BDNS (Identif.): 861542.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/861542
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas e as sociedades patrimoniais de tenza de valores inmobiliarios ou de arrendamento de inmobles, titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Obxecto e normativa de aplicación
1. O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións (comunidades de veciños...) e tamén as entidades patrimoniais tipificadas no artigo 5 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto de sociedades con fins de aforro enerxético e fomento do uso da enerxía solar fotovoltaica.
2. Estas subvencións destinadas a proxectos de enerxía fotovoltaica en ámbitos non urbanos convócanse en réxime de concorrencia competitiva.
3. As solicitudes presentaranse a través das entidades colaboradoras.
Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Será necesario que as entidades colaboradoras estean dadas de alta na Consellería de Economía e Industria para a xestión de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (código de procedemento IN609A).
4. Estas axudas para as sociedades patrimoniais de tenza de valores inmobiliarios ou de arrendamento de inmobles cando teñan actividade económica estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro), a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 30 de setembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421N e IN421O).
Cuarto. Financiamento
As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega con repartición bianual recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.000.000 € e redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.770.7, 09.A3.733A.780.5 e 09.A3.733A.781.7.
Este crédito está confinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (Subintervención 6872_04-Renovables. Eficiencia Enerxética), nun 28 % por fondos propios da Comunidade Autónoma e e nun 12 % por fondos finalistas do Estado.
Quinto. Contía da axuda
A intensidade da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación, tendo en conta o seu orzamento e os costes elixibles recollidos nestas bases reguladoras.
Na procura de instalacións de potencia racional, establécese unha axuda máxima por vivenda de 4.000 €. No caso de que o proxecto solicitado inclúa baterías de potencia igual ou superior a 4 kWh, incrementarase en 2.000 €.
A contía máxima por proxecto multivivenda será de 25.000 €.
Sexto. Forma e prazo de presentación das solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 7 de novembro de 2025 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).
2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 31 de outubro de 2025 ás 9.00 horas (Inicio do período subvencionable) e rematará o 1 de decembro de 2025 ás 23.59 horas. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025
Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia
