Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes dos MVMC Valdecabrita, pertencente á CMVMC de Baños, Corzos e Valdín, no concello da Veiga, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 28.4.2025, a CMVMC de Baños, Corzos e Valdín presentou unha solicitude (REXEL núm. 2025/1181945) de revisión de esbozo do MVMC Valdecabrita, no concello da Veiga.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O 8.5.2025, a mesma comunidade presentou un escrito de mellora voluntaria (Rexel núm. 2025/1283336), co cal achegaba a certificación do acordo da asemblea xeral do 23.2.2025.
Terceiro. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 13 de maio de 2025 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto de revisión inclúe exclusivamente as partes lindeiras con particulares. A este respecto, non se inclúen os treitos lindeiros con outras comunidades de montes nin, en particular, coa CMMVVMC de Corzos e coa de Tagagueiras; estes últimos son obxecto de traballos paralelos de avinza.
Malia o anterior, inclúese un pequeno tramo duns 150 m, estremeiro co MVMC de Valdín, en que a comunidade promotora retrae a súa liña uns 60 m co obxecto de excluír do seu perímetro un resto da R.C. 32084A12500297, a cal quedaría integramente situada dentro do MVMC de Valdín.
A superficie do MVMC Valdecabrita, unha vez revisado o esbozo, sería de 411,43 ha fronte ás 456 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 9,7 %.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorablemente sobre a revisión do esbozo do MVMC Valdecabrita, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas cos propietarios particulares e máis nun pequeno tramo de 150 m estremeiro co MVMC de Valdín.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 13 de maio de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 7 de xullo de 2025:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo dos MVMC Valdecabrita, pertencente á CMVMC de Baños, Corzos e Valdín, no concello da Veiga.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 11 de setembro de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
