I
A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia plena para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución española e nas leis orgánicas que a desenvolven, de conformidade co artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia.
A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu título III, capítulos III e IV, referidos á formación e ao recoñecemento, apoio e valoración do profesorado, establece que a formación permanente constitúe un dereito e un deber de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros. Así mesmo, establece que as administracións educativas planificarán as actividades de formación do profesorado, garantirán unha oferta diversificada e gratuíta e promoverán as medidas de conciliación e corresponsabilidade oportunas para favorecer a participación do profesorado nelas.
Establece, tamén, que os programas de formación permanente deberán considerar a adecuación dos coñecementos e métodos á evolución das ciencias e das didácticas específicas, así como todos aqueles aspectos de coordinación, orientación, titoría, educación inclusiva, atención á diversidade e organización encamiñados a mellorar a calidade do ensino e o funcionamento dos centros. Así mesmo, deberán incluír formación específica en materia de igualdade de xénero, formación específica en prevención, detección e actuación fronte á violencia contra a infancia. Tamén concreta a obriga das administracións educativas de promover a utilización das tecnoloxías da información e da comunicación e a formación tanto en dixitalización como en linguas estranxeiras de todo o profesorado, independentemente da súa especialidade, establecendo programas específicos de formación nestes ámbitos. Igualmente, correspóndelles fomentar programas de investigación e innovación, impulsando o traballo colaborativo e as redes profesionais e de centros para o fomento da formación, a autoavaliación e a mellora da actividade docente. Esta formación terá presente a realidade sociocultural e lingüística galega e tratará de incidir na normalización lingüística seguindo as recomendacións do Consello da Unión Europea para as linguas minorizadas.
II
A formación permanente é esencial en calquera profesión, xa que se vincula de forma directa cos procesos de innovación e mellora institucional. Na docencia é especialmente importante debido aos constantes cambios nas condicións sociais, culturais e educativas. Así, a formación permanente non só é unha facultade, senón unha obriga para asegurar a competencia docente e a actualización do sistema educativo segundo as necesidades da sociedade.
A formación permanente é, por tanto, un proceso continuo e dinámico que busca garantir que as persoas docentes poidan proporcionar unha educación de calidade, inclusiva e equitativa, que forme cidadáns competentes e comprometidos coa súa contorna. O modelo de formación galego promove un desenvolvemento profesional integral para as persoas docentes. Desta maneira, asegúrase que o profesorado estea capacitado para afrontar os retos educativos e contribuír de maneira significativa ao desenvolvemento integral dos/das estudantes.
No contexto educativo actual, tanto a nivel estatal como europeo e mundial, estase a traballar no desenvolvemento dun marco da formación permanente que lles permita actualizar a súa práctica profesional a través de diferentes procesos formativos en que a observación, o diálogo e o traballo en equipo sexan vías imprescindibles para unha mellora permanente. Neste senso, faise necesario abordar unha revisión en profundidade dos modelos actuais de formación e innovación establecendo un marco común e claro para o desenvolvemento profesional docente, actualizado e adaptado ao actual contexto histórico, social e educativo en que nos atopamos de competencias clave en que se engloban os coñecementos, capacidades e actitudes necesarias para proporcionar unha educación permanente e de calidade para todos e todas.
Neste sentido, existen varios referentes como a recomendación do Consello da Unión Europea de 2018 que establece as competencias clave para a aprendizaxe permanente, e inclúe distintas propostas para o apoio ao persoal docente no proceso de integración do sistema competencial na súa práctica diaria; os obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030, que teñen como principal misión a procura dunha Educación para todos onde prime a adquisición de competencias para o traballo, a promoción da inclusión e da igualdade xunto coa da aprendizaxe para a cidadanía mundial ao longo de toda a vida, e a nova normativa educativa estatal e autonómica que establece un novo modelo de currículo en liña coa adquisición de competencias e que vén definido pola súa flexibilidade, inclusión e atención á diversidade.
Por outra banda, a realidade sociolingüística de Galicia fai necesario que a formación permanente do profesorado considere a promoción e potenciación do galego como lingua vehicular de aprendizaxe e comunicación nos centros educativos, favorecendo a súa presenza en todos os ámbitos da vida escolar. Neste sentido, a formación docente debe contribuír á normalización do galego, garantindo a capacitación lingüística e didáctica do profesorado para o uso da lingua galega en todas as áreas do coñecemento.
Así, o traballo desenvolto ao longo dos anos anteriores en que estivo en vigor o Decreto 74/2011, do 14 de abril, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, e tomando como referente o Marco de competencias profesionais de Galicia de 2015, actualizado en 2023, permitiu establecer unha estrutura formativa adecuada aos retos do momento e marcar as principais liñas e os principios xerais que orientaron a formación do profesorado, a súa programación, coordinación e avaliación en todo este período. O sistema educativo ten un papel de máxima relevancia na adquisición das competencias necesarias para que a cidadanía poida participar na vida social, económica e civil.
A formación continua do profesorado é un alicerce esencial para garantir a calidade educativa nun mundo en constante transformación. As redes de formación deben cumprir esta misión de maneira efectiva e por iso é importante que o persoal que as integra se renove periodicamente, atendendo ao dinamismo propio de calquera organización e ás demandas de actualización pedagóxica e tecnolóxica que exixe o contexto actual.
Isto fomentará un ambiente de aprendizaxe continua dentro da rede mesma e axudará a manter un equilibrio entre a experiencia acumulada e a innovación.
A proposta de renovación da rede que se expón é unha oportunidade para fortalecer a súa relevancia, impacto e adaptabilidade, asegurando que se manteña aliñada coas necesidades actuais dos e das docentes, potenciando a súa capacidade de responder aos retos da educación do século XXI.
A análise desta realidade docente, parella aos cambios desenvoltos na sociedade actual, condiciona a presenza e necesidade dun desenvolvemento axeitado das competencias dixitais en todos os ámbitos da vida. Esta necesidade é especialmente relevante no marco educativo, no cal as experiencias e aprendizaxes obtidas na última década, guiadas pola procura da saúde e benestar, pola sustentabilidade e pola inclusión como base de calquera metodoloxía de traballo, e pola internacionalización para o desenvolvemento dunha cidadanía activa e responsable, aconsellaron a actualización recente do modelo de competencias profesionais docentes de Galicia para afrontar os novos retos e recomendacións da formación docente. Así mesmo, a implementación de diferentes estratexias da Xunta implica afrontar novos programas formativos.
En todos os países da Unión Europa a formación do persoal docente atende ás novas realidades que xorden como consecuencia da sociedade da aprendizaxe do século XXI, caracterizada pola globalización, a interculturalidade e o uso intensivo das tecnoloxías da información e da comunicación en todos os ámbitos. Por todo o anterior faise necesaria unha actualización da normativa vixente para avanzar de forma segura e eficiente nun modelo de formación que pode concretarse nos seguintes aspectos:
a) Nunha mellora da calidade da educación, ao establecer unha serie de competencias que as persoas docentes deben posuír e desenvolver para seren eficientes no seu labor.
b) Nunha maior claridade e transparencia nos requisitos profesionais, pois axuda aos e ás docentes a entender mellor que se espera deles e a identificar as áreas de mellora. Por outra banda, sérvelle á Administración no labor de identificar as áreas en que o profesorado pode precisar formación adicional.
c) Nunha mellora da eficiencia da formación, xa que ao establecer un marco común de competencias profesionais pódense deseñar programas de formación máis efectivos e eficientes que axuden o persoal docente a desenvolver as competencias necesarias.
d) E, finalmente, nun fomento da innovación e da mellora continua, dado que a existencia dun modelo de competencias profesionais docentes fomenta a aprendizaxe permanente ao establecer un marco para a avaliación e o desenvolvemento profesional. Isto posibilitará que as persoas docentes sexan quen de adaptarse aos cambios na educación e ás necesidades do alumnado.
Este decreto regula un modelo de formación permanente con vocación de mellora, pensamento innovador e edificado sobre a traxectoria e o traballo realizado en anos anteriores. Ten carácter proactivo, con intención de anticiparse aos continuos cambios, cada vez máis rápidos, que se dan na sociedade e de responder ás novas necesidades e demandas a que se expoñen o sistema educativo e os seus profesionais.
É unha resposta dinámica e flexible ás exixencias do sistema educativo nas mellores condicións de prazo e calidade. Para artellar esta resposta, concédese un especial protagonismo aos centros educativos para os cales se desenvolve un sistema estruturado de apoio e aos cales se considera o núcleo central da acción formativa do profesorado.
III
Este decreto estrutúrase en cinco capítulos, referidos a disposicións xerais, estratexias para a formación permanente do profesorado, a súa estrutura e organización, planificación e avaliación, a colaboración con outras institucións, e a certificación e rexistro da formación permanente do profesorado, ademais de contar con dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria única, unha disposición derrogatoria única e dúas disposicións derradeiras.
IV
Este decreto respecta os principios da boa regulación establecidos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, así como os principios establecidos no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
No que se refire ao principio de necesidade, este decreto ten por obxecto adaptar a normativa ás modificacións introducidas pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que desenvolve no seu articulado a relevancia da formación do profesorado en relación coa mellora das competencias docentes.
Así mesmo, este decreto respecta os principios de eficacia, pois resulta o instrumento máis axeitado ao responder con flexibilidade aos intereses, expectativas e aspiracións de formación permanente do profesorado; tamén o principio de proporcionalidade, xa que a norma contén a regulación imprescindible para a consecución dos obxectivos anteriormente mencionados, á vez que non supón restrición ningunha de dereitos nin implica unha regulación profesional. Conforme o principio de seguridade xurídica, resulta coherente co ordenamento xurídico, completando a normativa en materia de formación de profesorado da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, e das recomendacións internacionais.
Cumpre tamén cos principios de transparencia e accesibilidade, que se garantiron a través da consulta pública previa e da exposición do proxecto no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 41 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, respéctanse os principios de eficiencia e simplicidade, xa que a norma está fundamentada na actualización acorde cos requirimentos socioeducativos actuais.
No proceso de elaboración, este decreto someteuse a informe económico-financeiro da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico da Consellería de Facenda e Administración Pública, informe de impacto por razón de xénero da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade e informe de análise do impacto demográfico pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Igualdade, así como informe da Asesoría Xurídica. Así mesmo, someteuse a ditame do Consello Escolar de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día catro de agosto de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e definicións
1. Este decreto ten por obxecto regular o modelo de formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas non universitarias establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a partir do segundo ciclo de infantil, en centros educativos sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Considérase formación permanente o conxunto de actuacións e actividades, dirixidas ao profesorado de ensino non universitario, que promoven a súa actualización, así como o perfeccionamento e a mellora continua das súas competencias profesionais para o desempeño das súas funcións docentes.
3. A formación permanente do profesorado é un dereito e un deber do profesorado e dos centros educativos e unha responsabilidade da Administración educativa, que planificará as actividades de formación permanente do profesorado, garantirá unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades e establecerá as medidas oportunas para favorecer a participación do profesorado nelas.
Artigo 2. Persoas destinatarias e ámbito de aplicación
1. Este decreto será de aplicación ao profesorado das ensinanzas non universitarias, en activo ou en situacións asimiladas en centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes da consellería con competencia en materia de educación, aos servizos técnicos de apoio ao profesorado e á Inspección educativa, e ao persoal docente de centros educativos dependentes doutras consellerías e das deputacións provinciais.
2. A consellería competente en materia de educación determinará a participación doutros destinatarios, sempre que estes reúnan os requisitos legalmente establecidos para exercer a profesión docente, e só para as modalidades de formación denominadas «curso» e «congreso» a que se refire o artigo 9 deste decreto.
3. Así mesmo, a consellería competente en materia de educación poderá permitir a participación ou organizar actividades específicas, dirixidas a outros membros da comunidade educativa, co fin de poder contribuír ao logro do modelo de escola aberta e participativa.
Artigo 3. Finalidade
1. A finalidade da formación permanente é a de promover o desenvolvemento profesional do profesorado para contribuír á mellora da calidade da educación, conxugando a súa necesaria actualización para facer fronte ás novas necesidades e demandas da sociedade actual, coa resposta que se deberá dar ás súas expectativas de mellora no exercicio profesional, aprendizaxe, promoción e satisfacción laboral.
2. En última instancia, a formación permanente do profesorado debe ir encamiñada cara á práctica e á actividade educativa como elemento chave para a mellora da educación do alumnado.
Artigo 4. Principios
A formación permanente do profesorado defínese a través dos seguintes principios:
a) Recoñecemento da formación como unha estratexia clave no proceso de dignificación do rol de docente, así como do seu prestixio e recoñecemento social, apoiando o seu desempeño e facilitando a actualización permanente das súas competencias e recoñecendo a complexidade e mérito da súa tarefa.
b) Consideración do centro docente e o seu profesorado como o verdadeiro protagonista da formación, que se desenvolverá mediante plans de formación permanente do profesorado de centros, de equipos e persoais.
c) Formación vinculada ao desenvolvemento das funcións docentes, formulando unha formación e unha avaliación baseadas nun modelo de competencias profesionais que debe desenvolver o profesorado.
d) Contidos formativos determinados polas necesidades do sistema educativo, polo proxecto educativo do centro e pola cualificación profesional e persoal do profesorado.
e) Colaboración de entidades e institucións de recoñecido prestixio en materia de innovación, investigación e formación do profesorado que potencien a transferencia de coñecemento e a especialización en materia de formación profesional.
f) Proxección directa da formación na práctica docente, na educación do alumnado e no funcionamento dos centros, para contribuír á mellora da calidade educativa e ao éxito educativo do alumnado.
g) Fomento da investigación e da innovación educativa, así como da avaliación da formación baseada nos principios básicos de xestión de calidade, procura da excelencia e mellora constante, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da consellería competentes en materia de educación.
Artigo 5. Obxectivos
Son obxectivos da formación permanente do profesorado os seguintes:
a) Preparar o profesorado para afrontar os novos retos educativos e os cambios que trae consigo a sociedade actual.
b) Achegar a formación permanente aos centros, contando con diferentes niveis de planificación e xestión, así como reforzar a formación práctica.
c) Incorporar aos contidos da formación a actualización científica e didáctica, a innovación e investigación metodolóxica, os coñecementos, competencias profesionais e destrezas específicas.
d) Desenvolver a interrelación, coordinación e coherencia entre a formación do profesorado, a innovación, a investigación, a avaliación para a mellora e as actuacións de éxito educativo, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da consellería competentes en materia de innovación educativa.
e) Achegar e facilitar o acceso á formación, centrando as actuacións a nivel de centro, potenciando a formación a distancia con procedementos telemáticos, flexibilizando e diversificando as modalidades de formación.
f) Impulsar a creación de redes de profesorado mediante o traballo colaborativo para intercambiar experiencias e difundir boas prácticas educativas.
g) Contribuír ao éxito educativo do alumnado mellorando os seus resultados escolares e favorecendo o seu desenvolvemento integral.
h) Promover e normalizar o uso do galego na práctica docente a través de programas de formación lingüística e metodolóxica que aseguren a súa integración en todas as áreas do currículo e favorezan a adquisición de competencias profesionais na didáctica da lingua.
i) Promover a formación en igualdade nos termos legalmente previstos, deseñando e implementando accións formativas que incorporen a perspectiva de xénero e a non discriminación, fomenten o respecto pola diversidade e garantan a aplicación das disposicións legais vixentes, co obxectivo de acadar un ambiente educativo máis equitativo e inclusivo.
j) Promover a formación específica en prevención, detección e actuación fronte á violencia contra a infancia.
CAPÍTULO II
Estratexias para a formación permanente do profesorado
Artigo 6. Vías de formación
A formación permanente do profesorado realizarase mediante as seguintes vías de formación:
a) A oferta propia da consellería responsable en materia de educación, realizada polos centros responsables da súa execución, en atención ás necesidades institucionais do Sistema educativo de Galicia, dos centros e de carácter profesional do profesorado.
b) A oferta realizada en colaboración con outras entidades colaboradoras.
c) As iniciativas individuais de formación, que poderán contar cun sistema de axudas económicas, recoñecementos e licenzas por estudos para a súa realización.
d) Calquera outra que en atención ás circunstancias poida establecer a consellería competente en materia de educación.
Artigo 7. Planificación da formación
1. A formación permanente do profesorado en Galicia responderá a un proceso sistemático e planificado. A planificación da formación permanente do profesorado realizarase a través do plan estratéxico, dos plans anuais de actuación da rede de formación e dos plans anuais de formación do profesorado.
2. O plan estratéxico terá unha vixencia de catro cursos escolares. Neste plan estableceranse as directrices de organización e coordinación, as liñas básicas de formación e os obxectivos para o período cuadrienal e a súa concreción en obxectivos anuais. Na súa elaboración teranse en conta o modelo de competencias profesionais docentes de Galicia, as prioridades formativas dos plans e programas da consellería competente en materia de educación, as directrices elaboradas polo órgano superior ou de dirección competente na formación permanente do profesorado, as necesidades de formación detectadas polos órganos competentes na formación permanente e as propostas realizadas polo profesorado.
3. Os plans anuais de actuación da rede de formación seguirán as directrices de organización e coordinación definidas no plan estratéxico e desenvolverán os obxectivos anuais de traballo da rede de formación mediante un modelo de xestión da calidade, que teña definidos os principais procesos de formación, asesoramento e acompañamento aos centros e ao profesorado do seu ámbito.
4. Nos plans anuais de formación do profesorado desenvolveranse os obxectivos anuais a través de medidas e accións concretas. Para estes efectos, recollerán o deseño e desenvolvemento do total das actividades ofertadas para un curso académico e poderán incluír plans específicos de formación para distintos colectivos de profesorado.
5. O plan estratéxico e os plans anuais de actuación da rede de formación e os de formación do profesorado serán aprobados polo órgano superior ou das direccións competentes en formación permanente do profesorado.
Artigo 8. Mecanismos de organización da formación
1. As accións formativas, nas súas distintas modalidades, están integradas en itinerarios formativos. Organízanse en coherencia co desenvolvemento do modelo competencial, para responder de maneira adecuada ás necesidades de desenvolvemento profesional do profesorado e ás demandas institucionais dos centros e da Administración educativa.
2. A súa proxección temporal poderá ser:
a) Organización anual:
1º. Actividades de traballo grupal de colectivos docentes.
2º. Actividades de participación individual de formación.
b) Organización plurianual:
1º. Plans de formación permanente do profesorado de centro, contextualizados no centro educativo e nas súas especificidades.
2º. Comunidades de observación e aprendizaxe, contextualizadas arredor de colectivos docentes específicos reunidos cun fin formativo concreto.
3º. A consellería competente en materia de educación poderá establecer calquera outro mecanismo de organización da oferta formativa en atención ás circunstancias.
Artigo 9. Modalidades de formación
1. As actividades formativas clasifícanse nas seguintes modalidades de formación:
a) Cursos: é a modalidade de formación que aborda contidos a partir das achegas de especialistas.
b) Seminarios: é unha modalidade formativa baseada no traballo colaborativo que ten como finalidade xerar coñecemento a partir da reflexión conxunta.
c) Grupos de traballo: é unha modalidade formativa baseada no traballo colaborativo que ten por obxecto a elaboración ou a análise de proxectos e materiais curriculares, así como a súa experimentación, centrados nas diversas situacións educativas.
d) Congresos: é unha modalidade formativa de carácter puntual cuxo principal obxectivo é difundir contidos sobre un tema monográfico previamente fixado.
e) Proxectos de formación en centros: é unha modalidade formativa dirixida a un centro como unidade, que favorece a planificación e o desenvolvemento das actividades formativas centradas no propio centro e o seu contexto como elementos de cambio e innovación educativa.
f) Proxectos de innovación educativa: é unha modalidade formativa dirixida a un centro educativo como unidade para facilitar a introdución de cambios novos, baseados na investigación e o coñecemento, coa intención de mellorar os procesos de ensino-aprendizaxe.
g) Proxectos de investigación: é unha modalidade dirixida a grupos de docentes, que ten como obxectivo a procura e xeración de novo coñecemento que dea resposta a un problema ou pregunta expostos. Esta modalidade desenvolverase sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da consellería competentes en materia de innovación educativa.
h) Calquera outra modalidade que determine a consellería competente en materia de educación.
2. As modalidades de formación serán de carácter presencial (actividades síncronas mediadas ou non por tecnoloxía), en rede (actividades asíncronas mediadas por tecnoloxía), ou de carácter mixto (con fases presenciais e fases en rede).
CAPÍTULO III
Organización da formación permanente do profesorado
Sección 1ª. Rede de formación permanente do profesorado
Artigo 10. Estrutura da Rede de formación permanente do profesorado
1. A Rede de formación permanente do profesorado constitúese como a estrutura de órganos e de persoas encargados de planificar, executar e avaliar a formación permanente do profesorado de ensino non universitario que presta os seus servizos en centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Formarán parte da rede de formación:
a) O servizo responsable da formación permanente do profesorado.
b) O centro autonómico de formación e innovación.
c) Os centros de formación e recursos.
3. A consellería competente en materia de educación regulará a organización e funcionamento da rede de formación.
Sección 2ª. O servizo responsable da formación permanente do profesorado
Artigo 11. O servizo responsable da formación permanente do profesorado
1. O servizo responsable da formación permanente do profesorado é o órgano encargado da coordinación das estruturas de formación permanente do profesorado e da promoción, planificación, xestión e rexistro da formación permanente do profesorado.
A súa dependencia orgánica ao órgano superior ou de dirección que corresponda será regulada e establecida no decreto de estrutura da consellería competente en materia de educación.
2. Para o desenvolvemento das funcións propias do servizo responsable da formación permanente do profesorado integrarase nel mesmo o número de persoas asesoras de formación que determine a consellería competente en materia de educación.
Sección 3ª. O Centro Autonómico de Formación e Innovación
Artigo 12. Definición e dependencia
1. O Centro Autonómico de Formación e Innovación é o órgano encargado de analizar as necesidades de formación do profesorado e deseñar, de acordo coas liñas prioritarias elaboradas polo órgano superior ou de dirección competente en materia de formación permanente do profesorado, os plans anuais de actuación da rede de formación e os de formación do profesorado.
2. O Centro Autonómico de Formación e Innovación dependerá orgánica e funcionalmente do órgano superior ou de dirección competente en materia de formación permanente do profesorado.
3. Estará integrado pola dirección e as persoas asesoras de formación dos diferentes corpos e especialidades docentes e persoal de administración e servizos que determine a consellería competente en materia de educación.
Artigo 13. Funcións
Son funcións do Centro Autonómico de Formación e Innovación:
a) Analizar a prospectiva, as tendencias en formación do profesorado, a detección de necesidades e expectativas da formación do profesorado e a realización de propostas estratéxicas.
b) Deseñar, elaborar e coordinar o desenvolvemento dos plans anuais de formación, seguindo as directrices e supervisión do servizo responsable da formación permanente do profesorado.
c) Avaliar o modelo de formación do profesorado e dos plans de formación que o desenvolvan e realizar propostas de mellora.
d) Desenvolver a formación a distancia.
e) Seleccionar e adaptar contidos para contornos educativos dixitais.
f) Promover o desenvolvemento e avaliación de proxectos de investigación e innovación educativa, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da consellería competentes en materia de innovación educativa.
g) Promover a elaboración e difusión de materiais didácticos e de apoio á acción educativa.
h) Promover a innovación e as actividades de intercambio, debate e difusión de experiencias educativas entre o profesorado.
i) Deseñar e desenvolver os itinerarios formativos de carácter autonómico.
j) Colaborar en accións formativas con outras institucións no marco dos convenios que a consellería competente en materia de educación estableza con elas.
k) Deseñar e coordinar o desenvolvemento da formación da rede de formación, seguindo as directrices e supervisión do servizo responsable da formación permanente do profesorado.
l) Calquera outra que a Administración educativa lle encomende en relación cos obxectivos propios do centro.
Sección 4ª. Os centros de formación e recursos
Artigo 14. Os centros de formación e recursos
1. Os centros de formación e recursos son as unidades encargadas da execución daquelas accións formativas previstas nos plans anuais de formación e das propostas polo órgano superior ou de dirección competente en materia de formación permanente do profesorado.
2. Os centros de formación e recursos responsabilízanse da xestión da formación permanente do profesorado no seu ámbito territorial de actuación e prestan un servizo de apoio ao profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Será competencia da consellería competente en materia de educación a súa creación e determinar o seu ámbito de actuación.
4. Os centros de formación e recursos dependen funcionalmente do órgano superior ou de dirección de que dependa o servizo responsable da formación permanente do profesorado e organicamente do departamento territorial da consellería competente en materia de educación.
5. Os centros de formación e recursos terán adscritas as persoas asesoras de formación e o persoal de administración e servizos do centro que a consellería competente en materia de educación determine para cada un deles, en función do número de centros educativos asignados e do número de profesores e profesoras que exercen neles.
Artigo 15. Funcións dos centros de formación e recursos
Son funcións dos centros de formación e recursos:
a) Detectar e recoller as necesidades e demandas de formación nos centros educativos do seu ámbito de actuación e propoñer iniciativas e accións formativas que as satisfagan.
b) Xestionar e executar as accións formativas que integran os plans anuais de formación do seu ámbito e colaborar, se é o caso, nas accións de formación a distancia e autonómicas que organice o Centro Autonómico de Formación e Innovación.
c) Colaborar na avaliación do modelo de formación do profesorado e dos plans de formación que o desenvolvan e realizar propostas de mellora.
d) Promover accións de formación do profesorado nos centros, encamiñadas a impulsar a investigación educativa, fomentando e apoiando a participación do profesorado en seminarios permanentes, grupos de traballo, proxectos de formación en centros ou calquera outra modalidade de formación, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da consellería competentes en materia de innovación educativa.
e) Apoiar e asesorar o profesorado e os centros do seu ámbito no desenvolvemento e mellora das súas competencias profesionais mediante actuacións de difusión, de asesoramento, de promoción da innovación ou de achega de materiais e recursos.
f) Fomentar a innovación e as actividades de intercambio, debate e difusión de experiencias educativas entre o profesorado, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da consellería competentes en materia de innovación educativa.
g) Promover a elaboración e difusión de materiais didácticos e de apoio á acción educativa.
h) Proporcionar ao profesorado do seu ámbito territorial un servizo de documentación, elaboración e difusión de material didáctico, así como o acceso ao uso dos recursos pedagóxicos e dos fondos das súas bibliotecas e mediatecas.
i) Colaborar en accións formativas con outras institucións no marco dos convenios que a consellería competente en materia de educación estableza con elas.
j) Calquera outra que a Administración educativa lle encomende en relación cos obxectivos propios do centro.
Sección 5ª. Organización do Centro Autonómico de Formación e Innovación
e dos centros de formación e recursos
Artigo 16. Órganos de goberno
1. O Centro Autonómico de Formación e Innovación e os centros de formación e recursos contarán cun equipo directivo e o equipo técnico de formación.
2. O equipo directivo estará constituído pola Dirección e a Secretaría.
3. O equipo técnico de formación estará integrado polo persoal asesor de formación dos corpos e especialidades docentes que, para cada centro, determine a consellería competente en materia de educación.
4. O persoal asesor de formación do Centro Autonómico de Formación e Innovación organizarase nos departamentos de formación que se determinen nas disposicións que, en desenvolvemento deste decreto, regulen a súa estrutura e funcionamento.
Artigo 17. A Dirección
1. A Dirección será desempeñada por persoal funcionario de carreira pertencente a algún dos corpos docentes que imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As funcións da Dirección son:
a) Representar o centro e exercer a xefatura de todo o persoal adscrito.
b) Dirixir e coordinar os plans anuais de actuación e de formación permanente do profesorado do centro.
c) Convocar e presidir as reunións dos órganos colexiados do equipo técnico de formación, así como executar os acordos que estes adopten.
d) Aprobar os orzamentos e a conta de xestión dentro da asignación orzamentaria que lle sexa atribuída pola consellería con competencias en materia de educación.
e) Visar as certificacións e documentos oficiais do centro.
f) Promover a autoavaliación do centro e colaborar no desenvolvemento das avaliacións internas e externas que desenvolva a Administración educativa.
g) Calquera outra que lle sexa atribuída pola Administración educativa, dentro do ámbito das súas competencias.
3. A provisión da Dirección do Centro Autonómico de Formación e Innovación realizarase polo procedemento de libre designación, con convocatoria pública, entre persoas que conten cun mínimo de 6 anos completos de servizos como funcionarias docentes de carreira. Consonte o artigo 92.5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o nomeamento implicará a reserva do posto de traballo docente de procedencia, sempre que se ocupase con carácter definitivo. A consellería competente en materia de educación establecerá os criterios para a súa selección e nomeamento.
4. A provisión das direccións dos centros de formación e recursos, agás o de Santiago de Compostela, realizarase mediante convocatoria pública, de conformidade cos principios de igualdade, mérito e capacidade, en que se recollerán os postos que se van cubrir, os criterios de valoración dos méritos e a composición das comisións de selección, entre persoas que conten cun mínimo de 6 anos completos de servizos como funcionarias docentes de carreira. Consonte o artigo 92.5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o nomeamento implicará a reserva do posto de traballo docente de procedencia, sempre que se ocupase con carácter definitivo.
5. As persoas que superen o proceso de selección serán nomeadas en comisión de servizos. O nomeamento realizarase por un período de catro anos, prorrogable, como máximo, por outros catro anos adicionais.
6. Realizaranse avaliacións anuais do traballo desenvolto polas persoas directoras dos centros de formación e recursos. Corresponde á persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de formación permanente do profesorado determinar os criterios e metodoloxías para analizar o grao de cumprimento.
7. O persoal que desempeñe a dirección terá o recoñecemento administrativo e as retribucións económicas que se establezan para o efecto.
Artigo 18. A Secretaría
1.A persoa titular da Secretaría será nomeada polo órgano superior ou de dirección con competencias en materia de formación permanente do profesado entre o persoal asesor de formación que preste servizos no centro correspondente, por proposta da Dirección.
2. A persoa que asuma a Secretaría do centro continuará desempeñando as funcións que lle correspondan como persoal asesor de formación. Adicionalmente, dedicará unha parte do seu horario laboral ás funcións propias da Secretaría.
3. Son funcións da Secretaría as seguintes:
a) Ordenar o réxime administrativo do centro e expedir as certificacións do centro.
b) Elaborar o proxecto de orzamento do centro baixo a supervisión da Dirección.
c) Custodiar libros e arquivos e a documentación oficial do centro e confeccionar o inventario xeral do centro e mantelo actualizado.
d) Substituír a persoa titular da Dirección en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
e) Exercer, por delegación da Dirección e baixo a súa autoridade, a xefatura do persoal de administración e servizos do centro.
f) Calquera outra que lle sexa atribuída normativamente.
4. O persoal que desempeñe a secretaría terá o recoñecemento administrativo e as retribucións económicas que se establezan para o efecto.
Artigo 19. Persoal asesor de formación
1. O persoal asesor de formación será persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten algunha das ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, con destino en centros dependentes da consellería competente en materia de educación.
2. A consellería competente en materia de educación determinará o número de persoas asesoras de formación que integrarán as estruturas de formación permanente do profesorado, así como a especialidade docente dos distintos corpos de que debe proceder, os criterios para a súa selección e nomeamento, así como os requisitos de formación e experiencia requiridos a cada persoa asesora, que garantan no seu conxunto o desempeño óptimo das funcións correspondentes.
3. O acceso aos postos de asesorías de formación realizarase mediante convocatoria pública, de conformidade cos principios de igualdade, mérito e capacidade, en que se recollerán os postos que se van cubrir, os criterios de valoración dos méritos e a composición das comisións de selección.
4. O nomeamento realizarase en comisión de servizos por un período de catro anos, prorrogable, como máximo, por outros catro anos adicionais. Finalizado este período non poderán volver ser nomeados durante os dous anos inmediatamente posteriores ao seu cesamento en tal condición, temporal ou definitivamente.
5. Realizaranse avaliacións anuais do traballo desenvolto polo persoal que ocupe os postos de asesoría de formación docente. As bases desta avaliación estableceranse nas convocatorias correspondentes, logo de determinación destas por parte da dirección xeral con competencias en materia de formación permanente do profesorado.
6. Unha avaliación negativa do traballo desenvolto poderá implicar o cesamento no posto de asesor de formación docente.
7. O persoal asesor de formación terá o recoñecemento administrativo e as retribucións económicas que se establezan para o efecto.
8. As persoas asesoras das estruturas de formación do profesorado que resulten seleccionadas deberán participar na formación inicial que programe o órgano superior ou de dirección competente en formación permanente do profesorado.
Artigo 20. Autonomía de xestión económica
1. O Centro Autonómico de Formación e Innovación e os centros de formación e recursos terán autonomía de xestión económica conforme a normativa vixente, contarán cos recursos necesarios para o exercicio das súas funcións e estarán dotados de persoal de administración e servizos.
2. Anualmente, a consellería competente en materia de educación remitirá ao Centro Autonómico de Formación e Innovación e aos centros de formación e recursos os recursos económicos necesarios para atender tanto os gastos ordinarios de funcionamento como os que sexan precisos para o desenvolvemento dos plans de formación, sen prexuízo, neste último caso, daqueloutros de carácter extraordinario que poidan facerse efectivos cando a situación o requira.
Sección 6ª. Colaboracións coa Rede de formación
Artigo 21. Persoa coordinadora de formación nos centros educativos
1. Os centros educativos son os núcleos básicos onde se desenvolve a formación permanente do profesorado.
2. O equipo directivo do centro educativo será o responsable de liderar os procesos de formación, mellora e innovación. Para o desenvolvemento dos plans de formación permanente do profesorado do centro educativo, o equipo directivo contará coa colaboración dunha persoa docente coordinadora de formación, xunto cos órganos competentes do centro, para a planificación e desenvolvemento das actuacións de formación e actualización permanente que leven a cabo no centro.
3. A persoa coordinadora de formación do profesorado, no caso de centros públicos, será docente con destino definitivo no centro educativo correspondente e será designada pola persoa directora. No caso dos centros concertados, será a dirección quen designe a persoa coordinadora baixo a liberdade e a responsabilidade que lle outorga o seu cargo.
4. A persoa coordinadora de formación do profesorado no centro educativo terá as funcións e os recoñecementos administrativos que sexan determinados polas disposicións que se diten en desenvolvemento deste decreto.
Artigo 22. Centros colaboradores
1. Co fin de manter e garantir unha distribución territorial que permita e facilite o acceso do profesorado á formación permanente, cada centro de formación e recursos contará co apoio de centros colaboradores.
2. Os centros colaboradores serán os centros docentes públicos determinados pola consellería competente en materia de educación e seleccionaranse en función dos recursos de que dispoñan e das necesidades das estruturas de formación.
3. Os centros colaboradores deberán facilitar os espazos e medios necesarios para a realización de actividades formativas que se desenvolvan neles.
Artigo 23. Comisión Autonómica de Formación
1. A consellería competente en materia de educación poderá establecer unha comisión autonómica de formación para o asesoramento nos procesos de xestión de formación permanente do profesorado.
2. A Comisión Autonómica de Formación estará composta por integrantes de todos os colectivos representativos en materia de formación do profesorado.
Artigo 24. Colaboración con outras institucións
A consellería competente en materia de educación, coa finalidade de complementar a oferta formativa institucional, poderá establecer canles de colaboración en materia de formación do profesorado con outras entidades e institucións públicas ou privadas dotadas de personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e entre cuxos fins estatutarios figure a formación do profesorado.
CAPÍTULO IV
Avaliación da formación permanente do profesorado
Artigo 25. A avaliación dos plans de formación
1. A formación permanente do profesorado estará sometida a un proceso de seguimento e avaliación. A súa finalidade será analizar e contrastar os procesos e resultados obtidos no desenvolvemento da formación, coa pretensión de mellorala.
2. A avaliación será un proceso sistemático e formativo, que combinará procedementos de avaliación interna e externa.
3. Para tal efecto, o órgano superior ou de dirección competente en materia de formación permanente do profesorado, a través do servizo responsable da formación permanente do profesorado, establecerá un sistema de xestión de calidade de seguimento e avaliación da formación permanente do profesorado, definindo os criterios, indicadores, procedementos e instrumentos necesarios para o seu desenvolvemento normalizado.
4. A avaliación interna será desenvolta polo Centro Autonómico de Formación e Innovación e os centros de formación e recursos, baixo a coordinación do servizo responsable da formación permanente do profesorado. Para ese efecto, analizaranse os procesos e resultados dos plans de formación e, ao final de cada curso escolar, elaborarase unha memoria en que se recolla a valoración do grao de consecución dos obxectivos anuais do plan estratéxico e do desenvolvemento e resultados do plan anual de formación correspondente.
5. A avaliación externa será promovida polo órgano superior ou de dirección competente na formación permanente do profesorado, que determinará os procedementos e institucións ou entidades que a desenvolverán.
6. Cos resultados da avaliación, o órgano superior ou de dirección competente na formación permanente do profesorado orientará as prioridades e as directrices nela e promoverá procesos de avance continuo.
CAPÍTULO V
Certificación e rexistro
Artigo 26. Recoñecemento das actividades formativas
A consellería competente en materia de educación regulará os procesos de recoñecemento e a asignación de créditos das actividades de formación do profesorado.
Artigo 27. Rexistro da Formación Permanente do Profesorado
1. Existirá un rexistro xeral de actividades de formación permanente do profesorado, en que se recollerán todas as actividades realizadas polo profesorado das previstas nos plans de formación da consellería competente en materia de educación, así como daquelas homologadas e/ou recoñecidas pola mesma consellería e con idéntica finalidade.
2. Este rexistro será o instrumento de xestión dos datos relativos á participación do profesorado nas actividades de formación permanente.
3. O Rexistro Xeral de Actividades de Formación Permanente do Profesorado, que será responsabilidade do servizo responsable da formación permanente do profesorado, recollerá, polo menos, o nome das actividades realizadas, o profesorado que as superou, a duración en horas ou créditos de cada actividade e o órgano ou institución responsable da súa organización.
4. A inscrición no rexistro das actividades que integran o plan anual de formación, así como a inscrición dos créditos asignados ao profesorado participante, farano de oficio o órgano superior ou de dirección competente en materia de formación do profesorado, o Centro Autonómico de Formación e Innovación e os centros de formación e recursos, e incluirá os datos que se recollan na normativa vixente.
5. Poderán ser rexistradas de oficio ou por instancia da persoa interesada outras actividades, titulacións e méritos que fosen recoñecidos polo órgano superior ou de dirección competente en materia de formación, e nas condicións que determine a normativa vixente.
6. Este rexistro será igualmente o instrumento de xestión dos datos relativos ao nivel de acreditación da competencia dixital docente, segundo a normativa vixente.
7. A publicidade dos datos contidos no rexistro terá o alcance e os límites previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais disposicións ditadas no seu desenvolvemento.
Disposición adicional primeira. Centros de formación e recursos existentes na actualidade
Os centros de formación e recursos existentes no momento da entrada en vigor deste decreto son os centros de formación e recursos de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, con sede en cada unha das cidades sinaladas.
Disposición adicional segunda. Centro de Formación e Recursos de Santiago de Compostela
Corresponde á Dirección e á Secretaría do Centro Autonómico de Formación e Innovación asumir, respectivamente, as funcións da dirección e da secretaría do centro de formación e recursos de Santiago de Compostela.
Disposición transitoria única. Normativa de organización do Centro Autonómico de Formación e Innovación e dos centros de formación e recursos
En canto non entren en vigor as disposicións de desenvolvemento deste decreto continuarán en vigor as normas de organización e funcionamento do Centro Autonómico de Formación e Innovación e dos distintos centros de formación e recursos, en todo aquilo que resulte compatible coa regulación deste decreto. Nos mesmos termos, tamén continuarán en vigor aqueles preceptos do Decreto 74/2011, do 14 de abril, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, que, sobre as materias de organización e funcionamento, resultasen de aplicación directa nos amentados centros.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogado o Decreto 74/2011, do 14 de abril, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de educación para aprobar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, catro de agosto de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
