DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 18 de setembro de 2025 Páx. 50259

IV. Oposicións e concursos

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2025 pola que se declara a tramitación de urxencia no proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía, convocados mediante a Orde do 26 de xuño de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 125, do 2 de xullo).

Mediante a Orde do 26 de xuño de 2025 (DOG número 125, do 2 de xullo) convocáronse o proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía.

Os procesos están regulados na dita orde e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.

Coa finalidade de que sexa posible rematar neste ano os procesos de acceso libre e de provisión por mobilidade citados, e así dar debido cumprimento ás necesidades dos concellos participantes en canto á cobertura do persoal do corpo da policía local que precisan, é preciso recorrer ao trámite polo procedemento de urxencia.

De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando razóns de interese público o aconsellen, poderase acordar, de oficio, a aplicación ao procedemento da tramitación de urxencia, pola cal se reducirán á metade os prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Ademais, este artigo precisa que non caberá recurso ningún contra o acordo que declare a aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento, sen prexuízo do procedente contra a resolución que poña fin ao procedemento.

A xustificación vén motivada logo de que as previsións temporais da finalización destes procesos fose modificada despois de que o prazo de presentación de solicitudes aumentase como consecuencia da modificación da orde da convocatoria respecto das prazas ofertadas (pola Orde do 29 de xullo de 2025, publicada no DOG número 145, do 31 de xullo); ademais, recibiuse un elevado número de solicitudes en ambos os procesos; e pola necesidade de que o curso selectivo preceptivo para as prazas de oposición libre poida comezar no mes de xaneiro do ano 2026. Por todo isto, considérase que existen razóns fundadas de interese público suficientes para acordar a tramitación de urxencia destes procesos, sen que esta prexudique ningunha persoa, para poder garantir a cobertura das prazas dentro dos prazos fixados cos concellos que delegaron a selección do seu persoal e que poidan dispor deste persoal o antes posible no suposto da provisión por mobilidade.

Considerando, xa que logo, que concorren os requisitos da tramitación de urxencia prevista no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, esta dirección xeral

RESOLVE:

Declarar a urxencia no proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e no proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía, convocados mediante a Orde do 26 de xuño de 2025 (DOG número 125, do 2 de xullo), e, polo tanto, reducir á metade os prazos establecidos no procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

A Estrada, 11 de setembro de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública