Durante o verán de 2025 unha vaga de incendios forestais está ameazando o territorio de Galicia, nunha situación de extrema dificultade derivada da combinación de altas temperaturas, fortes ventos e unha seca prolongada que están causando danos graves en bens públicos e privados. Esta situación non se dá exclusivamente en Galicia, senón que está a producirse, en xeral, en toda a Península Ibérica, tanto en España (por exemplo, en Castela e León, Madrid, Asturias ou Andalucía) como en Portugal, onde se están a sufrir fenómenos de índole moi similar aos que se desenvolven na nosa comunidade autónoma.
En particular, a situación derivada dos incendios forestais que están afectando o territorio galego adquiriu unha especial complexidade pola confluencia de condicións meteorolóxicas adversas, marcadas por temperaturas extremas, fortes ventos e un período prolongado de seca. Estes factores favoreceron a rápida propagación do lume, ocasionando danos en bens públicos e privados.
A provincia de Ourense concentrou a maior parte dos focos, con incendios de gran magnitude como o de Chandrexa de Queixa. Xunto con outros lumes en Larouco, Agolada, en distintos municipios lugueses e en zonas da provincia da Coruña e Pontevedra, conformouse unha situación de emerxencia sen precedentes, que obrigou á mobilización de milleiros de efectivos autonómicos, estatais e municipais.
Os acontecementos rexistrados determinan unha situación de emerxencia humanitaria e social para a cidadanía afectada, debido aos danos persoais e materiais que se produciron. Isto fai necesario articular mecanismos de colaboración e cooperación entre todas as administracións implicadas, en concreto mediante o establecemento dun sistema de axudas que palien os danos causados polos incendios, que atendan as situacións de necesidade en que se poidan encontrar os veciños e persoas e entidades directamente afectados, e mesmo contribúan á restauración comunitaria e urbanística da zona damnificada para que poida volver á normalidade, así como a manter a actividade económica desas zonas danadas.
O artigo 38 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, prevé a actuación das administracións públicas, dentro das súas respectivas competencias, para o restablecemento dos servizos esenciais para a comunidade afectada pola situación de emerxencia, así como o establecemento de axudas en atención ás necesidades derivadas deste tipo de situacións.
O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 31 de marzo de 2010, adoptou o acordo polo que se establecen as directrices básicas de actuación coa finalidade de restablecer os servizos esenciais afectados como consecuencia dunha catástrofe ou calamidade, así como de protexer a integridade das persoas e bens de titularidade pública ou privada e os danos provocados por estas situacións.
Deste xeito, establécese un protocolo de actuación que deberá ser seguido nestas situacións de modo que, mediante decreto, se acorde a oportunidade de outorgar axudas destinadas á reparación dos danos e perdas causados.
De acordo co Informe da Axencia Galega de Emerxencias do 25 de agosto de 2025, atopámonos ante unha situación de emerxencia de natureza excepcional derivada dos incendios producidos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante o verán de 2025.
Na súa virtude, por proposta conxunta das persoas titulares da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, da Consellería de Política Social e Igualdade, da Consellería de Economía e Industria, da Consellería de Facenda e Administración Pública, da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e da Consellería do Medio Rural, logo de Informe da Axencia Galega de Emerxencias do 25 de agosto de 2025, e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de agosto de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ámbito de aplicación
As axudas previstas neste decreto aplicaranse á reparación dos danos orixinados polos incendios acontecidos durante o verán de 2025 no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos e nas contías máximas que se establezan nel, así como nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa que o apliquen.
Artigo 2. Natureza das axudas
1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.
2. Con todo, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou, de ser o caso, da contía ou porcentaxe deste, establecidos neste decreto ou que se fixe nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.
En todo caso, o beneficiario da axuda cederalle á Administración autonómica todas as accións de que dispoña para a reclamación das cantidades achegadas por esta ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito dos beneficiarios para reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan esta.
Artigo 3. Réxime xurídico
1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
2. As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das circunstancias excepcionais que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións que se establezan nas súas correspondentes bases reguladoras.
3. Tendo en conta a natureza destas axudas, que se conceden por razón da existencia dunha emerxencia excepcional e por razóns de interese público, social e humanitario, as convocatorias e resolucións de concesión directa que apliquen este decreto poderán exceptuar as persoas beneficiarias das axudas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Do mesmo xeito, e pola natureza destas axudas, en virtude do disposto no artigo 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, os anticipos ou pagos á conta que prevexan as convocatorias ou resolucións de concesión directa ou convenios que instrumenten estas axudas que se diten en aplicación deste decreto, e que poderán alcadar ata o 100 %, quedarán exentos da obriga de constituír garantías.
5. En virtude deste decreto, e para efectos do disposto no artigo 40.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o Consello da Xunta de Galicia autoriza a aprobación de convenios de importe superior a 150.000 euros ou de carácter plurianual, tendo en conta a situación de emerxencia e a natureza das axudas.
6. En virtude deste decreto, e para efectos do disposto no artigo 52 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e no 40.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o Consello da Xunta de Galicia autoriza a concesión de axudas por contía que supere as previstas nos indicados artigos, tendo en conta a situación de emerxencia e a natureza das axudas.
7. En virtude deste decreto, o Consello da Xunta de Galicia autoriza a exención do cumprimento do requisito establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
8. Así mesmo, e para efectos do disposto no artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, autorízase a adquisición de compromisos plurianuais de gastos de transferencias correntes nas convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa derivados deste decreto.
Artigo 4. Réxime de contratación
1. De acordo con o previsto no artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, os órganos de contratación da Administración autonómica e do seu sector público poderán acordar a tramitación de emerxencia das obras, servizos, adquisicións ou subministracións precisas para a execución do que sexa necesario para remediar o acontecemento producido mediante o restablecemento, reparación ou reposición das infraestruturas, equipos ou bens afectados polos incendios.
2. Para estes efectos, inclúense entre as infraestruturas as estradas, as de transportes, as eléctricas, as hidráulicas, as ambientais e as forestais, de ser o caso.
3. Declararase urxente a ocupación dos bens afectados polas expropiacións derivadas da realización das obras a que se refire este artigo, para os efectos establecidos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
Artigo 5. Beneficiarios e prazo de presentación
1. Poderán solicitar as axudas, nos termos que se establezan neste decreto e nas convocatorias que se aproben, os seguintes beneficiarios:
a) As persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sufriron danos que afecten tanto o inmoble como o enxoval doméstico.
b) Os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos nos cales se produciron danos derivados dos incendios.
c) Os titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, polos danos e perdas derivados directamente dos incendios, así como os titulares de maquinaria afectada por incendios forestais.
d) As entidades locais, para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal por esta causa.
e) Os titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecores) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, afectados polos incendios.
f) Os titulares de infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera afectados polos incendios forestais.
2. Os prazos para presentar as solicitudes determinaranse nas disposicións que se diten en aplicación deste decreto.
Artigo 6. Axudas por danos persoais
Coa finalidade de paliar os danos persoais que teñan a súa causa nos incendios a que se refire este decreto, concederanse axudas por falecemento, por incapacidade permanente absoluta ou por lesións que motiven a hospitalización da persoa ferida.
O importe destas axudas será de 87.700 euros para o caso de falecemento ou incapacidade permanente e absoluta e de 120 euros para o caso de lesións por día de hospitalización nas condicións que se concreten nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.
Artigo 7. Axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico
1. Serán obxecto de axuda os danos causados polos incendios na vivenda que constitúa a residencia permanente e habitual dos seus moradores e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas:
a) Para o caso de que os danos ocasionados determinen a ruína da vivenda, a axuda concederase polo importe do 100 % do valor de reposición, sen que en ningún caso o importe da axuda poida superar a contía de 132.000 euros.
b) Nos casos de rehabilitación ou reparación do inmoble danado, a axuda concederase polo importe correspondente ata cubrir, como máximo, o 100 % do valor de rehabilitación ou reparación, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar a contía de 132.000 euros.
2. Serán obxecto de axuda os danos causados no resto das vivendas residenciais que non sexan permanentes e habituais e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas:
a) Para o caso de que os danos ocasionados determinen a ruína da vivenda, a axuda concederase polo importe correspondente ao seu valor catastral, sen que en ningún caso o importe da axuda poida superar a contía de 66.000 euros, excepto naqueles casos en que se pretenda a rehabilitación do inmoble, caso en que se observará o previsto no parágrafo seguinte.
b) Nos casos de rehabilitación ou reparación do inmoble danado, a axuda concederase polo importe correspondente ata cubrir, como máximo, o 100 % do valor de rehabilitación ou reparación, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar a contía de 66.000 euros.
Quedan excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que estean en abandono manifesto con carácter previo aos incendios.
3. As axudas concedidas para o caso de ruína da vivenda entenderanse concedidas en atención á situación, produto da circunstancia de emerxencia excepcional, en que se encontra o beneficiario. Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non requirirán outra xustificación que a acreditación, por calquera medio admisible en dereito, da titularidade ou usufruto do inmoble previamente á concesión, sen prexuízo dos controis que se establezan para verificar esta cuestión.
Nos demais supostos, observarase o disposto nas correspondentes convocatorias de axuda ou resolucións de concesión directa.
4. Para efectos deste artigo, entenderanse incluídas dentro da vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios. Como instalacións complementarias entenderanse as construcións e equipos de apoio á economía e vida familiar, tales como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc., sempre e cando estean situados no mesmo predio da vivenda. No mesmo sentido, entenderase como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do mesmo predio en que está a vivenda.
5. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade das vivendas danadas, cando non estean cubertos nas axudas que para o mesmo efecto poidan aprobar outras administracións:
a) No caso do enxoval incluído nas vivendas ruinosas que constitúan a residencia permanente e habitual dos seus moradores, o importe da axuda será o 100 % dos gastos de reposición, cun límite de 16.200 €.
b) No caso do enxoval incluído nas vivendas ruinosas que non sexan permanentes e habituais, o importe da axuda será o 50 % dos gastos de reposición, cun límite de 5.400 €.
c) Nos demais supostos, o importe da axuda será de ata o 100 % dos gastos, co límite de 7.600 €, ou do 50 % dos gastos de reparación ou reposición do enxoval, co límite de 3.300 €, en función de que o enxoval sexa da vivenda habitual e permanente ou da vivenda ocasional, respectivamente.
Soamente se concederá unha axuda para o enxoval doméstico por cada vivenda danada.
6. Entenderase por vivendas ruinosas, para os efectos deste artigo, aquelas que se encontren nos supostos establecidos no artigo 141 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
Artigo 8. Axudas por danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís
1. Serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados polos incendios nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías depositadas nelas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, nas condicións e requisitos que se determinen nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.
2. Quedarán excluídas da percepción destas axudas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, agás aquelas instalacións de xeración de enerxía eléctrica incluídas no propio establecemento.
Artigo 9. Axudas por danos sufridos en terreos cinexéticos ordenados (tecores)
1. Serán obxecto de axuda as actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade de recuperación dos hábitats cinexéticos e a protección dos solos nas zonas afectadas polo lume, así como a recuperación das infraestruturas e instalacións destruídas polos incendios (refuxios, fontes, comedeiros, bebedoiros, cercas, infraestruturas de aclimatación, elementos de sinalización, etc.).
2. As condicións e os requisitos aplicables serán os que se determinen na correspon- dente convocatoria de axudas ou resolucións de concesión directa.
Artigo 10. Axudas por danos nas infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera
1. Serán obxecto de axuda as actuacións de reposición, en espazos protexidos e reservas da biosfera, de infraestruturas tales como pasarelas, sinalizacións, miradoiros, valos de seguridade e outros equipamentos de áreas recreativas e de interpretación do medio natural, destruídos polos incendios, coa finalidade da súa recuperación e reconstrución.
2. As condicións e os requisitos aplicables serán os que se determinen na correspon- dente convocatoria de axudas.
Artigo 11. Axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras
Respectando os criterios establecidos pola Unión Europea nas directrices comunitarias vixentes sobre axudas estatais nos sectores agrícola, gandeiro e forestal, e nas zonas rurais, os titulares de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que sufriron danos e perdas por mor dos incendios poderán ser beneficiarios de axudas nas condicións e requisitos que se determinen nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.
Artigo 12. Axudas ás entidades locais
1. Serán obxecto de axudas os gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e os danos causados nos bens de titularidade municipal prexudicados polos incendios.
Estas axudas terán, en todo caso, carácter complementario ás que sexan aprobadas por outras administracións.
2. Os concellos, con cargo á dotación orzamentaria fixada nos correspondentes convenios que se subscriban, poderán resarcir os gastos en que incorresen os veciños pola súa colaboración na extinción.
3. Quedarán excluídas as infraestruturas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.
Artigo 13. Convenios con outras administracións públicas e entidades colaboradoras
A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia propiciará a subscrición, co resto das administracións públicas e coas entidades colaboradoras, dos convenios de colaboración que exixa a aplicación deste decreto con vistas ao cofinanciamento das actuacións.
Artigo 14. Financiamento
1. As axudas públicas reguladas neste decreto financiaranse con cargo á dotación dun fondo extraordinario destinado a atender os gastos derivados deste decreto e ás necesidades adicionais que poidan xurdir nas respectivas consellerías e entidades do sector público. Para estes efectos, realizaranse, de ser o caso, as modificacións de crédito que sexan necesarias.
2. A determinación do importe total das axudas efectuarase unha vez que sexan resoltas as solicitudes presentadas atendendo ao seu carácter extraordinario á súa natureza de concesión directa e non competitiva. En todo caso, a concesión das axudas estará subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente.
Disposición adicional primeira. Aloxamento provisional
1. Facúltase a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, para que, dentro do ámbito das súas competencias, poida contribuír a sufragar os gastos que orixine o aloxamento provisional, incluídos os gastos de transporte de persoas e mudanza de bens daquelas persoas que, como consecuencia dos incendios, teñan que abandonar definitiva ou temporalmente as súas vivendas e, de ser o caso, mentres efectúen as obras de rehabilitación ou reparación. Para estes efectos, poderá subscribir convenios ou acordos con outras administracións públicas ou con organizacións especializadas no auxilio ou asistencia a damnificados en situacións de sinistro ou calamidade pública.
Debido á declaración como de emerxencia de natureza excepcional, poderánselles conceder a aquelas persoas que, como consecuencia dos incendios, teñan que abandonar temporalmente as súas vivendas, mentres efectúen obras de rehabilitación, reparación ou reposición, as axudas do programa do bono de alugueiro social, de acordo co disposto no número dous do ordinal quinto das bases reguladoras do programa, aprobadas pola Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa con convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (código de procedemento VI482F). Para estes efectos, as persoas beneficiarias unicamente deberán cumprir o requisito de que a vivenda que tiveron que abandonar temporalmente era o seu domicilio habitual ou permanente, para o cal deberán anexar un informe municipal que acredite este requisito, así como que o estado da vivenda, debido aos danos causados polo incendio, motiva que non poidan seguir vivindo nela, así como que carecen doutra vivenda na localidade, da súa propiedade, que estea dispoñible e en condicións de ser habitada.
Disposición adicional segunda. Restitución do medio
1. Facúltase a Consellería do Medio Rural para que, no ámbito das súas competencias, poida realizar directamente actuacións de reparación, restauración ou mitigacións dos danos e efectos causados polos incendios forestais, en montes veciñais en man común, montes de varas ou montes xestionados por agrupacións forestais de xestión conxunta.
As ditas actuacións, entre outras, poderanse referir á mellora de pistas e outras infraestruturas forestais de transporte, captacións de auga e evacuación de escoamento. Así mesmo, en actuacións de reparación e reposición de peches gandeiros e as súas instalacións complementarias danadas por incendios, así como a realización daqueles peches alternativos para soster o gando afectado, e a subministración de pacas de palla para o mantemento deste.
Son tamén actuacións elixibles aquelas orientadas á restauración do potencial forestal, incluíndo a rexeneración da masa forestal, accións de consolidacións de solos queimados, eliminación de madeira queimada non comercial ou novas plantacións substitutorias.
2. Facúltase a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para que, no ámbito das súas competencias, poida realizar directamente actuacións de restauración da biodiversidade dos hábitats naturais e infraestruturas ambientais en zonas afectadas polos incendios forestais na Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera.
3. As actuacións indicadas nos puntos anteriores poderán estenderse a terreos de particulares cando así sexa necesario.
Disposición adicional terceira. Autorización da modificación das porcentaxes de gastos plurianuais
De acordo co disposto no artigo 58.6 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, autorízase a modificación das porcentaxes a que se refire o artigo 58.3 do referido texto nas contías necesarias para a tramitación dos expedientes de gasto que deriven do establecido neste decreto.
Disposición adicional cuarta. Suspensión de termos e prazos
1. Suspéndense os termos e interrómpense os prazos para os procedementos administrativos, incluídos os dos recursos e os de cumprimento de trámites, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades do sector público, cando os interesados acrediten a súa residencia nos concellos afectados polos incendios forestais acontecidos durante o verán de 2025, a partir do 28 de xullo, que provocaron a activación do Peifoga en Situación 2, sempre e cando os referidos termos e prazos non estivesen finalizados no momento de iniciarse os ditos incendios. Esta disposición tamén será de aplicación aos interesados que acrediten a titularidade dun establecemento comercial, industrial, turístico ou mercantil, así como instalacións ou explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras radicadas nos referidos concellos.
2. A suspensión dos termos e prazos prevista nesta disposición manterase durante o tempo en que os ditos incendios estean activos, segundo os datos facilitados por la Axega.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para a aprobación das convocatorias de axudas o resolucións de concesión directa
Facúltanse os distintos titulares das consellerías e das entidades do sector público para que, de ser o caso e no ámbito das súas competencias, aproben as convocatorias e diten os actos e as medidas necesarios para a aplicación deste decreto.
Para os ditos efectos, entenderanse competentes para a concesión das axudas previstas neste decreto as seguintes consellerías:
a) Axudas por danos persoais: a Consellería de Facenda e Administración Pública.
b) Axudas por danos causados en vivendas, enxoval doméstico e instalacións comple- mentarias existentes no mesmo predio da vivenda, e aloxamento provisional: o Instituto Galego da Vivenda e Solo.
c) Axudas para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras: a Consellería do Medio Rural.
d) Axudas por danos en terreos cinexeticamente ordenados e nas infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera: a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
e) Axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís incluídos no seu ámbito competencial: a Consellería de Economía e Industria.
f) Axudas ás entidades locais ou actuacións directas sobre os seus bens: a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Consellería de Medio Ambiente, e Cambio Climático, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a Consellería de Política Social e Igualdade, a Consellería de Economía e Industria, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería do Medio Rural, no ámbito das súas respectivas competencias e funcións.
Disposición derradeira segunda. Habilitación para a adopción das medidas financeiras e orzamentarias
Facúltase a Consellería de Facenda e Administración Pública para adoptar as medidas financeiras e orzamentarias necesarias para facer fronte ás situacións de carácter extraordinario que estableza a Xunta de Galicia para reparar os danos causados.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia .
Ourense, vinte e nove de agosto de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
