Tras ser outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica CT, RBT Barquiña, 26, no concello de Noia (expediente IN407A 2023/420-1), mediante a Resolución deste departamento territorial do 14 de xullo de 2025, a favor da entidade beneficiaria UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo na avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña.
Este departamento territorial, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar o día 30 de outubro de 2025 para o levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Noia, deducida da que se someteu a información pública no DOG do 5 de febreiro de 2024, no BOP do 29 de xaneiro de 2024 e no xornal La Voz de Galicia do 31 de xaneiro de 2024, acto ao cal deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectadas, ás cales se lles efectuará notificación individual en que se lles sinalen os horarios de toma de datos sobre o terreo e posterior levantamento efectivo das actas nas oficinas da casa do concello.
Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese realizar, publicarase un anuncio desta convocatoria no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado.
A Coruña, 1 de setembro de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
