DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 12 de setembro de 2025 Páx. 49513

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2025, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de subinspección urbanística, convocado mediante a Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 20, do 29 de xaneiro), pola que se lle dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 1 de setembro de 2025, o tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de subinspección urbanística, convocado mediante a Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro),

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria e co disposto nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio do proceso selectivo aprobados polo tribunal na sesión que tivo lugar o 5 de xuño de 2025, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes obtiveron unha puntuación mínima de vinte e cinco (25) puntos.

Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de subinspección urbanística, no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de que o día da publicación da convocatoria do proceso selectivo no Diario Oficial de Galicia estaban en posesión do Celga 4 ou título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Non terán que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga requirido e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral da Función Pública no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2025

Alberto Feijóo Rodríguez
Presidente do tribunal