Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:
Feitos:
1. O 5 de abril de 2025, a Fundación Montecelo, e na súa representación Arturo Maneiro Vila, presidente, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila constitúea a Fundación Montecelo, na súa representación Arturo Maneiro Vila, presidente, mediante escritura pública outorgada o 4 de marzo de 2025, ante o notario de Teo, A Coruña, Carlos Sebastián Lapido Alonso, co número de protocolo 353.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, «ten por obxecto favorecer o acceso ao ensino, facilitando residencia e alimentación aos estudantes universitarios nun contexto en que se promova a formación humana, cultural e científica das persoas e proxectar a súa actividade ao servizo da comunidade universitaria.
No desenvolvemento da súa función educativa, a Fundación propón os seguintes fins:
a) Fomentar o sentido comunitario da convivencia para á súa formación integral.
b) Formarse con espírito de responsabilidade, especialmente a través do estudo e do logro académico profesional.
c) Proporcionar os medios para unha mellor e máis plena formación humana, social, ética e relixiosa.
d) Participar activamente na promoción e integración social das persoas no ámbito universitario.
e) Fomentar o espírito de liberdade, disciplina, austeridade, amor ao traballo e servizo á sociedade.
f) Facilitar unha formación académica complementaria aos estudos propios da universidade, así como impartir outras ensinanzas de acordo coa lexislación vixente.
g) Proporcionar aos estudantes un aloxamento e un ambiente adecuado para lograr o pleno desenvolvemento da súa personalidade.
h) Proporcionar orientacións que faciliten a elección da especialidade e o exercicio da profesión».
4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á identidade dos fundadores, a súa capacidade para constituíla, a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, a dotación, os estatutos e a composición inicial do padroado.
5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as, a composición e as normas de funcionamento do padroado e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
6. O padroado inicial da Fundación está formado por Gonzalo Eduardo Cortizo Ameal como presidente, Luis Trincado Boville como vicepresidente, Gerardo Gándara Moure como vogal e Juan Vicente González Boo como secretario.
7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen o artigo 47.2 da citada lei, o artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.
8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 18 de xuño de 2025 (DOG núm. 123, do 30 de xuño), clasificouse de interese educativo a Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila, e adscribiuse á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (DOG núm. 101, do 27 de maio), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.
Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila.
Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 8 de setembro 2025
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
