DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 30 de setembro de 2025 Páx. 51740

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 24 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, de información pública sobre os prazos relativos aos servizos de tempada na zona de dominio público marítimo-terrestre do litoral de Galicia correspondentes ao ano 2026 (código de procedemento MT701A).

A Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, no seu artigo 4, establece que os usos do litoral declarados compatibles nesta lei, e polo tanto, suxeitos a un título de intervención administrativa previsto nos artigos 35, 41 e 46 desta, non se poderán realizar sen o seu outorgamento previo por parte da Administración competente.

Os títulos de intervención administrativa que poden concorrer sobre os usos do litoral son, entre outros, os seguintes:

a) As autorizacións e as concesións para os usos especiais e privativos no dominio público marítimo-terrestre, que se regulan polo establecido na normativa de costas ou de portos e mais polo disposto no artigo 48 da dita lei.

b) A autorización autonómica ou, cando proceda, a declaración responsable para os usos, as actividades e as instalacións na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, nos termos establecidos no seu artigo 49.

Polo que se refire ao dominio público marítimo-terrestre, o artigo 48 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, dispón que, respectando o réxime xeral establecido na normativa de costas, as autorizacións e as concesións do dominio público marítimo-terrestre serán outorgadas pola consellería competente no momento en que se produza o efectivo traspaso das funcións e dos servizos da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación do litoral.

Con data do 19 de maio de 2025 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 394/2025, do 13 de maio, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral, en virtude da cal quedan traspasadas a esta comunidade as funcións e os servizos da Administración do Estado en materia de ordenación e xestión do litoral. Nomeadamente, a xestión e o outorgamento das autorizacións dos usos de tempada nas praias e o mar territorial.

De acordo co disposto no artigo 113 do Regulamento xeral de costas, aprobado polo Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, os servizos de tempada son aqueles que non requiren máis instalacións que as desmontables, como terrazas, establecementos expendedores de comidas e bebidas e instalacións de alugueiro de equipamentos de praia, tales como hamacas, antucas, hidropedais, canoas, entre outros, nas praias da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co anterior, e para os efectos de dar cumprimento ao disposto nos artigos 113 e 152 do Regulamento xeral de costas, aprobado polo Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, procédese a fixar os prazos relativos aos servizos de tempada no litoral de Galicia correspondentes ao ano 2026 nos termos previstos no anexo deste anuncio.

A información relativa a este anuncio, así como as bases técnicas e modelos guía para a presentación das solicitudes estará á disposición das persoas interesadas na seguinte páxina web: https://www.xunta.gal/medio-ambiente/galicia-litoral

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025

Paula Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático

ANEXO

Prazos relativos aos servizos de tempada no litoral de Galicia
correspondentes ao ano 2026

A tempada queda fixada entre o inicio do período de Semana Santa, entendendo como tal o venres anterior á festividade de Venres Santo, e o 31 de outubro de 2026.

Os prazos para solicitar a autorización para a explotación de servizos de tempada na zona de dominio público marítimo-terrestre, a través do procedemento MT701A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, serán os seguintes:

a) Concellos:

Os concellos costeiros interesados na explotación das instalacións, actividades, servizos de tempada e eventos, no seu termo municipal en zona de dominio público marítimo-terrestre, poderán presentar, con carácter preferente, as súas solicitudes no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

b) Persoas físicas e xurídicas:

As persoas físicas e xurídicas interesadas na explotación de servizos de tempada que pretendan prestarse en terreos de dominio público marítimo-terrestre da Comunidade Autónoma de Galicia poderán solicitar o outorgamento de autorización desde o 17 de novembro, ou no décimo quinto día natural seguinte ao do remate do prazo establecido no parágrafo anterior, de ser este posterior, ata o 31 de decembro de 2025.

Exceptúanse os servizos de tempada nos termos municipais cuxos concellos asumiron a xestión dos ditos servizos. Os devanditos concellos tramitarán o procedemento para a adxudicación a terceiros dos servizos, incluída a publicación dos correspondentes anuncios, con indicación neles dos prazos para a presentación de ofertas ou solicitudes de participación.

A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, antes do inicio do prazo de presentación das solicitudes, publicará na páxina web https://www.xunta.gal/medio-ambiente/galicia-litoral a relación de concellos que optaron por asumir a xestión dos servizos de tempada para o ano 2026.

Calquera outro evento, actividade, xornadas, competicións ou campionatos de duración non superior a 15 días que se queiran desenvolver no dominio público marítimo-terrestre deberán solicitarse cunha antelación mínima dun mes respecto da data prevista para a súa celebración.