1. O 10 de xullo de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 3 de xullo de 2025, pola que se regula o programa Fogar Vivo e se establecen as bases reguladoras das súas axudas (código de procedemento VI426F), se regula o procedemento para obter a condición de concello colaborador (código de procedemento VI426G), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa Fogar Vivo para o ano 2025, con financiamento plurianual.
O programa ten por obxecto establecer axudas ás persoas ou entidades propietarias e usufrutuarias de vivendas coa finalidade de incentivar que as incorporen ao mercado de alugamento a través dunha renda accesible.
2. En virtude do ordinal décimo da citada resolución, o dito programa comprende as seguintes axudas:
– Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impago de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar.
– Unha axuda para a adecuación e a reparación da vivenda.
– Unha axuda vinculada á obtención da axuda para a adecuación e a reparación (en diante, axuda vinculada), para o caso de que a vivenda se alugue a menores de 36 anos ou con fillos/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade recoñecida.
De conformidade co ordinal décimo sétimo da Resolución do 3 de xullo de 2025, a concesión destas axudas tramítase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. O punto segundo do ordinal cuadraxésimo sétimo da Resolución do 3 de xullo de 2025, baixo a rúbrica crédito orzamentario, dispón o seguinte:
As axudas para a adecuación e a reparación das vivendas e a axuda vinculada faranse efectivas con cargo as seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:
– Cando a persoa que as contrate sexa unha persoa física, 11.81.451A.780.2, por un importe total de 192.000,00 euros distribuídos nas seguintes anualidades: 120.000,00 euros para a anualidade 2025 e 72.000,00 euros para a anualidade 2026.
– Cando a persoa que as contrate sexa unha persoa xurídica, 11.81.451A.770.2, por un importe total de 48.000,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 30.000,00 euros para a anualidade 2025 e 18.000,00 euros para a anualidade 2026.
4. O punto cuarto do ordinal cuadraxésimo sétimo da Resolución do 3 de xullo de 2025 dispón que a contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Tendo en conta que na data desta resolución o número de solicitudes presentadas e susceptibles de obter a axuda para a adecuación e a reparación das vivendas supera o importe do crédito orzamentario previsto na convocatoria e, dado que o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co ordinal noveno da dita resolución, non remata ata o 30 de outubro de 2025, resulta necesario proceder á ampliación da dotación orzamentaria prevista na citada resolución.
6. De conformidade co ordinal cuadraxésimo sétimo da Resolución do 3 de xullo de 2025, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Polo exposto,
RESOLVO:
Único. Ampliar para a convocatoria de 2025 a dotación orzamentaria das axudas para a adecuación e a reparación das vivendas do programa Fogar Vivo, por importe de 1.100.000,00 euros, distribuídos da seguinte forma:
|
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2025 |
Anualidade 2026 |
|
11.81.451A.780.2 (persoas físicas) |
250.000,00 euros |
650.000,00 euros |
|
11.81.451A.770.2 (persoas xurídicas) |
80.000,00 euros |
120.000,00 euros |
|
Total |
1.100.000,00 euros |
|
Esta ampliación non implica a modificación do prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.
Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no DOG.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente.
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
