DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 7 de outubro de 2025 Páx. 52613

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 84/2025, do 22 de setembro, polo que se aproban os estatutos e o cambio de denominación do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, que pasa a denominarse Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia Lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 42/2024, do 14 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicarlle á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos da súa aprobación definitiva, logo de cualificación de legalidade. Cando se trate de colexios profesionais únicos, a aprobación definitiva será competencia do Consello da Xunta, e o decreto aprobatorio e os correspondentes estatutos publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio acordou, en asemblea xeral extraordinaria que tivo lugar o 10 de maio de 2025, a modificación estatutaria que incluía o cambio da denominación.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de setembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1. Cambio de denominación

Aprobar o cambio de denominación do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, que pasa a denominarse Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia.

Artigo 2. Aprobación dos estatutos

Apróbanse, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do dito colexio, que figuran como anexo a este decreto.

Artigo 3. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Denominación e natureza

O Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia (en diante, Copoga) é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e con capacidade plena para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións, conforme o establecido na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que resulte de aplicación.

Artigo 2. Principios esenciais

Son principios esenciais da súa estrutura interna e funcionamento a igualdade dos seus membros, a elección democrática dos seus órganos de goberno, a adopción dos acordos por maioría e a súa libre actividade dentro do respecto ás leis.

Artigo 3. Ámbito territorial

O ámbito territorial do Copoga é o correspondente á totalidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Domicilio, sede colexial

Domicilio: rúa Manuel Vázquez Cacharrón, 8, baixo, Santiago de Compostela, 15702 A Coruña.

Artigo 5. Réxime xurídico

O Copoga réxese polo establecido nestes estatutos; na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia; na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, así como nas disposicións que a desenvolvan ou a substitúan, e pola demais lexislación que resulte de aplicación.

Así mesmo, o exercicio das profesións colexiadas está regulada pola Lei 3/1991, sobre competencia desleal; a Lei 15/2007, sobre defensa da competencia, e a Lei 17/2009, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Dado que se trata dunha corporación de dereito público, o Copoga está suxeito ao dereito administrativo no que se refire ao exercicio da potestade disciplinaria e en canto exerza funcións administrativas.

Artigo 6. Relación do Copoga co Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia

As relacións do Copoga coa Comunidade Autónoma realizaranse a través da consellería competente en materia de colexios profesionais e, nas cuestións referentes ao contido de cada profesión, a través da consellería ou consellerías competentes.

Artigo 7. Relación do Copoga con outros organismos profesionais e públicos

1. O Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia poderase relacionar co Consello Xeral de Colexios Oficiais de Podólogos de España e cos demais colexios e sociedades científicas no ámbito da profesión.

2. Sen prexuízo do que dispón o punto anterior, o Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia poderá establecer acordos de reciprocidade e cooperación con colexios e asociacións de dentro e de fóra do ámbito territorial de Galicia.

3. O Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia poderá establecer cos organismos profesionais estranxeiros e internacionais as relacións que, dentro do marco da lexislación vixente, considere convenientes.

Artigo 8. Asunción de funcións

De acordo coa lexislación vixente en materia de colexios profesionais, o Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia desenvolverá as funcións previstas para os consellos galegos de colexios profesionais.

TÍTULO II

Finalidades e funcións do Copoga

Artigo 9. Finalidades

O Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia ten como finalidades esenciais, de conformidade coa lexislación vixente, as seguintes:

a) Ordenar e vixiar o exercicio da profesión dentro do marco que establecen as leis.

b) Colaborar cos poderes públicos na regulamentación das condicións xerais do exercicio da profesión.

c) Representar os intereses xerais da profesión na Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente nas súas relacións coas administracións públicas de calquera ámbito.

d) Defender os intereses profesionais da podoloxía e a protección dos intereses das persoas consumidoras e usuarias.

e) Fomentar as relacións profesionais entre as persoas colexiadas e coas demais profesións.

f) Velar para que a actividade profesional se adecúe ás necesidades e aos intereses dos profesionais da podoloxía.

Artigo 10. Funcións

Correspóndenlle ao Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia, no seu ámbito territorial, as funcións seguintes, de conformidade co previsto na lexislación vixente:

a) Velar pola ética profesional e polo respecto aos dereitos da cidadanía e exercer a potestade disciplinaria en materias profesionais e colexiais.

b) Participar nos órganos consultivos da Administración, cando esta o requira, en materia de competencia da profesión.

c) Impedir e, se é preciso, perseguir, ata chegar aos tribunais de xustiza, todos os casos de intrusión profesional e competencia desleal que afecten os profesionais da podoloxía e o exercicio da súa profesión, no caso de que se exerza ou se pretenda exercer.

d) Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de prevención e análogos, que sexan de interese para as persoas colexiadas. A recepción deste tipo de actividades e servizos polos colexiados e colexiadas será voluntaria, logo de solicitude expresa. Así mesmo, os prezos que se lles cobren aos colexiados ou colexiadas non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.

e) Organizar conferencias, congresos, xornadas, seminarios, obradoiros; publicar revistas, folletos, circulares e, en xeral, poñer en práctica os medios necesarios para estimular o perfeccionamento técnico, científico e humanístico da profesión.

f) Elaborar os estatutos e os regulamentos de orde interna que se consideren convenientes para a boa marcha do Copoga.

g) Intervir, como conciliador e con procedementos de arbitraxe, nos conflitos que por motivos profesionais se susciten entre as persoas colexiadas.

h) Informar dos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutan honorarios profesionais.

i) Dispoñer dun servizo permanente de atención aos e ás profesionais da podoloxía e ás persoas consumidoras e usuarias dos seus servizos profesionais.

j) Elaborar a memoria anual, nos termos e contidos establecidos na lei, que se fará pública na páxina web do Copoga dentro do primeiro semestre de cada ano.

k) Encargarse da cobranza das percepcións, remuneracións e honorarios profesionais, cando a persoa colexiada o solicite libre e expresamente, nos casos en que o Copoga teña creados os servizos adecuados e nas condicións que determine a Xunta de Goberno do Copoga.

l) Cumprir e facerlles cumprir ás persoas colexiadas as leis xerais e, especialmente, os estatutos e os regulamentos de réxime interno, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiados en materia da súa competencia.

m) Recoller e elaborar as normas deontolóxicas comúns á profesión.

n) Informar sobre a elaboración de normas que afecten as condicións xerais do exercicio profesional ou as titulacións habilitantes.

ñ) Atender as solicitudes de información sobre os seus profesionais colexiados e sobre as sancións firmes impostas a estes, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na normativa vixente, en particular no que se refire ás solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións que estean debidamente motivadas e nas cales a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

o) Facilitarlles aos tribunais, conforme as leis, a relación de profesionais colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais, ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

p) Participar na elaboración dos plans de estudo, emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes ás profesións respectivas e manter un contacto permanente con estes, e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos profesionais.

q) Contratar sistemas de cobertura de responsabilidades civís contraídas no exercicio da profesión segundo a lexislación vixente ou coberturas que poidan ser de interese para os profesionais colexiados.

r) Todas as demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais dos colexiados e colexiadas do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia e que se dirixan ao cumprimento dos obxectivos colexiais, así como as que lle sexan atribuídas de acordo coa lexislación vixente.

TÍTULO III

Da colexiación

CAPÍTULO I

Das e dos profesionais colexiados e as súas clases. Adquisición, denegación e perda da condición de persoa colexiada

Artigo 11. Incorporación

Teñen dereito a incorporarse ao Copoga os e as profesionais que estean en posesión do título universitario oficial correspondente ou dalgún que, conforme a normativa española ou comunitaria, homologue ou recoñeza a Administración. Tamén se poderán incorporar aquelas persoas que exerzan a profesión de podólogo ou podóloga, así como os e as profesionais que teñan un título universitario de grao que os habilite para o exercicio da podoloxía, de acordo co disposto na Orde CIN/728/2009, do 18 de marzo, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da citada profesión, dentro do seu ámbito territorial, ou calquera outra disposición posterior que substitúa a actualmente en vigor.

As condicións requiridas para a colexiación, ademais da posesión do título profesional, son as seguintes:

a) Solicitude escrita á Xunta de Goberno.

b) Aboamento da cota de incorporación que estea establecida nese momento e que, en ningún caso, superará os custos asociados á tramitación da inscrición.

c) Presentación da documentación acreditativa do título.

d) Non estar inhabilitado ou inhabilitada para o exercicio da profesión por sentenza xudicial firme ou por sanción disciplinaria imposta por outro colexio profesional de podoloxía, para o cal se deberá achegar o certificado do colexio de procedencia.

O Copoga dispoñerá dos medios precisos para que se poida tramitar a colexiación por vía telemática. A solicitude de colexiación realizarase con carácter preferente e, sempre que sexa posible, de maneira telemática, aínda que se poderá realizar de maneira presencial cando sexa necesario.

Artigo 12. Da colexiación

Para exercer legalmente a profesión da podoloxía será requisito estar incorporado ao Copoga cando así o determine a normativa vixente aplicable en materia de colexiación.

Artigo 13. Colexiados e colexiadas

As persoas que constitúen o Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia poden ser profesionais colexiados exercentes, non exercentes ou xubilados:

1. As persoas colexiadas como exercentes son aquelas que, unha vez reunidas as condicións exixidas, obtiveron a incorporación ao Copoga para o exercicio profesional, asistencial, docente ou investigador.

2. As persoas colexiadas como non exercentes son aquelas que obtiveron a incorporación e que non exercen actualmente a profesión.

3. As persoas xubiladas non poderán estar colexiadas como exercentes nin como non exercentes. En cambio, poderán solicitar a súa incorporación como persoas colexiadas xubiladas, para o cal será necesario que estivesen incorporadas ao Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia, polo menos, nos cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

As persoas colexiadas xubiladas non poderán ser electoras nin elixibles e terán voz, pero non voto, nas asembleas xerais.

O resto de servizos colexiais serán regulados no Regulamento de réxime interno.

Artigo 14. Outros membros

a) Membros de honra: por acordo da Asemblea Xeral e por proposta da Xunta de Goberno, poderán designarse membros de honra do Copoga aquelas persoas naturais ou xurídicas que conten con méritos ou servizos relevantes prestados a favor da profesión.

b) Presidente ou presidenta de honra: por acordo da Asemblea Xeral e por proposta da Xunta de Goberno, poderán designarse presidente ou presidenta de honra do Copoga aquelas persoas físicas ou xurídicas que conten con méritos ou servizos relevantes prestados a favor da profesión.

As persoas designadas como membros de honra e os presidentes ou presidentas de honra sen colexiación participarán nas asembleas con voz, pero sen voto, e tamén poderán prestar funcións de estudo, asesoramento e colaboración nas actividades que desenvolva o Copoga.

Os membros de honra e/ou o presidente ou presidenta de honra non poderán ser electores nin elixibles e terán voz, pero non voto, nas asembleas xerais.

Artigo 15. Da contratación

Quedan prohibidos os denominados contratos blindados para as persoas colexiadas e non colexiadas.

Artigo 16. Denegación da colexiación

1. A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou existan dúbidas sobre a súa lexitimidade ou cando a persoa solicitante falsee os datos e os documentos necesarios para a súa colexiación.

b) Cando se trate dunha persoa afectada por unha sentenza xudicial firme que implique a inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Polo feito de encontrarse cumprindo unha sanción imposta en expediente disciplinario que supoña a expulsión temporal ou definitiva do Copoga ou doutro colexio profesional de podoloxía nacional ou internacional sen obter a rehabilitación.

2. Contra o acordo denegatorio de colexiación, que se lle deberá comunicar debidamente razoado á persoa interesada, poderase interpoñer recurso, no prazo dun mes, recurso de reposición, ante a Xunta de Goberno, ou interpoñer recurso, sen máis trámites, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo e na forma establecidos pola lexislación vixente.

Artigo 17. Perda da colexiación

1. A colexiación perderase polas causas seguintes:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Separación ou expulsión como consecuencia do cumprimento dunha sanción disciplinaria, despois do correspondente expediente disciplinario, segundo o indicado nestes estatutos.

d) Baixa voluntaria comunicada de maneira fidedigna.

2. Para que a baixa forzosa motivada polo incumprimento das obrigas económicas sexa efectiva, será necesaria a instrución previa dun expediente disciplinario.

3. A perda da colexiación será acordada pola Xunta de Goberno de maneira motivada e, unha vez que sexa firme, comunicaráselles á persoa interesada e a quen proceda e non liberará do cumprimento das obrigas económicas vencidas. Estas obrigas poderánselles exixir ás persoas interesadas ou aos seus herdeiros e herdeiras.

Artigo 18. Portelo único

1. O Copoga dispón de sede electrónica que garante, no posible, o acceso ás persoas con diversidade funcional, e a través da cal os profesionais da podoloxía e as persoas usuarias poderán xestionar os trámites de colexiación, o seu exercicio, as baixas colexiais, as solicitudes de servizos e información sobre a prestación destes, a través dun único punto, mediante vía telemática.

2. A través do portelo único, os e as profesionais poderán, de forma gratuíta, obter información e formularios para presentar solicitudes necesarias, incluída a colexiación, coñecer o estado de tramitación dos expedientes nos cales teñan a condición de interesados ou interesadas, recibir notificacións e resolucións, convocar as persoas colexiadas ás asembleas e poñer no seu coñecemento a actividade do Copoga.

3. As persoas consumidoras e usuarias, a través do portelo único, de forma clara e gratuíta, poderán acceder:

– Ao rexistro público de colexiación, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán a identificación persoal, o número de colexiación, o colexio de adscrición, a titulación académica e a situación de habilitación profesional.

– Ao Rexistro de Sociedades Profesionais, co contido previsto na lei.

– Á información sobre as vías de reclamación e os recursos que se poderán interpoñer en caso de que se produza un conflito entre a persoa consumidora ou usuaria e a persoa colexiada ou o Colexio.

– Á información sobre as asociacións ou organizacións de consumo, ás cales se poden dirixir as persoas destinatarias dos servizos profesionais para obteren asistencia.

– Ao código deontolóxico da profesión, de conformidade coa normativa reguladora da profesión.

Artigo 19. Memoria anual

Elaborarase unha memoria anual que se fará pública a través do portelo único dispoñible na sede electrónica do Copoga, no primeiro semestre de cada ano, e que contará, polo menos, coa seguinte información:

a) Informe anual de xestión económica, que incluirá os gastos de persoal desagregados e que especificará as retribucións das persoas que compoñen a Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos, en que se indiquen a infracción a que se refiren, a súa tramitación e, se é o caso, a sanción imposta, de acordo coa lexislación en materia de protección de datos.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polas persoas consumidoras e usuarias, a súa tramitación e, se é o caso, os motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo coa lexislación en materia de protección de datos.

e) Os cambios no contido dos códigos deontolóxicos.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros das xuntas de goberno.

Artigo 20. Igualdade de trato e non discriminación

1. O acceso e o exercicio das profesións colexiadas rexerase polo principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de sexo, orixe racial ou étnica, relixión, convicción ou opinión, idade, discapacidade, orientación sexual, identidade sexual ou de xénero, expresión de xénero, características sexuais ou calquera outra circunstancia persoal ou social, nos termos previstos na Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social; na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo; na Lei 15/2022, do 12 de xullo, integral para a igualdade de trato e a non discriminación, e na Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

2. De conformidade coa Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, nas xuntas de goberno garantirase que os membros do sexo menos representado ocupen, como mínimo, o corenta por cento dos postos, salvo que existan razóns obxectivas e debidamente fundadas, e sempre que se adopten medidas para acadar esa porcentaxe mínima.

Artigo 21. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios

1. Atenderanse as queixas ou reclamacións presentadas polas persoas colexiadas.

2. Así mesmo, dispoñerase dun servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias, que tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos profesionais colexiados presenten calquera persoa consumidora ou usuaria que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de persoas consumidoras e usuarias na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. A través deste servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias resolverase sobre a queixa ou reclamación, segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Artigo 22. Actividades fóra do ámbito colexial

As actividades fóra do ámbito colexial regúlanse segundo o previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, tanto para os e as profesionais que se despracen do exterior coma para as persoas colexiadas que exerzan a profesión fóra do seu ámbito territorial.

CAPÍTULO II

Dereitos e deberes das persoas colexiadas

Artigo 23. Dereitos das persoas colexiadas

Os e as profesionais que exercen a podoloxía poderán exercer a profesión de forma individual ou conxunta con outros e outras profesionais da mesma ou distinta profesión, sempre que non sexan incompatibles por lei. En caso de exerceren con outros profesionais colexiados, deberán rexerse polo que estableza a lexislación vixente.

As persoas colexiadas exercentes e non exercentes terán dereito a gozar de todos os servizos, facultades e prerrogativas que resulten destes estatutos e, ademais, a:

a) Elixir e ser elixidas para ocuparen postos de representación e cargos directivos desenvolvidos no artigo 46.

b) Ser informadas das actuacións e da vida da entidade, e das cuestións que fagan referencia ao exercicio da profesión.

c) Exercer a representación que en cada caso se lles encargue.

d) Intervir, de acordo coas normas legais ou estatutarias, na xestión económico-administrativa do Copoga e expresar libremente as súas opinións.

e) Exercer as accións e recursos que sexan precisos na defensa dos seus intereses como persoas colexiadas.

f) Estar amparadas polo Copoga no exercicio profesional e na defensa dos lexítimos intereses profesionais.

g) Estar representadas polo Copoga cando así o acorde a Asemblea Xeral, co fin de facilitar accións, excepcións e defensas relacionadas co exercicio profesional ante os tribunais, autoridades, organismos e entidades físicas ou xurídicas.

h) Asistir con voz e voto ás asembleas xerais do Copoga, sempre que se conserven eses dereitos.

i) Presentar queixas ante a Xunta de Goberno do Copoga contra a actuación profesional ou colexial de calquera dos seus membros.

j) Remover as e os titulares dos órganos de goberno mediante votos de censura.

k) Examinar os libros de contabilidade e de actas de colexio, para o cal se require solicitalo previamente, así como solicitar a expedición da certificación colexial daqueles acordos que lles afecten profesionalmente.

l) Solicitarlle á Xunta de Goberno o número de colexiados con dereito a voto.

Os servizos colexiais das persoas colexiadas xubiladas serán desenvolvidos no regulamento de réxime interno.

Artigo 24. Deberes das persoas colexiadas

Son deberes das persoas colexiadas:

a) Cumprir as prescricións contidas nestes estatutos, nos regulamentos que os desenvolvan e nos acordos que a Asemblea colexial poida adoptar.

b) Pagar, nos prazos establecidos, as cotas e dereitos, tanto ordinarios coma extraordinarios, que fosen aprobados pola Asemblea colexial para o seu sostemento.

c) Observar co Copoga, respecto dos seus órganos de xestión, a disciplina adecuada e, entre as persoas colexiadas, os deberes de harmonía profesional.

d) Darlle a coñecer ao Copoga todos os feitos que poidan afectar a profesión, tanto particular coma colectivamente, cuxa importancia poida determinar a intervención corporativa con carácter oficial.

e) Denunciar ante o Copoga as actuacións de que teñan coñecemento sobre o exercicio da profesión sen estar en posesión do título que faculte para o seu exercicio.

f) A persoa colexiada comunicaralle obrigatoriamente ao Copoga o seu domicilio, para os efectos de notificacións, así como as modificacións deste. A persoa colexiada tamén lle facilitará ao Copoga o seu enderezo de correo electrónico.

g) A publicidade está permitida atendendo ás restricións previstas de conformidade coa normativa vixente.

h) O segredo profesional implica, para os e as profesionais que exercen a podoloxía, a obriga e o dereito de non revelar ningún acto profesional nin dar a coñecer ningún documento que afecte o paciente, dos cales tivesen noticias en por si ou por razón do exercicio profesional.

i) Exhibir o documento de identidade profesional cando lles sexa requirido legalmente.

j) Notificarlle ao Copoga o cesamento de actividade por xubilación.

Artigo 25. Prohibicións ás persoas colexiadas

En xeral, prohíbeselles expresamente ás persoas colexiadas, mesmo cando a profesión se exerza a través dunha sociedade, realizar prácticas profesionais contrarias ao disposto na lexislación vixente ou ás normas éticas, deontolóxicas e xurídicas da podoloxía, estipuladas nos seus códigos éticos e deontolóxicos e nas normativas de desenvolvemento.

Artigo 26. O exercicio da profesión

O exercicio da profesión realizarase en réxime de libre competencia e estará suxeito, en canto á oferta de servizos e á fixación da súa remuneración, ás normas relativas aos servizos no mercado interior, á lexislación sobre defensa da competencia e á lexislación sobre a competencia desleal, segundo o artigo 2.4 da Lei 2/1974.

Os demais aspectos do exercicio profesional continuarán rexéndose pola lexislación xeral e específica sobre a ordenación substantiva propia da profesión.

Os requisitos que limiten o exercicio conxunto de dúas ou máis profesións, así como as restricións ás comunicacións comerciais, serán os que estableza a lei.

Tamén se rexerá polo previsto nas leis o exercicio profesional en forma de sociedade.

Artigo 27. As consultas de podoloxía

As persoas colexiadas deberán notificarlle ao Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia, desde a epígrafe habilitada da páxina web colexial, a apertura ou o peche de calquera clínica ou consultorio podolóxico, na cal deixarán constancia de que cumpren os requisitos exixidos nestes estatutos e o número de rexistro sanitario correspondente ao centro.

TÍTULO IV

Dos órganos do Copoga

CAPÍTULO I

A Asemblea Xeral

Artigo 28. Da Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral é o órgano soberano do Copoga e, como tal, obriga cos seus acordos a todas as persoas colexiadas, mesmo as ausentes, as disidentes e as que se absteñan.

Nas asembleas xerais poden participar todas as persoas colexiadas que estean en plenitude dos seus dereitos e ao día nas súas obrigas corporativas.

Artigo 29. Tipos de asembleas xerais

As asembleas poderán ser ordinarias e extraordinarias.

1. A Asemblea Xeral de carácter ordinario reunirase dúas veces ao ano:

a) A primeira asemblea terá lugar no primeiro semestre do ano e nela deberán constar a lectura e aprobación, se procede, da acta anterior, a liquidación do orzamento do ano anterior e a inclusión obrigatoria da aprobación da memoria anual.

b) A asemblea ordinaria do segundo semestre incluirá na orde do día a lectura do plan de actividades e, ademais, o orzamento para o exercicio anual próximo e a súa aprobación e, se procede, a aprobación da acta da asemblea anterior.

2. A Asemblea Xeral de carácter extraordinario reunirase cando así o acorde a Xunta de Goberno ou cando o solicite o 10 % das persoas colexiadas, cunha orde do día concreto, e será convocada no prazo de máximo de quince (15) días hábiles (artigos 30 a 35). Só se poderán adoptar acordos válidos sobre aqueles puntos que figuren na orde do día.

Tanto na asemblea xeral ordinaria coma na extraordinaria poderá solicitarse unha moción de censura sen que figure na orde do día, segundo o disposto no artigo 33.

Artigo 30. Convocatorias

As reunións das asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias, serán convocadas pola Presidencia e comunicadas, preferentemente, por medios telemáticos.

As convocatorias das asembleas deberán ser publicadas na páxina web do Colexio e comunicaránselle de forma individual e escrita a cada persoa colexiada a través de correo electrónico. Serán válidos, para estes efectos, os enderezos de correo electrónico facilitados ao Copoga.

Naqueles casos en que así estea recollido nestes estatutos, a comunicación de convocatoria de Asemblea Xeral será realizada mediante o envío dunha notificación fidedigna, xa sexa mediante correo postal ou electrónico certificado, de acordo coa normativa en materia de notificación fidedigna.

A convocatoria remitirase, como mínimo, con vinte (20) días hábiles de antelación e nela especificaranse o día, a hora, o lugar e a orde do día.

Ademais, antes da asemblea enviarase por medios telemáticos a documentación necesaria e suficiente, ao xuízo da Xunta de Goberno, para que as persoas colexiadas teñan coñecemento preciso dos temas que se vaian tratar.

CAPÍTULO II

Funcionamento da Asemblea Xeral

Artigo 31. Normativa das reunións da Asemblea

1. As asembleas xerais serán presididas pola Presidencia do Copoga, coa asistencia do secretario ou secretaria, que levantará a acta das actuacións e acordos adoptados.

2. A Presidencia poderá propoñer a designación dun moderador ou moderadora para cada asemblea, co acordo favorable da maioría das persoas asistentes.

3. As persoas colexiadas poderán facerse representar na Asemblea Xeral por medio doutra persoa colexiada a través dun escrito dirixido á Xunta de Goberno, no cal se especificará claramente o nome da persoa en quen se delega a representación e para o que é esta. O documento estará debidamente asinado por ambas as persoas e só terá validez para a Asemblea Xeral que nel se especifique.

4. Cada persoa colexiada poderá achegar, como máximo, catro votos delegados.

5. A constitución da Asemblea Xeral será válida cando estean presentes a Presidencia e o secretario ou secretaria, a metade da Xunta de Goberno, incluídos a Presidencia e o secretario ou secretaria, e a maioría absoluta das persoas colexiadas, presentes ou representadas, na primeira convocatoria. En segunda convocatoria, realizada media hora máis tarde, será válida calquera que sexa o número de persoas colexiadas, presentes ou representadas.

6. Só se poderán tomar acordos sobre aqueles asuntos que fosen fixados na orde do día, excepto que se produza unha proposta de moción de censura, segundo o artigo 33.

7. As votacións poderán ser de dúas clases: nominais e secretas. As votacións serán secretas cando o solicite algunha das persoas asistentes á asemblea ou por proposta da Xunta de Goberno. No caso de que a votación se realice de forma secreta, unha vez feito o reconto dos votos, estes quedarán á disposición dos presentes para a súa revisión.

8. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos entre as persoas asistentes e as súas representadas, agás naqueles asuntos para os cales estes estatutos dispoñan outra cousa.

9. Votacións por medios telemáticos. Poderanse realizar as asembleas ordinarias e extraordinarias por medios telemáticos, así como as votacións, coa condición de que se inclúa na convocatoria este medio de votación e o Copoga conte con medios informáticos con validez administrativa.

Artigo 32. Do libro de actas

Das reunións da Asemblea Xeral levantará a acta o secretario ou secretaria ou, se é o caso, o secretario ou secretaria en funcións, que quedará rexistrada nun libro de actas para este efecto, asinada por aquel/a e pola Presidencia. A acta da asemblea debe conter a relación das persoas asistentes, as circunstancias do lugar e o tempo en que esta tivo lugar, a forma e o resultado das votacións, se as houber, así como o contido dos acordos adoptados. A acta da asemblea será aprobada por esta e terá forza executiva.

Artigo 33. Proposta de moción de censura

A proposta de solicitude de moción de censura á Presidencia, a outro ou outros cargos da Xunta de Goberno poderase solicitar de dúas maneiras:

a) Por escrito e por, polo menos, 50 persoas colexiadas exercentes ou non exercentes con dereito a voto.

b) Propoñela durante a realización de calquera asemblea, para o cal hai que contar co apoio de dous terzos dos asistentes de forma presencial ou telemática ou con delegación de votos.

Ambas as peticións non son excluíntes.

En ambos os casos, a Xunta de Goberno obriga a convocar unha asemblea xeral extraordinaria, nun prazo máximo dun (1) mes natural, cuxa orde do día inclúa a solicitude de moción de censura, segundo o que sinala o artigo 35.d).

Artigo 34. Competencias e funcións da Asemblea Xeral ordinaria

a) Aprobar, se procede, a memoria anual de actividades presentadas pola Xunta de Goberno.

b) Aprobar, se procede, o balance e a conta de resultados do exercicio.

c) Aprobar, se procede, os orzamentos.

d) Controlar a xestión da Xunta de Goberno.

e) Aprobar, se procede, os regulamentos de réxime interno e as súas modificacións.

f) Aprobar, se procede, o código deontolóxico e as súas modificacións.

g) Fixar as cotas non periódicas e os quiñóns.

h) Autorizar os cambios nos cargos da Xunta de Goberno entre procesos electorais, cos límites establecidos no artigo 39.

i) Designar os membros da Comisión Xestora cando se dea de baixa algunha persoa membro.

j) Decidir sobre as cuestións que a Xunta de Goberno someta á súa competencia.

k) Elixir os cargos da Xunta de Goberno se se produce algún cesamento.

Artigo 35. Competencias e funcións da Asemblea Xeral extraordinaria

a) Cambiar a sede, o que se poderá levar a cabo por acordo de dous terzos dos asistentes de forma presencial ou telemática nunha asemblea xeral extraordinaria. Esta convocarase mediante o envío dunha notificación fidedigna, xa sexa mediante correo postal ou electrónico certificado, de acordo coa normativa en materia de notificación fidedigna.

b) Aprobar os estatutos e as súas modificacións na forma prevista nestes. O procedemento de modificación destes estatutos iniciarase por acordo adoptado no seo da Xunta de Goberno ou por pedimento de, polo menos, 50 persoas colexiadas.

Unha vez acordada a proposta de modificación, o procedemento será o seguinte:

1º. Por pedimento da Xunta de Goberno e durante quince (15) días, publicaranse na área privada da páxina web e enviaranse por correo electrónico as modificacións que se pretenda introducir nos estatutos. Durante este período de tempo, as persoas colexiadas poderán presentar alegacións a esa proposta. Estas deberán constar por escrito e irán dirixidas á Xunta de Goberno. As modificacións versarán sobre o contido deste estatutos e non se admitirán aquelas que traten de modificar aspectos de dereito indispoñible por estar reservado á lei ou por estar así disposto na lexislación vixente.

2º. Se for admitida algunha das modificacións propostas polas persoas colexiadas, realizarase unha nova publicación durante cinco (5) días na parte privada da páxina web e enviaranse novamente por correo electrónico as modificacións definitivas.

3º. Unha vez obtida a proposta definitiva e validada polos organismos correspondentes, procederase á convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria convocada mediante comunicación fidedigna por vía postal ou electrónica de acordo coa lei.

Para a aprobación da modificación dos artigos 30, 34, 35, 36, 39, 46, 48, 49 e 74, será imprescindible un quórum mínimo presencial ou telemático de 200 persoas colexiadas con dereito a voto, e será necesario un 75 % de votos a favor. O contido destes artigos prevalece sobre os demais.

Os restantes artigos poden ser modificados e creados, ata un máximo de dous, por maioría simple en asemblea extraordinaria, que debe ser convocada polos medios previstos na normativa.

Se na mesma asemblea se pretende a modificación e a creación de máis de dous artigos, distintos dos artigos 30, 34, 35, 36, 46, 48, 49 e 74, necesitarase un quórum mínimo presencial ou telemático de 200 persoas colexiadas con dereito a voto e un 75 % dos votos a favor.

No caso de que o número de persoas colexiadas sexa inferior a 500, sería necesario o 30 % de votos positivos das persoas colexiadas con dereito a voto para todos os artigos que se pretenda modificar e que precisen quórum.

c) Na asemblea xeral extraordinaria convocada mediante comunicación fidedigna por vía postal ou electrónica de acordo coa lei, aprobaranse as propostas de fusión-absorción, segregación ou disolución do Copoga, que se farán de acordo coa normativa en vigor de colexios profesionais, coa condición de que se dean as circunstancias expostas no artigo 72. Para a súa aprobación será necesario un quórum de asistencia mínimo de 200 persoas colexiadas con dereito a voto e un 75 % de votos a favor. No caso de que o número de persoas colexiadas sexa inferior a 500, sería necesario o 30 % de votos positivos das persoas colexiadas con dereito a voto.

d) A censura da xestión da Presidencia do Copoga, da Xunta de Goberno ou dalgún dos seus membros ten que ser solicitada por escrito, polo menos por 50 persoas colexiadas ou durante a realización de calquera asemblea, de acordo co artigo 33.

Realizarase por medio da asemblea xeral extraordinaria convocada mediante comunicación fidedigna por vía postal ou electrónica de acordo coa lei, coa inclusión na orde do día da moción á Presidencia do Copoga, a toda a Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros.

No escrito de solicitude, deberán expresarse con claridade as razóns en que se fundamenta esta moción. Para que prospere a moción, precisarase un quórum de asistencia presencial ou telemático do 15 % das persoas colexiadas con dereito a voto e o voto positivo de dous terzos dos asistentes, incluídos os votos delegados, á dita asemblea xeral extraordinaria.

Se a moción de censura é aprobada e afecta a Presidencia do Copoga ou algunha persoa da Xunta de Goberno, esta terá que cesar no seu cargo ou a Xunta de Goberno convocar eleccións, que serán obrigatorias se a moción de censura afecta a toda a Xunta de Goberno, caso en que se iniciará o proceso electoral de inmediato. Pola contra, se é rexeitada, terá que de pasar un ano para unha nova moción de censura contra a Presidencia do Copoga ou calquera membro da Xunta de Goberno.

e) Se se convocan eleccións, e unha vez transcorrido o prazo, no caso de que non haxa ningunha candidatura presentada, se algunha persoa das que compoñen a Xunta de Goberno que xa cumprise o prazo máximo de permanencia nas xuntas de goberno quere presentarse de novo, rexerase polo disposto no artigo 39, letra b).

f) A designación da Comisión Xestora, se for preciso.

g) Poderase realizar o cambio de denominación do Colexio mediante un acordo da Asemblea Xeral extraordinaria convocada, consonte a lei, mediante comunicación fidedigna por vía postal ou electrónica.

Artigo 36. Competencias compartidas

Poden ser competencia da Asemblea Xeral ordinaria ou da Asemblea Xeral extraordinaria, segundo o criterio da Xunta de Goberno, todas as non especificadas anteriormente.

CAPÍTULO III

A Xunta de Goberno

Artigo 37. Composición

A Xunta de Goberno estará integrada pola Presidencia, a Vicepresidencia, a Secretaría, a Tesouraría e dúas vogalías. Haberá un membro distinto por cada cargo. Dentro da Xunta de Goberno, deberá haber unha persoa colexiada polo menos de tres das catro actuais provincias da Comunidade Autónoma.

Artigo 38. Funcións da Xunta de Goberno

Correspóndenlle á Xunta de Goberno a dirección e administración do Copoga e a execución dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral.

Son competencias da Xunta de Goberno as seguintes:

a) Cumprir e facer cumprir os acordos da Asemblea Xeral, os estatutos e a lexislación vixente que afecte o Copoga.

b) Decidir sobre as solicitudes de colexiación.

c) Propoñerlle á Asemblea a contía das cotas de percepción periódica, así como a contía de cotas extraordinarias que considere necesarias.

d) Administrar os bens do Copoga e recadar as cotas de todo tipo que teñan que facer efectivas as persoas colexiadas.

e) Adoptar as medidas convenientes para a defensa dos intereses do Copoga.

f) Impoñer, tras a instrución do expediente oportuno, sancións disciplinarias.

g) Crear ou reestruturar as comisións e os grupos de traballo necesarios para o mellor cumprimento das funcións colexiais e, se hai argumentos que o aconsellen, proceder á súa disolución.

h) Velar polo cumprimento das funcións e competencias profesionais das persoas colexiadas.

i) Fixar a data de realización das asembleas ordinarias e extraordinarias.

j) Designar ou vetar representantes do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia nos órganos cos cales o Copoga manteña relación, en virtude deste estatuto.

Todas cantas funcións non indicadas deriven destes estatutos.

Artigo 39. Duración dos cargos

a) A duración dos cargos será de catro anos ou unha lexislatura, e poderán ser reelixidos por un máximo doutros catro anos máis ou unha lexislatura completa ou incompleta. Logo de finalizada esta segunda lexislatura, será condición indispensable para a volta ao órgano de goberno que medie un tempo non inferior a dous anos.

Se, por calquera causa, algunha persoa das que compoñen a Xunta de Goberno cesa, conta como unha lexislatura completa. Nese caso, a mesma Xunta designará o substituto ou substituta con carácter de interinidade, ata que se verifique o cargo na primeira asemblea, a partir da cal contará para o elixido como unha lexislatura completa. Se non se cobre o cargo por causas alleas á Xunta de Goberno ou non é verificado pola asemblea, este pódese considerar como vacante, sempre que dentro da Xunta de Goberno estean cubertos os cargos da Presidencia, Tesouraría e Secretaría.

De producirse a vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno, convocaranse eleccións no prazo dun mes.

Os cambios de cargo dentro da Xunta de Goberno non aumentan nin diminúen os tempos de permanencia.

b) De convocarse as eleccións, e no caso de que non haxa ningunha candidatura presentada, se algunha das persoas da Xunta de Goberno saínte que cumpra a duración máxima de permanencia no cargo quere presentarse ás eleccións, ten que someterse a unha moción de confianza por maioría simple nunha Asemblea Xeral extraordinaria convocada pola Comisión Electoral. Nesta deberán estar presentes a propia Comisión Electoral e un mínimo do 5 % do censo electoral de forma presencial ou telemática, e a candidatura terá que cumprir a restante normativa establecida. No caso de que non estea presente o 5 % do censo electoral, as persoas colexiadas presentes elixirán unha comisión xestora, con membros novos.

Este artigo é garantista e predomina sobre os demais. Para a súa modificación total ou parcial precisa a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria, na cal figurará a súa modificación como único punto do día e que será convocada mediante comunicación fidedigna por vía postal ou electrónica de acordo coa lei. Para a súa aprobación será imprescindible:

• Un quórum mínimo presencial ou telemático de 200 persoas colexiadas con dereito a voto, cun 75 % de votos a favor da modificación.

• Se o número de colexiados é menor de 500, para a súa modificación ten que votar positivamente un mínimo do 30 % das persoas colexiadas.

Artigo 40. Reunións

A Xunta de Goberno reunirase de forma ordinaria unha vez cada tres meses, convocada pola Presidencia. Con carácter extraordinario, reunirase cantas veces sexa necesario, convocada pola Presidencia ou por pedimento de tres membros da Xunta. As citacións serán individuais e enviaranse con dez (10) días de antelación, o que inclúe a orde do día dos puntos que se vaian tratar. En caso de urxencia razoada, na convocatoria poderase utilizar calquera outro medio de citación que garanta a súa recepción por parte da persoa interesada, cun prazo mínimo de dous (2) días de antelación. Os acordos tomaranse por maioría das persoas asistentes. En caso de empate, decidirá o voto de calidade da Presidencia. É obrigatoria a asistencia de todos os membros.

A falta de asistencia non xustificada a tres sesións consecutivas, ou a seis non consecutivas, nun ano, considerarase falta grave e a súa sanción regúlase segundo o disposto no artigo 60. A xustificación da falta de asistencia deberá facerse por escrito nun prazo de oito (8) días desde a realización da xunta. O quórum imprescindible de persoas asistentes para poder tomar acordos será a metade máis unha das persoas que compoñan a Xunta de Goberno.

As sesións da Xunta de Goberno poderán ter lugar de forma presencial ou telemática.

Para ser válida a constitución do órgano, para os efectos de realización da sesión, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza da Presidencia e do secretario ou secretaria ou quen o/a substitúa.

Artigo 41. Das atribucións do cargo de Presidencia da Xunta de Goberno

Son competencias da Presidencia:

a) Representar o Copoga en todas as relacións deste cos poderes públicos, entidades, corporacións de calquera tipo, persoas físicas e xurídicas.

b) Levar a dirección do Copoga e decidir en casos urxentes que non sexan competencia da Asemblea.

c) Visar as certificacións que expida o secretario ou a secretaria.

d) Autorizar coa súa sinatura todo tipo de documentos en relación coa letra a) deste artigo.

e) Conferir apoderamentos para cuestións xudiciais, cando sexa autorizado pola Xunta de Goberno.

f) Convocar as reunións da Xunta de Goberno e as asembleas xerais, tanto ordinarias coma extraordinarias.

g) A apertura de contas correntes do Copoga, tanto en entidades bancarias coma caixas de aforros, e a mobilización dos fondos, conxuntamente coa Tesouraría.

h) Autorizar o movemento de fondos, de acordo coas propostas que presente a Tesouraría, e constituír e cancelar todo tipo de depósitos e fianzas, conxuntamente coa Tesouraría.

i) Coordinar o labor dos membros da Xunta de Goberno.

Artigo 42. Das atribucións da Vicepresidencia

A Vicepresidencia exercerá todas aquelas funcións que lle dea a Presidencia e asumirá as desta se se produce ausencia, enfermidade ou vacante.

En caso de enfermidade ou ausencia, poderá ser substituída por unha das vogalías, e terá preferencia a de máis idade.

Artigo 43. Das atribucións da Secretaría

Son competencias da Secretaría:

a) Levar os libros necesarios para conseguir o mellor e máis ordenado funcionamento dos servizos do Copoga. Será obrigatoria a existencia de libros de actas da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, e o rexistro de entrada e saída de documentos.

b) Redactar e asinar os libros de actas, co visto e prace da Presidencia, e expedir certificacións.

c) Redactar a memoria anual.

d) Coidar o funcionamento das oficinas do Copoga e a actuación do persoal.

e) Controlar a tramitación dos expedientes das persoas colexiadas e ter permanentemente actualizada a lista de colexiación.

f) Redactar e enviar os oficios de citación para todos os actos do Copoga.

g) Cumprir os acordos adoptados pola Xunta de Goberno.

h) Poderá ser substituído pola Vicepresidencia, cando esta non exerza funcións de Presidencia, ou por unha vogalía. Terá preferencia, nos casos de enfermidade ou ausencia das vogalías, a de maior idade.

Artigo 44. Das atribucións da Tesouraría

Son competencias da Tesouraría:

a) Recadar, vixiar e administrar os fondos do Copoga e levar a contabilidade.

b) Efectuar os pagamentos ordenados pola Xunta de Goberno e asinar os documentos para o movemento dos fondos do Copoga, conxuntamente coa Presidencia.

c) Facer o balance e a conta de resultados do exercicio e formular o orzamento de ingresos e gastos, todo isto para sometelo á aprobación da Asemblea Xeral.

d) Levar ou supervisar os libros de contabilidade que sexan necesarios.

e) Realizar o balance de situación tantas veces como o requira a Presidencia ou a Xunta de Goberno.

f) Ter informada a Xunta de Goberno do estado financeiro do Copoga.

g) Poderá ser substituída pola Vicepresidencia, cando esta non exerza outras funcións, ou por unha vogalía, en caso de enfermidade ou ausencia. Das vogalías, terá preferencia a de menor idade.

Artigo 45. Atribucións da vogalía

Poden asumir as funcións da Vicepresidencia, da Secretaría ou da Tesouraría e as delegacións que determine a Presidencia.

CAPÍTULO IV

Eleccións da Xunta de Goberno

Artigo 46. Condicións para ser unha persoa electora e elixible

Terán dereito a ser elixidas todas as persoas colexiadas exercentes que estean ao día nas súas obrigas corporativas colexiais, excepto aquelas que se encontren afectadas por unha sanción que comporte a suspensión de actividades colexiais en xeral ou a limitación destes dereitos e que teña, como mínimo, catro anos de antigüidade de colexiación exercente. No caso das vogalías, será suficiente con dous (2) anos de antigüidade de colexiación exercente.

Son limitacións para formar parte dunha Xunta de Goberno: ser membro da Xunta de Goberno doutro colexio profesional ou ter algún cargo político na Administración pública, e as do artigo 39.

Así mesmo, terán dereito a ser electoras todas as persoas colexiadas, exercentes ou non exercentes, en facultade de uso dos dereitos colexiais, que non teñan ningún dos impedimentos anteriores.

A condición de persoa colexiada exercente e non exercente determínaa a cota anterior ao día da convocatoria.

Artigo 47. Candidaturas

Só poderán concorrer ás eleccións as candidaturas completas en que se encontren todas as persoas que compoñan a Xunta de Goberno que se vaia elixir. As candidaturas deberán formarse indicando o cargo a que opta cada candidato ou candidata. Ningunha persoa colexiada poderá presentarse como candidata a máis dun cargo e candidatura. Isto tamén se desenvolve nos artigos 37 e 39.

Artigo 48. Procedemento electivo

a) A convocatoria de eleccións deberaa efectuar a Xunta de Goberno e será sempre obrigatoria ao cumprir os catro anos. A Xunta de Goberno quedará en funcións para xestións administrativas. A convocatoria de eleccións e os nomes dos compoñentes e cargos da Comisión Electoral serán publicados na web e notificados a cada colexiado e colexiada mediante correo electrónico.

b) Antes de convocar as eleccións, a Xunta de Goberno deberá constituír a Comisión Electoral, que estará composta por catro membros:

– Presidencia: a persoa colexiada de máis idade, que leve, polo menos, cinco anos colexiada no Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia ou, en caso de imposibilidade, as seguintes correlativamente.

– Secretaría: a persoa colexiada de menos idade ou, en caso de imposibilidade, as seguintes correlativamente.

– Vogalía: unha persoa que represente a Asesoría Xurídica do Copoga.

– Vogalía: unha persoa que represente o persoal administrativo do Copoga.

Esta comisión electoral está capacitada para resolver calquera imprevisto durante o procedemento electoral. En caso de empate, decide o voto de calidade da Presidencia da Comisión ou da mesa ou mesas electorais.

O día das votacións, a Comisión Electoral transfórmase en mesa electoral, salvo que se necesite máis dunha mesa. Neste caso, a Comisión Electoral, antes de transformarse en mesa electoral, creará a nova mesa ou mesas electorais nomeadas por ela.

c) Funcionamento da Comisión Electoral e da mesa ou mesas electorais.

– Ningún membro poderá ocupar dous cargos á vez nin ser membro das candidaturas electorais.

– A Presidencia ou a Secretaría poderán ser substituídas temporalmente ou a tempo completo por unha das dúas vogalías, e terá preferencia a de maior idade. A Comisión Electoral poderá funcionar con tres membros.

– A Comisión Electoral dispoñerá de seis (6) días hábiles para facer pública a data de realización de eleccións, que será dentro dos seguintes 60 días naturais anteriores ao das votacións, e comunicarállelo ás persoas colexiadas con indicación dos requisitos, prazos, día, lugar e horario das votacións, mediante correo electrónico e comunicación fidedigna por vía postal ou electrónica. Así mesmo, farase pública a listaxe das persoas colexiadas con dereito a elixir no taboleiro de anuncios da Secretaría do Copoga e na páxina web.

– As persoas colexiadas que desexen formular algunha reclamación contra as listas de electores deberán formalizala no prazo de seis (6) días hábiles seguintes a aquel en que foron expostas. Estas reclamacións deberá resolvelas a Comisión Electoral, dentro dos dezaseis (6) días hábiles seguintes a aquel en que se expuxeron as listas.

O día das eleccións, a Comisión Electoral desempeñará a función dunha mesa electoral. No caso de que falte un membro da mesa ou mesas, poderá constituírse con tres e, se faltan dous membros da mesa ou mesas electorais, solicitarase unha persoa voluntaria entre as presentes, ata acadar o número mínimo de tres.

As persoas que compoñen a Comisión Electoral e a mesa ou mesas electorais terán dereito a cobrar axudas de custo, que se regularán no réxime interno.

d) As candidaturas deberán presentarse na Secretaría do Copoga, persoalmente ou por medio de correo certificado ou medios electrónicos con sinaturas dixitais, dentro dos dez (10) días hábiles seguintes a aquel en que a Comisión Electoral faga pública a data de realización das eleccións. Unha vez transcorridos estes dez (10) días, a Comisión Electoral deberá facer pública a relación de candidaturas presentadas dentro do prazo dos seis (6) días hábiles seguintes. En caso de que se presente unha única candidatura ás eleccións, esta quedará automaticamente elixida.

e) A Presidencia da Comisión Electoral notificarállelo ás candidaturas rexeitadas, de forma que quede constancia da súa recepción, mediante un escrito no cal se explicará o motivo do rexeitamento. Estas candidaturas, despois de recibir a notificación, terán catro (4) días laborables para corrixiren erros. A Comisión Electoral ten catro (4) días laborables para contestar as correccións das candidaturas, e esta será a última e definitiva contestación que se dea, salvo que a Comisión Electoral opine o contrario.

f) Se hai máis dunha candidatura, a Comisión Electoral publicaraas na páxina web en listas individuais por candidatura e imprimibles, que será o material que o Copoga sirva como posible voto.

g) Haberá un prazo mínimo de cinco (5) días hábiles de campaña electoral. As candidaturas que o queiran teñen dereito a expoñer, na zona pública da páxina web do Copoga, a súa candidatura e programa electoral.

h) No día e hora de convocatoria fixados para as eleccións, constituirase a mesa ou mesas electorais no local designado para o efecto pola Comisión Electoral.

Cada candidatura poderá designar, de entre as persoas colexiadas, un interventor ou interventora por mesa electoral que a represente nas operacións electorais.

i) O persoal administrativo do Copoga colaborará, na medida do posible, coas candidaturas admitidas.

j) Na mesa ou mesas electorais haberá unha urna transparente pechada e cunha rañura para introducir os votos.

Unha vez constituída a mesa electoral, a Presidencia indicará o inicio da votación. O período de votación durará sete horas. Comezará ás 11.30 horas da mañá e finalizará ás 18.30 horas da tarde.

Nese momento, pecharanse as portas e unicamente poderán votar as persoas colexiadas que se encontren dentro da sala.

A continuación, e despois da oportuna comprobación, introduciranse dentro das urnas os votos que chegaron por correo certificado, cos requisitos establecidos. Por último, votarán as persoas colexiadas que forman parte da mesa electoral, momento en que a urna quedará definitivamente pechada, e procederase á contaxe de votos.

k) As persoas colexiadas votarán utilizando o material exclusivo cos nomes das candidaturas que lles facilitará o Copoga na sede ou na páxina web. Despois da identificación da persoa colexiada, entregaráselle a papeleta á Presidencia da mesa, que a depositará na urna en presenza da persoa que vota. O secretario ou secretaria da mesa sinalará na lista de colexiados e colexiadas os que vaian depositando o seu voto. As vogalías están capacitadas para substituír calquera deles, aínda que terá preferencia a de maior idade. O voto presencial ten prioridade e a persoa que non vote persoalmente poderao facer por correo certificado enviando o material electoral, que previamente deberá solicitar ao Copoga ou sacalo da páxina web, nun sobre pechado á Presidencia da mesa. Este sobre irá dentro doutro que conterá unha fotocopia do DNI e nel constarán claramente os datos do remitente e a sinatura.

Os votos enviaranse por correo certificado á Secretaría do Copoga, dirixidos á Presidencia da mesa, e deberán chegar, como mínimo, con dous (2) días hábiles de antelación á data das eleccións, e serán recollidos por esta ou por quen designe, antes da hora fixada para concluír a votación.

l) O Copoga poderá propoñer, cando dispoña dos medios necesarios, a plataforma adecuada de acceso ao uso do voto telemático, conforme a lexislación vixente en cada momento. Esta deberá garantir, como mínimo, a verificación da identidade das persoas que participan en remoto e a seguridade das comunicacións electrónicas.

m) Logo de terminada a votación, procederase ao escrutinio. Serán declaradas nulas aquelas papeletas que conteñan expresións alleas ao estrito contido da votación ou riscadas que imposibiliten a perfecta identificación da vontade da persoa electora, e tamén aquelas que nomeen máis dunha candidatura ou as candidaturas incompletas. En caso de dúbida, será resolta pola mesa electoral.

Unha vez finalizado o escrutinio, a Presidencia anunciará o resultado e, acto seguido, proclamarase electa a candidatura que obtivo o maior número de votos. En caso de empate, convocarase unha nova data de eleccións, á cal se presentarán as candidaturas empatadas co fin de obter unha candidatura gañadora.

n) Do desenvolvemento da votación e do resultado do escrutinio levantarase a acta a continuación, que será asinada por todas as persoas que compoñen a mesa. Unha copia desta acta será inserida na páxina web do Copoga.

ñ) A Xunta de Goberno electa tomará posesión dos cargos nun prazo máximo de quince (15) días hábiles desde a data de elección.

o) O proceso de traspaso de poder realizarase da seguinte forma: se sae elixida unha nova Xunta de Goberno, a saínte ten a obriga de convocar unha reunión mediante comunicación fidedigna por vía postal ou electrónica de acordo coa lei, nun prazo de sete (7) días hábiles, á cal deberán asistir, polo menos, a Presidencia, a Secretaría e a Tesouraría de ambas as directivas ou as súas delegacións pertinentes.

A Xunta saínte terá a obriga de facilitar toda a documentación e forma de xestión do Copoga.

Os nomeamentos seranlle comunicados, no prazo de dez (10) días desde que se produzan, ao departamento correspondente da consellería competente.

Artigo 49. Da Comisión Xestora

a) No caso de que, cumpridos os dez (10) días hábiles seguintes ao da convocatoria da data de realización de eleccións, a Comisión Electoral non presente ningunha candidatura ás eleccións, e de non se cumprir o suposto do artigo 39.b), realizarase unha nova convocatoria no prazo máximo dun mes. Neste suposto, quedará en funcións a Xunta convocante.

Se a pesar deste novo prazo segue sen presentarse ningunha candidatura, convocarase unha asemblea extraordinaria mediante a súa publicación na web do Copoga, o envío dun correo electrónico e mediante comunicación fidedigna por vía postal ou electrónica de acordo coa lei, que nomeará unha comisión xestora da cal non poderán ser integrantes os que leven máis de oito anos sucesivos ou dúas lexislaturas nun cargo electo ou nunha comisión xestora. A Xunta de Goberno da Comisión Xestora estará conformada por unha Presidencia, unha Tesouraría, unha Secretaría e unha vogalía que pode, en caso de necesidade, substituír como máximo un dos anteriores.

De non saír elixida a Comisión Xestora, convocarase unha nova asemblea extraordinaria con plenos poderes, que será convocada polos mesmos medios. No prazo de trinta (30) días hábiles, poderá elixir os membros da Comisión Xestora entre todas as persoas colexiadas ou a disolución do Copoga.

Nun prazo non inferior a seis (6) meses nin superior a un (1) ano da súa formación, a Comisión Xestora convocará novamente eleccións.

De non se presentar unha candidatura nestas novas eleccións, poderá continuar a mesma comisión xestora ou convocarase unha asemblea xeral extraordinaria na cal se elixirá unha nova Comisión Xestora.

b) As persoas que compoñen a Comisión Xestora, logo da autorización da Asemblea Xeral, poden rotar no cargo, sen que isto modifique o tempo de permanencia xa establecido, e terán a mesma responsabilidade e representatividade que as candidaturas electas.

c) No caso de continuar a mesma comisión xestora tras a nova convocatoria de eleccións, a duración máxima é a da lexislatura (catro anos). Contará como unha a presenza, en tempo total ou parcial, como membro da Comisión Xestora e non poderá estar máis de dúas lexislaturas sucesivas na Comisión Xestora ou na Xunta de Goberno.

Unha vez cumpridas as dúas lexislaturas, as persoas que compoñen a Comisión só poderán volver formar parte dela se median dous anos desde o último cesamento na segunda lexislatura, agás se se cumpre o suposto do artigo 39.b).

d) Para que un acordo tomado na Comisión Xestora sexa válido, polo menos deben estar presentes tres das catro persoas que a compoñen.

e) A Comisión Xestora representa o Copoga coa mesma responsabilidade, forma e categoría que unha candidatura electa. As reunións serán convocadas de maneira fidedigna, cun tempo mínimo de dez (10) días, pola Presidencia ou dous membros da Comisión Xestora, e terán que reunirse polo menos cada tres meses. As reunións nos casos de urxencia poderán ser comunicadas verbalmente, pero despois terán que ser xustificadas a través dun medio que deixe constancia da súa recepción. As faltas de asistencia regularanse polo disposto nos artigos 40, 56 e 60.

f) Se dimite ou se se produce a baixa dunha persoa membro da Comisión Xestora, esta poderá propoñer unha persoa substituta para ser ratificada ou rexeitada na próxima asemblea, e será esta quen ratifique, propoña ou declare a vacante.

g) Se dimiten ou se se dan de baixa dous ou máis membros da Comisión Xestora, convocarase a Asemblea Xeral extraordinaria, no prazo de trinta (30) días hábiles, e nela elixiranse os novos compoñentes da Comisión, ata o final do seu mandato ou ata convocar novas eleccións.

h) As reunións extraordinarias da Comisión Xestora serán convocadas pola Presidencia ou por pedimento de dous membros da Xunta. As faltas de asistencia regularanse polo disposto no artigo 40. Os votos na Comisión Xestora serán iguais para todos os membros. No caso de empate nos casos ou temas de suma importancia, será a propia asemblea, ordinaria ou extraordinaria, a que decida.

TÍTULO V

Do réxime económico

Artigo 50. Capacidade e orzamento

O Copoga ten plena capacidade patrimonial para a xestión e administración dos seus bens en cumprimento das súas finalidades. A actividade económica realizarase de acordo co procedemento orzamentario.

Artigo 51. Dos recursos económicos do Copoga

1. Os fondos do Copoga estarán constituídos por recursos ordinarios e extraordinarios.

2. Serán recursos ordinarios:

a) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúen o patrimonio colexial.

b) Os dereitos que se establezan para a elaboración remunerada de informes, ditames, estudos e outros servizos.

c) Os dereitos de incorporación e as cotas aboadas polas persoas colexiadas.

d) Calquera outro que sexa legalmente posible e de similares características.

3. Serán recursos extraordinarios:

a) As subvencións ou donativos de calquera tipo, de procedencia pública ou privada.

b) Os bens que a título hereditario ou por calquera outra causa se incorporen ao patrimonio do Copoga.

c) As cotas especiais para o levantamento de cargas corporativas.

d) Calquera outra que sexa legalmente posible e que non constitúa recurso ordinario.

Artigo 52. O orzamento e a súa liquidación

O orzamento e a súa liquidación elaborarase con carácter anual e incluirá a totalidade dos gastos e ingresos colexiais.

Artigo 53. Aprobación do orzamento

A Xunta de Goberno presentará anualmente, para a súa aprobación, á Asemblea Xeral ordinaria:

a) A liquidación do orzamento do exercicio anterior.

b) O orzamento para o próximo exercicio.

Artigo 54. Liquidación de bens

En caso de disolución ou reestruturación que afecte o patrimonio do Copoga, este destinarase en primeiro lugar a cubrir o pasivo. O activo restante liquidarase segundo acordo da Asemblea Xeral.

TÍTULO VI

Do réxime disciplinario

Artigo 55. Responsabilidade civil e penal

Os podólogos e podólogas, no exercicio da profesión, están sometidos, se é o caso, ás responsabilidades civís e penais que deriven, conforme a lexislación específica aplicable.

Artigo 56. Responsabilidade disciplinaria

As persoas colexiadas que incumpran os seus deberes profesionais ou deontolóxicos, estes estatutos ou os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia están suxeitas a responsabilidade disciplinaria, con independencia de calquera outra responsabilidade civil, penal ou administrativa en que poidan incorrer polos mesmos feitos.

Os colexiados e colexiadas incorrerán en responsabilidade disciplinaria nos supostos e circunstancias establecidos nestes estatutos.

As sancións disciplinarias corporativas faranse constar no expediente da persoa colexiada.

Así mesmo, as actuacións profesionais de colexiados e colexiadas que presenten indicios racionais de conduta delituosa deberán poñerse en coñecemento da autoridade xudicial competente.

Artigo 57. Facultades disciplinarias

A Xunta de Goberno será competente para o exercicio da potestade disciplinaria.

As facultades disciplinarias estenderanse á sanción por infracción dos deberes profesionais ou normas éticas de conduta en canto afecten a profesión.

A responsabilidade disciplinaria declararase logo da formación de expediente, seguido polos trámites que se especifican no procedemento disciplinario.

O Copoga pode exercer a súa facultade disciplinaria contra os podólogos e podólogas que exerzan a súa profesión no ámbito territorial da súa competencia, independentemente de en que colexio territorial estea colexiada a persoa en cuestión. As sancións impostas, se é o caso, producirán efectos en todo o territorio español.

Artigo 58. Gradación

As faltas que deben comportar corrección ou sanción disciplinaria clasifícanse en:

– Leves.

– Graves.

– Moi graves.

Utilizaranse como criterios de cualificación e gradación a transcendencia que teña a actividade que se vaia sancionar no ámbito profesional e público.

As faltas cometidas polas persoas integrantes dos órganos de goberno do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia verán agravada a súa clasificación nun grao.

Artigo 59. Faltas leves

Son faltas leves:

a) A neglixencia no cumprimento de normas estatutarias.

b) O incumprimento da normativa vixente, establecida en cada momento sobre a documentación profesional e colexial.

c) A desatención aos requirimentos de informes e outros documentos que realice o Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia no cumprimento dos seus fins.

d) A falta de respecto aos compañeiros e compañeiras, sempre que non implique ofensa grave.

e) Negarse, salvo causa xustificada, a aceptar a designación dunha persoa que instrúa expedientes disciplinarios.

Artigo 60. Faltas graves

Son faltas graves:

a) A acumulación, no período de dous anos, de tres ou máis sancións por falta leve.

b) As ofensas graves aos compañeiros e compañeiras.

c) A infracción das normas deontolóxicas.

d) O incumprimento das normas estatutarias ou regulamentarias, ou dos acordos adoptados polo Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia.

e) Os actos e omisións que atenten contra a moral, a dignidade ou o prestixio da profesión.

f) A infracción grave do segredo profesional, con prexuízo para terceiras persoas.

g) A emisión de informes ou a expedición de certificados faltando á verdade.

h) Os actos que supoñan competencia desleal contra determinados compañeiros e compañeiras.

i) O incumprimento dos deberes que lles corresponden aos cargos electos nos órganos colexiais.

j) O incumprimento das normas con rango de lei vixentes en materia de publicidade profesional e, en especial, sobre publicidade sanitaria.

k) Os actos ou omisións descritos nas letras b), d) e e) do artigo seguinte cando non teñan a entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

Artigo 61. Faltas moi graves

Son faltas moi graves:

a) A reiteración de falta grave durante os dous anos seguintes á súa sanción sen ser cancelada a anterior.

b) Os actos ou omisións persoais que constitúan unha ofensa grave á dignidade da profesión das persoas integrantes dos órganos de goberno do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia ou doutros compañeiros e compañeiras, e aquelas condutas que supoñan unha violación das regras deontolóxicas da profesión.

c) O atentado contra a dignidade, honra ou prestixio das persoas con ocasión do exercicio profesional.

d) A comisión de delitos, en calquera grao de participación, como consecuencia do uso ou do exercicio da profesión.

e) A embriaguez ou a toxicomanía habitual no exercicio da profesión.

f) A realización de actividades, a constitución de asociacións ou pertenza a estas cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan exclusivas do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia ou que interfiran nel dalgún modo.

g) A intrusión profesional e o seu encubrimento.

h) As infraccións graves nos deberes que impón a profesión.

i) A falta de pagamento total ou parcial de dúas cotas colexiais consecutivas ou alternas.

Artigo 62. Sancións

Por razón das faltas a que se refiren os artigos anteriores, poderán impoñerse as seguintes sancións:

Por faltas leves:

• Amoestación verbal.

• Amoestación escrita con constancia no expediente persoal.

Por faltas graves:

• Amoestación escrita, coa advertencia da suspensión e anotación no expediente persoal do colexiado ou colexiada.

• Suspensión da condición de colexiado ou colexiada e do exercicio profesional por un prazo non superior a tres meses, con anotación no expediente persoal.

• Suspensión para o desempeño de cargos electos no Copoga, por un prazo non superior a cinco anos.

Por faltas moi graves:

• Suspensión da condición de colexiado ou colexiada e do exercicio profesional por un prazo superior a tres meses e non maior dun ano, con anotación no expediente persoal.

• Inhabilitación por un prazo superior a cinco anos para o desempeño dos cargos colexiais electos.

• Expulsión do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia con privación da condición de colexiado ou colexiada, con anotación no expediente persoal.

Artigo 63. Procedemento sancionador

A imposición de calquera sanción disciplinaria exixe a formación e a tramitación previa do expediente correspondente.

1. Competencia: a aplicación de sancións correspóndelle á Xunta de Goberno e poderá ser obxecto de recurso de reposición ante esta.

2. Formas do expediente: o expediente sancionador débese axustar ás normas seguintes:

a) O procedemento iniciarase por acordo da Xunta de Goberno, xa sexa por iniciativa propia ou como consecuencia de denuncia formulada por calquera colexiado ou colexiada, persoa ou entidade física ou xurídica.

A Xunta de Goberno, cando reciba unha denuncia ou teña coñecemento dunha suposta infracción, poderá acordar a instrución de información reservada antes de decidir a incoación do expediente ou, se procede, que se arquiven as actuacións sen ningún recurso ulterior.

Todas as actuacións relativas á tramitación do expediente irán a cargo da persoa instrutora, que será nomeada pola Xunta de Goberno entre as persoas colexiadas ou a Asesoría Xurídica.

A incoación do expediente, así como o nomeamento da persoa instrutora, notificaráselle á persoa colexiada suxeita a expediente.

b) Correspóndelle á persoa instrutora efectuar todas as probas e actuacións que conduzan ao esclarecemento dos feitos e a determinar as responsabilidades susceptibles de sanción. Á vista das actuacións efectuadas, formularase un prego de cargos no cal se expoñerán os feitos imputados ou ben a proposta de sobresemento e arquivamento do expediente.

c) O prego de cargos notificaráselle á persoa interesada e concederáselle un prazo de quince (15) días hábiles para poder contestalo.

No trámite de descargo, a persoa colexiada interesada presentará e, se procede, propoñerá todas as probas de que pretenda valerse e que sexan útiles, válidas e pertinentes.

d) Unha vez contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo de facelo e efectuada a proba lexítima acordada, a persoa instrutora formulará unha proposta de resolución, que se lle notificará á persoa interesada, para que no prazo de quince (15) días hábiles poida alegar todo aquilo que considere conveniente para a súa defensa. Durante este mesmo prazo, notificaránselle as actuacións efectuadas.

e) A proposta de resolución, con toda a actuación, remitiráselle á Xunta de Goberno e esta ditará a resolución, na cal deberán constar os feitos probados, a falta cometida e a sanción proposta.

f) As resolucións sancionadoras conterán a relación dos feitos probados, a determinación das faltas constatadas e a cualificación da súa gravidade, ademais da sanción imposta.

A relación dos feitos deberá ser congruente co prego de cargos formulado no expediente.

Artigo 64. Efectos das sancións

As sancións comportarán consigo o efecto correspondente a cada corrección. A súa imposición notificaráselles ás partes interesadas e contra esta poderán recorrer na forma e cos efectos previstos nestes estatutos.

As sancións que impliquen suspensión do exercicio da profesión ou expulsión do Copoga terán efecto no ámbito do territorio español e deberáselle enviar unha copia do expediente ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Podólogos de España para que adopte as medidas que xulgue oportunas.

Artigo 65. Extinción da responsabilidade disciplinaria

A responsabilidade disciplinaria das persoas colexiadas extínguese:

– Polo cumprimento da sanción.

– Pola prescrición da falta.

– Pola prescrición da sanción.

– Polo falecemento da persoa colexiada.

Artigo 66. Prescrición das faltas

As faltas leves prescriben aos seis meses, as faltas graves ao ano e as moi graves aos dous anos.

O prazo de prescrición comezará a contar desde que se cometeu a falta.

A prescrición interromperase pola notificación á persoa afectada do acordo de inicio do procedemento correspondente e restablecerase o prazo de prescrición se o expediente disciplinario permanecer paralizado durante máis de tres meses por causas non imputables á persoa presuntamente responsable.

Artigo 67. Prescrición das sancións

As sancións impostas por faltas leves prescriben ao ano. As sancións impostas por faltas graves, aos dous anos, e as sancións impostas por faltas moi graves, aos tres anos.

O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impón.

Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis de tres meses por causas non imputables á persoa infractora.

Artigo 68. Rehabilitación

As persoas sancionadas quedarán automaticamente rehabilitadas, coa consecuente nota no seu expediente persoal, desde o día seguinte a aquel en que se extinga a responsabilidade disciplinaria.

A persoa sancionada poderá solicitarlle á Xunta de Goberno a rehabilitación ou cancelación da sanción antes de finalizar o seu cumprimento. Para iso, deberá achegar coa solicitude aquelas alegacións e documentos que xustifiquen esta cancelación. A Xunta de Goberno remitiralle a solicitude á Asesoría Xurídica do Colexio para que emita o seu informe. No prazo máximo de quince (15) días hábiles, a Xunta de Goberno resolverá esta solicitude.

TÍTULO VII

Do réxime xurídico

Artigo 69. Notificación de acordos

Os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno do Copoga, e as decisións da Presidencia e da Xunta de Goberno que deban ser notificados ás persoas colexiadas, referidos a calquera materia, mesmo a disciplinaria, poderán remitirse ao domicilio comunicado ao Copoga ou enviarse polos medios telemáticos previstos na normativa vixente. Se non se pode efectuar a notificación nos termos previstos no artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, esta realizarase segundo o disposto na mesma lei.

Artigo 70. Recursos

1. Os actos e as resolucións suxeitos a dereito administrativo emanados do Copoga poñen fin á vía administrativa.

2. A persoa interesada poderá impugnar o acto ou a resolución, ante a xurisdición contencioso-administrativa vixente, de conformidade coa lei reguladora desta.

Artigo 71. Nulidade e anulabilidade

1. Son nulos de pleno dereito os actos e acordos de calquera órgano colexial que incorran nalgún dos supostos previstos no artigo 47 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. En todo caso, a Xunta de Goberno deberá suspender a execución e formular recurso sobre os actos nulos de pleno dereito.

2. Son anulables os actos e acordos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos do artigo 48 da citada norma legal.

Artigo 72. Motivos de disolución, fusión, absorción ou segregación

O Copoga poderá disolverse, fusionarse, absorberse ou segregarse seguindo o procedemento establecido para os efectos, e cando concorra algunha das seguintes causas:

a) Perda do obxecto e imposibilidade de realizar as funcións e finalidades que determinaron a súa creación.

b) Paralización dos órganos de goberno, de forma tal que non sexa posible o traballo e o perfecto funcionamento.

c) Imposibilidade económica ou material de continuar coa actividade colexial.

Artigo 73. Procedemento de disolución

Se se acorda a disolución do Copoga, procederase a dar apertura ao período de liquidación, cesarán todos os membros da Xunta de Goberno ou da Comisión Xestora nos seus cargos e pasarase a nomear tres liquidadores electos pola Asemblea Xeral.

As persoas colexiadas que representen o 20 % do censo colexial poderán instar o nomeamento dun interventor ou interventora xudicial.

As funcións e as obrigas dos liquidadores ou liquidadoras rexeranse polo disposto no artigo 266 e seguintes da Lei de sociedades anónimas.

A división do haber social efectuarase tendo en conta o disposto no artigo 277 da dita lei.

Artigo 74. Auditoría das contas colexiais

O Colexio de Podoloxía de Galicia debe someter a auditoría externa as contas anuais formuladas polo seu órgano de goberno.