A Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten entre os seus fins o fomento e a vertebración das políticas de I+D+i no sector público galego, e o apoio ás entidades que integran o ecosistema de I+D+i galego para incrementar a súa competitividade, a través da implementación e execución de estratexias e programas de I+D+i eficientes.
A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo.
A Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, aprobada por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2022, define o marco das políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Este premio enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027, aliñándose cos tres retos e coas tres prioridades. Así mesmo, contribúe ao obxectivo estratéxico 4, integrándose, polo tanto, no programa Persoas e talento da RIS3 de Galicia e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, na liña 1.4 (Recoñecemento dos esforzos en investigación e innovación).
Logo do éxito das seis edicións do Premio empregados/as públicos/as innovadores/as, a Axencia Galega de Innovación lanza a sétima edición co obxectivo de sensibilizar e incentivar o uso da innovación para a mellora dos servizos públicos e a optimización na xestión dos recursos públicos. Esta edición, seguindo a liña das edicións anteriores, persegue novas motivacións en forma de premios que permitan recoñecer o esforzo dos empregados públicos por implementar e desenvolver procedementos e solucións máis innovadoras. Tamén, e no que atinxe á carreira administrativa dos/das empregados/as públicos da Xunta de Galicia, a concesión destes premios constitúe un criterio de avaliación para o seu recoñecemento.
Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,
DISPÓN:
CAPÍTULO I
Bases reguladoras do Premio empregados/as públicos/as innovadores/as
Artigo 1. Finalidade
A finalidade do premio é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia xa que fai posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía.
Así mesmo, por medio desta resolución, establécense as bases reguladoras e convócase o VII Premio empregados/as públicos/as innovadores/as para o ano 2025 (código de procedemento IN822D).
Artigo 2. Procedemento
1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Poderá participar nesta convocatoria todo o persoal funcionario e laboral, incluído no artigo 4.a) e 4.c) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
2. A forma de participación poderá realizarse a título individual ou conformando un equipo de traballo. O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de tres persoas e, neste caso, indicarse expresamente a persoa física designada como portavoz do equipo, que será a encargada das comunicacións.
3. Aínda cumpridos os requisitos recollidos na convocatoria, non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas en que concorran algunhas das causas de exclusión recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no artigo 13 da Lei 38/ 2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nas súas normas de desenvolvemento, ou en calquera dos puntos da presente convocatoria.
Tampouco poderá ser beneficiario o persoal incluído no artigo 37 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
4. Non poderán presentarse a este premio os proxectos que xa fosen gañadores nalgunha das edicións anteriores.
Artigo 4. Categorías do VII Premio empregados/as públicos/as innovadores/as
a) Identificación de oportunidades: premiarase a identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración. A/as persoa/s interesada/s en participar nesta categoría deberán detallar e definir unha problemática que estea a afrontar a Administración autonómica galega no exercicio das súas competencias, así como as razóns que motivan a necesidade de interese que tería a resolución desta.
b) Proxecto coa temática máis innovadora: premiaranse proxectos innovadores xa realizados ou en curso. A/as persoa/s interesada/s en participar nesta categoría deberán detallar o proceso do proxecto, expoñer os puntos considerados fundamentais e xustificar as características que outorgan carácter innovador ao seu proxecto. Premiaranse aqueles proxectos coa temática máis vangardista e innovadora.
c) Simplificación administrativa: premiarase os proxectos con novas propostas de simplificación administrativa, tanto nas relacións da cidadanía coa Administración pública da Xunta de Galicia como na xestión administrativa interna. O persoal interesado en participar nesta categoría deberá detallar a súa proposta e a súa incidencia en aspectos regulatorios, organizativos ou tecnolóxicos, identificando as áreas de actuación e o seu alcance.
Artigo 5. Forma e lugar de presentación das postulacións
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de solicitude (anexo I).
2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
– Ficha de postulación (anexo II).
– Pluralidade de persoas solicitantes (anexo III), se aplica na súa solicitude.
– De xeito opcional, unha memoria que achegue máis información sobre a súa candidatura.
3. A ficha de postulación (anexo II) contará coas seguintes epígrafes:
– Na categoría «Identificación de oportunidades»: resumo da postulación; campo ou problemática que se pretende resolver; explicación do impacto, beneficios e efecto dinamizador sobre o escenario actual; e posibilidade de dar resposta á oportunidade detectada.
– Na categoría «Proxecto coa temática máis innovadora»: resumo da postulación; explicación do grao de innovación do proxecto; identificación da repercusión do proxecto sobre a problemática que se está a solucionar, o servizo público que se ve mellorado ou sobre a efectividade ou a calidade do traballo desenvolvido polo empregado público; explicación das capacidades do equipamento técnico; explicación da utilidade que o proxecto pode ter noutro ámbito da Administración ou das sinerxías que se poden xerar con outras iniciativas.
– Na categoría «Simplificación administrativa»: resumo da postulación; campo ou problemática que se pretende resolver; ámbito de aplicación; incidencia en aspectos regulatorios, organizativos ou tecnolóxicos.
4. Co obxecto de garantir o anonimato, no anexo II non figurará ningún dato persoal da persoa ou equipo de persoas autoras das propostas. Neste sentido, a dirección da Axencia Galega de Innovación facilitará ao Comité de Avaliación, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e os datos non identificativos que a persoa solicitante incluíra no anexo II e manterá custodiada a identidade da persoa autora ata que se resolva o procedemento.
5. No caso de que se trate dunha candidatura en equipo, os membros del, exceptuando o representante, deberán cubrir o anexo III referente á pluralidade de persoas solicitantes.
6. A/as persoa/s interesada/s poderán achegar, de xeito opcional, xunto coa solicitude (anexo I), unha memoria en formato libre que achegue máis información sobre a súa candidatura. Esta memoria ten que cumprir o seguinte formato: tipografía Xunta Sans, tamaño 11 puntos, entreliña de 1.5 e extensión non maior a dez páxinas.
7. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
9. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma da persoa solicitante.
e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT da persoa solicitante.
g) DNI ou NIE das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes, no caso de tratarse de candidaturas en equipo.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes, no caso de tratarse de candidaturas en equipo.
i) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes, no caso de tratarse de candidaturas en equipo.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes, no caso de tratarse de candidaturas en equipo.
k) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes, no caso de tratarse de candidaturas en equipo.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Instrución
1. O órgano instrutor dos expedientes será a Área de Estratexias e Programas da Axencia Galega de Innovación, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta resolución. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. En caso de que algunha das propostas presentadas se considere que non se corresponde coa categoría indicada no formulario de solicitude, a Área de Estratexias e Programas da Axencia Galega de Innovación, como órgano instrutor dos expedientes, notificará desta circunstancia ao solicitante, que disporá do prazo de dez (10) días a partir da notificación para ofrecer as explicacións que, de acordo coas bases do premio, permitan incluír a proposta na categoría á que pola súa natureza, estado de tramitación e contido corresponda. En caso de non recibir resposta no prazo indicado, a Axencia Galega de Innovación determinará, de oficio, a categoría da proposta.
Artigo 10. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Comité de Avaliación
1. O exame das postulacións presentadas e, se é o caso, a proposta de adxudicación dos premios corresponderalle a un Comité de Avaliación, que estará composto por tres persoas cos seguintes perfiles:
– Unha persoa da Axencia Galega de Innovación.
– Unha persoa da Xunta de Galicia comprometida coa innovación na Administración pública.
– Unha persoa externa á Xunta de Galicia vinculada coa promoción da innovación.
Procurarase que no Comité de Avaliación exista unha representación equilibrada de mulleres e homes con capacitación, competencia e preparación axeitada.
2. A composición nominal do Comité de Avaliación farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación.
3. A proposta de adxudicación dos premios realizarase nun prazo non superior a dous meses contados dende o último día de prazo de presentación.
4. O Comité de Avaliación poderá propoñer deixar deserto o premio, cando ningunha das postulacións presentadas reúna os requisitos exixibles.
5. O Comité de Avaliación estará clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
6. O funcionamento do Comité de Avaliación regularase polas normas contidas na sección 3ª (órganos colexiados das distintas administracións públicas) do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
7. O xurado estará clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
8. O funcionamento do xurado regularase polas normas contidas na sección 3ª (órganos colexiados das distintas administracións públicas) do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
Artigo 12. Criterios de avaliación
No proceso de avaliación, o Comité de Avaliación terá en conta os seguintes criterios de valoración segundo as categorías:
1. Identificación de oportunidades: Puntuación máxima 100 puntos.
– Interese da oportunidade identificada e a relevancia desta segundo o contexto ao que fai referencia (puntuación 30 %). Máximo 30 % de 100-30 puntos.
– Impacto sobre a contorna e efecto dinamizador sobre o escenario actual (puntuación 15 %). Máximo 15 % de 100-15 puntos.
– Posibilidade de levarse á realidade (puntuación 30 %). Máximo 30 % de 100-30 puntos.
– Orixinalidade na postulación e presentación de proposta (puntuación 25 %). Máximo 25 % de 100-25 puntos.
2. Proxecto coa temática máis innovadora: puntuación máxima 100 puntos.
– Grao de innovación e diferenciación do proxecto realizado. Entendendo a innovación como avances substanciais fronte a outras posibles solucións, se é que existen, e promovendo cambios de modelo e de hábitos cara a outros máis sustentables e eficientes (puntuación 30 %). Máximo 30 % de 100-30 puntos.
– Impacto do proxecto sobre o escenario actual (puntuación 10 %). Máximo 10 % de 100-10 puntos.
– Calidade, capacidade e compromiso do equipo técnico e promotor (puntuación 15 %). Máximo 15 % de 100-15 puntos.
– Posibilidade de ser replicada por parte doutras administracións públicas (puntuación 20 %). Máximo 20 % de 100-20 puntos.
– Orixinalidade na postulación e presentación da proposta (puntuación 25 %). Máximo 25 % de 100-25 puntos.
3. Simplificación administrativa: puntuación máxima 100 puntos.
– Impacto na cidadanía (puntuación 30 %). Máximo 30 % de 100-30 puntos.
– Redución de cargas administrativas (puntuación 30 %). Máximo 30 % de 100-30 puntos.
– Viabilidade da posta en marcha en unidades administrativas da Administración autonómica (puntuación 20 %). Máximo 20 % de 100-20 puntos.
– Orixinalidade na postulación e presentación da proposta (puntuación 20 %). Máximo 20 % de 100-20 puntos.
Artigo 13. Resolución e réxime de recursos
1. A adxudicación dos premios realizarase mediante resolución da directora da Axencia Galega de Innovación, de acordo coa proposta do Comité de Avaliación.
2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
3. A resolución da directora da Axencia Galega de Innovación pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a directora de Axencia Galega de Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46 respectivamente da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.
Artigo 14. Financiamento e normativa reguladora
1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Axencia Galega de Innovación nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.
2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
Os premios estarán suxeitos ás retencións vixentes na data de concesión destes.
Artigo 15. Publicidade e entrega do premio
Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución deste procedemento.
Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web e redes sociais da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).
Os premios entregaranse no transcurso dun acto público que se celebrará para o efecto.
A aceptación do premio leva implícito o consentimento para que a Axencia Galega de Innovación difunda nos medios de comunicación os gañadores dos premios.
Artigo 16. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 17. Información e control
As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo Consello de Contas ou o Tribunal de Contas, segundo a súa normativa propia.
Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 18. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora
A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
CAPÍTULO II
Convocatoria do VII Premio empregados/as públicos/as innovadores/as
para o ano 2025
Artigo 19. Convocatoria
Convócase o VII Premio empregados/as públicos/as innovadores/as para o ano 2025.
Artigo 20. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e estará aberto ata o 17 de outubro.
Artigo 21. Premios
Establécense os seguintes premios:
1. As persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de 2.000 euros de se tratar dunha solicitude individual. Se a solicitude é dun equipo, o importe do premio en metálico será de 3.000 euros para o conxunto do equipo.
2. Ao abeiro da Orde do 25 de novembro de 2022 pola que se publica o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO. e UGT polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para o persoal funcionario e da Orde do 25 de novembro de 2022 pola que se publica o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral, ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación constituirá un criterio de avaliación dos graos I e II da carreira administrativa da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Todas as persoas premiadas das diferentes categorías do premio gozarán de recoñecemento público a través do acto de entrega, entrevistas para publicación e diploma acreditativo de tal condición.
Artigo 22. Compatibilidade, modificación e reintegro dos premios
1. O Premio empregados/as públicos/as innovadores/as será compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público, privado, nacional ou da Unión Europea ou de organismos internacionais.
2. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro, total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña o premio sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motiven a súa concesión.
4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos establecidos na normativa reguladora da subvención, tal e como se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.
Artigo 23. Financiamento
A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.A2.561A.480.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2025, ata un importe máximo de 9.000 euros.
Disposición adicional primeira. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias destes premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.
Disposición derradeira segunda. Efectos
Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2025
Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación
