BDNS (Identif.): 854141.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/854141
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.
No suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por necesidades en períodos de vacacións escolares, ambos pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental terán que estar traballando. Aos efectos deste apartado, as situacións de incapacidade permanente absoluta e gran invalidez equiparanse a esta situación. Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo en que esta se exerza efectivamente, acreditando que nese período de tempo lle corresponde a garda e custodia á persoa que solicita esta axuda, debendo presentar, nestes casos, cada pai/nai unha solicitude individual.
2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Segundo. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias residentes en Galicia con nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 7 de setembro de 2025 (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.
2. Para os efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2025:
– Do 1 ao 7 de xaneiro.
– Os días 3, 4 e 5 de marzo.
– Do 14 ao 21 de abril.
– Do 21 de xuño ao 7 de setembro.
3. As axudas previstas nesta orde tramitaranse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e a finalidade das subvencións non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 25 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS412A).
Cuarto. Financiamento
1. Ao financiamento das axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dous millóns seiscentos sesenta e tres mil oitocentos sesenta e sete euros (2.663.867,00 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.11.
2. Concederase a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito. A Consellería de Política Social e Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Consellería de Política Social e Igualdade o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as solicitudes posteriores presentadas para a obtención desta subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.
3. De acordo co previsto no artigo 31.2. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Quinto. Accións e gastos subvencionables
1. Para ter dereito ás axudas previstas nesta orde as familias deberán acreditar que se atopan nun dos seguintes supostos:
a) Supostos de necesidades puntuais que a continuación se relacionan:
1º. Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.
2º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, que impidan a atención do neno ou nena.
4º. Situacións puntuais de coidado de familiares do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena pola persoa coidadora habitual.
b) Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións, sempre que ambos pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental non poidan facerse cargo da atención do neno ou nena por motivos laborais.
2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021, nos supostos previstos no número anterior e realizadas dentro do período indicado no artigo 1.1:
1º. Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar, de forma temporal, para o coidado do neno ou nena.
2º. Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
3º. Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
4º. Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares, exceptuados os recollidos na Orde do 10 de abril de 2025 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2025 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS303A).
Sexto. Tipo de axuda e contía
1. A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata un máximo do 100 % do custo das actuacións previstas no artigo anterior no caso de familias numerosas, familias monoparentais, familias acolledoras, familias con garda con fins adoptivos, familias nas que un ou varios fillos ou fillas convivintes teñan unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 % ou familias vítimas de violencia de xénero, e ata un máximo do 75 % no resto dos casos, sempre cun límite:
a) De 500 euros por unidade familiar, no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
b) De 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
2. Cada suposto de conciliación ao que dá cobertura esta orde poderá ser obxecto dunha axuda dentro das dispoñibilidades orzamentarias, pero só se poderá presentar unha única solicitude por neno ou nena, agás nos casos de custodia compartida, e só por un dos tipos de gasto recollidos no número 2 do artigo 4.
Sétimo. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal debendo realizar unha única solicitude por neno ou nena, agás nos caso de custodia compartida, e por un único tipo de gasto. En caso de presentar máis dunha solicitude, atenderase á primeira solicitude realizada.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará ás 9.00 horas do día 8 de setembro de 2025 e finalizará o día 8 de outubro de 2025 ás 23.59 horas.
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
