DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 30 de setembro de 2025 Páx. 51768

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de setembro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á revisión de esbozo do monte veciñal en man común Corro do Mouro ou Coto de Maus, no concello de Muíños.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes dos MVMC Corro do Mouro ou Coto de Maus, pertencente á CMVMC da Paquia, das Maus de Salas, no concello de Muíños, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 5.5.2025, a CMVMC da Paquia, das Maus de Salas, presentou unha solicitude (Rexel núm. 2025/1234012) de revisión de esbozo do MVMC Corro do Mouro ou Coto de Maus, no concello de Muíños.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación da Asemblea Xeral do 7.3.2025.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 16 de maio de 2025 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto de revisión inclúe a totalidade das estremas con particulares. Non se inclúen os treitos lindeiros con outras comunidades de montes, ben que na cartografía e mais na planimetría resultantes da revisión se recolle a modificación da estrema co MVMC Portela e D’Arriba, pertencente á CMVMC de Xermeade, estrema esta na cal concorre actualmente un expediente de deslindamento.

A superficie do MVMC Corro do Mouro ou Coto de Maus, unha vez revisado o esbozo, sería de 575,34 ha fronte ás 735 ha do acordo de clasificación, o que supón unha drástica redución do 20,6 %. Con todo, nesta superficie de clasificación compútase tamén unha importante fracción de terreos que quedaron posteriormente inundados polo encoro de Salas.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Corro do Mouro ou Coto de Maus, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas cos propietarios particulares.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 16 de maio de 2025, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 7 de xullo de 2025:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo dos MVMC Corro do Mouro ou Coto de Maus, pertencente á CMVMC da Paquia, das Maus de Salas, no concello de Muíños.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 11 de setembro de 2025

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

ANEXO

missing image file