DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 7 de outubro de 2025 Páx. 52663

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 25 de setembro de 2025 pola que se regula o procedemento para recoñecer o dereito a préstamos de financiamento de investimentos e capital circulante con bonificación de xuros garantidos polo Instrumento financeiro de xestión centralizada no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (código de procedemento MR350A).

O Plan estratéxico da PAC (PEPAC) de España, aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión C(2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, e modificado por última vez mediante a Decisión de execución da Comisión C(2024) 6133 final, do 30 de agosto de 2024, prevé a utilización de instrumentos financeiros na xestión dalgunhas das intervencións recollidas nos artigos 73 a 78 do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos nº 1305/2013 e nº 1307/2013.

O artigo 80.1 do Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro 2021, prevé axudas «en forma de instrumentos financeiros segundo o establecido no artigo 58 do Regulamento (UE) nº 2021/1060», que poderán concederse conforme os tipos de intervencións recollidos nos artigos 73 a 78 do citado regulamento.

O Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados, regula, pola súa vez, os instrumentos financeiros nos seus artigos 58 a 62, como unha das tres modalidades de fomento e promoción económica (subvencións, instrumentos ou premios), xa sexa en modo individualizado ou en combinación das distintas variantes dentro da categoría xeral de axudas. En consecuencia, a modalidade de axudas por medio de instrumentos financeiros segue un réxime xurídico específico, distinto do propio das modalidades de subvención, tamén previstas no Regulamento (UE) nº 2021/1060, do 24 de xuño de 2021, como posibles mecanismos de distribución de fondos europeos.

Por outra banda, de conformidade co establecido no artigo 145, número 2, do Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro de 2021, a esta forma de apoio non lle serán de aplicación as normas sobre axudas estatais cando a intervención en cuestión estea relacionada con actividades agrícolas que entren no ámbito de aplicación do artigo 42 do Tratado funcionamento da Unión Europea (TFUE) e formen parte dun plan estratéxico da PAC.

No mesmo sentido, a regulación que introduce a orde segue o disposto no Real decreto 1046/2022, do 27 de decembro, que regula a gobernanza do Plan estratéxico da política agrícola común en España e dos fondos europeos agrícolas Feaga e Feader e que, nos seus artigos 28 a 32, regula tamén parcialmente a utilización dos instrumentos financeiros. A norma estatal define conceptualmente os instrumentos financeiros como «…mecanismos de financiamento en condicións favorables, como complemento das subvencións, que facilitan o crédito no sector primario» (artigo 28.1), constituíndo mecanismos para a captación de crédito de entidades financeiras que dispoñen dunha garantía pública.

Tamén, o Real decreto 1046/2022, do 27 de decembro, distribúe as funcións entre os órganos das distintas administracións, estatal e autonómica, á autoridade de xestión do Plan estratéxico da política agraria común 2023-2027 (PEPAC 2023-2027), no seu artigo 30, e ás autoridades rexionais de xestión, no seu artigo 31.

Deste xeito, corresponde ás autoridades autonómicas o «establecemento dos destinatarios e condicións en que se ofrecerá o instrumento financeiro, incluída a posibilidade de conceder subvencións en forma de bonificación de xuros ou de combinar subvencións de capital co instrumento financeiro» (artigo 31.1.c), «a elaboración e publicación das bases reguladoras e convocatorias en que se establezan os apoios a través do IFXC» (artigo 31.2) e «aos organismos pagadores das comunidades autónomas adheridas ao IFXC (…), as competencias de xestión e control do pagamento relativas ao apoio prestado a través do IFXC» (artigo 31.4), sen prexuízo das funcións atribuídas ao organismo seleccionado para a execución do IFXC, que enumera o artigo 32, e que previamente seleccionase a autoridade de xestión do PEPAC «…coa conformidade das comunidades autónomas que manifestasen nese momento a súa decisión de participar no IFXC» (artigo 30.2).

As intervencións do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) a que corresponden as actuacións que poden ser obxecto de financiamento a través do instrumento financeiro inclúen, entre outras, a intervención 68411 de axudas aos investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático, uso eficiente dos recursos naturais e benestar animal, e a intervención 68412 de axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias. Nestas intervencións figura establecida a posibilidade de garantir con fondos Feader préstamos garantidos para capital circulante e investimentos en explotacións agrarias.

O Instrumento financeiro de xestión centralizada é un mecanismo que pon á disposición da persoa destinataria final a garantía para subscribir préstamos en condicións vantaxosas de financiamento, facilitando o acceso ao crédito de proxectos financeiramente viables, e deseñado para optimizar a administración e distribución dos fondos destinados á agricultura e ao desenvolvemento rural.

O obxectivo primordial deste instrumento é asegurar que os fondos se distribúan de maneira equitativa e que se aliñen cos obxectivos estratéxicos da PAC, tales como o apoio aos agricultores, a sustentabilidade ambiental e o desenvolvemento rural. Ademais, busca simplificar a xestión dos recursos financeiros garantindo a súa utilización de maneira eficiente e efectiva, mellorar a transparencia e a rendición de contas na xestión dos recursos públicos destinados ao sector agrícola.

Este instrumento articúlase mediante acordos específicos de financiamento establecidos entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA) e as comunidades autónomas.

O 25 de marzo de 2024 subscribiuse o convenio polo que se establece o acordo de financiamento do Instrumento financeiro de xestión centralizada de garantía de carteira Feader (2023-2027) entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e a Sociedad Estatal de Caución Agraria (SAECA), cun orzamento operativo de 1.800.000 euros para investimentos na intervención 68411 e de 4.298.000 euros para a intervención 68412 (1.000.000 euros para capital circulante e 3.298.000 euros para investimentos).

A Comunidade Autónoma de Galicia realizou a primeira contribución ao IFXC conforme o establecido no artigo 32 do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

A autoridade de xestión emitiu informe favorable sobre esta orde, no que respecta ao cumprimento do establecido no Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España.

Polo exposto, resulta necesario outorgar un marco regulador do IFXC en Galicia que defina un procedemento para identificar inicialmente as persoas destinatarias finais susceptibles de seren apoiadas a través do instrumento financeiro.

Conforme o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a tramitación electrónica será obrigatoria en todas as fases do procedemento, tendo en conta a cualificación técnica das posibles persoas destinatarias finais destas liñas de axudas para o uso dos medios electrónicos, dada a natureza das axudas expostas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para recoñecer o dereito a préstamos de financiamento de investimentos e capital circulante con bonificación de xuros garantidos polo Instrumento financeiro de xestión centralizada no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (código de procedemento MR350A), para as seguintes intervencións:

a. Intervención 68411 Axudas aos investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático, uso eficiente dos recursos naturais e benestar animal. Subintervención 68411_05 operacións IF.

b. Intervención 68412 Axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias. Subintervención 68412_04 Operacións IF.

2. O procedemento de recoñecemento ao dereito a préstamos garantidos tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 79.3 do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos nº 1305/2013 e nº 1307/2013.

Artigo 2. Obxectivos específicos PEPAC

De forma xeral, as distintas modalidades de axudas derivadas desta orde contribuirán ao cumprimento dos seguintes obxectivos específicos do PEPAC:

a) Obxectivo específico 2 (OE2): mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade das explotacións agrícolas a curto e longo prazo, en particular facendo maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización.

b) Obxectivo específico 4 (OE4): contribuír á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, entre outras cousas reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorando a captura de carbono, así como promover a enerxía sustentable.

c) Obxectivo específico 5 (OE5): promover o desenvolvemento sustentable e a xestión eficiente de recursos naturais como a auga, o solo e o aire, por exemplo, reducindo a dependencia química.

Artigo 3. Requisitos para todas as persoas destinatarias finais

1. As persoas que desexen acceder ao instrumento financeiro deberán cumprir os seguintes requisitos:

a. Ser titular/cotitular de explotación agraria inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, excepto no caso de ser unha persoa agricultora moza ou nova, que estará exenta de cumprir esta condición.

b. Ter polo menos 18 anos de idade, no caso de persoas físicas.

c. Ter capacitación profesional suficiente, o cal se acreditará segundo se establece no Decreto 200/2012 polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, agás no caso de establecemento de persoas agricultoras mozas ou novas. As persoas xurídicas deberán acreditar que polo menos o 50 % das persoas socias posúe a capacitación suficiente.

d. Que a súa actividade principal sexa a agraria.

e. Dispor dunha contabilidade específica Feader.

f. Non ter recoñecido o dereito a un préstamo garantido polo Instrumento financeiro de xestión centralizada no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 para a mesma intervención e finalidade.

Artigo 4. Condicións dos préstamos garantidos polo Instrumento financeiro de xestión centralizada

1. Poderán solicitarse os seguintes préstamos en función da intervención:

a. Na intervención 68411 Axudas aos investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático, uso eficiente dos recursos naturais e benestar animal, os préstamos só poderán ser para o financiamento dun investimento.

b. Na intervención 68412 Axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias, os préstamos poderán ser para o financiamento dun investimento ou para capital circulante.

2. As tipoloxías e condicións dos préstamos seguirán o estipulado no convenio outorgado entre a SAECA e as entidades financeiras.

3. As entidades financeiras cons que se poderán formalizar os préstamos regulados nesta orde serán as que estean adheridas ao Instrumento financeiro de xestión centralizada mediante a sinatura dun convenio tipo coa SAECA.

4. Todos os préstamos levan unha bonificación de xuros de 3 puntos porcentuais durante os tres primeiros anos.

Artigo 5. Equivalente de subvención bruta (ESB)

Para os efectos de valorar as implicacións de axudas de Estado, os apoios brindados polo instrumento financeiro calcularanse como equivalente de subvención bruta, de acordo coa seguinte fórmula:

Cálculo do ESB = importe nominal do préstamo (EUR) × custo do risco (práctica habitual) × taxa da garantía × taxa do límite máximo da garantía × duración media ponderada do préstamo (anos).

O ESB en forma de bonificación de xuros calcularase a unha taxa de actualización calculada conforme o disposto na Comunicación da Comisión relativa á revisión do método de fixación dos tipos de referencia e de actualización (2008/C 14/02).

Artigo 6. Compatibilidade do instrumento financeiro

1. O instrumento financeiro será compatible con calquera outra axuda que co mesmo fin concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo do establecido en relación coa incompatibilidade destas axudas con calquera outra cofinanciada con fondos europeos do Feader, artigo 36 do Regulamento (UE) nº 2021/2116, do 2 de decembro de 2021, sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable.

2. No marco do Feader, unha operación unicamente poderá recibir distintas formas de apoio do Plan estratéxico da PAC e doutros fondos mencionados no artigo 1.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 ou de instrumentos da Unión, se o total acumulado das axudas concedidas en virtude das diferentes formas de apoio non supera a intensidade máxima de axuda ou o importe máximo de axuda aplicables a ese tipo de intervencións a que se refire o título III do Regulamento (UE) nº 2021/2115.

Artigo 7. Dotación orzamentaria

1. A dotación económica que prevé o PEPAC a cargo da Comunidade Autónoma para cada unha das intervencións para a súa axuda por medio dos instrumentos financeiros é a seguinte:

a) Intervención 68411 Axudas a investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e uso eficiente dos recursos naturais: 1.800.000,00 euros.

b) Intervención 68412 Axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias: 4.298.000,00 euros.

2. Esta dotación será obxecto de planificación económica plurianual pola autoridade rexional de xestión para a súa posta á disposición en cobertura ao financiamento dos prestameiros, atendendo ás necesidades da prestación de garantías aos préstamos formalizados baixo o instrumento financeiro.

3. A determinación das anteriores dotacións poderá modificala a autoridade rexional de xestión en función da variación das solicitudes presentadas para cada unha das intervencións e da súa efectiva resolución.

Artigo 8. Incumprimentos

O réxime de incumprimentos será o establecido no Regulamento delegado (UE) nº 2022/1172 da Comisión, do 4 de maio de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común e a aplicación e o cálculo das sancións administrativas no marco da condicionalidade.

Nos casos en que a persoa destinataria final non execute o proxecto para o que percibiu o préstamo, ou se produzan desviacións substanciais entre a operación realizada e a aprobada ou se confirme unha incompatibilidade de apoios financeiros, poñerase en coñecemento da SAECA e procederase a sacar o préstamo da carteira do instrumento financeiro, asumindo o outorgante do préstamo os custos derivados da actuación.

En calquera caso, a vulneración do réxime de compatibilidade constituirá causa de reintegro das cantidades indebidamente percibidas, xunto aos xuros correspondentes, sempre sen prexuízo da seu cualificación como infracción administrativa que puidese dar lugar á apertura dun procedemento sancionador.

Artigo 9. Obriga de facilitar información

As persoas interesadas deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano competente da Consellería do Medio Rural, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento de execución (UE) nº 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia, e no Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

Ademais, deberán proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 123 do Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro de 2021.

De conformidade co Regulamento (UE) nº 2021/2116, toda persoa ou entidade que reciba fondos da Unión debe cooperar na protección dos intereses financeiros desta.

Artigo 10. Publicidade

As persoas destinatarias finais do instrumento financeiro deberán dalo a coñecer consonte as regras indicadas no anexo IV, Publicidade.

De conformidade co artigo 99 do Regulamento (UE) nº 2021/2116, infórmanse as persoas interesadas da publicación dos datos que lles concirnen na lista de operacións seleccionadas para recibir axuda do Feader segundo o previsto no artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e de que os ditos datos poderán ser tratados por organismos de auditoría e investigación da Unión e dos Estados membros para protexer os intereses financeiros da Unión.

CAPÍTULO II

Procedemento de recoñecemento do dereito a un préstamo garantido
con bonificación de xuros

Artigo 11. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de solicitude para todos os préstamos garantidos estará aberto permanentemente ata que se esgote o orzamento operativo incluído na Resolución do 1 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria, pola que se publica o convenio coa Xunta de Galicia e a Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria, S.M.E., polo que se establece o acordo de financiamento do Instrumento financeiro de xestión centralizada de garantía de carteira Feader 2023-2027.

Artigo 12. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a. Acreditación da persoa representante da súa representación (se é o caso).

b. Anexo II de autorización á SAECA para obter directamente por medios telemáticos a información que considere precisa para elaborar o informe de viabilidade crediticia.

c. Anexo III de comprobación de datos das persoas socias (se é o caso).

d. Xustificante da capacitación profesional. No caso de títulos oficiais do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, só se ten que presentar esta documentación no caso de que a persoa solicitante se opoña expresamente á súa consulta.

e. Memoria técnico-económica que describa os investimentos previstos ou, no caso de préstamos a gastos de capital circulante, unha lista de gastos da explotación cuxo financiamento se pretende afrontar. No caso de investimentos relacionados coa intervención 68411, a memoria deberá especificar a natureza dos investimentos e como estes contribuirán ao obxectivo específico 4, Contribuír á atenuación do cambio climático e á adaptación para os seus efectos, así como á enerxía sustentable, e/ou ao obxectivo específico 5, Promover o desenvolvemento sustentable e a xestión eficiente dos recursos naturais tales como a auga, o solo e o aire, e/ou ao obxectivo específico 9, Mellorar a resposta da agricultura da UE ás exixencias sociais, en materia de alimentación e saúde, en particular cuns produtos alimenticios seguros, nutritivos e sustentables, así como no relativo ao malgasto de alimentos e o benestar dos animais.

f. No caso de adquisición de terreos ou bens inmobles, certificado de taxación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a. DNI/NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, das persoas socias.

b. DNI/NIE da persoa representante.

c. NIF da entidade representante.

d. NIF da entidade solicitante.

e. Títulos oficiais non universitarios.

f. Títulos oficiais universitarios.

g. Acreditación de actividade agraria por conta propia.

h. Imposto de actividades económicas ampliado (IAE).

i. Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I), ou no anexo III, se é o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Tramitación e resolución

1. O Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario instruirá os expedientes, realizando de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales informará da admisibilidade dos expedientes.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fai así, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Verificado o cumprimento dos requisitos e unha vez que dispoña do informe de viabilidade crediticia da SAECA, a persoa titular da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias formulará a proposta de resolución.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, en virtude da Orde da Consellería do Medio Rural, do 17 de novembro de 2015, vista a proposta, ditará a correspondente resolución no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presentación de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Recursos fronte ás resolucións

As resolucións de recoñecemento de dereito a un préstamo garantido ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Formalización do préstamo garantido

1. Para a formalización do préstamo, o interesado deberá presentar, na entidade financeira adherida ao IFXC e que asinase o convenio de colaboración coa SAECA para instrumentar os préstamos indicados, a resolución do recoñecemento do dereito ao préstamo.

A póliza do préstamo deberá formalizarse para o obxecto e a nome do titular que figure na resolución de recoñecemento.

2. Se, transcorridos seis meses desde a data de emisión da resolución de recoñecemento do dereito ao préstamo garantido, non se formaliza o correspondente préstamo, caducará o recoñecemento dese dereito, polo que, de producirse a formalización superado este prazo, o dito préstamo non estará garantido polo instrumento financeiro de xestión centralizada.

Non obstante, poderá concederse por causas xustificadas unha prórroga do referido prazo de seis meses, que en todo caso non superará os tres meses adicionais.

CAPÍTULO III

Disposicións específicas

Sección 1ª. Intervención 68411 Axudas a investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e uso eficiente dos recursos naturais

Artigo 20. Operacións susceptibles de apoio financeiro mediante préstamo garantido

1. Mediante esta intervención os préstamos só poderán ser para o financiamento dun investimento.

2. Serán obxecto de axuda mediante o instrumento financeiro os gastos dos investimentos produtivos que teñan como obxectivo contribuír a:

a. Accións de mitigación ou adaptación ao cambio climático.

b. Investimentos para a xestión eficiente dos recursos auga, solo e aire.

c. Mellora da eficiencia enerxética e produción de enerxías verdes.

d. Investimentos para a mellora do benestar animal.

e. Investimentos en medidas de bioseguridade nas explotacións agrarias.

3. Os investimentos deberán «contribuír á atenuación do cambio climático e á adaptación aos seus efectos, así como á enerxía sustentable», e/ou «promover o desenvolvemento sustentable e a xestión eficiente dos recursos naturais tales como a auga, o solo e o aire» e/ou «mellorar a resposta da agricultura da UE ás exixencias sociais, en materia de alimentación e saúde, en particular cuns produtos alimenticios seguros, nutritivos e sustentables, así como no relativo ao malgasto de alimentos e o benestar dos animais».

4. No caso de investimentos para enerxías renovables, deberanse observar os criterios de sustentabilidade de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro establecidos na Directiva sobre enerxías renovables 2018/2001.

A produción de enerxía renovable destinarase exclusivamente para o autoconsumo da explotación.

5. Serán elixibles os investimentos que se realicen con anterioridade á data de presentación da solicitude, sempre que non se executasen na súa totalidade.

En calquera caso, a data de inicio dos gastos efectuados non poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2023.

Se os investimentos son obras e/ou instalacións fixas, será necesario un certificado do técnico competente da Consellería do Medio Rural en que se faga constar o non inicio destas ou que non están finalizadas. Neste último caso, a persoa solicitante deberá acreditar a data de inicio dos investimentos.

Este certificado poderá ser substituído por unha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra e/ou instalación fixa ou que non están finalizadas, sempre que esta ofreza probas pertinentes e fiables do estado dos investimentos.

6. Non serán elixibles os seguintes investimentos:

a. O IVE, as taxas, licenzas administrativas ou outros impostos.

b. Os xuros de demora, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas e penais.

c. Os gastos de procedementos xudiciais.

d. A adquisición de terreos por un importe superior ao 10 % do custo total elixible, exceptuando a compra de terras por persoas agricultoras mozas. Este límite máximo aplicarase ao gasto público subvencionable aboado ao perceptor final ou, no caso das garantías, ao importe do préstamo subxacente.

e. A compra de dereitos de produción agrícola.

f. A compra de dereitos de pagamento.

g. Os investimentos de simple substitución.

h. A maquinaria de segunda man.

i. Os gastos de conservación e mantemento ou os derivados de actividades de funcionamento da explotación.

j. Os montes baixos de ciclo curto.

k. A maquinaria ou investimentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios.

l. A maquinaria de carácter forestal.

m. Os xuros de débeda e os seus gastos, excepto respecto de subvencións concedidas en forma de bonificacións de xuros ou subvencións de comisións de garantía.

Artigo 21. Características do préstamo garantido

Sen prexuízo das condicións dos préstamos fixadas no convenio asinado entre a SAECA e as entidades financeiras, as características dos préstamos elixibles nesta intervención son:

a. Importe do préstamo:

i. Mínimo 30.000,00 €.

ii. Máximo: 250.000,00 €

b. Tipo de préstamo. As modalidades do préstamo elixible serán:

Nº de anos

3

5

5

8

8

8

10

10

10

12

12

12

15

15

15

15

20

Nº de anos de amortización

3

5

4

8

7

6

10

9

8

12

11

10

15

14

13

12

16

Nº de anos de carencia

0

0

1

0

1

2

0

1

2

0

1

2

0

1

2

3

4

Sección 2ª. Intervención 68412 Axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias. Recoñecemento do dereito a un préstamo garantido con bonificación de xuros

Artigo 22. Operacións susceptibles de apoio financeiro mediante préstamo garantido

Mediante esta intervención os préstamos poderán ser para o financiamento dun investimento ou para capital circulante.

Artigo 23. Préstamos para investimentos

1. Serán elixibles os investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global, a competitividade ou a viabilidade das explotacións. En particular:

a. A reforma ou construción de instalacións e compra de maquinaria que supoña unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade, o cumprimento de novas normas obrigatorias da Unión Europea, a mellora das condicións de seguridade laboral.

b. Compra de construcións agrarias en desuso ou de construcións adquiridas a través da transmisión dunha explotación agraria coa intermediación do Banco de Explotacións.

c. Plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude froiteira (árbores e arbustos froiteiros).

d. A compra de animais conforme o establecido no artigo 73.3.d) do Regulamento (UE) nº 2021/2115.

e. A compra de terreos conforme o establecido no artigo 73.3.d) do Regulamento (UE) nº 2021/2115.

f. Os investimentos inmateriais asociados á realización dos investimentos materiais enumerados poderán comprender gastos xerais, licenzas de software u outros permisos.

g. Os investimentos para adaptarse a normas de obrigado cumprimento da Unión só serán elixibles no período de gracia de 12-24 meses.

2. Serán elixibles os investimentos que se realicen con anterioridade á data de presentación da solicitude, sempre que non se executasen na súa totalidade.

En calquera caso, a data de inicio dos gastos efectuados non poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2023.

Se os investimento son obras e/ou instalacións fixas, será necesario un certificado do técnico competente da Consellería do Medio Rural en que se faga constar o non inicio destas ou que non están finalizadas. Neste último caso, a persoa solicitante deberá acreditar a data de inicio dos investimentos.

Este certificado poderá ser substituído por unha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra e/ou instalación fixa ou que non están finalizadas, sempre que esta ofreza probas pertinentes e fiables do estado dos investimentos.

3. Non serán elixibles os seguintes investimentos:

a. A compra de dereitos de produción agrícola.

b. A compra de dereitos de pagamento.

c. Os de simple substitución.

d. A maquinaria de segunda man.

e. Os gastos de conservación e mantemento ou os derivados de actividades de funcionamento da explotación.

f. Os montes baixos de ciclo curto.

g. A maquinaria ou investimentos relacionadas coa transformación e comercialización de produtos agrarios.

h. A maquinaria e investimentos de carácter forestal.

i. O IVE ou outras taxas administrativas.

j. Os xuros de débeda e os seus gastos, excepto respecto de subvencións concedidas en forma de bonificacións de xuros ou subvencións de comisións de garantía.

k. A adquisición de terreos por un importe superior ao 10 % do custo total elixible, exceptuando a compra de terras por persoas agricultoras mozas. Este límite máximo aplicarase ao gasto público subvencionable aboado ao perceptor final ou, no caso das garantías, ao importe do préstamo subxacente.

Artigo 24. Gastos en investimentos en regadíos

1. Serán obxecto de axuda mediante o instrumento financeiro os gastos dos investimentos nas instalacións de rega de carácter privativo que non comporten un aumento da superficie de rega, sempre que a autoridade competente en planificación hidrolóxica considere a actuación dentro do seu programa de medidas.

2. Debe instalarse, como parte do investimento, un sistema de medición que permita medir mediante contador o uso da auga correspondente ao investimento obxecto da axuda.

3. Nun investimento destinado a mellorar unha instalación de rega existente ou un elemento da infraestrutura de rega:

a. Deberase avaliar previamente que esta permite levar a cabo un aforro potencial de auga en función dos parámetros técnicos da infraestrutura ou instalación existentes.

b. Establécese, como condición de elixibilidade, unha porcentaxe mínima de aforro potencial do 5-25 %. O intervalo de porcentaxes de aforro dependerá dos parámetros técnicos da instalación. Ao tratarse de operacións dentro de parcela, as características dos proxectos variarán segundo o tipo e as características da explotación en que se executen. Xa que logo, é máis adecuado non establecer unha porcentaxe de aforro único, senón unha franxa que permita a execución de operacións cuxa dimensión levará un aforro potencial de auga menor, e exixir porcentaxes de aforro maiores a aquelas operacións cuxas características técnicas o permiten. O intervalo de aforro potencial do 5-25 % xustifícase da seguinte forma:

i. En actuacións que substitúan rega a pé por rega por aspersión, o aforro potencial mínimo será do 15 %, supoñendo unha eficiencia media do 70 % para unha rega a pé e dun 85 % no caso da rega por aspersión, o paso dunha a outra levará, polo menos, un aforro potencial do 15 %.

ii. En actuacións que substitúan rega a pé por rega localizada, o aforro potencial mínimo será do 25 %, supoñendo unha eficiencia media do 70 % para unha rega a pé e dun 95 % no caso da rega localizada, o paso dunha a outra levará, polo menos, un aforro potencial do 25 %.

iii. En actuacións que substitúan rega por aspersión por rega localizada, o aforro potencial mínimo será do 10 %, supoñendo unha eficiencia media do 85 % para unha rega por aspersión e dun 95 % no caso da rega localizada, o paso dunha a outra levará, polo menos, un aforro potencial do 10 %.

iv. En actuacións que modifiquen rega localizada por outra en que se utilicen as últimas tecnoloxías en microlocalización, o aforro potencial mínimo será do 5 %, supoñendo unha eficiencia media do 95 % para unha rega localizada e dun 99 % no caso de rega microlocalizada, o paso dunha a outra levará, polo menos, un aforro potencial do 5 %, cualificado como inferior a bo no plan hidrolóxico de bacía correspondente por razóns relacionadas coa cantidade. Garantirase unha redución efectiva do consumo de auga a escala de investimento que contribúa á consecución do bo estado das masas de auga. Neste caso, establécese, como condición de elixibilidade, unha porcentaxe de redución efectiva no consumo de auga, a escala de investimento, que será como mínimo o 50 % do aforro potencial, sempre e cando a obrigación de aforro do caudal captado marcado polos organismos de bacía non sexa máis estrita.

O punto iv non será de aplicación no caso de investimentos exclusivamente para a mellora da eficiencia enerxética, investimentos para a creación de encoros (incluíndo balsas ou similares), investimentos para o uso de augas rexeneradas que non afecten unha masa de auga subterránea ou superficial.

4. Os investimentos para o uso de augas rexeneradas serán elixibles só se se cumpre co Regulamento (UE) nº 2020/741 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de maio de 2020, relativo aos requisitos mínimos para a reutilización da auga.

5. Non serán elixibles investimentos en regadío que non sexan coherentes co logro e mantemento do bo estado das masas de auga, segundo o establecido no número 1 do artigo 4 da Directiva 2000/60/CE, incluída a expansión do regadío que afecte as masas de auga cuxo estado se tivese definido como menos que bo no plan hidrolóxico da bacía pertinente por motivos relacionados coa cantidade.

Artigo 25. Préstamos para capital circulante

1. Considérase como capital circulante, sempre que contribúa á consecución do obxectivo específico 2, o seguinte gasto:

a. A compra de dereitos de produción agrícola.

b. Os gastos de conservación e mantemento ou os derivados de actividades de funcionamento da explotación.

2. O importe total das axudas ao capital circulante non excederá un (ESB) de 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 26. Características do préstamo garantido

Sen prexuízo das condicións dos préstamos fixadas no convenio asinado entre a SAECA e as entidades financeiras, as características dos préstamos elixibles nesta intervención son:

a. No caso de préstamos para investimentos:

i. Importe do préstamo:

1. Mínimo: 30.000,00 €.

2. Máximo: 500.000,00 €.

ii. Tipo de préstamo. As modalidades do préstamo elixible serán:

Nº de anos

3

5

5

8

8

8

10

10

10

12

12

12

15

15

15

15

20

Nº de anos de amortización

3

5

4

8

7

6

10

9

8

12

11

10

15

14

13

12

16

Nº de anos de carencia

0

0

1

0

1

2

0

1

2

0

1

2

0

1

2

3

4

b. No caso de préstamos para capital circulante:

i. Importe do préstamo:

1. Mínimo: 15.000,00 €.

2. Máximo: 30.000,00 €.

ii. Tipo de préstamo. As modalidades do préstamo elixible serán:

Nº de anos

3

5

Nº de anos de amortización

3

5

Nº de anos de carencia

0

0

Disposición adicional única. Normativa aplicable

Nos aspectos non recollidos nesta orde haberá que aterse ao disposto na seguinte normativa:

Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico da política agrícola común e outras axudas da política agrícola común.

Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos nº 1305/2013 e nº 1307/2013.

Regulamento (UE) nº 2021/2116, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013.

Regulamento de execución (UE) nº 2022/1173 da Comisión, do 31 de maio de 2022, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común.

Regulamento de execución (UE) nº 2022/1475, do 6 de setembro de 2022, da Comisión, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á avaliación dos plans estratéxicos da PAC e á subministración de información para o seguimento e a avaliación.

Regulamento de execución (UE) nº 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, ao algodón e aos subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.

Regulamento de execución (UE) nº 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia.

Regulamento delegado (UE) nº 2022/127 da Comisión, do 7 de decembro de 2021, que completa o Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello con normas relativas aos organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as garantías e o uso do euro.

Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

Circular de coordinación 37/2023 relativa ao Plan nacional de controis das intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023-2027 incluídas no Plan estratéxico da política agrícola común.

Instrución ARX PEPAC 01/2023 información, publicidade e visibilidade.

Plan galego de controis, intervencións PEPAC 2023-2027-Réxime Feader non SIXC.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase á persoa titular da dirección xeral competente en gandaría, agricultura e industrias agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
MR350A Anexo III G.pdf

ANEXO IV

Publicidade

1. Obrigas das persoas destinatarias finais.

As persoas destinatarias finais do instrumento financeiro deberán dalo a coñecer consonte as seguintes regras:

a) Con carácter xeral, todas as actividades de información e publicidade que leven a cabo as persoas destinatarias finais deberán destacar o apoio dos fondos á operación incorporando:

a. O logo da Xunta de Galicia.

b. O emblema da Unión Europea e, xunto a el, a declaración «Financiado pola Unión Europea» ou «Cofinanciado pola Unión Europea», que figurará sen abreviar.

c. O logotipo xeral oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

d. Referencia á axuda do Feader a través do PEPAC, indicando o cofinanciamento pola Unión Europea, a porcentaxe de cofinanciamento e o montante total da axuda.

b) No caso de operacións consistentes no financiamento de infraestruturas ou actividades de construción cuxo custo total, incluído o financiamento de capital circulante, supere os 500.000 euros, as persoas destinatarias finais teñen a obriga de instalar unha placa ou valo publicitario nun lugar ben visible para o público, en que se presente o emblema da Unión, de conformidade coas características técnicas do anexo II do R 2022/129, tan axiña como se comece coa execución física das operacións ou se instalen os equipamentos adquiridos.

c) No caso de operacións consistentes en investimentos en activos físicos non incluídos no parágrafo anterior cuxo custo total supere os 500.000 euros, incluído o financiamento de circulante, as persoas destinatarias finais teñen a obriga de colocar unha placa explicativa ou unha pantalla electrónica equivalente coa información sobre o proxecto, que destaque a axuda financeira da Unión e presente tamén o emblema da Unión de conformidade coas características técnicas do anexo II do R 2022/129.

d) No caso de operacións consistentes en servizos básicos e infraestruturas non incluídos nos dous parágrafos anteriores cuxo custo total supere os 100.000 euros, incluído o financiamento do capital circulante, as persoas destinatarias finais exhibirán nun lugar ben visible para o público, polo menos, un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación que destaque a axuda da Unión.

e) Cando varias operacións teñan lugar no mesmo lugar e estean apoiadas polo mesmo ou por diferentes instrumentos de financiamento, ou cando se proporcione financiamento adicional para a mesma operación nunha data posterior, bastará coa exhibición dunha placa ou cartel.

f) Cando o obxecto da axuda sexa maquinaria, equipamento informático, de telecomunicacións ou calquera outro ben en que, pola súa estrutura ou tamaño, non sexa posible identificar unha localización adecuada, o cartel ou placa poderá ser substituído por adhesivos ou impresións.

2. Signos de identidade.

a) Logotipo autonómico.

O conxunto do escudo e a Xunta de Galicia, coa súa tipografía corporativa (Xunta Sans), constitúen a marca gráfica principal.

Posto que na xestión dos fondos Feader participan diferentes consellerías e entidades públicas autonómicas, empregarase o logotipo xenérico da Xunta de Galicia, sen mención da consellería ou entidade.

missing image file

Para garantir a visibilización e lexibilidade da marca, esta deberá ter unha altura mínima de 7 mm/20 px e contará cunha área de protección ao redor dela en que non poderá incluírse outro elemento. Esta zona de protección tomará como referencia a altura do escudo:

missing image file

A versión da marca principal aplicarase en cor sempre que se poida e só sobre fondos brancos.

A versión en negativo non sofre ningún tipo de variación, só o cambio de cor a branco.

Na versión en cor, o símbolo corporativo é cian 100 %. Os elementos interiores do símbolo son sempre brancos. Na versión en branco e negro, o símbolo corporativo é negro 100 %. Os elementos interiores do símbolo son sempre brancos.

b) Unión Europea.

a. O emblema.

O emblema consiste nunha bandeira rectangular, na cal, sobre un fondo de cor azul, doce estrelas douradas de cinco puntas, cuxas puntas non se tocan entre si, forman un círculo, que representa a unión dos pobos de Europa.

missing image file

A lonxitude da bandeira equivale a unha vez e media a súa altura. As doce estrelas douradas equidistantes forman un círculo imaxinario cuxo centro se sitúa no punto de intersección das diagonais do rectángulo.

missing image file

O raio do círculo equivale a un terzo da altura da bandeira. Cada unha das estrelas de cinco puntas está situada na circunferencia dun círculo imaxinario cuxo raio equivale a 1/18 da altura da bandeira. Todas as estrelas están en posición vertical, isto é, cunha punta dirixida cara arriba e outras dúas sobre unha liña recta imaxinaria, perpendicular á hasta da bandeira. A disposición das estrelas correspóndese coa das horas na esfera dun reloxo, e o seu número é invariable.

As cores do emblema son as que figuran á esquerda: o Pantone Reflex Blue para a superficie do rectángulo e o Pantone Yellow para as estrelas.

Cando se imprime en cuadricromía, empregaranse as catro cores desta para obter as dúas cores normalizadas. O Pantone Yellow obtense utilizando un 100 % de Process Yellow. A mestura dun 100 % de Process Cyan e un 80 % de Process Magenta permite obter unha cor moi próxima ao Pantone Reflex Blue.

Na paleta empregada na web, o Pantone Reflex Blue corresponde á cor RGB: 0/51/153 (hexadecimal: 003399), e o Pantone Yellow, á cor RGB: 255/204/0 (hexadecimal: FFCC00).

Se só se pode reproducir en monocromía:

Se a única cor dispoñible é o negro, deberá delimitarse a superficie do rectángulo cun bordo negro e estampar as estrelas, tamén en negro, sobre fondo branco.

missing image file

Se o azul (Reflex Blue) é a única cor dispoñible, empregarase esta como cor de fondo ao 100 % e reproduciranse as estrelas en negativo branco.

missing image file

Debe garantirse un contraste suficiente entre o emblema europeo e o fondo. Por isto, o emblema debe reproducirse preferentemente sobre fondo branco, evitando cores variadas, especialmente as que non combinen ben co azul.

missing image file

Cando non sexa posible evitar un fondo de cor, rodearase o rectángulo cun bordo branco de grosor equivalente a un 1/25 da altura do rectángulo e as estrelas tamén irán en branco.

missing image file

b. Combinación do emblema europeo coa declaración de financiamento.

A declaración «Financiado pola Unión Europea» ou «Cofinanciado pola Unión Europea» figurará sen abreviar e xunto ao emblema. Empregarase o tipo de letra Tahoma. O tamaño deberá ser proporcional ao tamaño do emblema. A cor da letra será azul réflex, negra ou branca, en función do fondo. Non se utilizará a cursiva, subliñado nin outros efectos.

A posición do texto con respecto ao emblema será tal que non interfira en modo ningún con el.

A. Opción horizontal.

missing image file

Sobre fondo branco.

missing image file

Sobre fondo de cor.

missing image file

Reprodución monocromática.

(Proceso de impresión específico sobre tecidos ou produtos de merchandising, ou con Pantone).

Se o branco ou o negro son as únicas cores dispoñibles.

missing image file

Se só hai dispoñible unha cor Pantone (no exemplo emprégase o Reflex Blue).

missing image file

B. Opción vertical.

missing image file

Sobre fondo branco.

missing image file

Sobre fondo de cor.

missing image file

Reprodución monocromática.

(Proceso de impresión específico sobre tecidos ou produtos de merchandising, ou con Pantone).

Se o branco ou o negro son as únicas cores dispoñibles.

missing image file

Se só hai dispoñible unha cor Pantone (no exemplo emprégase o Reflex Blue).

missing image file

C. Opción bilingüe.

missing image file

Non se recomenda o uso dunha versión bilingüe cando o emblema europeo é pequeno. A altura mínima do emblema para esta versión debe ser de 2 cm.

missing image file

a. Área de protección.

A área de protección non debe reproducir outros textos, logotipos, imaxes nin ningún outro elemento visual que poida comprometer a boa lexibilidade do emblema europeo.

missing image file

b. Tamaño mínimo.

A altura mínima do emblema europeo debe ser de 1 cm.

Cando se empregue a declaración de financiamento da UE en tamaño pequeno, recoméndase empregar a versión horizontal.

missing image file

c. O que non se debe facer

O emblema non se poderá modificar nin combinar con ningún outro logotipo, elemento gráfico ou texto. No caso de exhibir outros logotipos ademais do emblema, estes terán como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura ou anchura, que o maior dos demais logotipos. Á parte do emblema, non se empregará ningunha outra identidade visual ou logotipo para poñer de relevo a axuda da Unión.

Non engada outros elementos gráficos.

Non faga o texto desproporcionadamente máis grande ou máis pequeno.

Non empregue outro tipo de letra que non sexa Arial, Auto, Calibri, Garamond, Tahoma, Trebuchet, Ubuntu ou Verdana.

Non empregue ningún efecto do tipo de letra escollido.

Non empregue cores distintas a Reflex Blue, branco ou negro.

Non modifique a proporción do texto.

Non escriba as siglas <UE>. Sempre debe escribirse na súa forma completa: Unión Europea.

Non o escriba todo en maiúsculas.

Non substitúa o emblema europeo polo logotipo da Comisión Europea.

Non substitúa o emblema europeo por ningún outro elemento gráfico.

Non modifique o emblema europeo.

Non engada a denominación do programa á declaración de financiamento.

Non escriba a denominación do programa en conxunción co emblema europeo.

Non engada elementos gráficos coa denominación do programa da UE.

Para información relacionada co uso do emblema europeo:

https://europa.eu/european-union/abouteuropa/legal_notices_en#emblem

c) Logotipo do Ministerio.

A súa utilización vai asociada a aquelas intervencións en que existe financiamento por parte do Ministerio.

Empregarase o logotipo composto polo Escudo de España, xunto coa denominación «Gobierno de España» e a do «Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación», usando a tipografía Gill Sans, con forma envolvente en cor de fondo amarelo, para soportes gráficos (cartel, prensa etc.), tal e como figura abaixo:

missing image file

Para soportes dixitais (páxinas web, banners, etc.) empregarase o seguinte logotipo:

missing image file

d) Orde e disposición de lemas e emblemas.

Os emblemas deberán estar aliñados en calquera caso e deberán ter dimensións homoxéneas.

A marca da Xunta de Galicia colorase sempre á esquerda e separarase do resto de elementos por unha distancia mínima igual á lonxitude da marca principal.

A separación entre o resto de marcas será igual ao ancho do escudo.

No caso de convivencia con outras institucións de rango superior, aplicarase o mesmo criterio que no punto anterior, aínda que axustándose ao que establezan os manuais de marcas desas institucións.

e) Recomendacións

Cando se reproduzan os emblemas é importante ter presentes as seguintes recomendacións:

• Non distorsionar a imaxe, coidando que as escalas horizontal e vertical sexan as regulamentarias.

• Non xirar as imaxes, prestando especial atención á correcta orientación das estrelas.

• Non modificar as proporcións que os distintos elementos deben respectar entre si.

O aquí recollido sobre o uso de logotipos deberá respectar en todo caso os posibles cambios de denominación das unidades ministeriais ou autonómicas citadas.

Será de aplicación o disposto no manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia e na normativa de aplicación vixente en cada momento.

3. Modelos

a) Cuestións comúns.

Os modelos de carteis e placas que as persoas destinatarias finais de axudas Feader deben utilizar adaptaranse ao disposto nesta epígrafe.

A parte destinada ao emblema da Unión Europea e a declaración, a denominación do fondo, o plan estratéxico, ademais da descrición do proxecto ou operación, deberían ocupar como mínimo o 25 % do deseño.

O logo da Xunta de Galicia ocupará o ancho do soporte cunha marxe ao seu redor da metade do ancho do escudo.

O título do proxecto que se vai executar terá unha altura de texto non superior a 2/3 da altura que teña o texto do logotipo.

Os datos da obra terán unha altura de texto non superior a 1/2 da altura do título. Os modelos expostos recollen o contido mínimo, porén, o instrumento empregado debería recoller toda a información posible, tendo en conta o seu tamaño.

O resto de logos deberá situarse na parte inferior do cartel cunha marxe ao seu redor da metade do ancho do escudo.

Cores e tipo de letra.

Cor fondo 1

RGB: 0/123/196

Pantone 7461 C

Cor fondo 2

RGB: 0/51/153

Pantone Reflex Blue

Tipo de letra

Xunta Sans

Tipo de letra declaración, Feader e PEPAC

Tahoma

Dimensións.

Placa

Cartel

Dimensión mínima (A)

100 cm

30 cm

Altura mínima chan (h)

130 cm

-

Tanto os carteis como as placas serán de material resistente (ríxido ou semirríxido) e non é admisible a simple impresión en papel. Colocaranse sempre nun lugar visible ao público.

Os elementos publicitarios deben manterse, polo menos, durante un prazo idéntico ao do compromiso que adquire a persoa destinataria final ao recibir a subvención.

b) Placa.

missing image file

c) Cartel.

missing image file

d) Adhesivos ou etiquetas.

missing image file