DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Xoves, 28 de agosto de 2025 Páx. 47047

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 14 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e actividades de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia (código de procedemento IN501A).

BDNS (Identif.): 853282.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/853282

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela:

a) Asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira.

b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira.

c) Colexios profesionais vinculados ás titulacións de Enxeñaría de Montes e/ou Enxeñaría Técnica Forestal, e outros colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias en materia de construción en madeira e teñan cabida nas competencias profesionais dos colexiados do devandito colexio.

d) Centros universitarios, cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias profesionais en materia de construción en madeira.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día nos deberes referidos ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser o caso.

b) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación desta resolución.

e) Acreditar o cumprimento dos prazos de pagamento que se estipulan na Lei 3/2004, de 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para axudas de importe superior a 30.000 euros e cando as entidades solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Segundo. Obxecto

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos realizados polas entidades beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución que integren actividades de carácter formativo non regrado, así como actividades de carácter divulgativo que promovan a industria forestal-madeira de Galicia como unha industria estratéxica e de futuro.

2. As persoas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta resolución. Os proxectos poderán incluír actividades independentes, tanto para a organización de accións formativas non regradas como accións de divulgación.

No caso de que se presentasen dous o máis proxectos tería prioridade o último presentado dentro do prazo.

3. Para os efectos desta resolución, serán subvencionables as seguintes actividades:

a) Organización de actividades formativas non regradas de carácter específico, tales como másters ou cursos relacionados coa industria forestal-madeira. En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

1º. Habilidades e coñecementos na execución de aproveitamentos madeireiros, na execución de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina e a castaña, en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.

2º. Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como do coñecemento dos procesos industriais de serra, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.

3º. Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, procesos de acabamento, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.

4º. Incorporación do ecodeseño como ferramenta de diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintaría e o moble.

5º. Coñecemento sobre materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións, a circularidade dos produtos madeireiros e forestais non madeireiros, así como un uso en serie.

6º. Competencias profesionais en materia de construción en madeira, incluíndo o uso de bases de datos de construción sustentable.

7º. Competencias profesionais para a elaboración de declaracións ambientais de produto (DAP) ou análises de ciclo de vida (ACV).

8º. Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais.

b) Organización de actividades formativas non regradas de carácter transversal, tales como másters ou cursos relacionados coa industria forestal-madeira. Subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

1º. Seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor da industria forestal-madeira que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a aprendizaxe permanente (lifelong learning) neste ámbito. Queda excluída a formación centrada especificamente nos postos de traballo ou funcións de cada traballador, así como a adaptación desta á aparición de novos riscos.

2º. Competencias para o manexo de software e TIC no ámbito da industria forestal-madeira.

3º. Habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing, incluída formación en clave de xénero, así como de detección e aplicación de protocolos en materia de acoso na contorna laboral.

4º. Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira (entre outros, mediante tecnoloxía blockchain).

c) Organización de actividades de divulgación: xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas instrutivas en colexios, universidades ou outros centros, ou en xeral calquera formato de divulgación sobre a industria forestal-madeira. A protagonista indubidable das actividades de divulgación será a industria forestal-madeira e a súa cadea de valor, quedando excluídos outros usos ou labores vencellados ao monte.

Subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

1º. Difusión das vantaxes ambientais do uso da madeira e da súa contribución á sustentabilidade e a economía circular, así como das ferramentas que facilitan a súa cuantificación e comunicación: análise de ciclo de vida, ecodeseño, etiquetaxes ambientais etc.

2º. Novos usos da madeira na construción.

3º. Materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións.

4º. Necesidade de certificación (PEFC e FSC) da xestión forestal, implantación da cadea de custodia e dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira.

5º. Nova demanda de produtos madeireiros ou baseados en madeira.

6º. O papel da muller na industria forestal-madeira: perfís profesionais, impacto e impulso de novas vocacións.

7º. Calquera das temáticas recollidas nos números 3.a) e 3.b) deste artigo.

4. As actividades deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Deben executarse dentro do prazo de xustificación recollido na convocatoria.

c) As actividades de carácter formativo non regradas deben estar orientadas a profesionais da industria forestal-madeira (incluídas persoas prescritoras e instaladoras en madeira), así como a estudantes de formación profesional e estudantes universitarios vencellados ao ámbito forestal-madeira ou recentemente titulados nos ditos estudos. O cumprimento do alumnado mínimo establecido no número 4.g) deste artigo debe ter ese perfil sen prexuízo de que a maiores asistan persoas que non sexan profesionais en activo. En ningún caso se poderá restrinxir a inscrición nas actividades solicitadas a persoal, alumnado ou persoas asociadas da entidade beneficiaria.

d) As actividades terán unha duración mínima de 8 horas lectivas.

e) As actividades formativas poderán realizarse exclusivamente en formato presencial, en liña ou mixto.

f) Só no caso de actividades de divulgación, en que o público obxectivo non se convoca nun momento determinado, como pode ser o caso das campañas de divulgación, os folletos, contos..., se permitirá a modalidade sen participación directa.

g) A asistencia mínima requirida ás actividades formativas será:

– No caso de actividades formativas non regradas, serán subvencionables os gastos correspondentes ás actividades en que se acredite a asistencia mínima de 10 persoas, sempre e cando esas 10 persoas acrediten unha asistencia de polo menos o 80 % da duración da actividade.

– No caso de actividades divulgativas, excepto aquelas que teñan un carácter exclusivamente de difusión por medios audiovisuais, serán subvencionables os gastos correspondentes coa condición de que se acredite a asistencia mínima de 20 persoas.

O control da asistencia realizarase da seguinte forma:

a.1) Actividades formativas non regradas organizadas en formato presencial: a entidade solicitante deberá levar un control diario da asistencia, que será asinado polo alumnado á hora de entrada e saída, así como pola persoa representante da entidade conforme o anexo VI, sen prexuízo do disposto no artigo 21.1.f) para o caso de actividades xa realizadas na data de presentación da solicitude.

a.2) Actividades formativas non regradas organizadas en formato en liña ou mixto, que utilicen outras plataformas de videoconferencia: o alumnado non terá que asinar o control de asistencia, aínda que o devandito documento será redactado e asinado igualmente pola persoa representante da entidade solicitante conforme o anexo VI. Ademais, será obrigatorio achegar capturas de pantalla en que se identifiquen claramente as persoas participantes.

b) Para as actividades divulgativas, tales como xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas a colexios, universidades ou outros centros, ou en xeral calquera acción de divulgación sobre a industria forestal-madeira, será suficiente unha certificación da persoa representante da entidade solicitante, acompañada, de ser o caso, dos datos de inscrición na actividade, conforme o anexo VI.

c) En todos os casos, o anexo VI entregarase en formato pdf e en formato folla de cálculo e acompañarase dos informes fotográficos acreditativos do cumprimento das medidas de publicidade e difusión, establecidos no artigo 21.1.g).

Terceiro. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.

2. A axuda de cada actividade formativa incrementarase nun 15 % para a realización de actividades de divulgación.

3. Ao orzamento da primeira actividade formativa concedida engadiráselle o orzamento da totalidade das actividades de divulgación, coas seguintes consideracións: a) que a entidade teña solicitado actividades de divulgación, b) que as actividades divulgativas solicitadas sexan subvencionables e c) que o importe da axuda das actividades de divulgación non sexa superior ao 15 % do importe total subvencionable de todas as actividades formativas solicitadas.

4. Un proxecto presentado por un solicitante poderá conter actividades de formación que superen a puntuación necesaria para obter financiamento e outras que non reciban financiamento. Un proxecto que non conte polo menos cunha actividade formativa que supere a puntuación necesaria para obter financiamentos non poderá recibir financiamento para actividades divulgativas.

5. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro do ano da convocatoria e a data de xustificación recollida nela. Para os efectos desta resolución, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior á data de xustificación por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables.

6. Para aqueles gastos non asumidos con medios propios do beneficiario e o importe do dito gasto subvencionable supere os 15.000 euros, IVE excluído, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores asinadas dixitalmente, con carácter previo á contratación da prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado número suficiente de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Os orzamentos e facturas presentados deben desagregar cada un dos conceptos obxecto de subvención e indicar indubidablemente a actividade á cal se corresponden.

7. O custo máximo subvencionable de cada actividade formativa non regrada será de 300 euros por cada hora lectiva. Establécense as seguintes excepcións, en que o custo máximo subvencionable de cada actividade será de 500 euros por cada hora lectiva:

– Actividades encadradas no número 3.a).1º do artigo anterior, en que a duración da formación práctica empregando maquinaria forestal pesada sexa superior ao 50 % da duración da actividade.

– Actividades encadradas no número 3.a).5º do artigo anterior, en que a duración da formación práctica con emprego de medios auxiliares, maquinaria, ferramenta ou materiais construtivos sexa superior ao 50 % da duración da actividade.

En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

8. Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente e estean directamente relacionados coa actividade subvencionada. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

9. Serán subvencionables os custos directos asociados á realización da actividade. Só se considerarán custos directos os seguintes:

1º. Recursos humanos:

i) Custos de persoal propio dedicado á preparación ou á execución da actividade: o gasto subvencionable calcularase atendendo á duración efectiva da actividade formativa ou de divulgación.

ii) Custos de contratación de relatores, excluídos os gastos por desprazamento, aloxamento e mantemento.

2º. Gastos por aloxamento, mantemento e desprazamento. As contías por estes conceptos non superarán os límites exceptuados de gravame segundo o artigo 9 do Real decreto 439/2007, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a renda das persoas físicas, e a Orde HFP/792/2023, do 12 de xullo, pola que se revisa a contía das axudas de custo e asignacións para gastos de locomoción no imposto sobre a renda das persoas físicas.

3º. Gastos correspondentes á elaboración de documentación e materiais didácticos, así como á edición de presentacións ou publicacións.

4º. Os gastos de alugueiro de edificios, locais, medios audiovisuais e demais materiais que se precisen para realizar as actividades.

5º. Gastos de publicidade para a organización e difusión das actividades subvencionables.

6º. Gastos correspondentes a seguros de responsabilidade civil ou accidentes, cando as especiais características da actividade así o requiran.

7º. Gastos de materiais naqueles casos en que resulte imprescindible para a realización da actividade. Ao final da formación, a entidade beneficiaria poñerá os devanditos materiais resultantes ao dispor da Axencia Galega da Industria Forestal, que decidirá o seu destino.

10. Os seguintes conceptos non serán subvencionables:

a) Os custos indirectos, tales como auga, luz, electricidade etc.

b) O desenvolvemento ou o mantemento de páxinas web nin de redes sociais.

c) A adquisición de maquinaria.

d) Os gastos realizados en concepto de arrendamento financeiro (leasing), renting ou sistemas similares.

e) Os gastos correspondentes ao mantemento das persoas asistentes ás actividades tales como servizos de comida, excepto os custos correspondentes á pausa-café.

f) A publicidade corporativa ou aquelas accións dirixidas a captar persoas afiliadas ou asociadas.

11. No caso de que se obteñan ingresos pola realización das actividades, o gasto subvencionable calcularase minorando o custo real da actividade polos ingresos netos efectivamente percibidos por esta. Entenderase por ingresos netos aqueles ingresos unha vez detraídos os custos indirectos de aplicación.

12. Así mesmo, deberá respectarse o disposto no artigo 5 sobre compatibilidade e concorrencia con outras axudas.

Cuarto. Contía

1. As axudas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Aplicación

orzamentaria

Código de proxecto

Orzamento

2025

Orzamento

2026

Orzamento

09.A4.741A.444.0

2018 00005

47.716,25 €

22.283,75 €

70.000 €

09.A4.741A.481.0

2018 00005

152.283,75 €

277.716,25 €

430.000 €

200.000,00 €

300.000,00 €

500.000,00 €

1. A intensidade máxima da axuda será do 100 % do investimento total subvencionable tanto para as actividades formativas non regradas como para as actividades divulgativas, ata unha axuda máxima de 70.000 euros por entidade beneficiaria.

2. O apoio a unha actividade formativa implicará o apoio a toda a proposta de actividades de carácter divulgativo, coas seguintes consideracións: a) que a entidade teña solicitado actividades de divulgación, b) que as actividades divulgativas solicitadas sexan subvencionables e c) que o importe da axuda das actividades de divulgación non sexa superior ao 15 % do importe total subvencionable de todas as actividades formativas solicitadas.

3. O importe máximo das axudas deberá respectar os límites que se establecen nesta resolución.

4. As axudas reguladas por esta resolución serán compatibles con calquera outra clase de subvencións, axudas ou ingresos obtidos para a mesma finalidade.

5. O importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta resolución non poderá ser tal que, illadamente ou en concorrencia con outros ingresos obtidos para a mesma finalidade, coas axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria, en que se incluirán todos os custos directamente derivados dela.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2025

Alfredo Fernández Ríos
Director da Axencia Galega da Industria Forestal