DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 5 de setembro de 2025 Páx. 48278

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 8 de agosto de 2025 pola que se modifican a Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia e a Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras.

I

A Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, regula no seu artigo 60 que o pagamento en efectivo das débedas tributarias poderá realizarse polos medios e na forma que regulamentariamente se establezan.

O Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, entre outras materias regula as liñas básicas de actuación das entidades de crédito que actúan como colaboradoras na xestión recadatoria da Facenda pública e os medios susceptibles de ser utilizados para a realización do pagamento das débedas tributarias e non tributarias; concretamente o artigo 38 especifica a domiciliación bancaria como un deses posibles medios de pagamento.

Por unha banda, o artigo 96 da mencionada Lei 58/2003, do 17 de decembro, establece que a Administración tributaria promoverá a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, coas limitacións que a Constitución e as leis establezan.

Así mesmo, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, fai fincapé na necesidade de fomentar as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos como un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte.

Por outra banda, o número 2 do artigo 9 do Regulamento (UE) nº 260/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de marzo de 2012, polo que se establecen requisitos técnicos e empresariais para as transferencias e os cargos domiciliados en euros e se modifica o Regulamento (CE) nº 924/2009, relativo á accesibilidade dos pagamentos, dispón que «Todo beneficiario que acepte unha transferencia ou utilice un cargo domiciliado para cobrar fondos dunha persoa ordenante titular dunha conta de pagamento radicada na Unión non especificará en que Estado membro está radicada a dita conta de pagamento sempre que a conta de pagamento sexa accesible segundo o establecido no artigo 3».

O mencionado artigo 3, no seu número 2, dispón que «O provedor de servizos de pagamento dunha persoa ordenante que sexa accesible para a realización de cargos domiciliados de ámbito nacional conforme un réxime de pagamento deberá ser accesible, de conformidade coas disposicións dun réxime de pagamento do ámbito da Unión, para a realización de cargos domiciliados iniciados por un beneficiario a través dun provedor de servizos de pagamento radicado en calquera dos Estados membros».

A Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia, establece o sistema de domiciliación bancaria exclusivamente aplicable a aquelas persoas obrigadas tributarias que opten pola domiciliación dos pagamentos en contas abertas en entidades de crédito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria da Axencia Tributaria de Galicia.

II

Dado que ao longo dos últimos anos a utilización da domiciliación bancaria como medio de pagamento experimentou un constante crecemento, considérase conveniente ampliar os casos en que se pode levar a cabo, ofrecendo ese medio de pagamento naqueles casos en que a conta designada pola persoa obrigada tributaria estea aberta nunha entidade de crédito que, aínda que non exerza a condición de colaboradora na xestión recadatoria, se encontre dentro da zona única de pagamentos en euros (zona SEPA). Deste modo, daríase resposta a todos aqueles casos en que quen pretende domiciliar o pagamento das débedas fronte á Administración se encontra no estranxeiro e non ten conta aberta en España ou, simplemente, de quen non ten conta aberta nunha entidade colaboradora, trátese ou non de persoas obrigadas residentes en España.

Por último, elimínase a referencia aos dous procedementos normalizados que se recollían no artigo 2 da Orde do 10 de decembro, dado que non se encontran operativos na sede electrónica da Xunta de Galicia. Así mesmo, incorpóranse dous novos anexos relativos aos xustificantes de pagamento emitidos no caso de débedas domiciliadas en contas de entidades colaboradoras e no caso de débedas domiciliadas en contas de entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA.

Esta orde está composta dun artigo único, dúas disposicións adicionais e unha disposición derradeira. O artigo único modifica a Orde do 10 de decembro de 2019 para incorporar a posibilidade de domiciliar o pagamento de autoliquidacións e adiamentos e fraccionamentos en contas abertas en entidades non colaboradoras que se encontren dentro da zona SEPA. Pola súa parte, a primeira disposición adicional regula o procedemento de adhesión das entidades colaboradoras ao procedemento de xestión. A segunda disposición adicional modifica a Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación de entidades colaboradoras, para efectos de fixar o ámbito normativo que resulta de aplicación. Por último, a disposición derradeira regula a entrada en vigor da orde.

III

O seu contido adecúase aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. As medidas previstas nesta orde responden á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, ao recollerse na norma os obxectivos perseguidos a través dela e da súa xustificación, como exixe o principio de transparencia, e ao introducirse a través dela, conforme o principio de seguridade xurídica, as modificacións precisas nas disposicións vixentes.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, atribúelle a esta as competencias e funcións que en materia de facenda se establecen no Estatuto de autonomía, exercéndose a través da Axencia Tributaria de Galicia (en diante, Atriga) as funcións de xestión recadatoria dos ingresos de dereito público, consonte o disposto no Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto.

IV

Este proxecto de orde expúxose no Portal de transparencia e goberno aberto, foi sometido a informe do Servizo Técnico-Xurídico, aos preceptivos informes tecnolóxico funcional, de sustentabilidade, economico-financeiro e de impacto de xénero, así como ao informe da Asesoría Xurídica, ao informe de legalidade e ao ditame do Consello Consultivo de Galicia.

Así, en virtude do exposto, consonte a competencia establecida no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e de acordo co Consello Consultivo de Galicia,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia

Un. Modifícase o artigo 2, que queda redactado como segue:

«Artigo 2. Débedas cuxo pagamento pode ser domiciliado

As persoas obrigadas ao pagamento, salvo aquelas a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, poderán utilizar a domiciliación bancaria como medio de pagamento das débedas resultantes:

a) Das autoliquidacións que se relacionan no anexo I, sempre que a súa presentación se leve a cabo por vía electrónica a través da Oficina Virtual Tributaria (en diante, OVT) da Atriga.

b) Dos aprazamentos e fraccionamentos de pagamento concedidos polos órganos competentes da Atriga».

Dous. Modifícase a alínea c) do número 1 do artigo 3, que queda redactada como segue:

«c) Estar abertas nunha entidade de crédito autorizada para actuar como colaboradora na xestión recadatoria da Atriga ou nunha entidade de crédito distinta das colaboradoras que se encontre dentro da zona SEPA.

Unicamente as entidades de crédito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria da Atriga poderán levar a cabo a xestión das domiciliacións ordenadas para o pagamento de débedas xestionadas pola Atriga en contas abertas en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA logo de solicitude por parte delas».

Tres. Modifícase o número 1 do artigo 11, que queda redactado como segue:

«1. A domiciliación do pagamento das débedas obxecto de adiamento ou fraccionamento será ordenada na solicitude, que se presentará ante a Axencia Tributaria de Galicia:

a) Presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, podendo empregar o modelo de solicitude de adiamento/fraccionamento dispoñible no enderezo http://atriga.gal/a-axencia-tributaria-de-galicia/servizos/modelos-e-formularios/modelos-e-formularios-para-tramites-administrativos/modelos-e-formularios-de-recadacion, indicando a codificación da conta en que se desexa domiciliar o pagamento, cos requisitos que se establecen no artigo 3 desta orde.

b) Por vía electrónica, a través da Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.atriga.gal) ou a través do formulario xenérico PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal)».

Catro. Modifícase a denominación do título II, que queda redactado como segue:

«Entidades colaboradoras e entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA».

Cinco. Modifícase o artigo 15, que queda redactado como segue:

«Artigo 15. Xestión das domiciliacións

1. Ficheiros de domiciliacións. A Atriga xerará, para cada entidade colaboradora, os ficheiros coas domiciliacións ordenadas en contas abertas nela, de acordo coas especificacións técnicas que se recollen no anexo II. Así mesmo, xerará o ficheiro de domiciliación en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA para aquelas entidades colaboradoras cuxa xestión lles corresponda, de acordo co formato normalizado ISO 20022 para a emisión de débitos directos SEPA.

Os ficheiros serán postos ao dispor das entidades colaboradoras coa antelación suficiente para que estas poidan levar a cabo os procesos necesarios para o cumprimento das respectivas ordes de domiciliación. O período de antelación será de seis (6) días naturais anteriores ao día do vencemento que corresponda.

2. Cargo na conta das persoas obrigadas ao pagamento. O día do vencemento que en cada caso corresponda, a entidade colaboradora efectuará o cargo dos importes domiciliados nas contas das respectivas persoas obrigadas ao pagamento e aboará decontado estes na conta restrinxida para a recadación de tributos que corresponda, agás que a conta designada polas persoas obrigadas non cumpra algún dos requisitos establecidos no artigo 3 desta orde ou nela non exista, o día do vencemento, saldo dispoñible suficiente para atender o pagamento íntegro do importe domiciliado. O cargo deberá efectuarse, en todo caso, polo importe íntegro da débeda domiciliada, sen que se poidan levar a cabo cargos por importes parciais.

Para o caso das entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA, o día do vencemento que en cada caso corresponda a entidade efectuará o cargo dos importes domiciliados nas contas das respectivas persoas obrigadas ao pagamento e aboará decontado estes á entidade colaboradora cuxa xestión da domiciliación lle corresponda, agás que a conta designada pola persoa obrigada non cumpra algún dos requisitos establecidos no artigo 3 ou nela non exista, o día do vencemento, saldo dispoñible suficiente para atender o pagamento íntegro do importe domiciliado. O cargo deberá efectuarse, en todo caso, polo importe íntegro da débeda domiciliada, sen que se poidan levar a cabo cargos por importes parciais.

Así mesmo, o cargo dos importes domiciliados deberase realizar na mesma conta que figure no ficheiro recibido da Atriga e será de exclusiva responsabilidade da entidade que realice o cargo calquera incidencia que se poida producir polo feito de que este se leve a cabo nunha conta distinta».

Seis. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 16, que quedan redactados como segue:

«1. O pagamento das débedas domiciliadas en contas de entidades colaboradoras considerarase efectuado na data en que se produza o cargo na conta da persoa obrigada, carecendo de efectos fronte á Atriga a data en que a entidade colaboradora valore contablemente a operación de cargo.

Unha vez realizado o cargo na conta de domiciliación, e para efectos da xustificación do pagamento, os interesados poderán obter da entidade colaboradora o xustificante acreditativo do pagamento realizado co contido mínimo recollido no anexo III.

2. O pagamento das débedas domiciliadas en contas de entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA considerarase efectuado en data en que se produza o cargo na conta da persoa obrigada, sen prexuízo do previsto no artigo 49.1 do Real decreto lei 19/2018, do 23 de novembro, carecendo de efectos fronte á Atriga a data en que a entidade valore contablemente a operación de cargo.

Transcorrido o prazo sinalado no artigo 49.1 do Real decreto lei 19/2018, do 23 de novembro, os interesados poderán obter da Atriga o xustificante acreditativo do pagamento realizado co contido mínimo recollido no anexo IV».

Sete. Modifícase o título do artigo 17, que queda redactado como segue:

«Artigo 17. Ingreso nas contas restrinxidas das cantidades recadadas mediante domiciliación en entidades colaboradoras e achega de información á Atriga»

Oito. Introdúcese un artigo 18, coa seguinte redacción:

«Artigo 18. Ingreso das cantidades recadadas mediante domiciliación en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA

O ingreso das cantidades recadadas mediante domiciliación en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA será efectuado pola entidade colaboradora á cal lle corresponda a súa xestión, nunha conta intermedia onde permanecerá durante o prazo de devolución previsto no artigo 49.1 do Real decreto lei 19/2018, do 23 de novembro, contado desde o día en que se produza o aboamento do importe domiciliado. Transcorrido o dito prazo, aboarase o importe recadado na conta restrinxida correspondente segundo o previsto na disposición xeral segunda da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras».

Nove. Modifícase a disposición adicional, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional única. Habilitación normativa

Habilítase a persoa titular da Dirección da Atriga para ditar, no ámbito da xestión recadatoria, as resolucións e instrucións que sexan precisas para a execución do disposto nesta orde.

Habilítase a persoa titular da Dirección da Atriga para actualizar, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os anexos a esta orde, cando sexa preciso, como consecuencia de modificacións normativas ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precise a modificación da relación de modelos ou as especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos».

Dez. Engádese un novo anexo, que será o III, co seguinte texto:

ANEXO III

Xustificantes de pagamento emitidos no caso de débedas domiciliadas en contas de entidades colaboradoras

Os xustificantes de pagamento emitidos no caso de débedas domiciliadas en contas abertas en entidades colaboradoras deberán conter, como mínimo, os seguintes datos:

1. Número de xustificante.

2. Número de conta.

3. Data do ingreso.

4. Total ingresado.

5. NIF.

6. Nome ou razón social das persoas obrigadas ao pagamento.

7. Número de expediente.

8. Clave de liquidación (no caso de pagamento domiciliado de autoliquidacións).

E, ademais, no caso de pagamento domiciliado de aprazamentos ou fraccionamentos:

1. Número de prazos.

2. Importe do prazo e xuros.

Xunto coa lenda «Este recibo produce os efectos liberatorios para co Tesouro Público da Facenda Galega, previstos no Regulamento xeral de recadación».

Once. Engádese un novo anexo, que será o IV, co seguinte texto:

ANEXO IV

Xustificantes de pagamento emitidos no caso de débedas domiciliadas en contas de entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA

Os xustificantes de pagamento emitidos no caso de débedas domiciliadas en contas de entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA deberán conter, como mínimo, os seguintes datos:

1. Número de xustificante.

2. Data do ingreso.

3. Total ingresado.

4. NIF.

5. Nome ou razón social das persoas obrigadas ao pagamento.

6. Concepto (número de autoliquidación/liquidación).

Xunto coa lenda «Este recibo produce os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo».

Disposición adicional primeira. Adhesión das entidades colaboradoras

No prazo de cinco (5) días hábiles tras a entrada en vigor desta orde, a Atriga comunicaralles ás entidades financeiras que actualmente son colaboradoras as condicións da adhesión ao procedemento para a xestión das domiciliacións ordenadas para o pagamento de débedas xestionadas pola Atriga en contas abertas en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA, así como o correspondente formulario de adhesión. Aquelas entidades financeiras que desexen participar poderán presentar, en calquera momento desde a entrada en vigor desta orde, o dito formulario de adhesión ante a Atriga, consonte as instrucións aprobadas por resolución da Dirección da Atriga.

Disposición adicional segunda. Modificación da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras

Introdúcese unha disposición adicional cuarta na Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras, que queda redactada como segue:

«O ingreso das cantidades recadadas mediante domiciliación en entidades non colaboradoras dentro da zona SEPA realizarase de acordo co disposto nesta orde e na Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2025

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública