O Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración; o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados.
O Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (en diante, FEMPA), modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004 e regula no artigo 21 a posibilidade de que o FEMPA apoie unha compensación pola paralización temporal das actividades pesqueiras en determinados casos, e un destes é o considerado no punto 2.a), tal como se prevé no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, sobre a política pesqueira común, isto é, para aplicar medidas de conservación, incluídos os períodos de descanso biolóxicos.
O programa Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura: programa para España 2021-2027 establece entre os seus obxectivos manter a pesca como actividade produtora sostible mediante a xestión sostible e a conservación dos ecosistemas mariños. A prioridade 1 do programa, fomentar a pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos, encádrase dentro do obxectivo político 2 da Unión, unha Europa máis verde, e céntrase na sostibilidade ambiental, na xestión dos recursos pesqueiros e na diminución do impacto da pesca. O programa establece que as necesidades se centran en continuar coa aplicación dos plans de xestión, a implementación de medidas técnicas axeitadas, artes máis selectivas de menor impacto, a dixitalización e utilización das mellores técnicas dispoñibles, paradas temporais, mellorar o coñecemento sobre unha base científica da situación de todas as poboacións de peixes e fortalecer os labores de control en seguimento e vixilancia dos consumos de TAC e esforzos regulados.
Dentro do obxectivo específico 1.3 do programa Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura: programa para España 2021-2027, promover o axuste da capacidade de pesca ás posibilidades de pesca en caso de paralización definitiva das actividades pesqueiras e contribuír a un nivel de vida axeitado en caso de paralización temporal das actividades pesqueiras, fixa como tipo de acción afín 1.3.2 ao dispor que como excepción ao disposto no artigo 13, letra e) do Regulamento 2021/1139, o FEMPA poderá apoiar unha compensación pola paralización temporal das actividades pesqueiras en casos de medidas de conservación, do Plan de xestión do Mediterráneo, de medidas adoptadas pola Comisión o medidas de urxencia do artigo 13 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, interrupción de acordos ou catástrofes naturais.
A paralización temporal da actividade afecta a viabilidade dunha parte do sector que ten unha dependencia da explotación de determinados recursos, polo que é preciso habilitar medidas que compensen este sector afectado como consecuencia da aplicación da medida técnica de conservación. Por outra banda, as embarcacións obxecto da axuda deberán ter levado a cabo unha actividade pesqueira mínima, xa que, precisamente, esta dependencia da explotación dos recursos é o que compromete a súa viabilidade.
Segundo o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, correspóndelle á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tanto a promoción da competitividade dos produtos pesqueiros, marisqueiros e da acuicultura e o fomento da súa calidade, como a conservación, protección e xestión sostible dos recursos mariños.
En consecuencia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e a demais normativa de aplicación, oído o sector afectado,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2025 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás persoas armadoras e, non competitiva, ás persoas tripulantes de embarcacións afectadas pola paralización temporal da actividade marisqueira desde embarcación nos bancos de moluscos bivalvos en zonas de autorización da Confraría de Pescadores de Pontedeume, establecida na Resolución do 4 de xullo de 2025, da Dirección Territorial da Consellería do Mar na Coruña, pola que se adoptan medidas de adaptación no Plan de xestión de moluscos bivalvos desde a embarcación en zonas en autorización da Confraría de Pescadores de Pontedeume.
O código do procedemento administrativo para as persoas armadoras é o PE406A e para as persoas tripulantes é o PE406B.
Artigo 2. Finalidade
Esta orde ten por finalidade compensar os efectos do período de veda espazo-temporal establecida como medida técnica de conservación nos plans de xestión de moluscos bivalvos desde embarcación en zonas en autorización da Confraría de Pescadores de Pontedeume.
Artigo 3. Crédito orzamentario
1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.723A.770.0, código de proxecto 2024.00143, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
2. O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a 77.056 € segundo as seguintes contías por liña de axuda:
– PE406A, axudas pola paralización temporal da actividade marisqueira das embarcacións afectadas-persoas armadoras: 51.456 €.
– PE406B, axudas pola paralización temporal da actividade marisqueira das embarcacións afectadas-persoas tripulantes: 25.600 €.
3. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.
No caso de que unha liña de axuda fose resolta antes que a outra e haxa dispoñibilidades orzamentarias nesa liña, o dito orzamento poderá distribuírse na outra liña de axudas.
4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 70 % con fondos FEMPA e un 30 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 4. Persoas beneficiarias e requisitos xerais
1. De acordo co disposto no artigo 21.5 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, poderán ser beneficiarias das axudas pola paralización temporal da actividade na pesqueira definida no artigo 1, as persoas que teñan a condición de:
a) Armadoras das embarcacións e que estean rexistradas como activas no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, e que levaran a cabo a actividade cando menos 120 días durante os anos 2023 e 2024.
b) Tripulantes que traballasen cando menos 120 días durante os anos 2023 e 2024, a bordo dunha embarcación afectada pola paralización temporal.
2. As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:
a) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
b) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Non atoparse en ningún dos supostos establecidos no punto 1, letras a) e b) do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, de 7 de xullo:
– Ter cometido infraccións graves consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, ou o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC.
– Estar ou ter estado involucrado nos últimos 24 meses na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40, punto 3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada; estar ou ter estado involucrado nos últimos 12 meses na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro que enarbore o pavillón de países incluídos na lista de terceiros países non cooperantes prevista no artigo 33 do citado regulamento.
e) No marco do FEMP ou FEMPA, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, tal como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371.
f) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as persoas físicas e xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, deberán acreditar cumprir, nos termos dispostos neste punto, os prazos de pagamento que se establecen na citada lei para obter a condición de persoa beneficiaria. Calquera financiamento que permita o cobramento anticipado da empresa provedora considerarase válido para os efectos do cumprimento deste punto, a condición de que o seu custo corra a cargo do cliente e se realice sen posibilidade de recurso ao provedor no caso de falta de pagamento.
A documentación acreditativa do nivel de cumprimento dos prazos legais de pagamento presentarase xunto coa solicitude da axuda. Con todo, se a certificación de auditor ou o informe de procedementos acordados non puider obterse antes da terminación do prazo establecido para a súa presentación, achegarase o xustificante de solicitar o devandito medio de acreditación e, unha vez obtido, presentarase inmediatamente e, en todo caso, antes da resolución de concesión.
A acreditación do nivel de cumprimento establecido realizarase polos seguintes medios de proba:
i) As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos na alínea ii) seguinte e con suxeición á súa regulación.
ii) As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
1º. Certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
2º. No caso de que non sexa posible emitir o certificado a que se refire o número anterior, informe de procedementos acordados, elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no último parágrafo deste punto.
Os informes de procedementos acordados ou as certificacións deberán realizarse segundo o establecido no artigo 215 do Real decreto lei 5/2023, do 28 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Para os efectos da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, entenderase cumprido o requisito exixido neste punto cando o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, sexa igual ou superior á porcentaxe prevista na disposición final sexta, letra d), punto segundo, da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
3. Os 120 días mínimos exixidos no punto 1 deste artigo deberán terse realizado nas seguintes modalidades:
Cando menos, o tempo correspondente ao 20 % deste período de actividade deberá ter sido realizado na modalidade de libre marisqueo ou marisqueo na zona VII, durante os anos 2023 e 2024. Os días de actividade extractiva verificaranse mediante as notas de vendas realizadas nas lonxas ou centros de venda autorizados e serán os que consten nos rexistros da Consellería do Mar.
4. A axuda por paralización temporal poderá concederse por unha duración máxima de 12 meses por embarcación e tripulante, durante o marco de programación do FEMPA 2021-2027. A interrupción da actividade do buque ou tripulante de que se trate deberá ter lugar durante polo menos 30 días nun ano civil determinado. Nesta convocatoria, a axuda darase polo período de parada subvencionable que figura no artigo 11 desta orde.
5. Se durante o período de parada temporal unha embarcación é substituída por outra de nova construción, a embarcación substituta participará de todos os dereitos da anterior, para os efectos da concesión da axuda por paralización temporal.
Se durante o período de computo de días de actividade unha embarcación é aportada para unha de nova construción, aos días de actividade da embarcación de nova construción sumaránselle os da embarcación aportada.
6. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que as persoas solicitantes sexan unha pluralidade de persoas sen personalidade xurídica, cada un/unha dos/das solicitantes deberán cumprir este requisito.
7. Coa solicitude acompañarase unha declaración responsable por parte da persoa solicitante, representante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos no punto 2, letras a) ata f) deste artigo.
Artigo 5. Requisitos específicos das persoas armadoras
As persoas armadoras, que sexan beneficiarias de acordo co disposto no artigo anterior, terán que cumprir os seguintes requisitos:
a) Que a embarcación pertenza á 3ª lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras.
b) Que a embarcación teña porto base na Comunidade Autónoma galega e estea en situación de alta no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que o permiso de explotación da embarcación, que deberá estar vixente, inclúa a modalidade de libre marisqueo ou marisqueo na zona VII. O cumprimento deste requisito verificarase mediante a información que consta na Consellería do Mar.
d) Para os efectos de que as persoas tripulantes obxecto da paralización temporal poidan acollerse ás axudas correspondentes, xustificación de que a persoa armadora ou empresaria presentou ante as autoridades laborais a correspondente comunicación de inicio do procedemento de suspensión dos contratos regulados no artigo 47 do Estatuto dos traballadores, polo total da tripulación enrolada na embarcación, como data límite a do último día previo ao inicio do tempo de parada obxecto da axuda, para os efectos de poder adoptar a decisión de suspender os contratos de traballo. Eximirase deste requisito cando a persoa armadora xustifique documentalmente a non existencia de persoas traballadoras no momento de producirse a paralización temporal.
e) A paralización, de feito, de todas as actividades de pesca e marisqueo realizadas pola embarcación durante todo o período que dure a parada temporal segundo o establecido no artigo 11.1. Esta circunstancia deberá quedar recollida no rol de despacho, no que se indicará expresamente que a embarcación entra en porto para iniciar unha parada temporal da actividade pesqueira e, igualmente, o día de saída indicarase que a embarcación finaliza a súa parada temporal. A suspensión da actividade pesqueira acreditarase a través da entrega do rol na Capitanía Marítima do porto no momento da súa chegada. A inactividade pesqueira deberá ser total e a embarcación permanecerá no porto durante todo o período computable da parada, non podendo ser despachada para ningunha actividade.
Na aplicación informática de alternancia de artes da Consellería do Mar deberá indicarse durante o tempo de parada como comunicación de inactividade.
Poderán exceptuarse aqueles movementos da embarcación motivados por razóns de seguridade exixidas pola autoridade competente, así como os desprazamentos da embarcación ao varadoiro para efectuar labores de mantemento ou reparacións, que deberán ser acreditados documentalmente pola persoa beneficiaria. En calquera caso, a embarcación deberá ser despachada para estas actividades concretas, con indicación da data de saída e de chegada ao porto de destino. Igualmente, e con carácter excepcional, poderán exceptuarse os movementos da embarcación nos supostos de participación da mesma na celebración de festas mariñeiras tradicionais durante o período de veda ou parada temporal. Estes movementos deberán quedar acreditados documentalmente pola persoa beneficiaria mediante a aportación da relación de buques que participaran no evento, certificado pola Confraría de Pescadores organizadora, no que se indicará o nome e código de cada buque participante, a data e o horario do desprazamento, así como a zona onde se teña realizado.
f) Estar en situación de alta no réxime especial da Seguridade Social dos/das traballadores/as do mar na embarcación afectada, no momento de sobrevir a paralización temporal.
Artigo 6. Requisitos específicos das persoas tripulantes
1. As persoas tripulantes que sexan beneficiarias, de acordo co establecido no artigo 4, deberán cumprir cos seguintes requisitos:
a) Estar enrolada a bordo dunha embarcación afectada pola paralización temporal.
b) Estar incluída nun procedemento de suspensión de contrato de traballo ou de redución de xornada, excepto no caso das persoas traballadoras por conta propia que teñan a consideración de familiares colaboradores da persoa armadora.
c) Estar en situación de alta no réxime especial da Seguridade Social dos/das traballadores/as do mar na embarcación na que se atopaban enrolados no momento de sobrevir a inmobilización da frota durante a parada e, ademais, os traballadores por conta allea manter a relación laboral de forma ininterrompida coa empresa armadora da embarcación na que se atopaban enroladas no momento de sobrevir a inmobilización da frota durante a parada. Tamén poderán percibir axudas as persoas tripulantes que, mantendo ininterrompida a súa relación laboral coa empresa, non figuren enroladas no momento da paralización temporal como consecuencia dunha incapacidade laboral, permisos retribuídos, vacacións, excedencia e/ou expectativa de embarque, maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural; sempre e cando cumpran os demais requisitos establecidos no punto 1 e quede acreditado o cese nesa situación ao longo do período de tempo de duración da paralización temporal.
d) Acreditar un período de cotización no réxime especial da Seguridade Social dos/das traballadores/as do mar de, cando menos, 12 meses ao longo da súa vida laboral.
Artigo 7. Obrigas xerais das persoas beneficiarias
1. As persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente que sexa de aplicación.
2. As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:
a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un prazo de 5 anos a partir do 31 de decembro do ano da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos esixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.
c) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.
d) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.
e) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.
f) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, nos termos regulamentariamente establecidos.
g) Non incorrer, durante un período comprendido entre a presentación da solicitude da axuda e os 5 anos seguintes á materialización do pagamento final, nalgunha das situacións a que fai referencia o artigo 4.2.d) desta orde. Se calquera desas situacións se produce durante o dito período, deberá reintegrar, total ou parcialmente, o importe da axuda, de conformidade co establecido no artigo 44 do devandito regulamento e no artigo 103 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
h) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e a igualdade entre mulleres e homes, e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.
Artigo 8. Obrigas específicas das persoas empresarias ou armadoras
As persoas empresarias ou armadoras deberán manter ás súas persoas traballadoras en situación de alta no réxime especial da Seguridade Social dos/das traballadores/as do mar durante o período de inactividade. No caso de que a persoa beneficiaria fose armadora autónoma enrolada como tripulante, deberá permanecer de alta como tal traballadora autónoma no devandito réxime durante o dito período de inactividade.
Artigo 9. Incompatibilidades
1. A percepción das axudas compensatorias previstas nesta orde é incompatible co traballo por conta propia ou por conta allea da persoa beneficiaria durante o período da parada subvencionable, así como a percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, autonómico, nacional, da Unión Europea ou dos organismos internacionais.
2. Igualmente, a condición de persoa beneficiaria será incompatible co recoñecemento do dereito á protección por desemprego, cesamento de actividade de traballadores/as autónomos/as e co resto das prestacións económicas do Sistema da Seguridade Social que resulten incompatibles co traballo da persoa beneficiaria, coa excepción das prestacións por incapacidade temporal, de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo, e risco durante a lactación, neste caso descontarase este período do dereito a percibir a axuda.
3. No caso de que o recoñecemento da axuda puidese dar lugar a unha incompatibilidade sobrevida co recoñecemento dun dereito anterior por protección por desemprego ou por cesamento de actividade, no caso de traballadores/as autónomos/as, tal circunstancia será notificada pola persoa interesada, e esta debe optar, no prazo de dez días desde a recepción da notificación da proposta de resolución de concesión da axuda, entre a percepción desta e a protección por desemprego ou cesamento de actividade.
Se no referido prazo de 10 días non manifesta por escrito a súa elección entre ambas, entenderase que opta pola prestación por desemprego ou cesamento de actividade, polo que non tería dereito ao cobramento da axuda regulada nesta orde e procederase ao seu reintegro.
Se opta pola axuda regulada nesta orde, realizaranse as regularizacións que procedan respecto da protección por desemprego ou cesamento da actividade concorrentes coa compensación económica.
4. A solicitude da axuda por paralización temporal será incompatible coa solicitude de axudas por paralización definitiva.
Artigo 10. Contía da axuda
1. O importe máximo da axuda concedida ás persoas armadoras, en virtude do disposto no artigo 16 do Real decreto 1173/2015, de 29 de decembro, modificado polo Real decreto 528/2022, do 5 de xullo, e do Real decreto 1013/2023, do 5 de decembro, será unha cantidade, pola embarcación obxecto da paralización temporal, que se calculará multiplicando o baremo correspondente establecido no anexo III do mencionado real decreto polo número de arqueo bruto (GT) do buque e o número de días establecido como período subvencionable.
Calcularase mediante a seguinte fórmula:
[(prima custo fixo x GT) + (prima lucro cesante)] x número de días de paralización
A cuantificación das primas obedece á seguinte táboa:
|
Arte de pesca |
Prima custo fixo Importe GT/día (€) |
Prima lucro cesante Importe/día/buque (€) |
|
Pesca artesanal (inferior a 12 m) |
20,01 |
31,73 |
Para estes efectos, o número de arqueo bruto (GT) será o que figura na folla de asento da embarcación recoñecido con efectos pesqueiros ou, na súa falta, no certificado de arqueo definido en tonelaxe de arqueo bruto.
O importe mínimo que se percibirá será de 134 € por día de paralización.
Por días de paralización entenderanse os efectivamente hábiles para o exercicio da actividade pesqueira segundo a normativa vixente (artigo 8.2 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia).
2. A contía da axuda ás persoas tripulantes calcularase multiplicando o importe máximo de 50 € por cada día de paralización.
No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias axustaranse as contías e repartiranse pro rata entre todas as persoas tripulantes beneficiarias.
3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 11. Duración
1. As axudas outorgaranse por 64 días de paralización, correspondentes ao período comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2025, ambos os dous incluídos.
2. O rol tería que terse depositado na Capitanía Marítima, como moi tarde, o mesmo día do inicio da parada obxecto da axuda, e recollerse, como moi pronto, o mesmo día de finalización da parada obxecto da axuda. No caso de que o primeiro día de parada sexa inhábil, podería terse depositado o rol na Capitanía o primeiro día hábil seguinte; se o último día de parada é inhábil, poderá recollerse o rol como moi pronto o día hábil inmediatamente anterior. Verificarase a ausencia de vendas nese período.
Artigo 12. Prazo de presentación das solicitudes
Para esta convocatoria, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
Artigo 13. Forma de presentación de solicitudes
1. As persoas solicitantes profesionais do sector pesqueiro terán a capacidade administrativa para o acceso e a dispoñibilidade para a tramitación electrónica. Deste xeito establécese a obrigatoriedade do emprego dos medios electrónicos de acordo co disposto no artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, de administración dixital de Galicia, e no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Polo tanto, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Para os efectos da presentación da solicitude, as persoas interesadas poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo III da presente orde.
Artigo 14. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de axuda do anexo I (PE406A), se é persoa armadora, ou do anexo II (PE406B), se é tripulante, a seguinte documentación:
– Anexo III de nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.
2. A documentación complementaria está formada por:
A. No caso dunha persoa armadora (PE406A):
I) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:
a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.
b) Poder suficiente da persoa representante, no caso de que tal poder non figure nos estatutos.
c) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio da Presidencia, Xustiza y Relacións coas Cortes, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle á persoa interesada que achegue o certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
II) Se as persoas solicitantes son unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado e, na súa falta, co que figure en primeiro termo. Para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome unicamente de todas as persoas solicitantes:
a) Escritura de constitución da comunidade de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, se é o caso. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación e especificar a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros (anexo IV).
b) Anexo IV de pluralidade de persoas solicitantes.
c) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais desta entidade, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio da Presidencia, Xustiza y Relacións coas Cortes, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarada culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle á persoa interesada que achegue o certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
Outra documentación complementaria:
III) Certificado do Instituto Social da Mariña acreditativo de estar en situación de alta asociada á embarcación afectada, así como os códigos de conta asociados á embarcación e ás persoas traballadoras por conta allea incluídas nelas, e os/as autónomos/as, se é o caso.
IV) Rol de despachos actualizado da embarcación coa dotación de tripulación enrolada nela nos anos 2023, 2024 e 2025.
V) Certificación da Capitanía Marítima correspondente do depósito do rol de despachos da embarcación e no cal se faga constar o lugar e o período de inmobilización total da embarcación con motivo do cesamento temporal da actividade pesqueira, con expresión das datas de comezo e fin da parada realizada.
VI) Documentación que acredite a presentación do expediente de regulación de emprego pola persoa armadora ou empresaria, de acordo co establecido no artigo 5.d) desta orde.
VII) Certificado de arqueo definido en tonelaxe de arqueo bruto (GT), expedido pola Dirección Xeral da Mariña Mercante. Só será precisa a presentación desta documentación se a dita información non consta na folla de asento de inscrición marítima.
VIII) Informe de vida laboral en que se acredite que a persoa solicitante estivo de alta como autónoma no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar durante todo o período de parada, no caso de que a persoa beneficiaria fose armadora autónoma enrolada como tripulante.
IX) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas físicas e xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro e suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, co fin de comprobar o requisito establecido no artigo 4.2.g) da presente orde, deberán presentar:
1) Persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada:
– Certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.
2) Persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada:
– Certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
– Informe de procedementos acordados, elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
– Factura da certificación ou do informe de procedementos acordados do auditor mencionado no punto anterior. Se o gasto unitario da factura supera os 15.000 €, deberá achegar, como mínimo, dúas ofertas máis de diferentes provedores. A elección realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
– Certificación bancaria acreditativa do pagamento correspondente á mencionada factura. O certificado bancario indicará a factura que soporta. O pagamento terase que realizar obrigatoriamente mediante transferencia bancaria.
B. No caso das persoas tripulantes (PE406B), ademais da documentación indicada no punto 1 deste artigo, deberá achegar:
I) Certificado do Instituto Social da Mariña acreditativo de estar en situación de alta asociada á empresa armadora en que se atopaban enroladas no momento de sobrevir a paralización temporal.
II) Copia da resolución da autoridade laboral competente que aprobe a suspensión da relación laboral.
III) Informe de vida laboral.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 15. Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da/das persoa/s física/s solicitante/s.
b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante, nomeada para os efectos da presentación da solicitude.
c) DNI/NIE/NIF da persoa ou entidade representante legal da persoa xurídica.
d) NIF da/das persoa/s xurídica/s solicitante/s, da/das entidade/s ou agrupación/s sen personalidade xurídica ou da comunidade/s de bens, segundo corresponda.
e) Certificación de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
f) Certificación de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
g) Certificación de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, estea ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
h) Consulta de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, estea ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
i) Informe acreditativo de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, non ten cometido infraccións graves consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello; o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC, de acordo co artigo 11.1.a) do RFEMPA, emitidos pola unidade correspondente da Consellería do Mar.
j) Consulta de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, non está en concurso de acredores, artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtida a través do Rexistro Público Concursal.
k) Informe acreditativo de que a persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, non ten cometido infraccións graves consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello; o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC, de acordo co artigo 11.1.a) do RFEMPA, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
l) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais, no caso de persoas físicas ou de pluralidade de persoas físicas. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, certificado de carecer de antecedentes penais dos seus integrantes. Os certificados deberán ser obtidos a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio da Presidencia, Xustiza y Relacións coas Cortes, e deberán conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle á persoa interesada que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
m) Consulta no Sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEMP ou FEMPA, para cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso.
n) Consulta obtida do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, non estea, nin estiver involucrada nos últimos 24 meses na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40, número 3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada; nin que tampouco estea, nin estiver nos últimos 12 meses, involucrada na explotación, xestión ou propiedade dun buque que enarbore o pavillón dun país incluído na lista de terceiros países non cooperantes prevista no artigo 33 do citado regulamento.
ñ) Consulta de concesión de subvencións e axudas, para cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso.
o) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas, para cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A Administración solicitaralle de oficio á Capitanía Marítima a folla de asento de inscrición marítima actualizada, completa e literal, e certificada en todas as súas follas. Tamén se lle solicitará en tripulantes, de ser o caso, o certificado de enrolamentos/desenrolamentos coa dotación da tripulación nos anos 2023, 2024 e 2025.
Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 17. Tramitación de solicitudes
A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.
A) Fase de admisión de solicitudes.
1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, de ser o caso.
2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, e se así non o fixer, darase por desistido da súa solicitude.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 4, punto 2, letra f), resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.
3. Sen prexuízo do anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.
5. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polas persoas interesadas, daráselles a estas un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Valoración.
6. Para os expedientes que non cumpran os requisitos, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución denegatoria que proceda, na cal se indicarán as causas que a motivan.
7. Aquelas solicitudes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, continuarán tramitándose de acordo co establecido no presente artigo.
B) Fase de valoración das solicitudes.
Segundo o establecido no documento de criterios de selección para a concesión das axudas do Programa nacional do FEMPA, con carácter xeral, para a valoración das solicitudes utilizaranse catro bloques de criterios de selección: xerais, horizontais ambientais e sociais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos, e, por último, específicos por tipo de actividade.
De acordo co mesmo documento, as compensacións están previstas expresamente no Programa nacional e pola propia natureza da axuda, é polo que se entende cumprida a puntuación mínima do bloque de criterios xerais e non é necesario aplicar os restantes bloques de criterios. Non obstante, os xestores poderán elixir calquera dos restantes bloques de criterios, sen necesidade de circunscribirse ás ponderacións e obrigas indicadas en cada bloque, especificando nas bases/convocatoria os criterios elixidos e as súas ponderacións.
Para a valoración das solicitudes utilizaranse os seguintes criterios de selección: xerais e horizontais ou específicos.
I) Criterios xerais de selección.
Os criterios xerais teñen por obxecto asegurar que as operacións elixibles vaian dirixidas a alcanzar os obxectivos definidos no programa Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura: programa para España 2021-2027.
Conforme o citado documento de criterios de selección para a concesión das axudas do programa nacional do FEMPA, para as paralizacións recollidas no artigo 21, número 2, letras a), b), c) e d) do Regulamento FEMPA, por tratarse dunha axuda compensatoria prevista no programa e pola propia natureza da axuda, enténdese cumprida a puntuación mínima do bloque de criterios xerais, polo que para todas as solicitudes que alcanzasen esta fase a cualificación da operación será a de apta.
II) Criterios horizontais ou específicos de valoración.
II.1. Estes criterios serán de aplicación ás embarcacións pesqueiras que opten ás axudas, excluíndo da súa aplicación as tripulacións, que terán dereito a optar á axuda por estaren incluídas no rol da embarcación afectada pola paralización e cumprir cos demais requisitos establecidos, ademais de que no caso das solicitudes das persoas tripulantes, ao non establecerse a selección por concorrencia competitiva, unicamente serían de aplicación os criterios xerais.
Unha comisión de selección valorará os criterios de valoración horizontais ou específicos que servirán de base para determinar a prelación das solicitudes, cando as solicitudes subvencionables superen as dispoñibilidades orzamentarias.
II.2. Conforme os criterios de selección para a concesión das axudas do programa nacional do FEMPA, unha vez aplicado o criterio de selección xeral, o organismo intermediario de xestión, no caso de convocatorias de concorrencia competitiva, aplicará os criterios específicos de selección horizontais ou específicos, e permitirá elixir entre varios dos que nel se recollen.
Os criterios de valoración horizontais ou específicos para a valoración das solicitudes presentadas nesta convocatoria son os seguintes:
a) Actividade pesqueira (que se verificará de oficio a través das notas de venda) da embarcación na pesqueira definida no artigo 1 desta orde, nos anos 2023 e 2024:
1º. Ata 50 días: 0 puntos.
2º. De 51 a 100 días: 1 punto.
3º. De 101 a 120 días: 2 puntos.
4º. De 121 a 150 días: 3 puntos.
5º. Máis de 150 días: 4 puntos.
b) Dependencia da embarcación das capturas procedentes da pesqueira definida no artigo 1 desta orde:
1º. Que o valor das capturas procedentes da pesqueira definida no artigo 1, sexa igual ou inferior ao 20 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2020-2024: 1 punto.
2º. Que o valor das capturas procedentes da pesqueira definida no artigo 1, sexa superior ao 20 % e igual ou inferior ao 30 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2020-2024: 2 puntos.
3º. Que o valor das capturas procedentes da pesqueira definida no artigo 1, sexa superior ao 30 % e igual ou inferior ao 40 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2020-2024: 3 puntos.
4º. Que o valor das capturas procedentes da pesca definida no artigo 1 sexa superior ao 40 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2020-2024: 4 puntos.
A valoración dos criterios horizontais ou específicos realizarase de acordo coa información relativa aos rexistros de actividade pesqueira, ás vendas na lonxa ou nos puntos de venda autorizados realizadas e no sistema de xestión dos permisos de explotación para as embarcacións, que consten en poder da Consellería do Mar.
En caso de empate, priorizarase a quen teña tripulantes mulleres enroladas na embarcación. De persistir o empate na puntuación obtida pola embarcación, este resolverase tendo en conta a cualificación na letra b). De persistir o empate, atenderase á cualificación na letra a). Se así e todo continúa a igualdade, acudirase ao número de persoas tripulantes enroladas na embarcación, dando preferencia á de maior número de persoas tripulantes.
C) Fase de selección.
1. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección procederá a formular a proposta de resolución de concesión das axudas.
2. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención e indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde. Ordenaranse os expedientes seleccionados de acordo coa puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.
3. A Comisión de Selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.
4. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada dos criterios horizontais ou específicos de cada expediente.
5. O presidente da Comisión de Avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.
Artigo 18. Comisión de Selección
1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
2. A composición da Comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:
a) Presidencia: subdirector/a xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria.
b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designados polo presidente, e a persoa titular da xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, que exercerá a secretaría.
3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección. No caso de excepcional ausencia do presidente, actuará como tal o secretario.
4. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.
5. A Comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.
6. A reunión da Comisión de Selección poderá realizarse presencial ou telematicamente.
7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias, e emitir propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.
Artigo 19. Resolución e aceptación.
1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.
3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de 4 meses contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Unha vez notificada a devandita resolución, a persoa interesada terá un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.
5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura; os prazos e modo de pagamento da subvención e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se percibe a subvención.
Artigo 20. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento, polas persoas interesadas, da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 21. Recursos
1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.
2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 19 non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de 6 meses, contados en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.
Artigo 22. Modificación da resolución
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente doutras subvencións ou axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou calquera outro aspecto que se considere que afecta un aspecto substancial da resolución de concesión, poderán dar lugar á súa modificación ou revogación.
Artigo 23. Pagamento
1. Tendo en conta que se trata dunha compensación e que as persoas beneficiarias non teñen que realizar xustificación do investimento, unha vez concedida a axuda, o pagamento poderase realizar no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda.
2. A proposta de pagamento das axudas realizarase cunha certificación previa da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica relativa ao correcto cumprimento de todos os requisitos para acceder ás axudas no momento en que se vaia a ordenar o pagamento.
3. Para o pagamento da axuda será imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
4. O pagamento das axudas efectuarase mediante transferencia na conta bancaria indicada na solicitude.
Artigo 24. Extinción das axudas
O dereito ás axudas obxecto desta orde extinguirase:
a) Pola interrupción do período da parada. A interrupción do período da parada suporá a perda do dereito á percepción da totalidade da axuda pola totalidade da parada.
b) Por iniciar actividades laborais por conta propia ou allea durante o período da parada subvencionable.
c) Por iniciarse os efectos económicos das prestacións da Seguridade Social que resulten incompatibles co traballo, coa excepción das prestacións de incapacidade temporal, de maternidade e paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación, neste caso o tempo que perciban estas prestacións será descontado do dereito a percibir a axuda.
Artigo 25. Reintegro das axudas
1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.
2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos nos artigos 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.
4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 26. Infraccións e sancións
Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 27. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 28. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideren ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto por dito servizo no enderezo web https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/CA-UACI/Paginas/CA-UACI.aspx e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/CA-UACI/SNCA/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx
Artigo 29. Publicidade
1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, e expresarán a convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional primeira
No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004; o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración; o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; o Real decreto 1173/2015, modificado polo Real decreto 528/2022, do 5 de xullo, e polo Real decreto 1013/2023, do 5 de decembro; o documento de criterios de selección para a concesión de axudas no marco do programa nacional do FEMPA e a demais normativa de aplicación.
Disposición adicional segunda
Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.
Disposición derradeira primeira
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2025
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
