DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 5 de setembro de 2025 Páx. 48410

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Ponteareas (expediente IN407A 2025/056-4).

Expediente: IN407A 2025/056-4.

Promotora: Central Eléctrica Sestelo y Compañía.

Denominación: LMTS, CT Novofri.

Concello: Ponteareas.

Feitos:

1. O 11.3.2025 a empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CT Novofri.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial José L. Giráldez Cortegoso, colexiado 2853 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Santiago de Compostela, e contén un orzamento total de 32.264,20 euros.

Tras ser examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dun centro de transformación de 160 kVA e a súa liña de acometida para atender as previsións de crecemento da zona da Lomba, na parroquia de Areas, no concello de Ponteareas (Pontevedra).

2. Este departamento territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Ponteareas e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Ponteareas.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil non emitiu o condicionado técnico, polo que, en consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

3. O 3.7.2025 os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS, CT Novofri.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 50 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 4ES01875 da LMT subderivación Novofri, mediante un paso aéreo-subterráneo, e final no centro de transformación proxectado Novofri.

• Centro de transformación a 160 kVA, en caseta prefabricada, con relación de transformación 20 kV/400 V.

• A instalación está situada na Lomba, parroquia de Areas, no concello de Ponteareas (Pontevedra).

Conforme ao indicado,

RESOLVO:

Outorgarlle á empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT Novofri, expediente IN407A 2025/056-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que estean afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade.

3. Deberanse cumprir en todo momento as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado de dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e as prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 8 de agosto de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra