O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu artigo 3 os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais incluíndo, entre estes, o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.
A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6, como un dos principios de responsabilidade pública, o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade, no cumprimento das súas funcións.
Así mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, no seu artigo 50 establece que as administracións públicas de Galicia poñerán á disposición das familias solucións efectivas ás súas necesidades de conciliación, proporcionando recursos para cubrir supostos de enfermidade da nena ou neno ou da persoa coidadora habitual, así como a asistencia desta última a entrevistas de traballo e cursos de formación ou outras situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado que impidan compatibilizar o desempeño profesional coa atención das responsabilidades familiares. Para estes efectos, a Administración autonómica desenvolverá programas destinados a proporcionar servizos de atención á infancia, a domicilio ou apoiar economicamente ás familias no uso de servizos de atención á infancia, de carácter puntual.
A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), área que ten como obxectivo propiciar un ambiente social favorable no que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo e na cal se prevé, entre outras medidas, a posta á disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos.
Na posta á disposición ás familias de solucións efectivas ás súas necesidades de conciliación, a Consellería de Política Social, en virtude da Orde do 11 de agosto de 2016, puxo en marcha o programa Bono Coidado, que consistiu na convocatoria dunha axuda económica destinada ás familias para colaborar no pagamento do importe de servizos de atención a domicilio a nenos e nenas de ata tres anos de idade como vía para a cobertura de necesidades puntuais de conciliación.
Na convocatoria do ano 2017, en virtude da Orde do 31 de outubro de 2017, ampliouse ata os doce anos o rango de idades das persoas menores polas cales se solicitou a axuda, así como o número de horas que se subvencionaron, para aquelas familias que tiñan máis dun neno ou nena desas idades.
No ano 2019, a través da convocatoria aprobada pola Orde do 25 de febreiro de 2019, seguiuse avanzando na mellora da conciliación das familias galegas ao ampliar a tipoloxía dos recursos para subvencionar, coa finalidade de que estas dispuxesen dun abano amplo de servizos accesibles que desen resposta aos supostos de necesidade puntual. Deste xeito, ademais da atención a domicilio, o Bono Coidado subvencionou o uso de recursos de conciliación normativamente habilitados para prestar servizos de atención e coidado de maneira non continuada.
Tras os acordos do Consello da Xunta do 12 e 13 de marzo de 2020 establecendo as medidas preventivas en materia de saúde pública, a declaración da situación de emerxencia sanitaria no territorio da comunidade autónoma e a activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), así como a declaración do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 coa publicación no Boletín Oficial del Estado do 14 de marzo, do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, no ano 2020 aprobouse, a través da Orde do 11 de xuño de 2020, unha convocatoria do programa Bono Coidado de carácter extraordinario.
No ano 2021, a convocatoria do Bono Coidado aprobada pola Orde do 27 de xullo de 2021 ampliou a súa cobertura incluíndo os períodos de vacacións escolares como supostos a que se deu cobertura e no ano 2022, a convocatoria do Bono Coidado aprobada pola Orde do 22 de xuño de 2022 mantivo as condicións da anterior convocatoria.
Na convocatoria do ano 2023 modificouse a denominación da axuda de Bono Coidado pasando a denominarse Bono Concilia Familia, mantendo o contido da/das convocatoria/s anterior/es e adaptando esta ao fin real da axuda.
No ano 2024 consolidáronse os avances producidos nas convocatorias anteriores e reduciuse a documentación a achegar polas persoas solicitantes.
De conformidade co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, atribúese a este órgano superior o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garantan un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
A través desta nova convocatoria da Consellería de Política Social e Igualdade para o ano 2025 modifícase a idade das/dos nenas/os que teñen dereito á axuda, que agora vai dos catro aos trece anos, ao ter Galicia totalmente implantada a gratuidade das escolas infantís 0-3, faise unha discriminación positiva cara ás familias de especial consideración recollidas na Lei 3/2011, do 30 de xuño, mantendo a obrigatoriedade do emprego de medios electrónicos por parte das persoas solicitantes, ao abeiro do previsto no artigo 10.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, dado que se dirixe a un colectivo que exerce unha actividade laboral ou profesional e, polo tanto, no que se presume a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios e que conta coa capacidade técnica precisa para garantir o acceso a eles.
Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ao que foron establecidos,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias residentes en Galicia con nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 7 de setembro de 2025 (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.
2. Para os efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2025:
– Do 1 ao 7 de xaneiro.
– Os días 3, 4 e 5 de marzo.
– Do 14 ao 21 de abril.
– Do 21 de xuño ao 7 de setembro.
3. As axudas previstas nesta orde tramitaranse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e a finalidade das subvencións non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.
Artigo 2. Financiamento
1. Ao financiamento das axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dous millóns seiscentos sesenta e tres mil oitocentos sesenta e sete euros (2.663.867,00 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.11.
2. Concederase a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito. A Consellería de Política Social e Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Consellería de Política Social e Igualdade o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as solicitudes posteriores presentadas para a obtención desta subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.
3. De acordo co previsto no artigo 31.2. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.
No suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por necesidades en períodos de vacacións escolares, ambos pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental terán que estar traballando. Para os efectos deste punto, as situacións de incapacidade permanente absoluta e gran invalidez equiparanse a esta situación. Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo en que esta se exerza efectivamente, acreditando que nese período de tempo lle corresponde a garda e custodia á persoa que solicita esta axuda, debendo presentar, nestes casos, cada pai/nai unha solicitude individual.
2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 4. Accións e gastos subvencionables
1. Para ter dereito ás axudas previstas nesta orde as familias deberán acreditar que se atopan nun dos seguintes supostos:
a) Supostos de necesidades puntuais que a continuación se relacionan:
1º. Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.
2º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, que impidan a atención do neno ou nena.
4º. Situacións puntuais de coidado de familiares do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena pola persoa coidadora habitual.
b) Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións, sempre que ambos pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental non poidan facerse cargo da atención do neno ou nena por motivos laborais.
2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021, nos supostos previstos no número anterior e realizadas dentro do período indicado no artigo 1.1:
1º. Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar, de forma temporal, para o coidado do neno ou nena.
2º. Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
3º. Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
4º. Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares, exceptuados os recollidos na Orde do 10 de abril de 2025 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2025 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS303A).
Artigo 5. Tipo de axuda e contía
1. A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata un máximo do 100 % do custo das actuacións previstas no artigo anterior no caso de familias numerosas, familias monoparentais, familias acolledoras, familias con garda con fins adoptivos, familias en que un ou varios fillos ou fillas convivintes teñan unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 % ou familias vítimas de violencia de xénero, e ata un máximo do 75 % no resto dos casos, sempre cun límite:
a) De 500 euros por unidade familiar, no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
b) De 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
2. Cada suposto de conciliación ao que dá cobertura esta orde poderá ser obxecto dunha axuda dentro das dispoñibilidades orzamentarias, pero só se poderá presentar unha única solicitude por neno ou nena, agás nos casos de custodia compartida, e só por un dos tipos de gasto recollidos no número 2 do artigo 4.
Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.
2. No caso de percibírense outras axudas deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas supere o custo do servizo recibido.
4. As familias deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto no anexo I, o cal terán que volver a achegar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.
Artigo 7. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal debendo realizar unha única solicitude por neno ou nena, agás nos caso de custodia compartida, e por un único tipo de gasto. En caso de presentar máis dunha solicitude, atenderase á primeira solicitude realizada.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará ás 9.00 horas do día 8 de setembro de 2025 e finalizará o día 8 de outubro de 2025 ás 23.59 horas.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) que irá dirixida ao departamento territorial da Consellería de Política Social e Igualdade da provincia onde teñan o seu domicilio, a seguinte documentación xeral:
a) Copia do/dos libro/s de familia ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.
b) Copia da resolución xudicial, libro de familia ou certificado do Rexistro Civil en que conste a adopción ou certificado administrativo da garda con fins adoptivos, cando se trate de adopcións formalizadas por outra comunidade autónoma.
c) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só cando se trate de tutelas formalizadas por outra comunidade autónoma.
d) Copia da resolución administrativa de acollemento familiar, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.
e) Certificado da monoparentalidade, de ser o caso, cando fose expedida por outra comunidade autónoma.
f) Sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, nos casos de familias con custodia compartida ou formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.
g) Copia do título de familia numerosa cando fose expedido por outra comunidade autónoma.
h) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla conviventes cando fose expedido por outra comunidade autónoma.
i) Acreditación da solicitante, de ser o caso, da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:
1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia da propia orde de protección ou da medida cautelar autenticada polo letrado ou letrada da Administración de xustiza.
2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.
4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.
5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia de xénero.
6º. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
7 º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
j) Certificado de afiliación a Mutualidad General Judicial (MUXEXU) ou Instituto Social de las Fuerzas Armadas (ISFAS) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
2. No caso de que o cónxuxe ou persoa con unión análoga á conxugal, ou outro membro da unidade familiar, se opuxesen á comprobación dos datos recollidos no número 1, deberanse achegar os documentos acreditativos dos ditos datos.
3. Así mesmo, deberán achegar a seguinte documentación acreditativa da causa que dá dereito á axuda nos supostos do artigo 4.1:
a) Xustificante médico acreditativo da situación de enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, de ser o caso.
b) Documento acreditativo da asistencia á entrevista ou curso en que conste expresamente a data e horas da súa celebración, no caso de asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.
c) Se é o caso, xustificante médico acreditativo da situación establecida no artigo 4.1.a).4º que dá lugar á necesidade de coidado e documentación acreditativa do parentesco co neno ou nena ou coa persoa coidadora habitual.
d) Se é o caso, resolución da declaración de incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez nos casos establecidos no artigo 4.1.b).
4. Igualmente, en caso de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, declaración responsable da persoa solicitante coa descrición sucinta da situación e indicación da súa duración.
5. Presentarase a seguinte documentación específica acreditativa da actuación realizada, das que a continuación se relacionan:
a) No caso de contratación de servizos de atención a domicilio, de servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou de recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares, achegarase:
1º. Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente dos gastos realizados, onde conste expresamente a identificación co nome, apelidos e documento nacional de identidade (DNI)/Número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa que figure como solicitante da axuda no anexo I, e do/dos neno/s ou nena/s que recibe/n o servizo e o/s día/s nos que este se prestou. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
2º. Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura, agás que o importe da mesma sexa inferior a 1.000 euros que se xustificará mediante a presentación do recibo do provedor.
b) No caso de contratación dunha persoa empregada do fogar, achegarase:
1º. Contrato de traballo onde conste expresamente o período de contratación, o seu obxecto como coidadora de menores e o intervalo horario en que se presta o servizo.
2º. Xustificantes bancarios do pagamento do salario e das cotas da Seguridade Social.
6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados con anterioridade pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
7. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI, NIE da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
b) Certificado de datos de convivencia actual.
c) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria da persoa solicitante.
d) Certificación de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social da persoa solicitante.
e) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.
f) Informe da vida laboral da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
g) Certificado de afiliación á Mutualidad Geral de Funcionarios Civiles del Estado (MUFACE) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Resolución xudicial ou administrativa que declarase a adopción ou a garda con fins adoptivos formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Resolución xudicial ou administrativa que declara a situación de tutela formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Resolución administrativa de acollemento formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Certificado de monoparentalidade expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Título de familia numerosa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Certificado de recoñecemento do grao de discapacidade dos fillos ou fillas conviventes expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
5. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude, que dispón do documento asinado polo cónxuxe ou persoa con unión análoga á conxugal ou outro membro da unidade familiar, no que autoriza ou se opón á comprobación dos datos destas últimas, conforme o modelo do anexo II. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, no caso de que o cónxuxe ou persoa con unión análoga á conxugal ou outro membro da unidade familiar se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que os acrediten.
Artigo 11. Instrución do procedemento
1. A instrución do procedemento corresponde á subdirección xeral con competencias en materia de demografía e conciliación da Consellería de Política Social e Igualdade, quen realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos que se debe formular a proposta de resolución e para iso solicitará a colaboración dos servizos con competencia en materia de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica dos departamentos da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 31.4 da mesma norma, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e o artigo 7.
En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a tramitación e resolución das solicitudes virá determinado pola data na que se tivese presentado a documentación completa requirida nesta orde.
3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.
4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir a persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
5. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de resolución do procedemento. En todo caso non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión, aceptación da desistencia e o arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.
Artigo 12. Resolución
1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, en uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da dita Consellería de Política Social e Igualdade, que deberá resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución do órgano instrutor.
2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante.
3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses contados desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.
Artigo 13. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións electrónicas entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Réxime de recursos
As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Directamente poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.
No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta do dito recurso.
Artigo 15. Modificación da resolución de concesión
De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.
Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e máis no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:
a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
b) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede.
c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.
d) Manter no seu poder o anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.
Artigo 17. Reintegro
De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:
a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.
b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.
c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
2. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.
3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.
Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 18. Réxime de infraccións e sancións
As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 20. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS412A, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no teléfono 012, ou nos enderezos electrónicos:
|
012@xunta.gal |
|
administrativos.familia.coruna@xunta.gal |
|
familia.politicasocial.lugo@xunta.gal |
|
familia.politicasocial.ourense@xunta.gal |
|
familia.ctb.vigo@xunta.gal |
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da conselleira de Política Social e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
A Consellería de Política Social e Igualdade transmitiralle á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as instrucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
