En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Coles, mediante a Orde da Conselleria de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 23 de setembro de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2409&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2409
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual núm. 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Coles (PTU-OU-21/041)
O Concello de Coles, conforme o disposto nos artigos 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.13 do seu regulamento (RLSG) remite o documento de referencia en solicitude da súa aprobación definitiva.
Analizada a documentación achegada; e, vista a proposta literal elevada pola Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
I.1. O Concello de Coles dispón dun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 26.9.2018. Está afectado polo Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, aprobado definitivamente o 10.10.2014.
I.2. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:
• O 23.6.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático ditou unha resolución (DOG do 16 de xullo) de non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, xuntando os informes das consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do Instituto de Estudos da Paisaxe, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Axencia de Infraestruturas de Galicia.
• Informes municipais: técnico, do 12.11.2021; e xurídico, do 16.11.2021.
• O Pleno do Concello, en sesión do 19.11.2021, aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no diario La Región do 4.2.2022 e no DOG do 17.2.2022. Non se formularon alegacións.
• Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Amoeiro, Ourense, A Peroxa, O Pereiro de Aguiar e Vilamarín. Contestaron os concellos de Amoeiro o 15.5.2023; Vilamarín o 18.5.2023; Ourense o 27.7.2023; e O Pereiro de Aguiar o 1.8.2023, sen observacións.
• Informe favorable, do 21.3.2022, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
• Informe favorable, do 23.3.2022, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transformación Ecolóxica e o Reto Demográfico.
• Informe favorable, do 19.4.2022, da Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
• Informe, do 23.5.2022, da Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia, recollendo as consultas sectoriais a: Delegación de Defensa en Galicia, Delegación Provincial de Economía e Facenda en Ourense, Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, manifestando non ter incidencia nas propiedades ou zonas afectas á Defensa Nacional, nin no Inventario de Bens e Dereitos do Estado.
• Informe favorable, do 16.6.2022, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
• Informe favorable, do 12 de maio de 2023, do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural.
• Informe do 16.5.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, de inexistencia de solo declarado como contaminado.
• Informe favorable, do 5.6.2023, da Deputación Provincial de Ourense.
• Informe favorable, do 10.7.2023, do Instituto de Estudos do Territorio.
• Informe favorable, do 21.7.2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
• Informe desfavorable, do 14.7.2023, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI); e favorable, do 23.9.2024, cunhas condicións que se vai cumprir.
• Informe, do 18.8.2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, no que se indica o resultado do trámite do artigo 60.7 da LSG.
• Solicitude de informe a Augas de Galicia, sen que conste resposta.
• Informes municipais: xurídico, do 5.11.2024; e técnico, do 11.11.2024.
• O Pleno Municipal, en sesión do 8.11.2024, aprobou provisionalmente a MP.
I.3. O 27.11.2024, conforme o disposto no artigo 60.13 da LSG, tivo entrada na Xunta de Galicia oficio do Concello de Coles acompañado da documentación administrativa e proxecto en formato pdf, para a aprobación definitiva da modificación puntual conforme o establecido no artigo 60.16 da LSG. Con datas do 5 e 30 de xuño de 2025, por requirimento do Servizo de Urbanismo, o concello completou a documentación achegada.
II. Análise e consideracións.
II.1. O ámbito da modificación puntual comprende todo o termo municipal por afectar a normativa. Ademais, as modificacións das aliñacións afectan os seguintes núcleos:
• Parroquia de Albán-San Paio: Tras do Río, San Paio e Bergaza.
• Parroquia de Albán (Santa Mariña)-Santa Mariña: Santa Mariña.
• Parroquia de Cambeo-Santo Estevo: Cambeo.
• Parroquia de Gustei-Santiago: Gustei, Seara Vella, Sobral, Boncomezo e Alto de Curros.
• Parroquia de Melias-San Miguel: Belesar, Neboade, Os Cruceiros, Miegodevila, A Estación, Levices, Casanova e Outeiro.
• Parroquia da Peroxa-Santo Eusebio: Ferreiros, Tras do Río, Mira do Río e Marco de Mira.
• Parroquia de Ribela-San Xillao: Ribela, Prados e A Reguenga.
• Parroquia de Ucelle-Santa María: Vilar da Barra.
II.2. A modificación puntual ten dous obxectivos: adaptar diversos aspectos da normativa do PXOM vixente para solucionar erros detectados na súa aplicación, dotándoa de maior seguridade xurídica mediante a depuración de dúbidas interpretativas; e adecuar as aliñacións das estradas autonómicas, provinciais e locais á realidade consolidada no solo urbano e no solo de núcleo rural.
II.3. Analizados os cambios propostos na normativa que non responden á resolución de erros derivados da súa aplicación, senón a cambios de criterio, obsérvase:
II.3.1. Cambios na normativa.
Na modificación do artigo 97 para incorporar en solo de núcleo rural tradicional os usos hoteleiro e socio-cultural e recreativo, non está xustificado permitir todas as categorías de ambos os dous usos, xa que pola súa escala resultan inadecuados nesa categoría de solo.
En consecuencia, cómpre eliminar o uso hoteleiro en categoría 2ª (establecementos hoteleiros de calquera categoría de máis de 20 camas e con máis de 500 m²); e o uso socio cultural en categoría 2ª (establecementos con capacidade maior de 150 persoas e con máis de 250 m²).
II.3.2. Cambios no viario.
Cumpriranse todas as condicións establecidas no informe do 20.9.2024 da AXI, para o núcleo de Seara Vella; e no segundo parágrafo da letra b) referido ás condicións en solo rústico.
Para dar cumprimento ao informe do 5.6.2023, da Deputación Provincial de Ourense, no plano PIF_10VIARIO, deben identificarse as estradas OU-0530 e OU-0529.
Non está xustificada a diminución do largo de viarios locais nos seguintes núcleos rurais:
• Parroquia de Cambeo-Santo Estevo: Cambeo ao norte da zona verde, no km 249 da N-525 onde se reduce de 8 a 7 m; e no ámbito sur con ordenanza 3 residencial illada 800, onde se reduce de 8 a 6 m.
• Parroquia de Gustei-Santiago:
• Sobral, na parte non edificada do viario sen saída situado ao sur da zona de núcleo tradicional.
• Boncomezo, na parte non edificada do viario leste-oeste.
Neses tramos, a redución deixarase sen efecto, e deberá manter os viarios co largo mínimo de 8 m.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
III. Resolución.
En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM de Coles de diversos aspectos normativos e das aliñacións nas estradas autonómicas, nas da Deputación Provincial de Ourense e nas da rede municipal, e deberán emendarse as deficiencias sinaladas no punto II.3.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a Normativa e ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
