DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 30 de setembro de 2025 Páx. 51438

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 79/2025, do 29 de setembro, polo que se modifica o Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025.

O 30 de agosto de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025. Este decreto ten por obxecto a articulación dunha serie de axudas dirixidas á reparación dos danos orixinados polos incendios acontecidos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia durante o verán de 2025. A situación derivada destes incendios adquiriu unha especial complexidade pola confluencia de condicións meteorolóxicas adversas, marcadas por temperaturas extremas, fortes ventos e un período prolongado de seca. Estes factores favoreceron a rápida propagación do lume, ocasionando danos en bens públicos e privados. Os acontecementos rexistrados determinaron unha situación de emerxencia humanitaria e social para a cidadanía afectada, debido aos danos persoais e materiais que se produciron, o que fixo necesario artellar mecanismos de colaboración e cooperación entre todas as administracións implicadas, en concreto mediante o establecemento dun sistema de axudas que palien os danos causados polos incendios, que atendan as situacións de necesidade en que se poidan encontrar os veciños e persoas e entidades directamente afectados, e mesmo contribúan á restauración comunitaria e urbanística da zona damnificada para que poida volver á normalidade, así como a manter a actividade económica desas zonas danadas.

Con posterioridade á publicación do referido decreto tiveron lugar novos incendios forestais de importante magnitude que determinan a necesidade da súa modificación, coa finalidade de incluír no ámbito de aplicación das axudas previstas nel a reparación dos danos orixinados polos incendios acontecidos durante o outono de 2025 no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. En atención a eses novos incendios, e co obxecto de garantir a posibilidade de que os beneficiarios das axudas previstas no decreto se acollan a estas, prevese unha ampliación dos prazos de presentación das solicitudes ata o 30 de outubro de 2025.

Na súa virtude, por proposta conxunta das persoas titulares da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, da Consellería de Política Social e Igualdade, da Consellería de Economía e Industria, da Consellería de Facenda e Administración Pública, da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e da Consellería do Medio Rural, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de setembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025

O Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o título do Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, que queda redactado da seguinte forma:

«Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais producidos en Galicia durante o verán e o outono de 2025».

Dous. Modifícase o artigo 1 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, que queda redactado da seguinte forma:

«As axudas previstas neste decreto aplicaranse á reparación dos danos orixinados polos incendios acontecidos durante o verán e o outono de 2025 no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos e nas contías máximas que se establezan nel, así como nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa que o apliquen».

Tres. Engádese unha disposición adicional quinta coa seguinte redacción:

«Disposición adicional quinta. Ampliación dos prazos de presentación de solicitudes

1. Amplíanse ata o 30 de outubro de 2025 os prazos de presentación de solicitudes das axudas para a reparación dos danos causados polos incendios forestais, previstas nos seguintes preceptos:

a) Nos artigos 26 e 42 da Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento MR616A e MR616C).

b) No artigo 6 da Resolución do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas destinadas a sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados dos incendios forestais que afectaron Galicia durante o verán de 2025, e se efectúa a súa convocatoria (código de procedemento IG100A).

c) No artigo 6.4 da Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas para a reparación de danos causados polos incendios, destinadas a titulares de infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera afectados polos incendios no ámbito da competencia desta consellería (código de procedemento MT100B).

d) No artigo 6.4 da Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas para a reparación de danos causados polos incendios, destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecores) de Galicia afectados polos incendios no ámbito da competencia desta consellería (código de procedemento MT100A).

2. O prazo de presentación de solicitudes de axudas destinadas a persoas que sufrisen danos persoais como consecuencia dos incendios forestais, regulado no artigo 20 da Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria destas, amplíase ata o 30 de outubro se os danos producidos están determinados na data de publicación deste decreto. De non ser así, manterase o prazo dun mes establecido na citada orde, que se contará desde que se determinen os danos, ben co falecemento, ben coa declaración da incapacidade permanente absoluta ou coa finalización da hospitalización».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de setembro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes