No Diario Oficial de Galicia número 125, do 2 de xullo de 2025, publicouse a Orde do 26 de xuño de 2025 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convocan o proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía.
Finalizado o prazo de presentación solicitudes e de acordo co regulado na dita orde, esta dirección xeral
RESOLVE:
Aprobar as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía, convocado pola Orde do 26 de xuño de 2025.
Poderán consultarse a través da páxina web oficial da Academia Galega de Seguridade Pública, https://agasp.xunta.gal:
– A listaxe provisional de persoas aspirantes admitidas.
– A listaxe provisional de persoas aspirantes excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión.
– A listaxe provisional de persoas exentas e non exentas da realización da proba de coñecemento da lingua galega.
As persoas excluídas e as persoas non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou a non exención da proba de coñecementos da lingua galega.
Así mesmo, as persoas aspirantes que non figuren na relación de admitidos nin na de excluídos disporán do mesmo prazo co obxecto de formular reclamación.
As persoas aspirantes que dentro do prazo sinalado non emenden os defectos que motivaron a súa exclusión serán excluídas definitivamente.
A Estrada, 2 de setembro de 2025
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública
