Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes dos MVMC Furriolo e Albán, pertencente á CMVMC da parroquia de Lampaza, no concello de Rairiz de Veiga, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 1.5.2025 a CMVMC da parroquia de Lampaza presentou unha solicitude (Rexel núm. 2025/1211212) de revisión de esbozo dos MVMC Furriolo e Albán, ambos da súa pertenza, no concello de Rairiz de Veiga.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 29 de marzo de 2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 13 de maio de 2025 en relación coa citada solicitude. Os perímetros obxecto de revisión inclúen as partes do perímetro lindeiras con particulares, sen entrar a revisar as estremas coas comunidades de montes lindeiras.
Malia o anterior, o perímetro do MVMC Albán inclúe tamén o tramo estremeiro co MVMC Albán, pertencente á CMVMC de Aldea do Muíño.
A superficie do MVMC Furriolo, unha vez revisado o esbozo, sería de 247,65 ha fronte ás 251 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 1,3 %. No que respecta ao MVMC Albán, a superficie pasaría a ser de 34,79 ha fronte ás 51 ha do acordo de clasificación, o que supón unha moi significativa redución do 31,8 %. Non obstante, esta redución cómpre contextualizala no proceso de deslindamento asociado á revisión que, groso modo, lle transferiu a Aldea do Muíño a superficie perdida pola parroquia de Lampaza.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo dos MVMC Furriolo e Albán, de xeito que os perímetros quedarían revisados nas estremas con particulares e, no caso deste último, tamén na estrema común co MVMC Albán de Aldea do Muíño.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do servizo de montes do día 13 de maio de 2025, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 7 de xullo de 2025:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo dos MVMC Furriolo e Albán, pertencentes á CMVMC da parroquia de Lampaza, no concello de Rairiz de Veiga.
Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 9 de setembro de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
