DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 17 de setembro de 2025 Páx. 50128

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2025, do Departamento Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Lugo (expediente IN407A 2023/302 AT).

Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a continuación se describe:

Peticionario: Begasa.

Domicilio social: rúa Ramón María Aller Ulloa, 9, 27003 Lugo.

Denominación: reforma do CT 12990 Santa Comba.

Situación: concello de Lugo.

Características técnicas principais:

• Liña aérea de alta tensión a 20 kV Nadela, con orixe no apoio proxectado tipo C-3000/14 e final no apoio existente AV77795, cunha lonxitude de 48 metros en condutor tipo LA-56.

• Liña soterrada de alta tensión a 20 kV Nadela con orixe no PAS instalado no apoio existente AV77795 e final no CT baixo poste Santa Comba proxectado, cunha lonxitude de 45 metros en condutor HEPRZ1-150 mm.

• Centro de transformación prefabricado baixo poste 12990 Santa Comba, cunha potencia máxima admisible de 250 kVA e unha potencia inicial de 100 kVA (recuperado), relación de transformación 20.000/400-230 V.

• Desmontaxe do CTI 12990 Santa Comba e de 100 metros de condutor LA-56.

– Finalidade da instalación: mellora de instalacións.

– Orzamento: 33.097,47 €.

– Documentación que se xunta:

• Separata para o Concello de Lugo.

• Separata para a Axencia Galega de Infraestruturas.

Este departamento territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,

RESOLVE:

En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, en particular os condicionantes específicos que o promotor debe acatar na execución das obras determinados pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil na resolución do expediente con referencia A/27/48196, e supeditada ao cumprimento das seguintes condicións:

Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dous anos, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) nº 2019/1937, e se deroga o Regulamento (UE) núm. 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.

Lugo, 29 de agosto de 2025

Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo