O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, así como nos estatutos desta universidade, e en execución do previsto no anexo II, oferta de promoción interna independente, da Resolución do 28 de novembro de 2024 (DOG do 11 de decembro) pola que se aproba a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2024, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha (1) praza da categoría profesional de técnico/a especialista de investigación, especialidade bioloxía, grupo III, con suxeición ás seguintes
Bases da convocatoria
Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
1. Normas xerais.
1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha (1) praza da categoría profesional de técnico/a especialista de investigación, especialidade bioloxía, grupo III, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de promoción interna.
1.2. Esta convocatoria non xerará praza vacante na categoría da cal proceda a persoa que supere o proceso selectivo.
1.3. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.
1.4. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.
1.5. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.
1.6. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.
2. Requisitos das persoas aspirantes.
2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato os seguintes requisitos:
a) Posuír a condición de persoal laboral fixo, categoría de técnico/a de investigación, área bioloxía-saúde, e estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional no campo de prácticas.
b) Ter unha antigüidade efectiva de, polo menos, seis (6) meses como persoal laboral fixo na categoría a que pertenzan, o último día do prazo de presentación de solicitudes.
c) Estar en posesión do título de bacharel ou técnico ou titulación equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Poderán quedar exentos do requisito de titulación exixido para a quenda libre, dado que a relación de postos de traballo non recolle unha titulación específica de acordo co previsto no artigo 37.2 do Convenio colectivo para o persoal laboral.
d) Estar en posesión do permiso de conducir B.
e) Estar en posesión do curso básico de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios.
f) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría a que se pretende incorporar.
g) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.
h) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.
i) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.8 desta convocatoria para as persoas con discapacidade e para os membros de familias numerosas.
3. Solicitudes.
3.1. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
3.2. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá formalizar a súa solicitude e aboar a taxa correspondente unicamente por medios electrónicos. Empregarase o seguinte formulario da sede electrónica: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm, empregando como medio de identificación electrónica as credenciais corporativas da USC.
3.3. A solicitude presentarase xunto coa seguinte documentación:
– Certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou equivalente). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.
– Permiso de conducir B.
– Curso básico de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios.
As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentas/os de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento e deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se encontre debidamente acreditada no seu expediente persoal.
3.4. A Xerencia expedirá e engadirá, de oficio, á solicitude presentada pola persoa aspirante un certificado acreditativo dos servizos prestados no cal consten a categoría e os períodos en que se prestaron, así como os cursos de formación e cualificación profesional que consten no expediente.
3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes e non se valorarán méritos que non se encontren suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes.
3.6. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.
3.7. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar, no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, para o cal se reflectirán con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.
3.8. Os dereitos de exame serán de 33,13 €. Para realizar o seu ingreso empregarase un dos medios que se indican a seguir:
• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.
• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación, que se deberá imprimir unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo; non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.
Estes medios de pagamento estarán accesibles unha vez que a persoa aspirante formalice a súa solicitude de inscrición a través do formulario establecido no número 3.2.
De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:
Do importe total da taxa:
• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Do 50 % do importe da taxa:
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis (6) meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:
• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.
• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.
• Demandantes de emprego:
1º. Certificación expedida pola oficina de emprego, na cal conste que a persoa aspirante, na data de presentación de solicitudes, figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.
2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego, na cal conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
3.9. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.
3.10. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.
3.11. No formulario de solicitude as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan que están en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e que se comprometen a achegar a documentación que se indica nela.
3.12. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica, polo que a persoa aspirante debe indicar na epígrafe correspondente do formulario o teléfono e o enderezo electrónico válidos, se desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña ao seu dispor. As notificacións realizaranse por comparecencia en sede electrónica e para o acceso a esta empregarase o medio de identificación que se indica na base 3.2.
4. Admisión de persoas aspirantes.
4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a lista provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o lugar no cal se encontra exposta ao público a lista completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para emendalas.
4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivaron a exclusión.
Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do Catálogo de procedementos na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm, para o cal o/a aspirante deberá empregar o medio de identificación e sinatura que se indica no número 3.2 desta convocatoria.
4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.
4.4. Na resolución que aprobe a lista definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición, ante o reitor, no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4.5. O feito de figurar na lista de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que se acreditar no seu momento, de acordo co previsto na base 7 desta convocatoria.
5. Tribunal.
5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría segunda de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado en Consello de Goberno da USC o 29 de decembro de 2020.
O seu procedemento de actuación axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Reitorado da USC.
5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificaranllo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.
A Presidencia solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.
Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.
5.3. En caso de ter que substituír algún membro do tribunal, por renuncia, por algunha das circunstancias citadas no punto anterior ou calquera outra causa de forza maior, daráselle publicidade ao novo nomeamento no Diario Oficial de Galicia.
5.4. Logo da convocatoria da Presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia presencial ou a distancia de todos os seus membros, de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015. Os titulares que non asistan serán substituídos polos suplentes. Nesa sesión acordaranse todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.
5.5. A partir da súa constitución, o tribunal requirirá a asistencia presencial ou a distancia do/da presidente/a e secretario/a, e da metade, polo menos, dos seus membros, para actuar validamente.
5.6. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.
5.7. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.
Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.
5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes ás cales se refire o número 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.
5.9. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.
5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, de se producir a renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou cando non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.
6. Desenvolvemento dos exercicios.
6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «F», de conformidade co establecido na Resolución do 21 de xaneiro de 2025 da Consellería de Facenda e Administración Pública.
6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e considerados polo tribunal.
Non estará permitido o uso de teléfonos móbiles ou calquera outro dispositivo de almacenamento de información ou con capacidade de comunicación dentro da aula de exame. Durante o desenvolvemento do exercicio deberán permanecer apagados.
As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal, para o cal achegarán á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
6.3. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https:/www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata dun novo.
6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.
6.5.O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propor a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.
Contra esta exclusión poderase interpor recurso, ante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.
6.6.Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado e naqueloutros lugares que considere oportunos a relación de persoas aspirantes que acadaron o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.
6.7. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentaren reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.
Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentaren reclamacións ás cualificacións.
6.8. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición. Esta publicación irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación obtida por cada unha delas, fosen seleccionadas, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, segundo o previsto no anexo I.
No caso de producirse empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios e por esta orde ata que se resolva o empate: maior puntuación na fase de oposición, na fase de coñecementos específicos, no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.
6.9. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do Rexistro de Entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o cal o/a aspirante debe empregar o medio de identificación e sinatura que se indica no número 3.2.
6.10. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor da persoa aspirante seleccionada tendo en conta o previsto no número 5.10 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado
7. Finalización do proceso.
7.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a proposta de contratación, a persoa aspirante que figure nela deberá presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC a documentación que acredite a posesión dos requisitos que figuran na base 2 desta convocatoria para proceder á contratación como persoal laboral fixo, agás que xa conste no expediente persoal do/da traballador/a.
7.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito. Quen non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.
7.3. O persoal cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. A solicitude irá acompañada dun informe expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.
7.4. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou do día que estableza a propia resolución, en aplicación do artigo 60 da Lei 2/2015, do emprego público de Galicia.
7.5. Elaborarase unha lista de espera coas persoas aspirantes que obteñan, como mínimo, unha puntuación de 12,5 puntos no segundo exercicio da fase de oposición. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.
8. Disposición derradeira.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mencionado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO I
Denominación da praza: técnico/a especialista de investigación, especialidade bioloxía
O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a seguir se indican:
I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro.
Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio agás o segundo, que será obrigatorio e non eliminatorio.
As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.
Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten documentalmente, xunto coa solicitude ou, de ser o caso, teñan acreditado no seu expediente que están en posesión do certificado Celga 4 ou equivalente.
Este exercicio terá a seguinte estrutura:
Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.
As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.
A duración máxima desta proba será de noventa (90) minutos.
Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.
As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.
A duración máxima desta proba será de quince (15) minutos por persoa aspirante.
Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.
Segundo exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 90 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao programa que se relaciona no anexo II.
O tempo para a súa realización será de noventa e cinco (95) minutos e a súa valoración de 0 a 25 puntos.
Terceiro exercicio: consistirá na realización dun exercicio de carácter práctico ou teórico-práctico, proposto polo tribunal e relacionado co contido do programa, no cal os/as aspirantes deberán demostrar as capacidades para o desempeño das funcións correspondentes.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será de dúas horas.
A puntuación deste exercicio será de 0 a 35 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos.
Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobado e publicado os criterios de avaliación e corrección.
As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.
II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.
Experiencia: máximo 35 puntos.
• Na mesma categoría e especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes.
• Na mesma categoría e distinta especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,30 puntos/mes.
• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase con 0,10 puntos/mes.
• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,10 puntos/mes.
Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:
Cursos de formación relacionados coa praza:
• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.
• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.
• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.
Cursos de formación de lingua galega:
• Curso medio de linguaxe administrativa: 0,60 puntos.
• Curso superior de linguaxe administrativa: 0,80 puntos.
• Celga 5: 1 punto.
Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.
Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.
A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.
Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listas de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listas e poderá solicitarlles información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.
ANEXO II
Denominación da praza: técnico/a especialista de investigación, especialidade bioloxía
Programa
Coñecementos específicos:
1. Xestión de campos de prácticas. Organización de traballos mecanizados en campos de prácticas. Capacidade de traballo da maquinaria agrícola.
2. Labra primaria do terreo. Manexo, regulación e mantemento de subsoladores, descompactadores e vesos.
3. Labra secundaria do terreo. Manexo, regulación e mantemento de rotocultores, grades, cultivadores e rolos. Realización e planificación dos labores e estados de consistencia do solo.
4. Fertilización mineral con adobadora centrífuga. Tipos de adobos minerais. Manexo, regulación e mantemento de distribuidores de adobos minerais: adobadoras centrífugas.
5. Fertilización mineral con sementadoras, plantadoras e transplantadoras. Realización e planificación dos labores de fertilización mineral.
6. Fertilización orgánica. Tipos de adobos orgánicos. Manexo, regulación e mantemento de distribuidores de adobos orgánicos: tanques de xurro e remolques distribuidores. Realización e planificación dos labores de fertilización orgánica. Realización de compost.
7. Sementeira convencional. Manexo, regulación e mantemento de sementadoras a voleo, en liñas a chorro e monográn. Planificación de labores de sementeira. Almacenamento e conservación de sementes.
8. Sementeira directa. Manexo, regulación e mantemento de sementadoras directas. Planificación de labores de agricultura de conservación. Xestión de cubertas vexetais.
9. Plantación. Manexo, regulación e mantemento de plantadoras de tubérculos e bulbos. Realización de camallóns e cobertura. Plantación de árbores, arbustos e sebes. Planificación de labores de plantación. Almacenamento e conservación de material vexetal.
10. Transplante. Manexo, regulación e mantemento de transplantadoras de cultivos hortícolas. Preparación de plántulas en sementeiro e planificación de labores de plantación. Almacenamento e conservación de material vexetal.
11. Control de pragas, malas herbas e enfermidades. Principais pragas e enfermidades. Métodos de loita.
12. Equipos de protección individual (EPI) para a aplicación de produtos fitosanitarios. Calzado, fundas, guantes, protección respiratoria e ocular.
13. Manexo e aplicación de produtos fitosanitarios. Manipulación e dosificación de produtos fitosanitarios: herbicidas, insecticidas e funxicidas. Manexo, regulación e mantemento de pulverizadores hidráulicos, hidropneumáticos, pneumáticos e centrífugos. Planificación de tratamentos fitosanitarios.
14. Sega de cultivos forraxeiros. Manexo, regulación e mantemento de maquinaria de sega de forraxe: barras de corte e segadoras rotativas.
15. Desecación da forraxe. Manexo, regulación e mantemento de maquinaria que acelera a perda de humidade da forraxe: acondicionadores e angazos.
16. Colleita de forraxe con empacado. Manexo, regulación e mantemento de maquinaria de empacado da forraxe: empacadoras de pacas prismáticas, empacadoras rotativas, encintadoras de pacas. Transporte, manipulación e almacenamento de forraxe en seco.
17. Colleita de forraxe a granel. Manexo, regulación e mantemento de maquinaria de colleita a granel da forraxe: remolques autocargadores e colleitadoras de forraxe. Planificación dos traballos de colleita de forraxes.
18. Realización de silos. Transporte, manipulación e almacenamento de forraxe en verde.
19. Colleita doutros cultivos. Colleita de grans e sementes (cereais, oleaxinosas, etc.). Colleita de tubérculos e raíces (patacas, cebolas, etc.). Colleita de froitos. Colleita de cultivos de horta e ornamentais.
20. Mantemento de campos de prácticas. Labores de roza e limpeza de campos. Realización de podas, entitorados, espoladuras, abatementos e tronzas en cultivos arbóreos (agrícolas e forestais). Mantementos e reparación de valos e sebes.
21. Invernadoiros. Mantemento e xestión de invernadoiros. Control ambiental en invernadoiros. Instalacións de ventilación, calefacción e rega. Mesas de cultivo. Instalación eléctrica. Produción de planta en invernadoiro.
22. Instalación e mantemento de sistemas de rega. Sistemas de rega por goteo e aspersión. Programación e planificación de regas.
23. Mantemento e uso de tractores agrícolas. Enganche e acoplamento de máquinas ao tractor.
24. Mantemento e uso de máquinas con motores de dous tempos: motoserras e rozadoras portátiles, cortasebes, etc.
25. Mantemento de talleres, naves de almacenamento de produtos e maquinaria, mantemento e coidado de ferramenta de talleres, xestión de almacéns, repostos e material funxible.
26. Mantemento e uso de equipos de transporte e manipulación de cargas (guindastres hidráulicos, palas cargadoras, carretillas elevadoras, furgonetas, tractores con remolques).
27. Prevención de riscos laborais. Normas de seguridade no uso de maquinaria agrícola e forestal. Normas de seguridade na utilización de produtos fitosanitarios.
Nota: As referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, deben entenderse referidas á lexislación en vigor.
ANEXO III
Denominación da praza: técnico/a especialista de investigación, especialidade bioloxía
Tribunal titular:
Presidente: Javier Bueno Lema, profesor titular de universidade da USC.
Vogais:
– José Manuel Pereira González, profesor titular de universidade da USC.
– Ramón Mazoy Fernández, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
– Alicia Ana Silva Martínez, persoal laboral fixo do grupo III da USC.
Secretaria: Alejandra Carreño Rodríguez, funcionaria de carreira do subgrupo A2 da USC, que actuará con voz e voto.
Tribunal suplente:
Presidente: Tomás Serafín Cuesta García, profesor titular de universidade da USC.
Vogais:
– Carlos Amiama Ares, profesor titular de universidade da USC.
– Nieves Pérez Rodríguez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
– Juan Andrés Muras González, persoal laboral fixo do grupo III da USC.
Secretaria: Silvia María Moreira Figueiras, funcionaria de carreira do subgrupo A1 da USC, que actuará con voz e voto.
