BDNS (Identif.): 855629.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/855629
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas armadoras das embarcacións que estean rexistradas como activas no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Finalidade
As axudas terán como finalidade compensar os efectos do período de parada temporal motivada pola prohibición da pesca que tivo lugar entre o 22 de xaneiro e o 20 de febreiro de 2025, establecida no Regulamento delegado (UE) 2024/3089 da Comisión, do 30 de setembro de 2024, polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/1241, no que respecta ás medidas para reducir as capturas accidentais de golfiño común (Delphinus delphis) e outros pequenos cetáceos no Golfo de Biscaia.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 25 de agosto de 2025 pola que se regulan as bases e a convocatoria para o ano 2025 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás persoas armadoras pola paralización temporal da actividade pesqueira motivada pola prohibición de pesca imposta no Regulamento delegado (UE) 2024/3089 da Comisión, do 30 de setembro de 2024, polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/1241, no que respecta ás medidas para reducir as capturas accidentais de golfiño común (Delphinus delphis) e outros pequenos cetáceos no Golfo de Biscaia (cofinanciadas ao 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura) (código de procedemento PE406I).
Cuarto. Importe
Para o ano 2025 as axudas concederanse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria, que figura dotada no orzamento de gastos de Consellería do Mar para o ano 2025.
– Aplicación orzamentaria: 16.02.723A.770.0.
– Código de proxecto: 2025.00154.
– Importe: 59.730,12 €.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2025
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
