Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica que se describe a seguir, tal e como se recolle no proxecto asinado o día 28.5.2025 en Ourense polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado núm. 1534 do ICOIIG, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante declaración responsable asinada na data sinalada.
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Enderezo: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.
Denominación: regulamentación LMTA SAG702 e CT 32CD79 QUIN. HEDROSO.
Situación: lugar de Quintela de Hedroso, concello de Viana do Bolo.
Orzamento: 24.282,02 €.
Características técnicas:
• Desmonte do CT en caseta «QUIN.HEDROSO-32CD79», de 50 kVA.
• Instalación dun novo apoio co núm. 29-11-14-CT, de celosía metálica, do tipo C-12/2000, no cal se instala un novo transformador á intemperie, de 50 kVA e r/t 20.000/400 V. Desmonte de 25 m de condutor LA-56 entre o apoio proxectado núm. 29-11-14-CT e o apoio existente núm. 29-11-14, do tipo HV, que tamén se desmonta.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 27 de agosto de 2025
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
