquelas que xa fosen realizadas con anterioridade á notificación da resolución de concesión), a entidade beneficiaria deberá poñer en coñecemento da Axencia Galega da Industria Forestal os datos que se indican no anexo IV cunha antelación mínima de quince (15) días hábiles ao inicio da data de inscrición, no caso de actividades formativas, e de dez (10) días hábiles no caso de actividades divulgativas. A Axencia poderá presentarse nas ditas actividades para velar polo cumprimento das obrigas establecidas nesta resolución.
4. De todo o material e documentación obxecto de financiamento pola Axencia Galega da Industria Forestal, esta poderá facer uso coa finalidade de formación, divulgación, fomento e promoción. Do mesmo xeito, a Axencia poderá publicar e publicitar a programación e convocatoria das actividades.
5. No relativo ao material gráfico (imaxes e fotografías), así como ás listas de asistentes descritas no artigo 21.1.f), será responsabilidade das entidades beneficiarias o cumprimento da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais, e a información ás persoas interesadas da cesión de datos e material gráfico á Axencia Galega da Industria Forestal.
Como excepción a este punto, as fotografías sinaladas no artigo 21.1.g), que teñen como fin a verificación da realización das actividades e do cumprimento dos mínimos exixidos, non serán empregadas pola Axencia Galega da Industria Forestal salvo petición expresa ás entidades beneficiarias.
Artigo 20. Subcontratación das actuacións
1. O beneficiario poderá subcontratar, total ou parcialmente, as actividades descritas nesta convocatoria. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.
2. En materia de subcontratación observarase o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 21. Documentación xustificativa para o pagamento da axuda
1. As entidades beneficiarias deberán presentar, xunto coa solicitude de pagamento (anexo VII), a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, e que constará dos seguintes documentos:
a) Memoria técnico-económica xustificativa das actividades executadas no proxecto, que inclúa a xustificación da vinculación dos gastos á actividade subvencionada, así como a xustificación dos criterios de imputación, asinada pola persoa que teña a representación da entidade beneficiaria, segundo o anexo V.
b) Certificación da relación das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados para cada actividade do proxecto, e imputados a ela, conforme o anexo V, debidamente asinada dixitalmente pola persoa representante.
Neste anexo detallaranse os gastos imputados a cada actividade desagregados por cada tipoloxía de gasto descrita no artigo.
As entidades beneficiarias xustificarán os gastos mediante facturas e xustificantes emitidos ao seu nome, conforme os puntos seguintes deste artigo.
c) Copia das facturas ou documentos probatorios de valor equivalente. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e, en particular, cos seguintes requisitos:
1º. Deben desagregarse por conceptos e indicar a actividade ou actividades a que se imputan.
2º. A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
3º. Deberán ir identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra b).
d) Copia do xustificante bancario do pagamento pola entidade beneficiaria en que conste a data de pagamento, o número da factura obxecto de pagamento, o concepto facturado, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. En todo caso, os xustificantes dos pagamentos deberán ir selados pola entidade financeira.
e) Documentación xustificativa dos gastos de persoal, que consistirá en:
1º. Contrato de traballo e vida laboral do período de realización das actividades, correspondentes á persoa contratada, no caso de entidades con persoal propio.
2º. Partes de traballo asinados dixitalmente pola entidade e a persoa traballadora en que consten as horas dedicadas á actividade subvencionada.
f) Relación de persoas asistentes a cada acción, segundo o modelo que figura no anexo VI, no caso de actividades formativas non regradas. Este anexo presentarase debidamente asinado por todas as persoas asistentes (salvo no caso de eventos en liña, que será asinado unicamente polo responsable da entidade), coa finalidade de acreditar a asistencia mínima a que se refire o artigo 3.4.g). Tanto nos eventos presenciais como en que se desenvolvan en liña, a relación de persoas asistentes conterá o nome, os apelidos, os tres últimos díxitos do DNI, a idade, o número de teléfono, a categoría da persoa asistente (persoal prescritor, persoal da industria forestal-madeira, persoal doutras profesións, persoa estudante, público xeral).
Para as actividades divulgativas, tanto as xa realizadas antes da presentación da solicitude, como as que se vaian realizar con posterioridade, será suficiente certificación en que o representante da entidade acredite o número de persoas asistentes, así como a asistencia mínima a que fai referencia o artigo 3.4.g).
g) Informe fotográfico acreditativo do cumprimento das medidas de publicidade e difusión recollidas no artigo 23.b) desta resolución e, no caso de tratarse dun formato en liña nunha actividade formativa non regrada, informe fotográfico coas capturas de pantalla coas persoas claramente identificadas.
h) Copia en formato dixital de todos os documentos xerados durante a execución das actividades como, por exemplo, documentos de difusión, materiais entregados, material docente, material audiovisual, reportaxes fotográficas etc. en que se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citado no artigo 23 destas bases.
i) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para as mesmas actividades incluídas no proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, e declaración de que se manteñen os requisitos para ser persoa beneficiaria, segundo o anexo VIII.
j) Certificación, emitida polo representante legal, onde se faga constar para cada actividade do proxecto obxecto de subvención que foi de carácter gratuíto ou ben indicación a contía total dos ingresos percibidos por cotas de inscrición das persoas participantes, ou doutro tipo, para a realización da devandita actividade.
2. Deberá existir unha clara coherencia entre os gastos xustificados e os obxectivos de cada acción subvencionable.
Os gastos deberán presentarse debidamente desagregados por cada acción formativa non regrada e/ou divulgativa, e xustificaranse os criterios de imputación a esta. Tanto no orzamento como na factura deben estar indubidablemente especificados os conceptos de gasto, o tipo impositivo ou exención, e os réximes especiais, se é o caso.
3. A documentación deberase achegar en formato pdf e é obrigatorio para a súa presentación seguir a estrutura especificada a continuación e nomear cada arquivo segundo a seguinte nomenclatura:
a) No caso do anexo VII:
1_solicitudepago_acronimodaentidadesolicitante.pdf
b) No caso da documentación referida no número 1.a) deste artigo, correspondente co anexo V:
2_xactividades_acronimodaentidadesolicitante.pdf
c) No caso das facturas, presentarase un arquivo por cada actividade, ordenando cada factura e seguidamente o xustificante referido no número 1.d) deste artigo, segundo a seguinte nomenclatura:
2_xactividade1_facturas_acronimodaentidadesolicitante.pdf,
2_xactividade2_facturas_acronimodaentidadesolicitante.pdf,
2_xactividade3_facturas_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.
d) No caso da documentación referida no número 1.f) deste artigo, presentarase un arquivo por cada actividade:
2_xactividade1_asistentes_acronimodaentidadesolicitante.pdf,
2_xactividade2_asistentes_acronimodaentidadesolicitante.pdf,
2_xactividade3_asistentes_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.
e) No caso da documentación referida no número 1.g) deste artigo, presentarase un arquivo por cada actividade:
2_xactividade1_cumprimentos_acronimodaentidadesolicitante.pdf,
2_xactividade2_cumprimentos_acronimodaentidadesolicitante.pdf,
2_xactividade3_cumprimentos_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.
f) No caso da documentación referida no número 1.h) deste artigo, presentarase un arquivo por cada actividade:
2_xactividade1_materiais_acronimodaentidadesolicitante.pdf,
2_xactividade2_materiais_acronimodaentidadesolicitante.pdf,
2_xactividade3_materiais_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.
g) No caso da documentación referida no número 1.e) deste artigo:
3_persoal_acronimodaentidadesolicitante.pdf
h) No caso da documentación referida no apartado 1.i) deste artigo, correspondente co anexo VIII:
4_axudas_acronimodaentidadesolicitante.pdf.
i) No caso da documentación referida no número 1.j) deste artigo:
5_balance_acronimodaentidadesolicitante.pdf.
6_ingresos/gratuito_acronimodaentidadesolicitante.pdf.
Non obstante, a Axencia Galega da Industria Forestal en calquera momento poderá modificar ou completar a devandita codificación.
Artigo 22. Xustificación e pagamento
1. A data límite de xustificación dos traballos establecerase na convocatoria anual, e só serán subvencionables os proxectos que se realicen e cuxo gasto (factura) e pagamento (xustificante de pagamento) se xustifiquen dentro do prazo de execución.
2. Para a primeira anualidade, só se admitirán os gastos (factura e xustificante de pagamento) realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro do ano da convocatoria e a data límite de xustificación da primeira anualidade, establecida na correspondente convocatoria.
Para a segunda anualidade, admitiranse os gastos (factura e pagamento) despois da data límite de xustificación da primeira anualidade e ata a data límite de xustificación da segunda anualidade.
3. Os gastos subvencionables en que incorrera a beneficiaria deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. Os pagamentos non conformes cos prazos previstos na Lei 3/2004 terán a consideración de non subvencionables e suporán unha minoración proporcional da axuda.
4. Para cobrar a subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar electronicamente unha solicitude de pagamento en función das actividades xustificadas mediante o modelo normalizado do anexo VII (Solicitude de pagamento), acompañada da documentación sinalada no artigo 21.
5. As solicitudes de pagamento e a documentación xustificativa da subvención presentaranse no prazo fixado nesta resolución e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2017, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentada esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da axuda e, se for o caso, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, e poderá supoñer a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.
7. Para os efectos da xustificación, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustaranse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente), en que se reflicta o importe da retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade beneficiaria quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez días seguintes ao final dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.
8. En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique mediante documentos bancarios, en que deberán quedar claramente identificadas as entidades receptoras e emisoras dos pagamentos, así como o concepto destes. Non se admitirán pagamentos en efectivo.
9. O órgano instrutor analizará a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento e realización da actividade obxecto de subvención e emitirá unha proposta de pagamento que elevará á Dirección da Axencia, órgano competente para ordenar o pagamento.
10. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e despois da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía concedida como subvención.
11. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria para cada actividade queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada na devandita actividade.
12. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexan debedoras por resolución de procedencia de reintegro.
Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias
1. Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, as seguintes:
a) Realizar as actividades que fundamentan a concesión da subvención.
b) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Axencia Galega da Industria Forestal, segundo o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As medidas de difusión consistirán en lendas relativas ao financiamento público en carteis, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, así como mencións realizadas en medios de comunicación e nas redes sociais, empregados na convocatoria de actividades formativas, nos programas, nos materiais desenvoltos ou en calquera outro documento ou comunicación relativa ás actividades subvencionadas nesta resolución de convocatoria. Deberá mencionarse o financiamento segundo os seguintes termos:
1º. Citarase a Axencia facendo referencia ao seu nome co seguinte formato:
Cofinanciado por: Axencia Galega da Industria Forestal.
2º. En redes sociais, empregarase a ferramenta @ para enlazar correctamente co perfil da Axencia:
Linkedin: Axencia Galega da Industria Forestal (www.linkedin.com/company/xera-axencia-da-industria-forestal)
Facebook: Axencia Galega da Industria Forestal (www.facebook.com/xeraindustriaforestal)
Instagram: www.instagram.com/xera.xunta/
Así mesmo, nas redes sociais empregaranse os cancelos: #GaliciaéMadeira,
#industriaforestalmadeira e #XERAsavia.
3º. Ademais, no caso de actividades que aborden o papel da muller na industria forestal e aquelas en que participe unha muller nun rol principal, tanto nas redes sociais como en todo material de divulgación será obrigatorio utilizar o cancelo: #ElasXeranSector.
4º. En relación cos logotipos empregarase unicamente o da Xunta de Galicia e, en ningún caso, o da Axencia Galega da Industria Forestal.
No caso de que, ademais do logotipo do solicitante e do da Xunta de Galicia, fose preciso incorporar outros, consultarase previamente a esta axencia a disposición que hai que empregar.
O logotipo da Xunta de Galicia e o manual de identidade corporativa coas instrucións para a súa aplicación poden descargarse en:
https://xera.xunta.gal/a-axencia/identidade-corporativa/xunta-de-galicia
Para aquelas actividades para as cales se solicita subvención e que foron realizadas entre o 1 de xaneiro e a data de notificación da resolución de concesión cumprirase, así mesmo, con este deber nas publicacións posteriores que se fagan relativas ás devanditas actividades.
Estas medidas de difusión e publicidade do financiamento público deberán manterse e incluírse en calquera adaptación dos documentos ou materiais desenvolvidos que se realice a posteriori da xustificación.
c) Incluír, en todo material ou documentación elaborada co apoio desta convocatoria, o seguinte texto: «O apoio da Axencia Galega da Industria Forestal para a elaboración desta publicación non implica a aceptación dos seus contidos, que serán responsabilidade exclusiva dos seus autores. Polo tanto, a Axencia Galega da Industria Forestal non é responsable do uso que poida facerse da información aquí difundida».
No caso de documentación impresa, este requisito será de aplicación para as publicacións posteriores a esta resolución.
No caso de documentación dixital, este requisito será de aplicación para as publicacións posteriores a esta resolución e, sempre que sexa posible, editaranse as publicacións anteriores para incorporar o devandito texto.
d) Comunicar previamente a realización de actividades formativas para as cales se concedeu a subvención (excluíndo aquelas que xa fosen realizadas con anterioridade á notificación da resolución de concesión), cos prazos establecidos no artigo 19.3.
e) Velar polo cumprimento da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais, e informar as persoas interesadas da cesión de datos persoais e material gráfico á Axencia Galega da Industria Forestal.
f) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.
g) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e a realizar a proposta de pagamento da subvención.
h) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e deberes asumidos polas entidades beneficiarias. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
i) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionables para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 5 desta resolución. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
j) A persoa beneficiaria deberá manter os requisitos que condicionaron a obtención da axuda e as condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes ata a data de solicitude do pagamento final da axuda.
k) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Salvo que non proceda polo tipo de entidade, as entidades beneficiarias teñen o deber de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.
l) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
m) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión, para o que presentará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
n) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como atoparse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda do dereito á axuda.
Artigo 24. Reintegro e perda de dereito ao cobramento da axuda
1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.
2. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 40 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o devandito incumprimento é total.
3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo primeiro, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Son causas de perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, de reintegro as seguintes:
a) A falsificación, inexactitude ou omisión dos datos achegados pola entidade beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.
b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.
c) O incumprimento do deber de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.
d) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
e) A obtención de financiamento de distintas orixes ou concorrencia de subvencións por encima do custo das actividades subvencionadas.
f) Calquera das demais causas previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectivo, se é o caso, o reintegro das cantidades pagadas será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 25. Réxime sancionador
Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 26. Fiscalización e control
1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Axencia Galega da Industria Forestal levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das actuacións.
2. Para realizar as devanditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.
3. A Axencia Galega da Industria Forestal poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para a finalidade da convocatoria e, para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir os deberes de comprobación que se establezan nesta resolución e na resolución de concesión.
4. As entidades beneficiarias quedarán sometidas ás actuacións de control que realice a Axencia Galega da Industria Forestal para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas asumidas en virtude desta resolución, así como das condicións establecidas na resolución de concesión, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 27. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 28. Definicións
1. Solicitude: conxunto de anexos e documentación complementaria necesarios para tramitar a petición de axuda para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación.
2. Proxecto: conxunto de actuacións propostas recollidas nunha mesma solicitude.
3. Actividade: cada unha das actuacións propostas, ben sexan másters, cursos, xornadas, seminarios, charlas, visitas… que no seu conxunto conforman un proxecto.
4. Edición: cada unha das repeticións dunha mesma actividade, ben sexa porque se organiza nunha localidade diferente ou porque se repite noutra data.
5. Tipo de actividade: formativa ou divulgativa segundo as temáticas específicas recollidas no artigo 3.
6. Modalidade da actividade:
6.1. Modalidade presencial: cando as persoas asistentes se reúnen nun lugar determinado.
6.2. Modalidade en liña: cando a actividade se desenvolve a través dunha rede de telecomunicacións que permite a varias persoas interlocutoras verse, oírse e compartir información en directo.
6.3. Modalidade mixta: cando, simultaneamente, participa un número de persoas asistentes en modo presencial e outra parte en modalidade en liña.
6.4. Modalidade sen participación directa: cando, no caso de actividades de divulgación, o público obxectivo non se convoca nun momento determinado, como pode ser o caso das campañas de divulgación, os folletos ou os contos.
Artigo 29. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN501A, poderase obter información adicional na Axencia Galega da Industria Forestal, a través dos seguintes medios:
a) Na páxina web oficial da Axencia Galega da Industria Forestal: https://xera.xunta.gal, na cal atopará esta convocatoria.
b) No teléfono 881 99 54 76.
c) No enderezo electrónico: xera.cei@xunta.gal
d) En https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
CAPÍTULO II
Convocatoria de axudas para o ano 2025
Artigo 30. Convocatoria
Convócanse para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas reguladas por esta resolución. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas con carácter xeral nos artigos anteriores.
Artigo 31. Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 32. Prazo de xustificación
1. O prazo de xustificación será para a anualidade de 2025, ata o 15 de decembro de 2025 inclusive e, para a anualidade de 2026, ata o 15 de xuño de 2026.
2. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder unha ampliación do prazo de xustificación e de execución establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, un (1) mes antes de que acabe o prazo de xustificación. Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación
Artigo 33. Financiamento
1. As axudas financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.A4.741A.444.0 e 09.A4.741A.481.0 no código de proxecto 2018 00005. O orzamento destinado a esta convocatoria do exercicio contable 2025 é de 200.000 euros e de 300.000 euros para o exercicio contable 2026.
|
Aplicación orzamentaria |
Código de proxecto |
Orzamento 2025 |
Orzamento 2026 |
Orzamento |
|
09.A4.741A.444.0 |
2018 00005 |
47.716,25 € |
22.283,75 € |
70.000 € |
|
09.A4.741A.481.0 |
2018 00005 |
152.283,75 € |
277.716,25 € |
430.000 € |
|
200.000,00 € |
300.000,00 € |
500.000,00 € |
||
2. A Axencia Galega da Industria Forestal poderá aumentar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:
a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
3. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, despois da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
4. A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse segundo a evolución da concesión de axudas á vista das solicitudes recibidas, sempre sen incrementar o crédito total.
Disposición adicional primeira. Outras regulamentacións
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Disposición derradeira primeira
Facúltase a Axencia Galega da Industria Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta resolución.
Disposición derradeira segunda
Esta resolución terá efectos ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2025
Alfredo Fernández Ríos
Director da Axencia Galega da Industria Forestal
