Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Monte de San Mamede, pertencente á CMVMC de Rebordechau, no concello de Vilar de Barrio, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 21.4.2025 a CMVMC de Rebordechau presentou unha solicitude (Rexel núm. 2025/1116758) de revisión de esbozo do MVMC Monte de San Mamede, no concello de Vilar de Barrio.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 16 de marzo de 2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 29 de abril de 2025 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto de revisión inclúe as partes lindeiras con particulares, coa reserva dun tramo que atravesa a R.C. 32090A04100846, e mais coa excepción xeral do tramo lindeiro co predio privado A Edreira.
Malia o anterior, si que inclúe un pequeno tramo do perímetro estremeiro coa Edreira, en concreto, trátase do subtramo Portela de Millarós-Alto da Cerdeiriña.
A superficie do MVMC Monte de San Mamede sería de 1.865,40 ha fronte ás 1.928 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 3,2 %.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Monte de San Mamede, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas co groso dos propietarios particulares (coa excepción do tramo que atravesa a R.C. 32090A04100846) e mais nun pequeno tramo estremeiro co predio privado A Edreira comprendido entre Portela de Millarós ou Alto dos Cregos e Alto da Cerdeiriña.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 29 de abril de 2025, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 7 de xullo de 2025:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Monte de San Mamede, pertencente á CMVMC de Rebordechau, no concello de Vilar de Barrio.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 9 de setembro de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
