Expediente: IN407A 2025/126-4.
Promotora: Central Eléctrica Sestelo y Compañía.
Denominación: Reforma LMTA L16 As Cachadas-O Reiro.
Concello: Ponteareas.
Feitos:
1. O 12.6.2025, a empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Reforma LMTA L16 As Cachadas-O Reiro.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial José L. Giráldez Cortegoso, colexiado 2853 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Santiago de Compostela, e contén un orzamento total de 12.665,90 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a reforma dun tramo da liña de media tensión aérea (LMTA) L16 As Cachadas-O Reiro polo seu paso polo lugar de Queidores, na parroquia de Santa Cristina de Bugarín, no concello de Ponteareas, mediante as seguintes actuacións:
– Substitución de 194,80 metros da LMTA L16 de 20/24 kV, de condutor LA110.
– Substitución dos apoios de formigón 4ES1948, 4ES1949 e 4ES1950 por outros de tipo C, de celosía aparafusada, C-28/2000.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Ponteareas e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.
3. O 30.7.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica Reforma LMTA L16 As Cachadas-O Reiro.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-110, de 194,80 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-28/2000 (4ES1948) da liña L16 tramo Queidores-O Reiro e final no apoio proxectado C-28/2000 (4ES1950) da mesma liña.
– A instalación está situada en Queidores, na parroquia de Bugarín, no concello de Ponteareas (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Reforma LMTA L16 As Cachadas-O Reiro, expediente IN407A 2025/126-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución.
Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 25 de agosto de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
