No Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sala do contencioso-administrativo, sección 1, tramítase o recurso 456/2025 (procedemento ordinario), interposto por Argentina Lafuente Márquez, fronte á Resolución do 18 de xullo de 2025, da directora xeral de Recursos Humanos pola que se desestiman os recursos de reposición interpostos, contra a Resolución do 26 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan os procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, convocados mediante as resolucións do 14 e 15 de decembro de 2022, relativos á baremación definitiva da fase de concurso e á publicación dos/das aspirantes seleccionados/as (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2024), na categoría de celador/a e a Resolución do 24 de marzo de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación de persoas aspirantes definitivamente seleccionadas no concurso-oposición para o ingreso na categoría de celador/a e se inicia o prazo para a elección de destino (DOG núm. 63, do 1 de abril de 2025).
O que se notifica para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer no tribunal como demandadas no prazo de nove días, de conformidade co previsto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
