DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 11 de setembro de 2025 Páx. 49220

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2025 pola que se convoca a segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2025, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, dos/das policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

– Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

– Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostre no manexo das armas.

Persoal destinatario:

A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.

Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento, no cal se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.

Solicitudes:

Os concellos interesados deberán remitir o formulario que está na páxina web https://agasp.xunta.gal/es á Academia Galega de Seguridade Pública, antes do día 30 de setembro de 2025.

As solicitudes deberán presentarse a través do correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal, indicando no asunto: Plan de tiro 2025, ou ben a través do rexistro electrónico.

As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellaría ou xefatura, segundo proceda.

Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios:

Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer a súa respectiva arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará o profesorado e as persoas instrutoras necesarias.

Determinación da data das prácticas:

A segunda práctica do plan terá lugar:

– Os días 6, 7, 8, 9, 10, 13, 14, 15, 16, 17, 20, 21, 22, 24, 27, 28, 29 e 31 de outubro de 2025.

Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas comunicarase aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.

Control e cartilla de tiro:

O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e a habilidade que cada persoa tiradora amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis a que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar:

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na rúa da Cultura, s/n, no concello da Estrada (Pontevedra).

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do Plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de setembro de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública