Dentro das actividades programadas para o ano 2025, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido no artigo 56 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de inspector da Policía Local, conforme as seguintes bases:
Persoal destinatario:
Persoal dos corpos de Policía Local que superaron o proceso selectivo para a categoría de inspector/a e que non tivesen realizado este curso.
Inscrición:
A inscrición das persoas participantes será totalmente gratuíta.
Prazas:
Sen límite.
Solicitudes:
1. Os concellos deberanlle remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública no cal soliciten a participación no curso da/das persoa/s que se encontre nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do dito curso.
2. O prazo para remitir escritos rematará o 13 de outubro de 2025.
3. Aquel alumnado que superase o proceso selectivo unitario, a reserva e a solicitude son automáticas, sen necesidade que o concello de procedencia efectúe a dita reserva.
Duración e contido:
O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública.
Este curso conterá os seguintes módulos:
– Módulo I: módulo operativo.
– Módulo II: módulo xurídico.
– Módulo III: módulo técnico.
– Módulo IV: módulo administrativo.
– Módulo V: módulo de dirección de equipos e comunicación.
– Módulo VI: módulo práctico.
Datas:
O curso realizarase desde o 16 de outubro ao 28 de novembro de 2025, coa seguinte distribución horaria:
– Presencial na Agasp: 16, 21, 22, 23, 28, 29 e 30 de outubro e 4, 5, 6, 11, 12, 13, 18, 19, 20, 25, 26 e 27 de novembro de 2025.
– Teleformación: o resto dos días, que se poderá compatibilizar co traballo no concello de procedencia se hai acordo e disposición entre as persoas interesadas.
Desenvolvemento do curso:
O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexerase polo seu regulamento de réxime interior, publicado mediante a Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG núm. 30, do 12 de febreiro.
Non se desenvolverá en réxime de internado. Aquel alumnado que desexe pernoctar na residencia da Agasp deberá comunicalo previamente ao enderezo de correo electrónico: formacion.agasp@xunta.gal. No suposto de pernoctar na Agasp, aplicase o réxime de internado vixente para o alumnado dos cursos selectivos, con relación coa uniformidade e cos horarios.
O horario do curso será, como norma xeral, das 10.00 ás 19.00 horas.
O alumnado vestirá o uniforme regulamentario de policía local do concello de pertenza durante a súa estadía na Academia. A Agasp entregaralle a uniformidade deportiva, as insignias como alumno/a da categoría de inspector, así como a prenda de cabeza.
Certificado:
Unha vez superado este curso, a Agasp emitiralle un informe ao concello correspondente en que certifique esta circunstancia, de xeito que se poida realizar o nomeamento como persoal funcionario de carreira e a toma de posesión como inspector/a do corpo de Policía Local.
Modificacións:
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 24 de setembro de 2025
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública
