DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 7 de outubro de 2025 Páx. 52708

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 30 de setembro de 2025 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), convocadas pola Orde do 12 de decembro de 2024 (código de procedemento PE201B).

A Orde do 12 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e se convocan para o ano 2025 (DOG núm. 4, do 8 de xaneiro), establece no seu artigo 4 o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

O artigo 4.3 da Orde do 12 de decembro de 2024 autoriza esta ampliación cando di que o importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, se poderán ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos establecidos no artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia, coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da citada Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 12 de decembro de 2024 (DOG núm. 4, do 8 de xaneiro) para o exercicio orzamentario 2025, na cantidade de 5.059.703,26 €, con cargo á aplicación 16.02.723B.770.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, distribuídos nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2025: 4.288.662,02 euros.

– Anualidade 2026: 771.041,24 euros.

Con esta ampliación o crédito orzamentario total desta convocatoria ascende a 15.059.703,26 euros.

Segundo. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025

Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar