DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 10 de setembro de 2025 Páx. 48964

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 2 de setembro de 2025 pola que se fixa o prezo privado para a venda ao público dunha publicación editada pola Escola Galega de Administración Pública.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 240, do 11 de decembro), dispón que son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos a que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados.

Así mesmo, o artigo 51 da dita lei establece que os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, logo do informe favorable da de Economía e Facenda, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, sen prexuízo de que excepcionalmente se poidan aplicar subvencións reguladoras. Para estes efectos, o proxecto normativo, xunto coa memoria económica en que se xustifican os aspectos anteriores, remitiuse á dirección xeral competente en materia de orzamentos. Así mesmo, a orde deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, logo da proposta formulada pola Escola Galega de Administración Pública e do informe favorable da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico,

ACORDO:

Artigo único

1. Queda aprobado o prezo de venda ao público da publicación editada pola Escola Galega de Administración Pública que se relaciona no anexo.

2. Este prezo entenderase co imposto sobre o valor engadido (IVE) incluído.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2025

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

– Lei 4/2019, de administración dixital de Galicia-Comentarios, anotacións e xurisprudencia. 29 €.