1. O 14 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se procede á convocatoria do Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 (código de procedemento VI501A).
En virtude do ordinal primeiro da citada resolución, o dito programa comprende as seguintes modalidades de adquisición:
– Modalidade A: adquisición de vivendas localizadas nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.
– Modalidade B: adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.
– Modalidade C: adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
A súa concesión tramítase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.
2. O punto primeiro do ordinal cuarto da dita resolución establece que As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 3.850.000 euros, distribuídos entre as tres modalidades da seguinte forma:
a) Para a modalidade A correspóndelle un importe de 2.300.000 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.780.0.
b) Para a modalidade B correspóndelle un importe de 500.000 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.780.2.
c) Para a modalidade C correspóndelle un importe de 1.050.000 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.780.4.
3. De acordo co punto segundo do dito ordinal, o financiamento desta convocatoria aprobouse nos seguintes termos:
– Na modalidade A, con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2025 do Programa de axuda ás persoas mozas e para contribuír ao reto demográfico do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.
– Nas modalidades B e C, con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma.
4. Por outra banda, o punto cuarto do mesmo ordinal prevé que a contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Tendo en conta que na data desta resolución o número de solicitudes presentadas e susceptibles de obteren a axuda na modalidade A supera o importe do crédito orzamentario previsto inicialmente na convocatoria e dado que o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co ordinal noveno da Resolución do 30 de decembro de 2024, non remata ata o 15 de outubro de 2025, resulta necesario proceder á ampliación da dotación orzamentaria prevista na citada resolución para a dita modalidade.
6. O 21 de agosto de 2025 acordouse entre o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e o Instituto Galego da Vivenda e Solo reaxustar a distribución dos recursos financeiros asignados á Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, aprobado mediante o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro. O dito acordo permite ampliar a dotación orzamentaria da modalidade A do Programa de adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, financiada con fondos finalistas do Estado.
7. De conformidade co ordinal cuarto da Resolución do 30 de decembro de 2024, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Polo exposto,
RESOLVO:
Único. Ampliar para a convocatoria de 2025 a dotación orzamentaria da modalidade A do Programa de adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 600.000,00 euros, distribuídos da seguinte forma:
|
Modalidade |
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2025 |
|
Modalidade A |
11.81.451B.780.0 |
600.000,00 euros |
|
Total |
600.000,00 euros |
|
Esta ampliación non implica a modificación do prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.
Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
