Mediante a Resolución do 26 de agosto de 2025 encomendóuselle a Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) a execución dun servizo de apoio na xestión das axudas de asignación tributaria do 0,7 do IRPF e das axudas e subvencións xestionadas pola Dirección Xeral de Inclusión Social 2025-2026.
Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia, publícase no Diario Oficial de Galicia o contido mínimo da dita resolución:
– Actividade: servizo consistente na realización de tarefas de apoio e soporte respecto das convocatorias de axudas promovidas polas diversas direccións xerais destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social a entidades de iniciativa social e convocatorias destinadas a entidades de iniciativa social e corporacións locais.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva. Consonte o previsto polos artigos 9 e 47 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, e para os efectos previstos nos artigos 6.3 e 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e segundo a disposición adicional vixésimo cuarta desta lei, Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Consellería de Política Social.
– Prazo de vixencia: o período de execución rematará o 31 de agosto de 2026.
– Finalización anticipada: esta encomenda poderá resolverse anticipadamente por razóns de eficacia.
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade
P.D. (Orde do 4.6.2024; DOG núm. 111, do 10 de xuño)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Igualdade
