Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 20 de novembro de 2017 (DOG número 227, do 29 de novembro), aprobáronse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, as cales foron modificadas pola Resolución do 25 de abril de 2023 (DOG número 86, do 5 de maio).
Na base 3.4 da resolución de bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente establécese que as persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do ano en curso.
Na súa base 7.1 disponse que, dentro do prazo dos quince días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da oferta de prazas correspondente a cada ciclo anual de adxudicación, o/a concursante poderá modificar a través de Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de prazas efectuada.
Mediante a Resolución do 17 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG número 119, do 24 de xuño), publícase a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as do concurso de traslados no ciclo de adxudicación do ano 2025 e apróbase a oferta de destinos unicamente nas categorías de médico/a de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria.
Establece a dita resolución que a aprobación da oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 para o resto das categorías de persoal sanitario e de xestión e servizos publicarase nunha resolución posterior, logo da súa negociación na correspondente mesa sectorial.
Tras a negociación na Mesa Sectorial de Sanidade, modificáronse para este ciclo de adxudicación as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia en relación coa data de fin para o cómputo de prazas que se ofertan. Será o 11 de xullo de 2025 en vez do 31 de decembro do ano anterior. Esta adaptación xustifícase en que en 31 de decembro de 2024 case todos os procesos selectivos de estabilización que tiñan como marco regulador a Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, se encontraban na fase previa á elección de destino e adxudicación de prazas, o cal limitaría en gran medida os destinos que se poderían ofertar neste ciclo do ano 2025.
A necesidade de cohonestar o normal desenvolvemento dos procesos de estabilización e do ciclo anual do concurso de traslados aberto e permanente fixo imprescindible adiar a data de fin ata o 11 de xullo de 2025, unha vez finalizados a maioría dos procesos de estabilización. Esta medida permite que neste ciclo se lle poida ofertar ao persoal estatutario do Sistema público de Saúde un número maior de destinos que os que se computarían tomando como data de fin o 31 de decembro de 2024.
A referida modificación das bases da convocatoria afecta a oferta de destinos de todas as categorías de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, excepto médico/a de atención primaria e facultativo/a especialista de atención pimaria.
En aplicación da previsión anterior, e de conformidade coa Resolución do 20 de novembro de 2017, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Aprobar a oferta de destinos correspondente ao ciclo de adxudicación do ano 2025 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas no resto de categorías de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, de acordo co previsto na Resolución do 17 de xuño de 2025 desta Dirección Xeral de Recursos Humanos.
Para o cómputo de prazas que se ofertan neste ciclo anual de adxudicación para todas as categorías de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, excepto médico/a de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria, tomouse como data de fin o 11 de xullo de 2025.
A relación de prazas ofertadas por categoría e os centros nos cales poden existir resultas está publicada na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), na sección de emprego público/concurso de traslados/concurso de traslados aberto e permanente 2025.
Ademais, poderá ser consultada polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Segundo. Os/as profesionais que figuren na relación de participantes deste ciclo, salvo nas categorías de médico/a de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria, disporán dun prazo de quince días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen modificar, a través de Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de destinos efectuada, se así o desexan.
As modificacións que se realicen na selección de destinos deberanse presentar por rexistro electrónico e non requirirán a entrega de ningunha documentación. Terase en conta a última modificación presentada por rexistro electrónico dentro do prazo indicado.
De igual forma, os/as aspirantes que, resultando admitidos/as con carácter provisional neste proceso, non tivesen seleccionado na instancia de participación ningún destino disporán do prazo de quince días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, para efectuaren a través de Fides/expedient-e, mediante o oportuno rexistro electrónico, a selección de destinos que consideren.
De conformidade coa base 3.5.1 da Resolución do 20 de novembro de 2017, pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente, aquelas solicitudes de participación que, logo do prazo anteriormente sinalado, non conteñan a selección, polo menos, dun destino non terán a consideración de solicitude validamente presentada e quedarán excluídas automaticamente do ciclo de adxudicación en curso.
Terceiro. Os/as profesionais que opten a algún dos destinos que exixen habilitacións específicas para o seu desempeño deberán rexistrar, dentro do prazo de quince días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a posesión de tal competencia en Fides/expedient-e, na epígrafe doutros méritos, e deberán acreditar documentalmente no mesmo prazo, mediante certificación orixinal ou copia compulsada ou auténtica dirixida á mesma unidade de validación en que presentaron a solicitude de participación, a posesión de tal habilitación.
Os/as profesionais que, tras optaren a algún destes postos, non acreditasen na forma e no prazo expostos as condicións exixidas para o seu desempeño non poderán resultar adxudicatarios/as deles.
Cuarto. A adxudicación dun destino neste proceso de mobilidade voluntaria suporá a obriga para o/a profesional adxudicatario/a do cumprimento dos requisitos e das condicións do posto que se detallan na relación de prazas ofertadas, que se fai pública mediante esta resolución. En caso contrario, o/a profesional decaerá do dereito a obter ou, de ser o caso, manter tal destino con carácter definitivo.
Quinto. A modificación das bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia prevista nesta resolución será de aplicación a este ciclo de adxudicación do ano 2025.
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2025
A directora xeral de Recursos Humanos
P.D. (Acordo do 29.7.2025)
Begoña Caamaño del Castillo
Subdirectora xeral de Xestión de Profesionais
