DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 26 de setembro de 2025 Páx. 51079

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se dá publicidade dos convenios de colaboración subscritos por esta consellería durante o segundo cuadrimestre do ano 2025.

O artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (Diario Oficial de Galicia núm. 30, do 15 de febreiro), impón a cada consellería ou entidade da Xunta de Galicia a obriga de publicar no Diario Oficial de Galicia unha relación dos convenios subscritos no cuadrimestre anterior.

En consecuencia e para dar cumprimento a esa obriga,

DISPOÑO:

Artigo 1

Dar publicidade á relación de convenios de colaboración subscritos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático durante o segundo cuadrimestre do ano 2025, que se incorpora como anexo I a esta resolución.

Artigo 2

Así mesmo, procédese á corrección de erros da Resolución do 14 de maio de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se dá publicidade dos convenios de colaboración subscritos por esta consellería durante o primeiro cuadrimestre do ano 2025 (DOG núm. 97, do 22 de maio), de xeito que se engaden á listaxe anexa dos convenios de colaboración subscritos no primeiro cuadrimestre do ano 2025 por esta consellería os que se sinalan no anexo II a esta resolución.

Artigo 3

Así mesmo, procédese á corrección de erros da Resolución do 5 de febreiro de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se dá publicidade dos convenios de colaboración subscritos por esta consellería durante o terceiro cuadrimestre do ano 2024 (DOG núm. 29, do 12 de febreiro), de xeito que se engade á listaxe anexa dos convenios de colaboración subscritos no terceiro cuadrimestre do ano 2024 por esta consellería o que se sinala no anexo III a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025

Mª del Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente
e Cambio Climático

ANEXO I

Convenios asinados no segundo cuadrimestre do ano 2025

Título

Obxecto

Data de sinatura

Achega económica da Consellería (€)

Protocolo de coordinación entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para o desenvolvemento conxunto do programa Mocidade polo Clima.

Fixar os termos da colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para o desenvolvemento conxunto do programa Mocidade polo Clima da Xunta de Galicia, e crear un grupo de traballo para o desenvolvemento conxunto do programa.

2 de maio de 2025

Sen contido económico

Addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Asociación Gallega de Tratamiento de Vehículos (Travega) para a utilización de vehículos fóra de uso nas prácticas do alumnado de formación profesional da familia de Transporte e Mantemento de Vehículos.

Prorrógase a vixencia do convenio durante catro anos máis.

30 de maio de 2025

Sen contido económico

Convenio marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o Concello de Ourense e a Universidade de Vigo para o deseño dun proxecto piloto de refuxios climáticos para a biodiversidade, ao abeiro do Plan Pima Refuxios Climáticos.

Deseño dun proxecto piloto de refuxios climáticos para a biodiversidade, ao abeiro do Plan Pima Refuxios Climáticos.

17 de xuño de 2025

110.000,00 €

Convenio marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (SRAP) de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (AEE).

Regular o marco de colaboración en que se desenvolverán as actividades de xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos que se recollan nas instalacións de recollida das entidades locais, a través dos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor, no marco xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de asegurar o cumprimento do exixido no Real decreto 110/2015, así como nas demais normas legais que sexan de aplicación a este tipo de residuos.

Para iso establécense e regúlanse neste convenio os compromisos da Consellería, das entidades locais ou entidades que teñan atribuída, no seu nome, a competencia na xestión dos residuos domésticos, e dos SRAP de AEE que voluntariamente se adhiran, sen prexuízo das obrigacións que cada unha das partes teñen asignadas conforme a normativa vixente.

4 de xullo de 2025

Sen contido económico

Convenio marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia

e os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor en materia de pilas e acumuladores.

Establecer o ámbito de colaboración que debe rexer a actividade dos SRAP de pilas e acumuladores e a súa relación coas entidades locais e a Comunidade Autónoma, de conformidade coas súas competencias, co fin de asegurar o cumprimento do exixido no Real decreto 106/2008, do 1 de febreiro, sobre pilas e acumuladores e a xestión ambiental dos seus residuos, na normativa que o modifique ou substitúa e demais normas legais que sexan de aplicación a este tipo de residuos. Para os anteriores efectos, quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación deste convenio os residuos de pilas e acumuladores industriais e de automoción.

Así mesmo, establécense e regúlanse os compromisos da Comunidade Autónoma, das entidades locais que voluntariamente se adhiran a el e dos SRAP de pilas e acumuladores portátiles respecto das diferentes materias que integran o obxecto deste convenio.

18 de xullo de 2025

Sen contido económico

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e a asociación Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) para o desenvolvemento dun programa colectivo de acción climática e descarbonización para o sector alimentario no ano 2025.

Establecer as condicións para acordar a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e Clusaga para o desenvolvemento dun programa colectivo de acción climática e descarbonización destinado ás empresas da cadea de valor do sector alimentario.

22 de xullo de 2025

45.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Ferrol para a construción dun parque canino.

O obxecto do presente convenio é establecer as bases da colaboración e cooperación técnica e económica entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Ferrol, que permitan acometer e incorporar ao patrimonio público municipal as obras dun parque canino na zona de Catabois no concello de Ferrol conforme o proxecto que define as actuacións obxecto deste convenio.

31 de xullo de 2025

68.308.17 €

Convenio marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (SRAP) de residuos de envases domésticos de vidro dun só uso.

Regular o marco de colaboración en que se desenvolverán as actividades de xestión de residuos de envases domésticos de vidro dun só uso no marco xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de asegurar o cumprimento do exixido na Lei 7/2022, do 8 de abril, e no Real decreto 1055/2022, do 27 de decembro, así como nas demais normas legais que sexan de aplicación a este tipo de residuos.

6 de agosto de 2025

Sen contido económico

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Club Praia de Pantín para o desenvolvemento de actividades de fomento do ambiente na contorna da celebración do campionato do mundo do surf Abanca Pantín Classic Galicia Pro.

Establecer as bases reguladoras e as condicións básicas para a colaboración e cooperación técnica e económica entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Club Praia de Pantín, para financiar o desenvolvemento de actividades de fomento da protección do ambiente na contorna da celebración da 38ª edición do campionato do mundo do surf Abanca Pantín Classic Galicia Pro, que terá lugar no termo municipal de Valdoviño, entre os días 23 e 31 de agosto do ano 2025.

18 de agosto de 2025

14.217,50 €

Convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e Dream Joy, S.L. para o desenvolvemento de accións de divulgación e fomento de prácticas responsables en materia de residuos e de economía circular na contorna da celebración do Festival da Luz.

Establecer as bases de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e Dream Joy, S.L. para o desenvolvemento de actividades de sensibilización social, divulgación, difusión e concienciación ambiental na contorna da celebración do Festival da Luz 2025, que terá lugar no termo municipal de Boimorto os días 29, 30 e 31 de agosto de 2025.

En particular, o obxecto do convenio consiste en articular a colaboración entre as partes para o fomento de hábitos de consumo que contribúan a minimización da produción de residuos, a súa reutilización e reciclaxe.

19 de agosto de 2025

50.000,00 €

ANEXO II

Corrección erros da Resolución do 14 de maio de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se dá publicidade dos convenios de colaboración subscritos por esta consellería durante o primeiro cuadrimestre do ano 2025. Engádense á listaxe os convenios seguintes:

Título

Obxecto

Data da sinatura

Achega económica da Consellería (€)

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, para promover a accesibilidade e a participación das persoas xordas e xordo-cegas nas accións de difusión e comunicación realizadas pola consellería nos espazos naturais de Galicia.

É obxecto deste convenio establecer as condicións para acordar a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia co fin de fomentar a accesibilidade das persoas xordas e xordo-cegas ás accións de difusión, sensibilización e promoción da sustentabilidade do ambiente desenvolvidas pola consellería no seu ámbito de actuación, especialmente as relativas ás aulas da natureza e aos espazos naturais protexidos da Comunidade Autónoma galega, impulsando medidas que promovan a igualdade de oportunidades e a non discriminación, así como contar coa participación e o servizo especializado da FAXPG nas accións de comunicación, difusión e similares que realice a consellería, mediante o servizo de intérprete de lingua de signos española e guías-intérpretes para persoas xordo-cegas.

27 de xaneiro de 2025

10.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Pesca e Cásting, para a realización de actividades a favor dos ecosistemas acuáticos e a riqueza piscícola en Galicia para o ano 2025.

É obxecto deste convenio establecer as condicións para acordar a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Federación Galega de Pesca e Cásting a través da organización e celebración de competicións deportivas oficiais de pesca continental, actuacións de formación e a posta en marcha de «escolas de río» da nova Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, na Comunidade Autónoma de Galicia.

10 de marzo de 2025

30.000,00 €

Addenda de prórroga e modificación do acordo de colaboración para a realización de actividades de apoio mutuo entre a Consellería do Mar e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no ámbito da oceanografía operacional.

O obxecto desta addenda é prorrogar por catro anos a vixencia do acordo de colaboración asinado o 3 de xuño de 2021 para a realización de actividades de apoio mutuo entre a Consellería do Mar e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no ámbito da oceanografía operacional.

14 de marzo de 2025

Sen contido económico

ANEXO III

Corrección erros da Resolución do 5 de febreiro de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se dá publicidade dos convenios de colaboración subscritos por esta consellería durante o terceiro cuadrimestre do ano 2024. Engádese á listaxe o convenio seguinte:

Título

Obxecto

Data de sinatura

Achega económica da Consellería (€)

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Caza, para a realización de actividades de divulgación, mellora da información e fomento da actividade cinexética na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

É obxecto deste convenio establecer as condicións para acordar a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Federación Galega de Caza para o fomento da actividade cinexética sustentable no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a través da organización de actividades para a promoción, mellora da información e divulgación nesta materia.

19 de decembro de 2024

30.000,00 €