DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Sábado, 30 de agosto de 2025 Páx. 47378

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas para a reparación de danos causados polos incendios, destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecores) de Galicia afectados polos incendios no ámbito da competencia desta consellería (código de procedemento MT100A).

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten atribuída a conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, segundo o establecido no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Durante o verán de 2025 unha vaga de incendios forestais ocasionou graves danos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que afectaron diversos bens de titularidade pública e privada, incluídas afectacións importantes nos hábitats e infraestruturas cinexéticas dos terreos cinexéticos ordenados (tecores).

A superficie cinexética de Galicia comprende máis do 80 % do territorio galego, polo que a caza constitúese nunha ferramenta fundamental e necesaria no control das poboacións das especies silvestres para acadar un equilibrio ecolóxico e fundamental no normal desenvolvemento dos ecosistemas naturais.

Nesta situación de emerxencia resulta de vital importancia o restablecemento dos hábitats para o fomento da riqueza cinexética co fin de propiciar a recuperación das poboacións de especies e garantir o aproveitamento sustentable dos recursos durante a práctica da actividade cinexética, para recuperar o antes posible ese equilibrio.

O Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, establece a posibilidade de outorgamento de axudas aos titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecores) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, afectados polos incendios, e a concesión destas axudas ten carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario, a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En concordancia co establecido no Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e principios de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e o outorgamento de axudas específicas para sufragar os gastos derivados das actuacións que se leven a cabo para paliar os danos causados nos terreos cinexeticamente ordenados como consecuencia dos incendios que afectan a Galicia durante o verán de 2025.

2. As axudas outorgaranse de forma directa debido ao interese público, social e humanitario derivado das circunstancias excepcionais que concorren neste caso e, en todo caso, a concesión está subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

3. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Requisitos para adquirir a condición de beneficiario

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións convocadas os titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecores) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, que fosen afectados pola vaga de incendios en Galicia no verán de 2025.

2. As entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Artigo 3. Gastos subvencionables

1. Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde de axudas:

a) As actuacións realizadas sobre terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade de recuperación dos hábitats cinexéticos e a protección dos solos nas zonas afectadas polos lumes. Consistirán na sementeira de cereais nos tecores afectados pola vaga de lumes forestais referida. Para tal efecto, as actuacións de sementeira poderanse estender ata o 10 % da superficie queimada.

b) As actuacións de recuperación, reparación e/ou reposición de infraestruturas e instalacións destruídas polos incendios (refuxios, fontes, comedeiros, bebedoiros, tobeiras, cercas, infraestruturas de aclimatación, elementos de sinalización, etc.).

2. A entidade solicitante deberá contar con plena dispoñibilidade sobre os terreos e/ou infraestruturas onde se pretenden realizar as actuacións obxecto de subvención.

3. Non será obxecto de subvención o imposto do valor engadido (IVE).

Artigo 4. Contía da axuda

1. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá subvencionar as actuacións recollidas no artigo 3 nas seguintes contías máximas:

a) Actuacións de sementeira de cereais: o custo subvencionable será dun máximo de 650 euros por hectárea, cun límite máximo por entidade de 30.000 euros.

b) Actuacións de recuperación, reparación e/ou reposición de infraestruturas e instalacións: subvencionarase o 100 % dos gastos acreditados en reparacións e/ou reposicións das infraestruturas e/ou instalacións ata un máximo de 12.000 euros por solicitante.

2. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da acción subvencionable.

Artigo 5. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

3. A solicitude da axuda, segundo o anexo I desta orde (procedemento MT100A), inclúe as seguintes declaracións da entidade solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nin en ningunha das situacións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Declaración responsable de contar coa plena dispoñibilidade sobre os terreos e/ou infraestruturas e instalacións onde se pretenden realizar as actuacións obxecto de subvención.

h) As superficies do tecor que foron afectadas polos incendios.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante que asine a solicitude, por calquera dos medios sinalados no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

b) Certificación emitida polo/a representante legal do tecor solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:

O acordo do órgano do tecor polo cal se solicita a subvención para as actuacións que se pretenden executar ao abeiro desta orde.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

O acordo estará referido a todas as actuacións que integran o proxecto, polo que se deberá consignar a denominación e o orzamento de cada unha, así como o orzamento total.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c) Proxecto ou anteproxecto das actuacións que se van desenvolver co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado.

– Planos a escala suficiente.

d) No caso de actuacións de recuperación, reparación e/ou reposición de infraestruturas e instalacións: memoria xustificativa da necesidade das actuacións de reparación dos danos nas infraestruturas e instalacións para as cales solicitan a subvención, asinada polo/a representante legal do tecor.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Consulta das referencias Sixpac dos terreos afectados polos lumes.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Consulta de concesión de subvencións ou axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para a obtención de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Instrución

1. En todas as solicitudes de actuacións consideradas subvencionables, e por petición da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o persoal do Servizo de Patrimonio Natural do correspondente departamento territorial realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica e que cumpre cos requisitos exixidos nesta orde. No caso de que as actuacións se atopen dentro da Rede Natura 2000, os servizos provinciais de Patrimonio Natural do correspondente departamento territorial emitirán, de oficio, un informe en que se analice a compatibilidade da actuación cos espazos da Rede Natura 2000.

2. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixe o artigo 8 desta orde é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural elevará as sucesivas propostas de concesión á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, quen resolverá.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se dite resolución expresa, as entidades poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución é expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado pola entidade beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a entidade beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, da entidade beneficiaria, do crédito orzamentario, da contía e da finalidade da subvención.

2. Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Artigo 16. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionable en Galicia. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

2. As entidades interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

3. A solicitude para ser entidade beneficiaria das axudas incluídas nesta orde levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións, dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Pagamento

1. Conforme o artigo 3 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto, poderase realizar o pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, segundo o anexo III, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta. A solicitude de pagamento anticipado poderá remitirse ata o prazo máximo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da subvención.

Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente e o pagamento realizarase con cargo ao exercicio orzamentario 2026.

2. Para os supostos en que non se solicitase o pagamento anticipado da contía da subvención concedida, o pagamento da cantidade concedida a cada entidade beneficiaria queda condicionado á xustificación dos gastos.

Unha vez recibida a documentación xustificativa dos gastos, o persoal do Servizo de Patrimonio Natural do correspondente departamento territorial, antes do seu pagamento, realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado pola persoa beneficiaria e na cal debe figurar como titular a entidade beneficiaria da axuda.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución da finalidade para a cal se concedeu a subvención.

De acordo co disposto no artigo 3 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto, exímense os/as beneficiarios/as da obriga de constituír garantías.

Artigo 18. Xustificación dos gastos realizados

1. O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos realizados rematará o día 30 de outubro de 2026.

2. As entidades beneficiarias deberán presentar na forma indicada no artigo 7 desta orde a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento, segundo o anexo IV desta orde, que inclúe unha declaración complementaria relativa á obtención doutras subvencións, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate, de acordo co formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

b) Para xustificar os gastos das axudas reguladas:

1º. Memoria descritiva, asinada pola persoa representante do tecor, que deberá detallar de forma fidedigna unha relación clasificada dos gastos realizados

2º. Copia cotexada das facturas emitidas con cargo á entidade beneficiaria con detalle de cada un dos conceptos. As facturas irán acompañadas da xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que se incorreu, a través da copia cotexada da transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento.

3º. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

4º. Tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o beneficiario.

3. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 19. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo ao crédito previsto nas aplicacións orzamentarias 06.04.541B 781.25 e 06.04.541B 760.25, ambas no proxecto 2025 191 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2025 e 2026.

2. De conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, existe a posibilidade de ampliación de crédito; neste caso, o órgano concedente publicaraa nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. Igualmente, de existir remanentes nalgunha das axudas obxecto desta orde, poderanse destinar a incrementar o crédito naqueloutras cuxo crédito se esgotou.

4. A determinación do importe total das axudas se efectuará unha vez que sexan resoltas as solicitudes presentadas atendendo ao carácter extraordinario das mesmas e a súa natureza de concesión directa e non competitiva.

Artigo 20. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, que se deberá presentar con quince días hábiles de anticipación á súa realización.

Artigo 21. Control das actividades subvencionadas

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderán solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As entidades beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

O procedemento para declarar a perda do dereito e o cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior será o establecido no título II da Lei 9/2017, do 13 de xuño.

5. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos casos e termos previstos no seu artigo 33.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, as competencias para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para dispoñer gastos, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file