DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 15 de setembro de 2025 Páx. 49792

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2025 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública do documento de revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa (ciclo 2028-2033).

A Directiva 2007/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007, relativa á avaliación e xestión dos riscos de inundación, foi trasposta ao noso ordenamento xurídico polo Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación. Os seus principais obxectivos son obter un axeitado coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións e lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para reducir as consecuencias negativas das inundacións.

O 18 de xaneiro de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 27/2023, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de xestión do risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. A disposición adicional terceira deste Real decreto 27/2023, do 17 de xaneiro, dispón que este plan deberá ser revisado e actualizado, como máis tarde o 22 de decembro de 2027 e, a continuación, cada seis anos.

Deberanse actualizar e revisar tamén, segundo indica o artigo 21 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, as restantes fases de implantación da Directiva 2007/60/CE, do 23 de outubro de 2007, a avaliación preliminar do risco de inundación (APRI) e os mapas de perigosidade e risco de inundación (Mapri).

O artigo 10.2 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, referido á cartografía de perigosidade e risco de inundación, determina que os mapas de perigosidade e risco de inundación se someterán a consulta pública durante un prazo mínimo de tres meses.

Segundo os indicados artigos, esta dirección

RESOLVE:

Someter a consulta pública durante un prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia o documento de revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa (ciclo 2028-2033).

Os mapas sobre os que se desenvolve esta consulta pública son:

1. Os correspondentes ás novas áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) e subtramos de ARPSI fluviais, definidos no documento Revisión e actualización da avaliación preliminar do risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa (ciclo 2028-2033), aprobada pola Dirección de Augas de Galicia o 13 de febreiro de 2025.

2. Os relativos a ARPSI fluviais delimitadas noutros ciclos en que a Administración hidráulica detectou a necesidade de revisar e actualizar os seus mapas de perigosidade.

O sometido a consulta pública é un documento explicativo da metodoloxía empregada na elaboración, revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundación das areas de risco potencial significativo de inundación fluvial para este terceiro ciclo 2028-2033 e unha serie de información xeográfica que se poderá visualizar ou descargar a través do visor xeográfico da infraestrutura de datos espaciais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa (IDE-DHGC). O acceso a esta información pódese facer a través dos seguintes enderezos electrónicos:

– Na páxina web oficial de Augas de Galicia (http://augasdegalicia.xunta.gal/), dentro da epígrafe de participación pública, está dispoñible a memoria metodolóxica.

– Na IDE-DHGC (https://mapas.xunta.gal/visores/dhgc/), a información xeorreferenciada sometida a consulta pública pode consultarse no botón de «selección de capa», baixo a epígrafe «INUNDABLESnovo!», e subepígrafe «D2007/60 mapas inundables fluviais ciclo 2028-2033 CP».

Dentro do prazo establecido, poderanse realizar achegas e formular as observacións e suxestións que se xulguen oportunas en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por estes medios, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario do formulario a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e, dentro desta, Augas de Galicia.

Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico planinundacions.augasdegalicia@xunta.gal

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025

Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia